luns, 27 de xuño de 2022

1896: A prohibición das chamadas telefónicas en galego

Estivo prohibido falar en galego por teléfono antes da ditadura? Atendendo á seguinte imaxe si, pero semella que non afectou tanto....

La Vanguardia. 28 de maio de 1896


A finais de maio de 1896 , Salvador Bermúdez de Castro y Díez, director de Correos e Telégrafos, decidiu que non se permitirían as chamadas nos 'dialectos rexionais', mentres si que se permitían en varios idiomas internacionais. 

Manuel Bermúdez de Castro y Díez, director de Correos e Telégrafos


Que acontecía co galego? Basicamente non era un problema xa que o seu uso estaría limitado ás pequenas redes urbanas de Vigo e A Coruña e unhas poucas liñas municipais punto a punto, que probablemente quedarían á marxe das limitacións. En resumo, non se podía falar en galego, pero os galegos non tiñan teléfono. A prensa galega apenas mencionou a nova e limitouna a un problema co catalán e vasco.  Barcelona e, sobre todo, Guipúscoa tiñan unha densa rede interurbana que podía percibirse coma unha ameaza para o control central do Estado. 

Nota publicada nos locutorios de Barcelona, recollida en La Vanguardia do 28 de maio de 1896

Rede telefónica interurbana no noroeste de España.—Aviso: A Dirección Xeral de Correos e Telégrafos, pola orde do día 23 do día en curso, advirte a esta empresa, de que as disposicións vixentes non permiten o uso dos dialectos catalán e vasco. , nin ningún outro nos distintos servizos que se prestan polas liñas da rede tales como chamadas telefónicas e conferencias, nin outros idiomas que non sexan español, francés, italiano, portugués, inglés e alemán, adoptarán as medidas oportunas para o cumprimento exacto das devanditas disposicións. En virtude diso, dáse a coñecer ao público a citada disposición, suplicándolle que se atenda a todo o previsto nela mentres subsista a dita orde, cuxa revogación xestiona esta empresa, utilizando todos os medios legais.

Esa censura idiomática non gustou en Barcelona, onde senadores e deputados decidiron reunirse para discutir sobre o caso.  A exaltación dos políticos cataláns foi tal que decidiron remitir un telegrama á raíña María Cristina en alemán, lingua que si que estaba permitido utilizar. Ata douscentos telegramas chegáronse a enviar a políticos e dirixentes de Madrid escritos en francés, portugués, alemán, italiano ou inglés. A prensa de Cataluña e Valencia tamén xogou un papel de presión para levantar esta censura, mentres que a prensa de Madrid apostaba por regular para que as comunicacións puideran ser intervindas por parte dos funcionarios.

Os políticos cataláns decidiron falar co Ministro de Gobernación, Fernando de Cos-Gayón i Pons, tamén catalán, do cal dependía a Dirección de Correos e Telégrafos, que finalmente revocou esa medida. O Marques de Lema presentou a súa dimisión despois desta medida, pero a súa renuncia non foi aceptada.


Fernando de Cos-Gayon. Ministro de gobernación en 1896.


Este problema volveu agromar en xullo de 1899 e febreiro de 1917 con novos intentos de restrición ao uso das linguas rexionais, pero esta vez cunha menor intensidade. En paralelo, tamén chegou un recoñecemento en xuño de 1904, onde a única limitación era o coñecemento da lingua por parte do operador.

Faro de Vigo. 23 de xuño de 1904


Para saber máis:

  • El Eco de Santiago  diario independiente Año I Número 78. 4 de xuño de 1896
  • El lucense  diario católico de la tarde Num. 3473. 6 de xuño de 1896
  • La Correspondencia de España : diario universal de noticias: Año XLVII Número 13998. 3 de xuño de 1896
  • La Unión Católica. 1 de xuño de 1896
  • El movimiento católico. 2 de xuño de 1896
Información sobre as novas restriccións en 1899 e 1917:
  • La idea moderna diario democrático en Lugo  Num. 2593. 20 de xullo de 1899
  • Diario de Galicia periódico de la mañana, telegráfico, noticiero y de información general Num. 2630 24 de febreiro de 1917
  • El Correo gallego  diario político de la mañana Ano XL Número 12919 - 24 de febreiro de 1917 











martes, 21 de xuño de 2022

Ferrol: a construción da rede urbana 1897 - 1908

O proxecto de rede urbana en Ferrol iníciase en 1897 polos señores Galán, Emilio González Buyo, Miguel de Linos e Paulino Sueiro, que buscan socios para cubrir as accións necesarias para crear a sociedade, así como prezo a varias empresas nacionais i estranxeiras para a montaxe da rede. En maio de 1897 varios xornais comenta que a construción da rede xa é unha realidade.

Templete da central telefónica presumiblemente na rúa Dolores, tras o traslado desde a rúa Real en 1917. Fundación Telefónica. Ano 1928.


Emilio e Paulino acuden a Madrid por vía terrestre a finais de xuño de 1897 para xestionar a concesión ante a Dirección de Correos e Telégrafos, pero foi denegada. Non só negouse a concesión senón tamén a publicación da poxa. Non foi debido a unha hipotética desconfianza no proxecto. Coincidiu cun período de tempo onde se estaba a debater sobre a posibilidade de incautar todas as redes e ofrecer un servizo público por parte de corpo de Telégrafos. Esa incautación de redes non se produciría ata 1924 finalmente. Así, paralizouse o proxecto durante un tempo.

O alcalde de Ferrol, Emilio Antón Iboleón, enviou en outubro de 1900 unha solicitude ao Ministerio de Gobernación, do cal dependía a Dirección de Correos e Telégrafos, para que concedera unha rede urbana. Partiu a iniciativa do Sr. Meirás. Non consta resposta por parte do Ministerio.


Libro de actas do pleno do Concello de Ferrol. 5 de Outubro de 1900.

En marzo de 1901 volven a celebrarse reunións para identificar o interese en crear unha sociedade para xestionar o servizo telefónico. Por iniciativa de Emilio Antón, Emilio González Buyo e o Jose San Román comézase a circular boletíns de subscrición para identificar os posibles interesados, aportando estos prezos de referencias:
  • Particulares: 6 pesetas mensuais
  • Negocios: 7.5 pesetas mensuais
  • Cafés, teatros e fondas: 15 pesetas mensuais
  • Institucións públicas: 4.5 pesetas
O obxectivo era contar con 100 abonados. O 6 de abril de 1901 xa contaban con 60 boletíns. El Correo Gallego recomendaba darse presa para devolver os boletíns de subscrición cubertos para non demorar o proxecto. O 22 de abril de 1901 xa reportan 97 interesados e maio xa deciden reunirse tras alcanzar o obxectivo.  O orzamento necesario será de 30.000 pesetas para a construcción da rede. Parece ser que este proxecto acabaría gardado nun caixón.

El Correo Gallego. 1 de abril de 1901.

A cuarta aposta por ter o servizo de telefonía urbana chegaría en 1904. O industrial electricista Pedro Fernández conta coa empresa Juan Wenzel e Compañia de Madrid, a través dun socio da mesma, D. Guillermo Rautzenberg, que se despraza a Ferrol, para traballar no proxecto de rede de telefonía urbana.  Pedro comeza cunha campaña de captación de abonados, na que os primeiros 19 abonados son:
  • Nicasio Pérez (dúas instalacións)
  • Antonio Barreiro (dúas instalacións)
  • Antonio Vich
  • Emilio Antón
  • Jacinto López
  • Jacinto Guisande
  • Demetrio Pla
  • Joaquín Pla
  • Francisco Rodríguez
  • José San Román
  • Benigno Caballo
  • Miguel Fernández
  • José Aguilera
  • Mariano López
  • Faustino Salanova
  • Enrique Calvo
  • El Correo Gallego

Novamente o proxecto non prospera. O que sí tería éxito é D. Manuel Fernández e Fernandez, que opera o servizo de telefonía en Xixón e trasládase a Ferrol para implementar o servizo. O de xuño de 1907 presenta o proxecto á Dirección de Correos e Telégrafos, con intención de ter a central telefónica nun edificio da rúa Real. O 27 de outubro sae publicada a subasta na Gaceta de Madrid, cunha concesión prevista de 20 anos e un custe do proxecto de 500 pesetas (a favor de Manuel no caso de non ser o adxudicatario). Ademais da Gaceta aparece no Boletín da Provincia do 2 de novembro e no El Correo Gallego do 5 de novembro de 1907, con todas as especificacións técnicas. 

Gaceta de Madrid. 27 de outubro de 1907

Os prezos do servizo son:

  • Particulares: 25 pesetas trimestrais
  • Comerciantes: 27.5 pesetas trimestrais
  • Cafes, casinos e hotéis: 30 pesetas trimestrais
O templete da central telefónica, situada na rúa Real 75 3º andar, foi realizada polo ebanista Jose Rego Blanco.  A central de distribución era de Edisson. Como aconteceu noutras cidades, veciños opóñense á instalación de 'palomillas' nas fachadas ou faiados para pasar os cables, que xeneran retrasos na construción da rede, dando lugar o 23 de marzo de 1908 a unha carta publicada en El Correo Gallego para reclamar a colaboración cidadá.

O 24 de xuño de 1908 abre ao público, nun primeiro momento cun número relativamente reducido de usuarios. 


Para saber máis:

  • La Voz de Galicia. 1 de abril de 1897; 21 de maio de 1897; 7 e 8 de xullo de 1897; 23 de outubro de 1900; 30 de marzo de 1901; 4 e 20 de abril de 1901; 1 de maio de 1901; 17 de xuño de 1907; 25 de xuño de 1908; 20 de novembro de 1908
  • El Correo Gallego. Núm. 6451 de 19 de maio de 1897; Núm. 6480 de 24 de xuño de 1897; Núm. 6490 de 7 de xullo de 1897; Núm. 7626 de 18 de marzo de 1901; Núm. 7635 de 30 de marzo de 1901;  Núm. 7637 de 1 de abril de 1901; Núm. 7644 de 9 de abril de 1901; Núm. 7653 de 18 de abril de 1901; Núm. 7656 de 22 de abril de 1901; Núm 8825 de 23 de xuño de 1904; Núm 9878 de 5 de novembro de 1907; Núm. 9893 de 22 de novembro de 1907; Núm. 9930 de 27 de xaneiro de 1908;  Núm. 9938 de 5 de febreiro de 1908; Núm. 9953 de 22 de febreiro de 1908; Núm. 9996 de 23 de marzo de 1908; Núm. 10101 de 24 de xuño de 1908; 
  • El Correo de Galicia. 23 de xuño de 1904; 27 de setembro de 1907
  • El Regional. Diario de Lugo. 7 de xullo de 1904
  • El Eco de Santiago. 27 de xuño de 1904; Núm. 3473 de 18 de xuño de 1907; Núm 3621 de 26 de novembro de 1907; 
  • Gaceta de Madrid. 27 de outubro de 1907
  • La Correspondencia Gallega Núm 5207 de 19 de xuño de 1907; Núm. 5342 de 29 de novembro de 1907
  • El Noroeste. Núm 4559 de 6 de febreiro 1908.
  • Gaceta de Galicia. Núm 269 de 27 de novembro de 1907
  • El Norte de Galicia. Núm 2082 de 30 de novembro de 1907



xoves, 16 de xuño de 2022

A primeira liña de teléfono de Galicia: Rubine en 1885 na Coruña

Perdido o arquivo histórico da Dirección Xeral de Correos e Telégrafos no incendio de Aranjuez é difícil ter datos fiables da maior parte da historia da telefonía en España. Houbo que visitar o arquivo do Concello da Coruña para coñecer cal foi a primeira liña de teléfono privada de Galicia (se non consideramos as liñas domésticas para probas que utilizou Andrés Comerma no arsenal de Ferrol). 

O inventario municipal recolle dous expedientes nese ano:

  • Expediente 86/1885: oficios comunicando a concesión da autorización polo Director Xeral de Correos e Telégrafos a favor de Eduardo M. Cervigón para establecer dúas liñas que partindo do despacho na Rúa Real 47 terminen na fábrica de serrar madeiras da rúa Socorro e de feltro no camiño da Maestranza.
  • Expediente 87/1885: oficios comunicando a concesión da autorización polo Director Xeral de Correos e Telégrafos a favor de Rubine e Hijos para establecer unha liña telefónica particular entre a súa fábrica na Avda de Riazor 6 e o seu despacho na Rúa Real 81.
La Coruña en la mano. Ano 1883.  Arquivo da Real Academia Galega

A orde correlativa pode levar a pensar a que Cervigón fora a primeiro. Porén, a ausencia de referencias na prensa nese senso era sospeitosa. Así, La Voz de Galicia recolle o 20 de xaneiro de 1885 a autorización para instalar esa liña. O 11 de abril de 1885 o Diario de Avisos de La Coruña menciona que as obras atópanse en curso e o 17 de Maio La Voz de Galicia menciona que teñen sido invitados a visitar a fábrica para ver o teléfono.

La Voz de Galicia. 17 de maio de 1885.
 

Tanto Faro de Vigo como o Diario de Avisos falan do interese doutros empresarios como a fábrica de petróleos de Mesa, Marchesi e Compañía na Gaiteira, que non se faría efectiva ata marzo de 1888 (e con obrigatoriedade de conectarse a rede urbana cando estivera dispoñible) e outros, pero omiten calquera referencia ao teléfono de Cervigón. 

Quen foi o primeiro?

O expediente de Fernando Rubine y Firpo ten data no concello do 23 de xaneiro de 1885, tras recibir a autorización o 19 de xaneiro. Fernando foi un político i empresario chocolateiro que tiña a súa fábrica na Avenida de Riazor (hoxe Avenida de Rubine). Esa empresa tamén se adicaría a ser consignataria de buques (aínda en activo). Na súa faceta como político cumpre salientar o seu pasamento nun pleno da Deputación de A Coruña, pouco despois de ter instalado o teléfono.

Fábrica de Rubine e Hijos ao fondo, detrás do espigón que separa as praias de Orzán e Riazor. Data descoñecida.

Pola contra, o expediente municipal de Eduardo Cervigón ten data do 13 de marzo de 1885 e data de aprobación por parte do Director de Correos o 9 de marzo, polo que sería posterior a Rubine. Ademais, non existe a certeza de que estas liña se chegaran a instalar. 

Fábrica de Cervigón detrás da Casa de Sol. Actualmente sobre a Av. Pedro Barrie de la Maza e o cruce con Pasadizo de Orzan. Ano descoñecido.


Que máis sabemos desa primeira liña?

A prensa recolle como o 1 de agosto de 1885, tras o pasamento de Fernando Rubine, a liña sufriu a descarga dun lóstrego na rúa do Africano que rompeu a liña. A utilización de apoios metálicos nas casas (chamados popularmente 'palomillas') xunto coa falta de recubrimento ou illantes nos cables facia que estiveran expostos a raios. Isto motivaba problemas cos propietarios das casas polas que pasaba o cable e deu lugar incluso a que o futuro director da rede urbana de A Coruña, Mariano Martín Villoslada, deseñara un sistema de pararraios específico.

Cando chegou a telefonía urbana en 1888, Rubine e Hijos aínda deberon tardar en sumarse xa que os seu numero de teléfono no despacho da rúa Real é o 98. A fábrica non aparece xa que é posible que seguira mantendo a liña privada. Con Eduardo Cervigón pasa algo similar, aparece unicamente como abonado no despacho da rúa Real (co número 115) pero non nas fábricas, polo que cabe a posibilidade de que si que chegara a instalar as liñas privadas.

Copias dos expedientes municipais






Expediente de solicitude de autorización para a instalación dunha liña telefónica privada por parte da sociedade Rubine e Hijos.  Arquivo Municipal de A Coruña



Expediente de solicitude de autorización para a instalación de dúas liñas telefónicas privadas por parte Eduardo Cervigón. Arquivo Municipal de A Coruña


Para saber máis:

  • Expedientes 86/1885 e 87/1885 de Eduardo M Cervigón e Rabine e Hijos. Arquivo Municipal de A Coruña
  • Diario de Avisos de La Coruña. Num 8202 de 11 de abril de 1885
  • Faro de Vigo. 22 de xaneiro de 1885; 12 de abril de 1885; 21 de xaneiro de 1888; 13 de marzo de 1888
  • La Voz de Galicia. 20 de xaneiro de 1885; 17 de maio de 1885; 1 de agosto de 1885.

sábado, 11 de xuño de 2022

1883: O sistema de telefonía na casa de baños "La Iniciadora" (Vigo)

 O empresario Cándido Soto e Castro ideou en 1876 a construción da casa de baños "La Iniciadora" nun lugar próximo á zona histórica do Berbés en Vigo tocando á Rúa Real, cun expediente de construción conservado no arquivo do Porto de Vigo. Pasou a ser un punto de encontro da alta sociedade viguesa cun éxito que motivou unha reforma e ampliación para o inicio da tempada en 1883. 

Foto Pacheco. Ano descoñecido. Coloreada mediante sistema de IA.


Nesta reforma de 1883 é cando atopamos unha única referencia na prensa sobre a existencia dunha rede interna de telefonía, que sabemos se se chegou a construír, xa que non apareceu noutras noticias nin en anuncios comerciais da casa de baños. Existe a posibilidade de que se referira a un sistema de timbres, que anos máis tarde sería habitual velo en hoteis para facilitar a comunicación coa recepción.


La Voz de Galicia. 28 de xuño de 1883

As reformas de 1883 levaron a ter unha maior amplitude que o propietario dicía que se trataban da mellor casa de baños non só de España senón do estranxeiro. Polas referencias doutros xornais, La Concordia de Vigo foi o medio que máis información recolleu desta reforma, mais non existen copias mesma nas hemerotecas, polo que se pode considerar como perdida. Porén, o Faro de Vigo, antes da apertura da tempada de baños, tamén recolleu información.

Baños La Iniciadora na esquina inferior dereita, próximos ao Berbés. Coloreada mediante sistema de IA. Autor descoñecido. Ano 1883 ou seguintes


As reformas incluíron eliminar o balcón que da o mar na zona central, desde o que podía tocarse o mar con marea chea, para poñer aí o salón de descanso. O antigo salón pasa a ser unha sala de xogos ('carambolas') e se amplían os brazos laterais para chegar á auga no caso de marea baixa. As habitacións pasan a ser de tamaños diferentes, con capacidade algunha para 8-10 persoas.

Plano de distribución do proxecto constructivo, que sería ampliado conforme ás fotografías conservadas.. Arquivo do Porto de Vigo. 1876.


O día da inauguración sería o 3 de xuño de 1883, contando cun concerto da orquestra do Sr. Piñeiro de 12:00 a 14:00.  Curiosamente nesa mesma data inaugurouse a Alameda de Vigo e o restaurante do Hotel Continental. Contou con teléfono nas habitacións? Mais alá da publicación puntual na Voz De Galicia non hai maior constancia. Unha novidade así sería recollida nas crónicas do Faro de Vigo ou na publicidade da casa de baños.

Anuncio no Faro de Vigo. 23 de xuño de 1883


Para saber máis:

  • Faro de Vigo: 30 de marzo de 1883; 11, 18 e 30 de maio de 1883; 1 e 23 de xuño de 1883
  • La Voz de Galicia. 28 de xuño de 1883
  • Liceo Brigantino : eco de las secciones de literatura, ciencias, música y declamación: Ano II Número 32 - 10 xuño 1883

luns, 6 de xuño de 2022

Os proxectos fallidos da rede urbana de Santiago (1889-1901)

Decembro de 1889. Instaladas a redes en A Coruña e Vigo, en Santiago espértase o interese na construción da rede telefónica urbana na cidade. La Voz de Galicia fai unha crítica a un artigo de El Pensamiento Galaico, non conservado, no que se reclama ao Concello, Sociedade Económica, centros recreativos e comerciantes que apoien a instalación do teléfono. La Voz critica de que se esquezan do estamento eclesiástico (arcebispado, cabido, seminario, etc.) do que reclaman a súa participación económica:

Quereron censurar desta maneira silenciosa o illamento no que viven tódolos sabios e axentes do progreso cuxo teléfono segue a ser, como nos séculos medios, a corda da campá

La Voz de Galicia. 11 de decembro de 1889.


Fálase nese mes de facer unha reunión entre os diferentes axentes locais involucrados, pero a finais de marzo de 1890 aínda non se celebrara.

En maio de 1890 sae publicada a iniciativa do óptico electricista de Santiago, o Sr. Varela, con tenda na rúa do Vilar nº 65, como disposto a asumir o proxecto de instalación do teléfono urbano, pero parece que non frutifica. Porén, trabállase na recollida de mostras de intereses de futuros abonados. En novembro de 1980, pasando xa de 200 potenciais abonados, Mariano M. Villoslada, concesionario da rede urbana de A Coruña, visita Santiago de Compostela, sube ás torres da catedral para analizar a mellor forma de dar servizo de telefonía.

[...] Este adianto que hoxe teñen case tódalas poboacións, figurando entre elas algunhas galegas de importancia menor que Santiago.    

Opinión na Gaceta de Galicia. 25 de novembro de 1890, cando só Vigo e Coruña tiñan o servizo.


Outubro de 1891, Manuel Bibiano Fernández, propietario de La Gaceta de Galicia, preséntalle ao alcalde de Santiago, D. Cleto Troncoso Pequeño, a petición de que traslade ao Ministerio de Gobernación a publicación da poxa para o servizo de telefonía, que non chega a producirse.

O proxecto xurde novamente en 1892 ao traballar o corpo de telégrafos na instalación do teléfono en Arzúa e Negreira, da man de novo de Mariano Villoslada, que traslada certos problemas na zona urbana de Santiago de Compostela para ter a autorización dos propietarios a instalar soportes de ferro nas fachadas das casas. Esta instalación motiva que a Sociedade Económica de Santiago trate o tema do teléfono mediante un relatorio por parte de D. Manuel Bibiano Fernández, que propón o teléfono urbano así coma a conexión con Vilagarcía e Coruña.

Maio de 1894. O pleno do concello recupera o asunto da instalación. Dúas empresas mostran interese na construción. Un deles e o Sr. Pedreira que anuncia un prezo mensual de 7.5 pesetas e a vontade de ter as oficinas na casa da antiga estación telegráfica da praza da Quintana. Jesús Adrán Botana, responsable da construción das redes eléctricas de Ponteareas, Tui, Monforte, Betanzos ou Viveiro visita Santiago en 1894 para analizar a posibilidade de construír esa rede. Ambas iniciativas páranse.

Novembro de 1895. Neste caso é a empresa que da servizo en Salamanca a que mostra interese en construír a rede, sempre que o número de subscritores cubra os custes. Pensan repartir boletíns para recoller o interese no servizo, pero parece que desbotan rápido esa posibilidade. En marzo de 1896 a Gaceta de Galicia, nun artigo de opinión láiase dos fracasos das iniciativas e comenta que non son necesarios máis de 60 interesados para rendabilizar o servizo.

Sen ter máis datos, aparece na prensa un novo interese, por parte doutra empresa, en crear a rede en marzo de 1897. 


A poxa de 1900

Raimundo Núñez Codesal, veciño de Betanzos, tralo abono de 2.000 pesetas na Caixa de Depósitos da Coruña, para a ser o primeiro concesionario da rede de telefonía urbana de Santiago de Compostela. O director de telégrafos da Coruña envía o proxecto á Dirección Xeral de Telégrafos que se publica na Gaceta de Madrid do 8 de setembro de 1900 por un período de concesión máximo de 20 anos. O prazo de presentación de propostas finaliza o 13 de outubro de 1900. No caso de non ser a mellor proposta a de Raimundo, este terá dereito de tanteo.

Gaceta de Madrid do 8 de setembro de 1900

Raimundo non gaña. O adxudicatario resulta ser Manuel Becerra Armesto o 23 de outubro de 1900. Manuel decide instalar a central na propia casa que na Algalia de Arriba. Comezan a ser publicadas no Eco de Galicia listaxes dos primeiros abonados ao servizo, contando o 16 de novembro con 36 interesados e un número obxectivo de 100 para confirmar a viabilidade do servizo.

Retrato de Manuel Becerra Armesto. Ano 1890-1900.  Fotógrafo Francisco Zagala.


A Biblioteca da Universidade de Santiago garda un pequeno tesouro: a documentación que se entregaba, por parte de Manuel Becerra para conseguir subscritores, entre a que se encontraban as normas do servizo, as tarifas así como o talón de subscrición, que se mostra na seguinte imaxe.


Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela. Ano 1900.

Ese número de interesados non chega ao mínimo polo que Manuel vai adiando as obras. Excedido o prazo oficial da poxa, a Dirección Xeral de Telégrafos rescinde a concesión.  Manuel Barrera ameaza con reclamar danos, pero non parece executar esta acción.


Para saber máis:

  • La Voz de Galicia: 11 de decembro de 1889; 22 de febreiro de 1890; 2 de abril de 1890; 21 de febreiro de 1892; 16 de marzo de 1892; 18 de maio de 1894; 19 de agosto de 1894; 1 de decembro de 1895; 17 e 20 de febreiro de 1900; 10 e 15 de setembro de 1900; 16 de novembro de 1900
  • Faro de Vigo: 23 de febreiro de 1900; 7 de febreiro de 1901
  • Gaceta de Galicia: núm 216/1889 de 13 de decembro de 1889; núm 39/1890 de 20 de febreiro de 1890; núm 101/1890 de 8 de maio de 1890;  núm 253/1890 de 25 de novembro de 1890; núm 279/1890 de 21 de decembro de 1890; núm 217/1891 de 1 de outubro de 1891; núm 248/1891 de 7 de novembro de 1891; núm 39/1892 de 18 de febreiro de 1892; núm 59/1892 de 14 de marzo de 1892; núm 99/1894 de 8 de maio de 1894;  núm 105/1894 de 16 de maio de 1894; núm 106/1894 de 17 de maio de 1894; núm 132/1894 de 26 de xuño de 1894; núm 171/1894 de 19 de agosto de 1894;  núm 61/1896 de 14 de marzo de 1896;  núm 38/1900 de 18 de febreiro de 1900; núm 66/1900 de 27 de marzo de 1900; núm 272/1900 de 6 de novembro de 1900; núm 30/1901 de 6 de febreiro de 1901; núm 43/1901 de 21 de febreiro de 1901  
  • El Telegrama, núm. 5219. 1 de outubro de 1891
  • Diario de Avisos de La Coruña. Núm. 10220. 6 de outubro de 1891
  • El Lucense. Núm 2203. 23 de febreiro de 1892
  • Gaceta de Madrid. 8 de setembro de 1900
  • El Correo Gallego. Num 4805 de 13 de setembro de 1894
  • El Diario de Galicia. Núm 1009 de 8 de setembro de 1894; Núm 1382 de 30 de setembro de 1895
  • El Alcance. Núm 65 de 24 de xuño de 1897; Núm 68 de 29 de xuño de 1897
  • Reglamento para el servicio de abonados. Red telefónica de Santiago. 1900. Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela
  • El Eco de Santiago. 10 e 20 de setembro de 1900; 30 de outubro de 1900: 14 e 16 de novembro de 1900; 5 e 21 de febreiro de 1901
  • El Eco de Galicia. 31 de marzo de 1900; 12 de maio de 1900
  • La Idea Moderna. Núm 2764 de 23 de febreiro de 1900; Núm 2958 de 23 de outubro de 1900; Núm 2978 de 16 de novembro de 1900
  • La Correspondencia Gallega. Nñum 3255 de 19 de novembro de 1900; Núm 3320 de 7 de febreiro de 1901
  • El Regional Núm 2840 de 24 de marzo de 1892






xoves, 2 de xuño de 2022

Saunier: teléfono para soporte técnico na rede de gas

“Sociedad para el alumbrado de gas de la ciudad de La Coruña” creouse en 1859, sendo a primeira de Galicia. François Saunier Goubard ata entón director da fábrica de gas de Santiago de Compostela, toma o control da fábrica. Estaba casado con Eugenia Osterberger, compositora de música moi recoñecida no rexurdimento galego. 

Curiosamente un fillo dese matrimonio sería o  enxeñeiro coruñés Charles Saunier, que viviu toda a súa infancia na casa familiar dentro do recinto da fábrica de gas da Coruña. Charles sería o cofundador da empresa Saunier Duval, un dos líderes mundiais de fabricación de caldeiras de gas aínda na actualidade. Outra curiosidade e que o sur irmán Jorge Saunier Ostenberger sería o inventor da máscara antigás, falecido na primeira guerra mundial. 

François Saunier cos seus fillos varóns.  Extraída do libro GARCIA FONTELA, R. Cien años de luz eléctrica en Galicia. Unión Fenosa, 1990

O teléfono para soporte técnico

11 de marzo de 1887. Comeza a construírse a liña telefónica particular para conectar a fábrica de gas da cidade da Coruña, localizada no cruzamento das rúas Sol e Socorro (actualmente na área da escola infantil Zalaeta), coa sucursal da rúa San Andrés 43, no antigo escritorio de Jose Pastor, fronte a capela (actual igrexa castrense). Nesta sucursal vendían aparatos para cociñas, calentar baños, pranchas industriais, etc. garantindo que todolos produtos vendíanse a prezo de custe. 

O 21 de abril de 1887 publica un comunicado a empresa onde ofrece prestar un mellor servizo e redución de tarifas ao cobrar 30 céntimos por metro cúbico do gas destinado a calefacción e 34 céntimos a alumeado, ante a nova competencia que viña da luz eléctrica. Invita a visitar a sucursal da rúa San Andrés onde todos os pedidos (reparacións, limpeza de aparatos, etc.) serán transmitidos polo novo teléfono á fábrica e, no caso de ser urxentes e formulados no horario de maña, serán atendidos na mesma data, polo que podemos considerar este teléfono a primeiro destinado a soporte técnico.


Anuncio da compañía de gas. Ano 1924


Para saber máis:

  • La Voz de Galicia. 12 de marzo de 1887; 3 e 13 de abril de 1887; 1 de maio de 1887; 6 de xaneiro de 1889
  • Diario de Avisos de La Coruña. Núm 8683 de 21 de abril de 1887; 
  • Faro de Vigo. 15 de marzo de 1887
  • Asociación galega de patrimonio industrial. Ficha 155 Fábrica de Gas de A Coruña.: https://www.asociacionbuxa.com/patrimonio/detalle/155
  • GARCIA FONTELA, R. Cien años de luz eléctrica en Galicia. Unión Fenosa, 1990

sábado, 28 de maio de 2022

O Barco - Trives (1892): Roubo de postes telefónicos como leña

Levar as comunicacións a Pobra de Trives foi unhas tarefas máis complicadas de finais do século XIX. Pobra de Trives englobaba, no seu partido xudicial, varios concellos (O Bolo, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, A Teixeira, Viana do Bolo, Vilariño de Conso) polo que cubría un numero de habitantes amplo como para necesitar este servizo, a pesar da lonxitude e custe de instalación e, como veremos mais adiante, de mantemento.

Faro de Vigo anuncia as liñas telefónicas urbanas incluíndo o do Barco de Valdeorras. 1 de marzo 1891.

Manuel Valcarce López era o director auxiliar da oficina de correos e telégrafos no Barco de Valdeorras en 1892. En xuño dese ano notifica a creación dun servizo publico de telefonía, para poder enviar despachos particulares, xa que ata ese momento esta limitado aos oficiais. . A liña pasaba por Pobra de Trives cara Ourense, a pesar de que a inauguración do tren pola ruta Quiroga, Monforte, Peares e Ourense, recentemente inaugurada, iría cambiando progresivamente as dinámicas da bisbarra. Este servizo público se inaugurará o 28 de agosto de 1892 usando a nova liña con Trives.

Cables eléctricos (marxe esquerda) e de telégrafos (dereita) don dentro urbán de Trives. Ano descoñecido

Xa en setembro de 1892, un mes despois da inauguración, aparecen na prensa as primeiras novas sobre as deficiencias do servizo (que afectan, por exemplo, a adiamentos na recepción de telegramas do correspondente de La Voz de Galicia en O Barco), motivadas, nun primeiro momento, polo roubo do arame. Esta nova liña traerá un feixe de desgustos. O 29 de setembro publícase unha carta por parte de Manuel Valcarce indicando que o 23 de setembro foron roubados 200m de cable en A Rúa, o 24 de setembro roubaron 400m en Vilamartín de Valdeorras e o día seguinte preto de 1km entre Freixido y Larouco. 

Estes problemas chaman a atención do Gobernador Civil que pide explicacións ao alcalde de Trives, indicando este que os defectos foron provocados, curiosamente, por nenos de 8 e 10 anos de idade e que o xulgado da Pobra xa está a traballar arreo no asunto. O lonxitude da liña e o entorno rural de baixa densidade de poboación non axudará ao mantemento.

O 23 de decembro de 1892 o correspondente da Voz de Galicia publica unha nota na prensa onde comenta que o servizo levaba practicamente interrompido tres meses, xa que a Garda Civil non era quen de conseguir evitar os roubos nos cables. A novidade é que non só estaban roubando o arame, xa que tamén se utilizaban os postes, chegadas as frías temperaturas, como leña para quentarse. O director perde a esperanza sobre recuperar o servizo polo que inicia unha campaña para que se abandone o uso desa liña mediante a creación dunha estación intermedia na liña telegráfica que pasa pola vía ferrea, cuestión que consigue e xa aparece recollida no mapa de 1899


Mapa telegráfico e telefónico do Corpo de telégrafos. Instituto Geográfico Nacional. Ano 1899. Obsérvase a supresión da liña de Trives a o Barco e a existencia dunha estación telegráfica intermedia nesta vila. 

Para saber máis:

  • La Voz de Galicia.  21 de xuño de 1892; 14 de agosto de 1892; 27 de setembro de 1892; 1 e 8 de outubro de 1892; 23 de decembro de 1892; 3 de marzo de 1893
  • Faro de Vigo. 26 de agosto de 1892; 2 de outubro de 1892

O mindoniense Cándido Martínez na reclamación salarial dos telegrafistas de 1880

 Candido Martínez Montenegro foi un deputado liberal durante tres décadas por Mondoñedo (Lugo), que nos ano 1881 - 1883 sería director de Co...