luns, 14 de novembro de 2022

A telefonía nas eléctricas de Lugo (1897-1898)

As compañías eléctricas que xa tiñan instalado a súa rede de postes para o subministro enerxético aproveitaban para tirar un cable de telefonía que permitía controlar os procesos productivos desde as oficinas principais. Este sería o caso de Lugo, cunha salvedade. 

En abril de 1897 faltarían aínda 20 anos para que Lugo dispuxera de teléfono urbano. A compañía de electricidade “Alumbrado Eléctrico de Lugo”, a través do banqueiro Ramón Nicolás Soler y Díaz de Noriega presentou un proxecto para conectar cunha liña privada a fábrica de electricidade de Acea de Castro Romai e as oficinas de administración na rúa Manuel Becerra 12 (hoxe Rúa do Progreso) da cidade, que recibiría autorización en maio dese ano.


Acea de Castro Romai. Ano 1897.  Libro "La Sociedad General Gallega de Electricidad y la formación del sistema eléctrico gallego" de Xoan Carmona Badía.


En abril de 1898, aparece unha segunda provedora de electricidade, que competiría coa anterior. “La eléctrica lucense” solicita autorización para tender unha rede entre a praza de Santo Domingo, onde terían as oficinas principais e a fábrica de luz que construían a carón da nova represa de O Piago de Martul (Robra, Outeiro de Rei), a uns 10 km do centro urbano. A instalación técnica sería realizada pola empresa Ahlemeyer e Compañía de Bilbo, estando finalizada en marzo de 1899, onde aparecen na prensa as probas con servizo telefónico.

Unha singularidade é a petición de interconectar unha fábrica de fariñas da rúa Fornos de Lugo coas oficinas da eléctrica lucense na praza de Santo Domingo. Esta petición se faría en agosto de 1902, sendo aprobada tres meses máis tarde. Esta fábrica, propiedade do Sres. Pujol e Arriaga foi a primeira eléctrica inaugurada na provincia de Lugo, polo que esta liña telefónica serviría para estar en comunicación con subministrador eléctrico.

A anécdota chegaría en outubro de 1907, cando ao desprenderse un fío telefónica perto da Porta Miñá, que contactou cun cable do alumeado ocasionou a morte dun burro do servizo municipal de limpeza. A Eléctrica Lucense tería que indemnizar ao concello.


Para saber máis:
  • El Regional. Núm 9588 de 6 de abril de 1897; Núm 9931 de 27 de abril de 1898; Núm 10022 de 31 de xullo de 1898; Núm 10047 de 26 de agosto de 1898; Núm 10223 de 5 de marzo de 1899; Núm 6784 de 22 de agosto de 1902; Núm 6851 de 1 de novembro de 1902.
  • El Eco de Galicia. Núm 3266 de 4 de maio de 1897; Núm 3280 de 20 de maio de 1897; Núm 3568 de 13 de maio de 1898; Núm 3571 de 17 de maio de 1898.
  • La idea moderna. Núm 2249 de 14 de maio de 1899
  • Faro de Vigo. 5 de outubro de 1907

mércores, 9 de novembro de 2022

A primeira baixa dun subscriptor. Coruña (1889)

 El Clamor del País, un diario de A Coruña, foi a primeira baixa dun subscritor dun servizo telefónico urbano. Non parece ser unha baixa simple.  Este xornal foi froito dunha fusión de El Noroeste i El Clamor de Galicia, que tería ideoloxía afín ao Partido Liberal Reformista ou romerista, que se vería abocado a desaparecer en agosto de 1889, pouco tempo despois de ter instalado o teléfono nas súas oficinas. Cumpre salientar que non tería o servizo en xaneiro de 1889, xa que se dispón dunha listaxe desa data cos 20 primeiros abonados. No primeira guía conservada, de 1890:

https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/08/1890-primeira-guia-de-telefonos-en.html

aparecen como vacantes os números 48 e o 54, que pode que algún fora deste xornal (xa que coincide con instalacións nese barrio) que serían instalados cara abril ou maio de 1889, apenas 2 o 3 meses antes da baixa. O compromiso de permanencia era dun ano, sendo o teléfono propiedade da empresa de telefonía. 

Teléfono ADER-bell modelo 3, instalado en parede.


O feito de só pagar uns meses (sen amortizar a instalación) e non devolver o terminal telefónico crearon un conflito entre o Sr. Canoura e Mariano Martín Villoslada, director da empresa de telefonía, que remataría nos xulgados.

Manuel Canoura, natural de Lugo, era reloxeiro na Coruña, cun negocio na rúa Real 90, que se faría famoso por un roubo que padeceu a finais de 1886 e que tivo trascendencia mediática no xuizo acontecido nos seguintes anos, unha vez descubertos os mangantes. Esta actividade como comerciante a levaría en paralelo ao rol de redactor do xornal. Manuel debía ter una carácter controvertido que o levou a ter conflictos con outros medios, onde se tiña un relato sarcástico contra a liña editorial do xornal de Canoura. Falecería ao ano seguinte (1890) en Lugo. O outro redactor principal era Ricardo Acevedo Fullós, avogado, político e xornalista, que tamen falecería en 1890.

La Coruña en la mano - 1883




venres, 4 de novembro de 2022

O sistema Villoslada de apoios nos tellados

Nunha publicación anterior explorábamos o pararraios de Mariano Martín Villoslada, que tivo transcendencia en España coma un mecanismo rápido para levar á terra as liñas dos abonados no caso de tormenta. 

https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/05/o-pararraios-de-mariano-martin.html



Templete de A Coruña con apoios en cabalete. Ano ~1927. Arquivo da Fundación Telefónica


No mesmo libro que publicara xunto a Jose Amado, o xefe de telégrafos de Coruña, "La electricidad práctica", que está dispoñible na Biblioteca Nacional, fala dun sistema propio de apoios nos teitos ou 'palomillas' para mellorar os existentes, de cabalete. Estes son normalmente con dos apoios de barras de ferro colocadas de xeito paralelo nas que se colocan mediante parafuso as barras (normalmente separadas 25 cm) que soportan os illadores (separados uns 20 cm). As barras colócanse nunha viga do teito e ponse parafusos en varios puntos para dar consistencia.

Apoios en cabalete. Sistema tradicional. Extraído de "La Electricidad Práctica" de Amado e Villoslada. 1894.

As palomillas do sistema Villoslada indica que son preferibles aos demais por ter un custe menor, unha maior facilidade de colocación e maior seguridade e un menor dano aos faiados. En lugar de ter dous pes, ten un só en forma de A que vai cun parafuso a un pratiño rectangular de 30 cm de lado, que, a súa vez, leva 4 parafusos fortes á viga da casa. Así, o pé vai amarrado a ese pratiño, en lugar de ir directamente á viga.

Apoios de sistema Villoslada. Extraído de "La Electricidad Práctica" de Amado e Villoslada. 1894.

As 'crucetas' ou barras nas que se colocan os illadores poderán ser de madeira ou de ferro en ángulo, conectando co pé principal cunhas 'orellas', poden levar o mesmo número de crucetas e separación que nas palomillas convencionais. Mariano recomenda que no caso de non poder ir totalmente recto que se coloquen uns ventos de arame tamén na viga do teito, para dar unha maior estabilidade. 

Pratiño sistema Villoslada. Extraído de "La Electricidad Práctica" de Amado e Villoslada. 1894.


Soportes co sistemas Villoslada. A Coruña. Ano ~1927. Arquivo da Fundación Telefónica



Para saber máis:
  • La Electricidad Práctica de Jose Amado e Mariano Martín Villoslada Ano 1894. dixitalizado na Biblioteca Nacional





sábado, 29 de outubro de 2022

As primeiras liñas privadas na provincia de Ourense (1886 - 1917)

Existen diferentes tipoloxías de liñas telefónicas: 


Nesta publicación exploraremos aqueles casos de liñas e iniciativas particulares creadas antes de 1917 á marxe das grandes redes.

1886

O fotógrafo i electricista Pedro Pernas Rolle, no seu despacho da travesía da rúa Alba (hoxe Cardenal Quiroga) de Ourense. Notifica na prensa que vai facer ensaios para unha instalación telefónica, sendo o aparente precursor da telefonía en Ourense. Apenas deixou pegada da súa actividade profesional na cidade polo que hai un halo de misterio sobre a súa persoa.

Selo do fotógrafo. Fotografía no Museo Etnográfico de Ribadavia. Ano ~1886


1901

Marcelino Suárez cursa solicitude de autorización para a instalación dunha rede telefónica privada entre O Barco de Valdeorras e as canteiras de Xagoaza, das que era propietario. Pode que a liña se establecera coa fábrica de cal "Caleras de Valdeorras" que tiña no lugar de Valorca.

No mesmo ano solicita tamén unha liña particular Joaquín Arias Quirós, no que non hai moitas referencias no hemeroteca, entre O Barco de Valdeorras e Veiga de Cabo (nas proximidades do río Forcadela). Joaquín tería actividades no sector bancario e na política con posterioridade.  Puido estar relacionado con actividades relacionadas co viño, xa que se laiaba en artigos da prensa da chegada da filoxera.

1904 

Jesús Palacios Ramilo, irmán do famoso arquitecto Antonio Palacios, era enxeñeiro axudante de obras públicas que tivo a concesión para o aproveitamento enerxético no río Bubal de Verín (localización) que levaría a luz eléctrica a Verín e, aproveitando ese trazado, tamén a implantación dunha liña telefónica. Esta liña, de terse construido, non aparecería no anuario telegráfico.

Ramón Gómez Nogueira, propietario da Banca Nogueira en Ribadavia, na rúa do Progreso, e a súa casa particular. Ramón era un comerciante de tecidos reconvertido en banqueiro grazas ás relacións con emigrantes e bancos de América.

Via Emilio Borque temos información do número de liñas particulares en 1904 e 1905 dos anuarios das Estadísticas Telegráficas de España, coincidindo en número en ambos anos. 

  • 3 liñas en Ourense no concello de Ourense (sen constancia de cales poden ser)
  • 2 liñas en O Barco de Valdeorras (sen dúbida, as liñas de Marcelino Suárez e Joaquín García)
  • 1 liña en Ribadavia (sen dúbido a liña da Banca Nogueira)

1905

D. Jacinto Becerra Romero, para conectar o balneario de Requeixo en Vilaza, en Monterrei (localización), que comezara a operar en 1899, hoxe practicamente desaparecido, e a vila de Verín, entendendo que na sede de Correos e Telégrafos para dar servizo aos auguistas que acudían nesas datas ao balneario.


1908

Francisco Conde Balvís xestionaba o servizo eléctrico na cidade de Ourense. Dispuña da central do Castadón no río Lonia (localización) que entrara en servizo en 1902 e unha central termoeléctrica nos Remedios de Ourense (hoxe desaparecida), conectadas aproveitando o trazado da liña eléctrica.  En 1905 constrúe a fábrica de enerxía do río Mao (localización) en Parada do Sil, para dar servizo a máis vilas (incluida Maceda) e estar conectada con central de Tui. Así, aproveitando o trazado eléctrico obtén unha autorización para conectar Maceda coa Central do río Mao i esta con Ourense.

Central do río Mao. Ano 1910 (aprox). Fundación Barrié.


Para saber máis: 

  • Blog Ourense no tempo: https://ourensenotempo.blogspot.com/2019/02/algo-mas-de-pedro-pernas-rolle.html
  • Faro de Vigo. 2 de abril de 1886
  • El Eco de Galicia. Num 341 de 10 de abril de 1901
  • La Correspondencia Gallega. Núm. 3327 e 3329 de 15 e 18 de febreiro de 1901; Núm 4291 de 23 de maio de 1904; Núm 5655 de 19 de decembro de 1908
  • El Eco de Santiago. Núm. 3038 de 6 de decembro de 1904
  • El Correo de Galicia de 16 de xuño de 1905
  • El regional. Diario de Lugo. Núm 7632 de 15 de xuño de 1905
  • Gaceta de Galicia  Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela Num. 91 (23/04/1892)

luns, 24 de outubro de 2022

Os teléfonos privados na provincia de A Coruña no século XIX

Sen dúbida, o primeiro caso de rede privada en Galicia foi a de Rubine en 1885, que se recolleu nun artigo previo: 

https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/06/a-primeira-lina-de-telefono-de-galicia.html

Rubine e Cervigón, recollidos no artigo, non serían os únicos coruñeses interesados, xa que existirá outro proxecto en 1888 que de detalla embaixo.

No resto do século XIX temos localizadas varias liñas particulares máis no provincia de A Coruña. Hai que ter en conta que a rede urbana de Coruña se inaugurou en 1888, polo que potenciais demandantes de liñas particulares xa eran atendidos por este servizo. 

No resto de provincia, varios comerciantes tiñas liñas entre as súas casas e negocios. Ademáis destas liñas particulares, existían liñas municipais para conectar cos servizos de telegráfia do Estado, que se recollen neste artigo:

https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/07/telefonia-municipal-no-mapa-telegrafico.html

As instalacións particulares, en ocasións, estaban vencelladas a redes eléctricas polo que utilizaban as súas propias instalacións, pero noutros casos facían unha ocupación da vía pública mediante a instalación de postes. Estes proxectos detállanse a continuación por orde cronolóxica.

1888

Os Sr. Mesa, Marquesi e Dalmau, con negocios no sector de hidrocarburos (entre outros), objetñen licencia temporal para a instalación dunha rede de telefonía privada, que perderán cando exista a rede urbana (que se implantaría uns meses máis tarde). A liña conecta a fábrica de refinado nas proximidades do actual Parque Europa e o despacho do Sr. Mesa na Avenida Sánchez Bregua

1889 

Germán Echeverría, chegados do país vasco frances eran suministradores do exército. Pediron autorización para instalar unha liña particular en Betanzos, entre almacen de curtidos que tiña no barrio do Magdalena (localización) e a fábrica, reconvertida na vivenda habitual, en Ponte do Porto, no concello de Miño (localización), cunha extensión duns 7000 metros. Esa liña permanece en 1921, xa que aparece na prensa o roubo de 60 metros de cable por parte do xove de 15 anos Antonio Lago Illanes.

1894

Jose Blanco Vilariño, en representación de The Corunna Waterworks Company Limited, compañía proveedora de auga na cidade da Coruña, para establecer unha rede as oficinas sitas na Rúa Real e a casa do garda no encoro de Muradelo no río Barcés (actual encoro de Cecebre) cunha distancia de 22km, obra que padecería abundantes problemas.

1895

Jose Lopez Cortón, a través da petición do veciño de Betanzos Roque Ponte Peña, para establecer unha liña particular entre a súa casa-quinta en San Fiz de Vixoi, en Bergondo (localización) e a fabrica de electricidade na Ponte Nova de Betanzos, que se atopaba en construcción (localización). A liña tería unha lonxitude de 3300 metros. Jose anunciaba tamén a instalación de teléfonos e timbres.

Anuncio da fábrica de electricidade. Programa das festas de Betanzos. Ano 1900.


1897

Alejandro Portals Boris, tiña una liña entre a súa casa en Muros, o pode que na industría que tiña no Paseo de Bombé, e a industria de salazón que tiña en Ancoradoiro, onde se atopa actualmente o camping, que pertence todavía os seus descendentes.

1898 

Jose Romaní Ferrer, do clan dos "Romaní", establecidos no Barbanza a primeiros do século XIX. Neste caso para conectar a industria de salazón en Muros na praia de Somorto, na parroquia de Esteiro (localización) coa a súa casa de Muros, aínda que noutras referencias fálase dunha segunda industria en Muros, que se correspondería coa fábrica dos Tres Picos (localización

1899 

Cayetano García Carro, que posteriormente cambiaría o sector hsoteleiro en Sevilla, solicitou autorización para instalar unha rede particular de telefonía na cidade de Santiago de Compostela, para interconectar dous dos seus negocios: o comercio Bosques de Bolonia na rúa Tras de Salomé coa sastrería que posúe na rúa Nova. A autorización foi denegada pola dificultade de ter a autorización das casas onde debía pasar o cable, salvo que fora que de instalalo polos faiados, así como pola proximidade da construcción da rede urbana.

1900

Pedro Calderón de la Barca Ceruelo, deputado nas cortes de Madrid polo distrito de Arzúa, conectaba coa liña telefónica o Pazo das Figueiras, na parroquia de Folladela, en Melide (localización). e a súa casa no centro da vila, cunha extensión duns 6 km. Tamén outra entre o Pazo Figueiras e O Foro, onde debía posuir algunha propiedade, cunha lonxitude adicional de 1800 metros

Olimpio Pérez Rodríguez, banqueiro que formaría uns anos antes a Sociedade de Gas e Electricidade de Santiago, solicitou licencia para instalar unha liña telefónica entre a central do río Tambre en San Xoán de Fecha (localización) ata a Rúa Nova e, desde este punto, ata a fábrica de gas na cidade que adquirira recentemente.

Para saber máis:

  • Faro de Vigo: 21 de xaneiro de 1888; 13 de marzo de 1889
  • La Voz de Galicia. 19 de xaneiro de 1888; 7 de febreiro de 1889; 17 de agosto de 1894; 21 de xullo de 1895; 7 de abril de 1897; 15 de febreriro de 1898; 15 e 30 de agosto de 1900; 20 de xullo de 1921
  • Gaceta de Galicia Núm 85/1899 de 14 de abril de 1899; Núm. 108/1899 de 11 de maio de 1899; Núm. 207/1900 de 14 de agosto  de 1900
  • El Eco de Santiago. Núm 839 de 6 de abril de 1899; Núm 841 de 8 de abril de 1899; Núm. 869 de 11 de maio de 1899;; Num 1760 de 8 de novembro de 1900; Ano XXVI Número 10641 - 22 de xullo de 1922
  • La Idea Moderna.Num 2975 de 13 de novembro de 1900
  • Diario de Avisos de La Coruña. Núm 9442 de 29 de maio de 1889
  • El Lucense. Núm 1321 de 8 de maio de 1889
  • El Diario de Galicia. Núm 995 de 24 de agosto de 1894; Núm 1337 de 8 de outurbo de 1895; Núm. 1772 de 18 de marzo de 1897; Num 1787 de 7 de abril de 1897;  Núm. 1831 de 30 de maio de 1897
  • La Correspondencia Gallega. Núm 2517 de 26 de maio de 1898
  • La Integridad diario católico Num. 9384 (22/07/1921)

mércores, 19 de outubro de 2022

Os teléfonos privados na provincia de Pontevedra no século XIX

 Sen dúbida o primeiro caso foi de rede privada foi o de Antonio López de Neira en 1886, que se recolleu nun artigo previo: 

https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/08/lopez-de-neira-primeira-lina-de.html

No resto do século XIX temos localizadas once liñas particulares máis no provincia de Pontevedra. Hai que ter en conta que a rede urbana de Vigo se inaugurou en 1889, polo que potenciais demandantes de liñas particulares viron colmadas as súas necesidades co servizo urbano. Así, varios comerciantes tiñas liñas na súa casa e negocio, polo que non aparecen recollidos neste artigo. Ademáis destas liñas particulares, existían liñas municipais para conectar cos servizos de telegráfia do Estado, que se recollen neste artigo:

https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/07/telefonia-municipal-no-mapa-telegrafico.html

As instalacións particulares, en ocasións, estaban vencelladas a redes eléctricas polo que utilizaban as súas propias instalacións, pero noutros casos facían unha ocupación da vía pública mediante a instalación de postes. Estes proxectos detállanse a continuación por orde cronolóxica.

1888 

Jose María Riestra López, futuro Marqués de Riestra, era un empresario e banqueiro pontevedrés. Solicitou unha liña de teléfono particular entre a súa casa na Rúa Michelena 30 (tamén sede da banca) e a sua casa de campo, o Pazo da Caeira en Poio (localización), cunha lonxitude aproximada de 1.5km 

1889 

Manuel Barcena Franco, Conde de Torrecedeira, banqueiro e posuidor de propriedades, para construir unha liña telefónica entre a súa casa rúa Real (Vigo) e unha finca en Cedeira, hoxe chamado Pazo de Torrecedeira (localización) no concello de Redondela. Nesta data xa estaba en construcción a casa Barcena, no  

Evaristo Babé, ex alcalde de A Coruña, entre a fábrica de refinado de petróleo "La viguesa" na praia de Guixar e as oficinas de compañía na rúa do Ramal, que tres anos máis tarde se chamaría Rúa Colón. A extensión aproximada sería de 2.5 km. Este mesmo ano chegaría a rede urbana á que se conectarían posteriormente.


1890

Gumersindo Otero García conectando a fábrica de papel de Riobó na Estrada (localización), que fora construida en 1741 e que el rexentaba, coa súa casa particular, o Pazo da Mota (localización) na mesma parroquia, cunha distancia inferior aos 2km. A construción da rede ten sido feita polo Sr- Rodriguez Cea de Pontevedra

Fábrica de papel de Riobó (A Estrada) actualmente. Orixe: link


1891

Conexión entre o Colexio da Compañía de Xesús na parroquia de Camposancos no concello de A Guarda (localización) e a casa do médico Leonardo Álvarez ubicada no lugar de Coruto, na parroquia de Salcidos do mesmo concello. O padre Francisco Gárate sería o enfermeiro naquel momento, cando o colexio contaba cuns 200a alumnos internos, que usaría o teléfono para avisar de casos graves e que o médido se desprazara ao colexio en cabalo. A rede Tería unha extensión dun 2.7 km.

Colexio Santiago Apostol (pp. Xesuitas) en Camposancos (A Guarda). Sen datar. Orixe: link


1895

Ulpiano Buhigas Abad posuía unha propiedade e unha fábrica de fósforos en Carril. Solicitou a creación dunha rede que conectara con Cesures, aínda que descoñecemos os intereres que tiña nesa poboación. A lonxitude da rede, preto de 15 km leva a pensar que usaría o trafado dos cables telegráficos da liña de tren.

1896

A instalación dun teléfono en 1896 entre a recén ianugurada fábrica de luz A Miuduña" de Tebra de Tomiño (localizacion) e a sede da compañía de electricidade dos señores Comesaña e Leiras, cun proxecto levado a cabo por Jesús Adrán, que participou na rede eléctrica doutras vilas. A extensión desta liña sería duns 15 km. aproveitando os postes dos cables eléctricos.



1897

En febreiro de 1897 comúnicase a autorización a Manuel Novo Faílde e Antonio Sierra Prieto para instalar unha liña particulae en Pontecesures.  Neste caso non queda constancia de que dous puntos conectaba, Ambos posuían unha tenda de ultramarióos e importacións coloniais a grande escala, principalmente con América. No caso de Novo tiña tamén negocios de 'ferros' e ferretaría en Padrón, así como canteiras de  arxila e fábrica de tellas en Valga, pero parece ser que a instalación da liña estaba limitada a Pontecesures.

1899

Laureano Salgado para conectar a fabrica de Azucreira Galega en Portas, que está aínda conservada (localización) coa sua casa en Caldas de Reis (situada na rúa que leva o seu nome), cunha distancia de 1800 metros. Laureano está considerado un dos impulsores da electrificación en Galicia, impulsor do balneario e gran hotel de A Toxa, así como varias centrais hidroeléctricas, casas de baños e actividades filantrópicas. A azucreira, creada no mesmo 1899, tras a perda de Cuba, principal fornecedor de azucre da época. A falta de cultivos de remolacha e a competencias doutras azucreiras foron a causa do peche en menos de catro anos.

Restos da Azucreira Galega de Portas actualmente. Orixe: link

Manuel Becerra Armesto entre o Pazo de Gandarón en Salcedo, en Pontevedra, (localización) hoxe misión biolóxica de Galicia, dependente do CSIC, e o Teatro Principal, que comprara uns anos antes na cidade de Pontevedra. Ao pouco de ter a liña telefónica o pazo padecería un incencio que obrigou á súa reconstrucción. A rede contaba cunha extensión duns 3 km. e quedaría dentro do servizo urbano de 1902.


1900

O enxeñeiro francés Ernesto Presser Dauphin entre a súa casa de Vilagarcia e a fábrica da "sociedade galega de electricidade", antes chamada "Electra de Segad" de Segade, en Caldas de Reis (localización), onde construira unha central hidroeléctrica, nunha fervenza do río Umia. Desde esa central daban servizo a Valga, Caldas de Reis, Vilagarcía, Cambados ou Padrón. A extensión da rede de telefonía sería de 15 km. onde aproveitaría o trazado da liña eléctrica.


Para saber máis

  • Faro de Vigo. 9, 18 e 28 de abril de 1889
  • La Voz de Galicia. 8 de novembro de 1890
  • El Obrero. Semanario. Núm 10 de 31 de agosto de 1890
  • La Integridad. Diario de Tui. Núm 609  de 18 de decembro de 1891
  • El Eco de Galicia. Núm 1685 de 23 de decembro de 1891
  • Gaceta de Galicia. Núm. 253 de 6 de novembro de 1895; Núm. 295 de 11 de outubro de 1899;  Núm. 308 de 28 de novembro de 1899
  • La Opinión. Diario de Pontevedra. Núm 295 de 29 de xaneiro de 1897
  • La Correspondencia Gallega. Núm 2933 de 18 de outubro de 1899
  • El Diario de Pontevedra. Núm. 4799 de 12 de maio de 1900

sábado, 15 de outubro de 2022

O servizo de telefonía público en Ponteareas (1915-1924)

Febreiro de 1915, Ao igual que ocorre con Tui, a vila de Ponteareas solicita a instalación dunha estación telefónica urbana na vila á Dirección Xeral de Telégrafos, por medio de xefe de telégrafos da vila. 

Neste caso, a diferencia doutras poboacións que entraron nesta convocatoria pública, Ponteareas tiña o interese en contar con liñas que comunicaran con ata dez parroquias do concello, dadas as dimensións do mesmo. Os celadores, responsables da montaxe das liñas, reclaman aos propietarios a tala das árbores para instalar o teléfono ás parroquias.

Instalación de telefonía nun día do Corpus. Ponteareas. Ano descoñecido.


A autorización publícase o 2 de marzo de 1915, polo que Julio Herreros, xefe de liña do corpo de telégrafos destinado en Vigo visita a vila de Ponteareas para facer un levantamento topográfico. Van comezar por instalar o teléfono nas fábricas de curtidos de Viúva e Fillos de Garra, os serradoiros dos Sres Candeira i Estens en Areas, Candeira e compañía en Oliveira e no domicilio do Sr. Rafael Candeira  Iglesias, que foi un dos impulsores e responsable político do Sr. Conde de Bugallal na vila. 

Hai algunhas contradicións na prensa sobre quen foi o benfeitor da construción da rede. Dado o reducido número de potenciais abonados, pénsase que sería o Gabino Bugallal, Conde de Bugallal, natural de Ponteareas e ministro de Facenda nese momento, xa que non parece existir un clamor popular pola implantación dese servizo. Outras fontes (o semanario El Tea) apuntan a Emilio Ortuño, director xeral de Correos e Telégrafos e impulsor do programa de creación de redes de telefonía públicas pero sen vinculación coa vila.

O 11 de febreiro de 1916 comunícase a chegada da central telefónica a oficina de telégrafos da vila e reclámase na prensa que aumente o número de abonados.  

A festa de inauguración

En xuño de 1916 reúnense no concello un grupo de veciños para organizar unha homenaxe ao Conde de Bugallal por ter impulsado a incorporación de Ponteareas ás vilas onde se está instalando o rede de telefonía pública. 

O servizo foi inaugurado cunha grande festa, amenizada pola orquestra de música, a finais de xuño de 1916 .Desde a Praza do Ánxel ata o Grupo Escolar púxose iluminación (hoxe rúa Doutor Fernández Vega), incluíndo a iluminación dos señores Garra na finca "A Cortiña Vella" complementando o da casa de Telégrafos.

Postes de teléfonos zona de Areas. Ano descoñedido

Descarga eléctrica

Practicamente todas a redes urbanas de Galicia tiveron algún suceso relevante, así que este tamén foi o caso da rede de Ponteareas. En novembro de 1916 ocorreu unha tormenta de choiva e sarabia. O señor Moreno, responsable da estación telegráfica e telefónica estaba de garda. Unha descarga causou unha avaría que queimou fusibles e as lámpadas de luz eléctrica e non foi a maiores xa que utilizou a terra da estación telegráfica. Tras isto decidiuse suspender o servizo mentres no se solucionara a instalación, para facela segura aos seus traballadores. 


Plano da vila de Ponteareas. Ano ~1910.


A extensión da rede (1920-1924)

En febreiro de 1920 chegan novas do proxecto de extensión da rede urbana ata vilas próximas, coma é o caso de Porriño, As Neves, Mondariz e Salvaterra. En abril xa aparare unha referencia a chegada de material (a nova central, cable, etc) para a extensión desta rede, pero aparecen atrancos. A propietaria onde está situada o servizo impide a construcción dunha torre no faiado, polo que a cantidade de diñeiro consignada devólvese ao estado e búscase unha nova localización, na rúa Elduayen número 4 (hoxe rúa da Constitución) que empeza a trasladarse en setembro de 1921.

Teléfonos na casa da esquerda. Foto extraída do grupo de Facebook Ponteareas "Fotos Antigas". Ano descoñecido (posterior a 1924).
 

En setembro de 1920 aparece publicado no boletín da provincia o proxecto de aluguer dunha casa por un precio de 900 pesetas anuais e un periodo de cinco anos, que fírmase a primeiro de 1921. Lucas Súarez Ruiz é destinado como oficial terceiro á central de Ponteareas en xaneiro de 1921. Meses antes, en xullo de 1920, sería a auxiliar María del Pilar Bueno Martín a que tomaría posesión.  Xa en 1923 se nomearía a Maria Luisa Sánchez, filla de xefe de telégrafos Vicente Sánchez, como auxiliar telefónica.

Neste ano pídese a conexión coa rede interurbana, ben por parte da Compañía Penínsular o como parte do proxecto de telefonía provincial no que traballaba José Sandoval. Sería o provincial o que conseguiría a aprobación, grazas ao deputado Manuel Fernández Barrón, en 1922 para conectar con Porriño  (e Vigo) e Mondariz, como parte do plan de telefonía provincial.

Detalle do anteproxecto de telefonía provincial de Francos en 1917.

Salvaterra inaugura un circuito teléfonico con Ponteareas o 9 de marzo de 1921, custando 0,80 pesetas cada tres minutos de conversa, e 0,35 pesetas por aviso de conferencias. A apertura ao público da central urbana sería o 6 de agosto de 1921, aínda que non consta o número de abonados á mesma.

O xefe de construccións telefónicas das provincias de Pontevedra e A Coruña. D. Arturo Lago, visita Ponteareas para avanzar nos traballos de conexión con Porriño (na liña de Vigo) e Mondariz. Neste momento traballaría o oficial Joaquín Quincoces, que sería relevado por Ezequiel de Torres, procedente de Miranda de Ebro en xullo de 1923. 

Non hai grandes avances. De feito en xaneiro de 1924 houbo un suceso. Sufriran unha descarga eléctrica na torre da central telefónica, pero que non causara grandes estragos, aínda que se temeu pola vida dunha moza que estaba nun locutorio.  

En febreiro de 1924 aparecen mencións na prensa a que o concello aínda reclama a conexión co resto da rede. A inauguración produciríase o 15 de abril de 1924, conectando Tui, Porriño, Salvaterra e Ponteareas como parte da rede provicial, pero sen estar conectado á rede da compañía Peninsular que chegaba a Tui.

O enxeñeiro St. Argueso toma posesión da central o 14 de novembro de 1924, que nomean a Vicente Sánchez director da rede, que teñen a perspectiva de chegar a 150 abonados en breve. 


Para saber máis: 

  • El Tea; semanario:  Núm. 55 de 12 de febreiro de 1915;  Núm. 57 de 26 de febreiro de 1915;  Núm. 60 de 19 de marzo de 1915; Núm. 97 de 3 de decembro de 1915;  Núm. 107 de 11 de febreiro de 1916;  Núm. 113 de 24 de marzo de 1916;   Núm. 127 de 30 de xuño de 1916;   Núm. 128 de 7 de xullo de 1916;   Núm. 130 de 21 de xullo de 1916;  Núm. 133 de 11 de agosto de 1916; Núm. 174 de 10 de novembro de 1916;  Núm. 174 de 25 de maio de 1916;  Núm. 180 de 6 de xullo de 1916; Ano XIII Época 2ª Número 274 - 3 de novembro de 1919; Ano XIV Época 2ª Número 306 - 10 de xullo de 1920; Ano XIV Época 2ª Número 307 - 17 de xullo de 1920; Ano XIV Época 2ª Número 308 - 24 de xullo de 1920; Ano XIV Época 2ª Número 313 - 3 de setembro de 1920; Ano XIV Época 2ª Número 315 - 23 de setembro de 1920; Ano XVI Número 353 - 13 de outubro de 1921; Ano XVI Número 363 - 23 de outubro de 1921; Ano XVI Número 373 - 3 de novembro de 1921; Época 3ª Número 4 - 14 de decembro de 1923; Época 3ª Número 14 - 23 de marzo de 1924
  • Faro de Vigo. 15 de marzo de 1915; 6 e 20 de decembro de 1915; 21 de febreiro de 1916; 17 de xuño de 1916; 20 de xullo de 1920; 30 de agosto de 1920; 10 de marzo de 1921; 7 de agosto de 1921; 12 de agosto de 1921; 23 de setembro de 1921; 10 de febreiro de 1923; 6 de abril de 1923; 6 de decembro de 1923; 10 de xaneiro de 1924; 15 de abril de 1924; 15 de novembro de 1924; 30 de novembro de 1924.
  • El Diario de Pontevedra. Núm 9486 de 6 de decembro de 1915
  • La Voz de Galicia: 11 de abril de 1923
  • El Noroeste. Núm 9707 de 23 de febreiro de 1916;  Núm. 9895 de 2 de marzo de 1915
  • La Correspondencia Gallega. Núm 7925 de 21 de febreiro de 1916; Núm 8061 de 2 de xullo de 1916
  • La Región. Núm 1833 de 23 de febrerio de 1916
  • El Ideal gallego diario católico, regionalista e independiente Num. 913 (19/02/1920) 
  • El Compostelano  diario independiente Ano I Número 17 - 21 de febreiro de 1920
  • El Progreso semanario independiente Ano XIV Número 2496 - 11 de abril de 1920
  • La Integridad diario católico Num. 9118 (04/09/1920);  Num. 9239 (31/01/1921);  Num. 9242 (04/02/1921); Num. 9539 (24/01/1922); Num. 9794 (09/12/1922); Num. 9892 (08/04/1923);  Num. 9963 (04/07/1923); Num. 10187 (26/03/1924)
  • La voz de la verdad  diario católico con censura eclesiástica Núm 1514 de 2 de marzo de 1915; Ano XII Número 4103 - 14 de decembro de 1922
  • El Eco de Santiago  diario independiente Año XXVIII Número 11432 - 7 de abril de 1923
  • Galicia  diario de Vigo Número 479 - 14 febreiro 1924


O mindoniense Cándido Martínez na reclamación salarial dos telegrafistas de 1880

 Candido Martínez Montenegro foi un deputado liberal durante tres décadas por Mondoñedo (Lugo), que nos ano 1881 - 1883 sería director de Co...