domingo, 3 de abril de 2022

A comunicación por heliógrafos en Galicia

O heliógrafo é un aparato para facer sinais, típicamente en código Morse, baseado en facer unha reflexión solar sobre un espello móbil para que cheguen as sinais ao outro extremo. Típicamente utilizados por militares na era previa a radiotelefonía. No caso de España consta a súa utilización na guerra de Cuba en 1896-1898 e nos conflictos no norte de Africa dos primeiros ano do século XX.

Dependente da existencia de luz solar e que non houbera néboa tiña tamén a limitación de que delataba a presenza militar ao bando rival. Nesta publicación imos comentar os casos de uso que se deron en Galicia.

Ensaios entre Valença e Tui

A prensa recolle os ensaios realizados polo exército portugués i español o 25 de outubro de 1887 con heliógrafos Martins, entre o Monte de San Xulián (monte Aloia) e o baluarte do Carmo, na fortaleza de Valença do Minho, nas proximidades da actual Pousada. As probas foran un éxito a pesares da existencias de néboas e da distancia de 8 qm.  A prensa detalla que asistiu tamén numeroso público e que estaban previstas novas probas a maior distancia.

Cabe pensar que foi unha iniciativa do exército portugués, xa que o heliógrafo era unha recente (1884) innovación aportada polo militar Manuel (ou Manoel) Martins, instructor do servizo telegráfico na Direção de Telegraphos de Portugal. Consistia nun espello cadrado e outro circular. O éxito do dispositivo permitiu crear unha rede de telegrafía militar deste tipo que cubría boa parte de Portugal

Instruccçoes Praticas Elemnetares.. Telegraphia optica e acustica. Manuel Martins 1898.

A instalación de Ons e o Grove

En marzo de 1904 recolle a prensa a instalación por parte do exército dun heliógrafo para a comunicación entre a Illa de Ons e O Grove, que estaría situado no extremo norte da illa e na zona militar nas proximidades de San Vicente do Mar. Situaríanse en cada estación un cabo e catro soldados para operar o servizo. 

O uso civil por parte de Rafael Areses en Tui

Tui volve novamente a actualidade grazas a outro heliógrafo. Sería neste caso Rafael Areses, lenda actual da cidade de Tui, que tiña o posto de enxeñeiro xefe do servizo forestal da provincia e que traballou no repoboamento dos montes da contorna, incluído o monte Aloia (sede das primeiras probas do heliógrafo en 1887), Trega e outros montes de Oia. En 1912 anuncia o ser interese en instalar heliógrafos para favorecer a comunicación entre o persoal das estacións do Aloia, Trega (chamado Castro), Tui centro e o viveiro forestal de Areas, así como a instalación dun teléfono na casa do garda forestal do Aloia ata a cidade, que non tiña todavía teléfono urbano. 

Vida Gallega. 10 de setembro de 1917

Non quedara constancia da instalación ata un reportaxe de Vida Gallega en 1917, con fotografía do mesmo e a comunicación establecida desde o alto do monte Aloia, por parte do garda Sr. Solleiro, coa casa forestal de Oia, a unha distancia de 18 km co garda Mariño, onde a reportaxe inclue algunha curiosidade na comunicación:

Vida Gallega. 10 de setembro de 1917

Os "boy-scouts" de Pontevedra

A prensa recolle as actividades do grupo de scouts de Pontevedra onde en diferentes excursións e actividades no periodo comprendido entre 1914 e 1917 utilizar heliógrafos construidos por voluntarios para facer probas de campo entre diferentes grupos. O feito de que coñeceran o código Morse fixo que o xefe de telégrafos de Pontecaldelas participara nunha desas actividades:

La Correspondencia Gallega diario de Pontevedra Ano XXVI Número 7471 - 10 novembro 1914 


O heliógrafo de Blanco Novo

Jose Blanco Novo (Ferrol, 1891) foi un militar galego que inventou un heliógrafo para ser utilizado militarmente en Melilla polo Batallón de Cazadores de Segorbe nº 12 en 1915, sendo construido por D. Francisco Azarola, que complementaba a un aparato de sinais nocturnas inventado por este último.  Jose, que chegaría a ser un xeral de brigada da Guarda Civil, pasa por ser considerado o primeiro radioafeccionado galego así como o fundador do corpo de transmisións da Garda Civil. 

Jose Blanco Novo. Sen datar. Wikipedia



 Para saber máis:

  • Diario de avisos de La Coruña Ano XVI Número 8878 - 2 de novembro de 1887
  • Crónica de Pontevedra  diario político. Ano II Número 444 - 31 outubro 1887
  • El áncora  diario católico de Pontevedra Num. 1942 (12/03/1904)
  • La Correspondencia Gallega  diario de Pontevedra Ano XVI Número 4236 - 12 marzo 1904; Ano XXIV Número 6563 - 18 xaneiro 1912; Ano XXVI Número 7471 - 10 novembro 1914; Ano XXVIII Número 7918 - 14 febreiro 1916
  • Gaceta de Galicia  Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela Num. 54 (13/03/1904); Num. 15 (20/01/1912)
  • El regional  diario de Lugo Num. 7216 (14/03/1904)
  • El Progreso  semanario independiente Ano VI Número 602 - 16 de xaneiro de 1912; Ano VIII Número 1329 - 25 de abril de 1914
  • Noticiero de Vigo  diario independiente de la mañana Ano XXVII Número 11106 - 18 de xaneiro de 1912
  • Diario de Galicia periódico de la mañana, telegráfico, noticiero y de información general Num. 939 (20/01/1912)
  • El norte de Galicia  diario político y de información Num. 3352 (26/01/1912)
  • El Correo gallego  diario político de la mañana Ano XXXVIII Número 12291 - 28 de marzo de 1915
  • Galicia nueva periódico regional, primer diario de Villagarcía Ano XI Número 4218 - 4 de marzo de 1917
  • Vida gallega  ilustración regional Ano IX Volume VI Número 92 - 10 de setembro de 1917

Ningún comentario:

Publicar un comentario

O mindoniense Cándido Martínez na reclamación salarial dos telegrafistas de 1880

 Candido Martínez Montenegro foi un deputado liberal durante tres décadas por Mondoñedo (Lugo), que nos ano 1881 - 1883 sería director de Co...