Amosando publicacións coa etiqueta 1924. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 1924. Amosar todas as publicacións

xoves, 6 de xullo de 2023

O primeiro timo telefónico en Galicia (1924)

Desde o Círculo Artístico de Vilagarcía de Arousa, un individuo solicitou comunicación coa axencia de D. Jose Pérez Fernández, simulando que estaba a chamar desde axencia A. Cardona da cidade de Vigo (rúa Victoria 34). Era o 15 de decembro de 1924.


Información sobre a rede urbana de Vilagarcía https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/09/1908-rede-urbana-de-vilagarcia.html


A conversa xirou sobre negocios comúns a ambas axencias de consignación, cando, ao final da chamada, o suposto Cardona de Vigo dixolle ao interlocutor que se atopaba en Vilagarcía un tal Ricardo Puga ao que debería darlle 150 pesetas ao que debería solicitarlle un recibo. O fillo político de José Pérez, D. Jerónimo Sánchez, foi o responsable do encargo, levándolle ao Hotel Moderno onde estaba o suposto Ricardo Puga a citada cantidade. 

Postal. Hotel Moderno. Sen datar. 


Casualmente unha persoa de confianza de  Jose Pérez foi Vigo e descubriu, nunha reunión con Cardona, o engano ao que foi exposto. Avisou rapidamente a Jerónimo, que volveu ao hotel pero xa non estaba o timador. Tras unha denuncia na Guarda Civil, aparecería o timador no Círculo Artístico vendo unha función infantil que intentaría manter a súa identidade falsa. Descubriríase que era Vicente Santamaría de 18 anos, natural de Santiago, que comentou que actuou dese xeito ao quedar sen diñeiro e necesitar volver á súa cidade. Antes xa gastara unha terceira parte das 150 pesetas en convidar a uns amigos que ten na localidade.


Información sobre a rede interurbana de Vilagarcía https://telefoniagalicia.blogspot.com/2023/02/telefono-interurbano-en-vilagarcia-1914.html


Os responsables da detención foron o suboficial D. Vitoriano Benito e o cabo comandante D. Jorge Puente.


Para saber máis:

  • Faro de Vigo de 16 de decembro de 1924
  • El Pueblo Gallego, rotativo de la mañana Ano I Número 278 - 17 de decembro de 1924
  • Galicia nueva periódico regional, primer diario de Villagarcía Ano XVIII Número 6412 - 16 de decembro de 1924

sábado, 1 de xullo de 2023

A liña para chamar de Caldas a Cuntis (1924)

A chegada da telefonía a Cuntis, importante vila balnearia (Gran Hotel e o Balneario da Virxe e do Castro), sería a través de Caldas de Reis sería en setembro de 1910, sendo un dos primeiros balnearios en contar con teléfono. Desde alí poderían falar coa estación telegráfica de Caldas e poder enviar telefonemas ao resto da rede estatal. O deputado Bernardo Sagasta, neste momento director xeral de Comunicacións axuda a conseguir este servizo.

O proxecto parece pararse ata que aparece o plan provincial impulsado desde a deputación por D. Prudencio Landín en 1917. Comezaríase polo Morrazo e sería o turno da liña cara Cuntis a finais de 1922, de novo pola presión do deputado Bernardo M. Sagasta e o xefe de telégrafos de Pontevedra Arturo Lago, que pasaría a ser xefe de implantación do proxecto provincial en xaneiro de 1923.

Balneario de Cuntis. Sen datar.


En xuño de 1923 crease certa controversia no prensa, xa que comentan que o material destinado á liña de Caldas a Portas foi reasignado para a liña provincial da A Coruña, concretamente na conexión con Ortigueira. Pídese a colaboración dos deputados provinciais Sres. Echevarría e Otero Bárcena, así como dos concellos de Portas e Caldas e sociedades deses concellos. Ese tramo de liña xa non se chegaría a construir dentro do proxecto provincial.

Porén, o tramo de Cuntis a Caldas avanzaría. En Outubro de 1923 sería o funcionario Alfonso Lago o responsable de tender a liña. Tan pronto como comeza esta obra xa estaría a prensa reclamando que non tiña sentido se non se daba continuidade desde Caldas de Reis ata Pontevedra. O servizo inauguraríase o 13 de  marzo de 1924, dentro do servizo telefónico provincial, sen ter máis posibilidades que chamar dun sitio ao outro. 

Vida gallega  ilustración regional Ano XVI Número 251 - 1 de xuño de 1924

A liña sería incautada no mesmo 1924 como parte da absorción de activos por parte da Compañía Telefónica Nacional de España

Para saber máis: 

  • El Correo de Galicia  Diario independiente de avisos y noticias Num. s.n. (05/09/1910)
  • Faro de Vigo. 18 de marzo de 1911; 9 de decembro de 1922; 14 de marzo de 1924; 14 de xuño de 1924
  • La Región  diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos Ano II Número 336 - 21 de marzo de 1911
  • El Ideal gallego  diario católico, regionalista e independiente Num. 1651 (10/12/1922); Num. 1910 (14/10/1923); Num. 2147 (22/11/1924)
  • La Voz de Galicia. 22 de marzo de 1911; 14 de outubro de 1923
  • Vida gallega  ilustración regional Ano XVI Número 251 - 1 de xuño de 1924
  • Galicia diario de Vigo Número 277 - 15 xuño 1923; Número 281 - 20 xuño 1923; Número 562 - 17 xullo 1924
  • Galicia nueva  periódico regional, primer diario de Villagarcía Ano XVIII Número 6246 - 15 de marzo de 1924
  • El Progreso  semanario independiente Ano XVII Número 3252 - 21 de outubro de 1923; Ano XVIII Número 3370 - 15 de marzo de 1924


sábado, 15 de outubro de 2022

O servizo de telefonía público en Ponteareas (1915-1924)

Febreiro de 1915, Ao igual que ocorre con Tui, a vila de Ponteareas solicita a instalación dunha estación telefónica urbana na vila á Dirección Xeral de Telégrafos, por medio de xefe de telégrafos da vila. 

Neste caso, a diferencia doutras poboacións que entraron nesta convocatoria pública, Ponteareas tiña o interese en contar con liñas que comunicaran con ata dez parroquias do concello, dadas as dimensións do mesmo. Os celadores, responsables da montaxe das liñas, reclaman aos propietarios a tala das árbores para instalar o teléfono ás parroquias.

Instalación de telefonía nun día do Corpus. Ponteareas. Ano descoñecido.


A autorización publícase o 2 de marzo de 1915, polo que Julio Herreros, xefe de liña do corpo de telégrafos destinado en Vigo visita a vila de Ponteareas para facer un levantamento topográfico. Van comezar por instalar o teléfono nas fábricas de curtidos de Viúva e Fillos de Garra, os serradoiros dos Sres Candeira i Estens en Areas, Candeira e compañía en Oliveira e no domicilio do Sr. Rafael Candeira  Iglesias, que foi un dos impulsores e responsable político do Sr. Conde de Bugallal na vila. 

Hai algunhas contradicións na prensa sobre quen foi o benfeitor da construción da rede. Dado o reducido número de potenciais abonados, pénsase que sería o Gabino Bugallal, Conde de Bugallal, natural de Ponteareas e ministro de Facenda nese momento, xa que non parece existir un clamor popular pola implantación dese servizo. Outras fontes (o semanario El Tea) apuntan a Emilio Ortuño, director xeral de Correos e Telégrafos e impulsor do programa de creación de redes de telefonía públicas pero sen vinculación coa vila.

O 11 de febreiro de 1916 comunícase a chegada da central telefónica a oficina de telégrafos da vila e reclámase na prensa que aumente o número de abonados.  

A festa de inauguración

En xuño de 1916 reúnense no concello un grupo de veciños para organizar unha homenaxe ao Conde de Bugallal por ter impulsado a incorporación de Ponteareas ás vilas onde se está instalando o rede de telefonía pública. 

O servizo foi inaugurado cunha grande festa, amenizada pola orquestra de música, a finais de xuño de 1916 .Desde a Praza do Ánxel ata o Grupo Escolar púxose iluminación (hoxe rúa Doutor Fernández Vega), incluíndo a iluminación dos señores Garra na finca "A Cortiña Vella" complementando o da casa de Telégrafos.

Postes de teléfonos zona de Areas. Ano descoñedido

Descarga eléctrica

Practicamente todas a redes urbanas de Galicia tiveron algún suceso relevante, así que este tamén foi o caso da rede de Ponteareas. En novembro de 1916 ocorreu unha tormenta de choiva e sarabia. O señor Moreno, responsable da estación telegráfica e telefónica estaba de garda. Unha descarga causou unha avaría que queimou fusibles e as lámpadas de luz eléctrica e non foi a maiores xa que utilizou a terra da estación telegráfica. Tras isto decidiuse suspender o servizo mentres no se solucionara a instalación, para facela segura aos seus traballadores. 


Plano da vila de Ponteareas. Ano ~1910.


A extensión da rede (1920-1924)

En febreiro de 1920 chegan novas do proxecto de extensión da rede urbana ata vilas próximas, coma é o caso de Porriño, As Neves, Mondariz e Salvaterra. En abril xa aparare unha referencia a chegada de material (a nova central, cable, etc) para a extensión desta rede, pero aparecen atrancos. A propietaria onde está situada o servizo impide a construcción dunha torre no faiado, polo que a cantidade de diñeiro consignada devólvese ao estado e búscase unha nova localización, na rúa Elduayen número 4 (hoxe rúa da Constitución) que empeza a trasladarse en setembro de 1921.

Teléfonos na casa da esquerda. Foto extraída do grupo de Facebook Ponteareas "Fotos Antigas". Ano descoñecido (posterior a 1924).
 

En setembro de 1920 aparece publicado no boletín da provincia o proxecto de aluguer dunha casa por un precio de 900 pesetas anuais e un periodo de cinco anos, que fírmase a primeiro de 1921. Lucas Súarez Ruiz é destinado como oficial terceiro á central de Ponteareas en xaneiro de 1921. Meses antes, en xullo de 1920, sería a auxiliar María del Pilar Bueno Martín a que tomaría posesión.  Xa en 1923 se nomearía a Maria Luisa Sánchez, filla de xefe de telégrafos Vicente Sánchez, como auxiliar telefónica.

Neste ano pídese a conexión coa rede interurbana, ben por parte da Compañía Penínsular o como parte do proxecto de telefonía provincial no que traballaba José Sandoval. Sería o provincial o que conseguiría a aprobación, grazas ao deputado Manuel Fernández Barrón, en 1922 para conectar con Porriño  (e Vigo) e Mondariz, como parte do plan de telefonía provincial.

Detalle do anteproxecto de telefonía provincial de Francos en 1917.

Salvaterra inaugura un circuito teléfonico con Ponteareas o 9 de marzo de 1921, custando 0,80 pesetas cada tres minutos de conversa, e 0,35 pesetas por aviso de conferencias. A apertura ao público da central urbana sería o 6 de agosto de 1921, aínda que non consta o número de abonados á mesma.

O xefe de construccións telefónicas das provincias de Pontevedra e A Coruña. D. Arturo Lago, visita Ponteareas para avanzar nos traballos de conexión con Porriño (na liña de Vigo) e Mondariz. Neste momento traballaría o oficial Joaquín Quincoces, que sería relevado por Ezequiel de Torres, procedente de Miranda de Ebro en xullo de 1923. 

Non hai grandes avances. De feito en xaneiro de 1924 houbo un suceso. Sufriran unha descarga eléctrica na torre da central telefónica, pero que non causara grandes estragos, aínda que se temeu pola vida dunha moza que estaba nun locutorio.  

En febreiro de 1924 aparecen mencións na prensa a que o concello aínda reclama a conexión co resto da rede. A inauguración produciríase o 15 de abril de 1924, conectando Tui, Porriño, Salvaterra e Ponteareas como parte da rede provicial, pero sen estar conectado á rede da compañía Peninsular que chegaba a Tui.

O enxeñeiro St. Argueso toma posesión da central o 14 de novembro de 1924, que nomean a Vicente Sánchez director da rede, que teñen a perspectiva de chegar a 150 abonados en breve. 


Para saber máis: 

  • El Tea; semanario:  Núm. 55 de 12 de febreiro de 1915;  Núm. 57 de 26 de febreiro de 1915;  Núm. 60 de 19 de marzo de 1915; Núm. 97 de 3 de decembro de 1915;  Núm. 107 de 11 de febreiro de 1916;  Núm. 113 de 24 de marzo de 1916;   Núm. 127 de 30 de xuño de 1916;   Núm. 128 de 7 de xullo de 1916;   Núm. 130 de 21 de xullo de 1916;  Núm. 133 de 11 de agosto de 1916; Núm. 174 de 10 de novembro de 1916;  Núm. 174 de 25 de maio de 1916;  Núm. 180 de 6 de xullo de 1916; Ano XIII Época 2ª Número 274 - 3 de novembro de 1919; Ano XIV Época 2ª Número 306 - 10 de xullo de 1920; Ano XIV Época 2ª Número 307 - 17 de xullo de 1920; Ano XIV Época 2ª Número 308 - 24 de xullo de 1920; Ano XIV Época 2ª Número 313 - 3 de setembro de 1920; Ano XIV Época 2ª Número 315 - 23 de setembro de 1920; Ano XVI Número 353 - 13 de outubro de 1921; Ano XVI Número 363 - 23 de outubro de 1921; Ano XVI Número 373 - 3 de novembro de 1921; Época 3ª Número 4 - 14 de decembro de 1923; Época 3ª Número 14 - 23 de marzo de 1924
  • Faro de Vigo. 15 de marzo de 1915; 6 e 20 de decembro de 1915; 21 de febreiro de 1916; 17 de xuño de 1916; 20 de xullo de 1920; 30 de agosto de 1920; 10 de marzo de 1921; 7 de agosto de 1921; 12 de agosto de 1921; 23 de setembro de 1921; 10 de febreiro de 1923; 6 de abril de 1923; 6 de decembro de 1923; 10 de xaneiro de 1924; 15 de abril de 1924; 15 de novembro de 1924; 30 de novembro de 1924.
  • El Diario de Pontevedra. Núm 9486 de 6 de decembro de 1915
  • La Voz de Galicia: 11 de abril de 1923
  • El Noroeste. Núm 9707 de 23 de febreiro de 1916;  Núm. 9895 de 2 de marzo de 1915
  • La Correspondencia Gallega. Núm 7925 de 21 de febreiro de 1916; Núm 8061 de 2 de xullo de 1916
  • La Región. Núm 1833 de 23 de febrerio de 1916
  • El Ideal gallego diario católico, regionalista e independiente Num. 913 (19/02/1920) 
  • El Compostelano  diario independiente Ano I Número 17 - 21 de febreiro de 1920
  • El Progreso semanario independiente Ano XIV Número 2496 - 11 de abril de 1920
  • La Integridad diario católico Num. 9118 (04/09/1920);  Num. 9239 (31/01/1921);  Num. 9242 (04/02/1921); Num. 9539 (24/01/1922); Num. 9794 (09/12/1922); Num. 9892 (08/04/1923);  Num. 9963 (04/07/1923); Num. 10187 (26/03/1924)
  • La voz de la verdad  diario católico con censura eclesiástica Núm 1514 de 2 de marzo de 1915; Ano XII Número 4103 - 14 de decembro de 1922
  • El Eco de Santiago  diario independiente Año XXVIII Número 11432 - 7 de abril de 1923
  • Galicia  diario de Vigo Número 479 - 14 febreiro 1924


O mindoniense Cándido Martínez na reclamación salarial dos telegrafistas de 1880

 Candido Martínez Montenegro foi un deputado liberal durante tres décadas por Mondoñedo (Lugo), que nos ano 1881 - 1883 sería director de Co...