Amosando publicacións coa etiqueta 1878. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 1878. Amosar todas as publicacións

xoves, 7 de xullo de 2022

1878: As probas na liña Carril (Vilagarcía) - Cornes (Santiago)

As primeiras experiencias de telefonía en Galicia foron no ámbito ferroviario. Foi o primeiro caso de uso viable para a telefonía, xa que contaban co medio físico, os fíos telegráficos, e unha necesidade real,  evitar colisións entre trens nunha infraestrutura de vía única, que ata agora se solucionaba mediante comunicacións telegráficas. 

A primeira liña en Galicia foi a que conectaba Carril con Cornes (Conxo), naquel momento concellos independentes, que permitía conectar o porto de Ría de Arousa e Santiago de Compostela e facilitar a chegada de mercadorías desde o porto así como o acceso á costa para os santiagueses. Isto foi en 1873, décadas máis tarde que en outros territorios.

Ilustración da estación de Cornes (Conxo, Santiago) na data do 15 de setembro de 1873.

Foi tamén no 1878 cando se fixeron as primeiras experiencias de telefonía. Neste ano aínda se chamaba a "Real Sociedad del Ferrocarril Compostelano de la Infanta doña Isabel de Santiago al Puerto de Carril", un par de anos antes da entrada de John Trulock, avó de Camilo José Cela, na empresa.

O 13 de Febreiro de 1878, segundo recolle a prensa, tiveron lugar unhas probas de telefonía entre as estacións de Osebe e Cornes, separadas por uns 6 km, comentando os bos resultados das probas e a intención da compañía de utilizar os catro dispositivos para o servizo da liña. Non aparecen, polo momento, mais mencións na prensa. 

Diario de Santiago. Núm. 1658. 14 de febreiro de 1878

Estes foron uns ensaios moi temperás na historia telefónica de España, porque salvo quitando as experiencias en La Habana, onde se realizaran as primeiras probas, redes particulares e servizos públicos, foi no caso de Barcelona onde no Nadal de 1877 se fixeran as primeiras probas entre Barcelona e Girona utilizando o fío telegráfica pola vía do tren. Estas correron por parte de Dalmau e fillos, ópticos barceloneses primeiros fabricantes de teléfonos na península, apenas cinco o seis semanas antes da proba de Cornes.  


Para saber máis: 
  • Diario de Santiago. Núm. 1658. 14 de febreiro de 1878

Tarefas pendentes: 
  • Explorar o arquivo do museo do Ferrocarril da Fundación Camilo José Cela en Iria Flavia, Padrón, onde pode haber evidencias da adquisición dos termináis telefónicos.

sábado, 2 de xullo de 2022

1878: primeira chamada de teléfono en Galicia


O recente achado na hemeroteca do Faro de Vigo sobre un ensaio previo de telefonía pode mudar a historia da telefonía en Galicia. Supostamente se recolle na diario coruñés El Comercio Gallego unha referencia sobre probas de telefonía a finais de xaneiro de1878 que serían das primeiras realizadas en España. Precisamente un mes antes foran realizadas entre Barcelona e Girona as primeiras de longa distancia, que foran amplamente recollidas pola prensa nacional. 

Do mesmo xeito, xa durante xaneiro se fan as primeiras probas en Madrid a cargo de corpo de telégrafos por orde do Director Xeral. O 2 de xaneiro fan unha proba de 2km aproveitando o fío existente entre a central telegráfica e o ministerio de guerra, para pasar a facer probas desde o día 4 con Aranjuez (46 km), 5-6 con Tembleque (110 km) e 7-9 con Alcázar (160 km) e 10-11 de novo con Aranjuez pero coa presenza de políticos. Sobre o 18 de xaneiro constrúen uns ramais en Aranjuez e Madrid para chegar aos palacios reais e facilitar a comunicación entre Alfonso XII e a súa futura esposa.

Extracto de Carta Postal e Telegráfica de España. Anuario oficial de 1883

Mentres que no caso de Madrid menciónase que o Director Xeral tivo que comprar os teléfonos fora, no caso das primeiras probas en Galicia, a finais de xaneiro de 1878, os teléfonos foran comprados a Francesc Dalmau i Faura e ao seu fillo Tomàs en Barcelona, o primeiro fabricante de dispositivos telefónicos, que copiaba os modelos de Bell. Descoñécese, no caso de Galicia, se estas probas entre Coruña e Ferrol foron unha iniciativa do corpo militar ou ben trátase dunha experiencia por parte do corpo de Telégrafos. 

Utilizaron con total seguridade o cabo telegráfico existente entre Coruña e Ferrol, que pasaba por Betanzos pero que podía ser conectado directamente entre os dous puntos. Cumpre salientar que con "estación" na noticia do Faro de Vigo refírese á estación telegráfica, xa que a do ferrocarril non existiría ata o século XX. A utilización dunha frauta e corneta coincide cos instrumentos utilizados polo corpo de Telégrafos nas probas en Madrid, polo que non debe tomarse como un indicador do carácter militar das probas. 


Faro de Vigo de 7 de febreiro de 1878


Queda pendente coñecer a motivación destas probas e a orixe da mesma. Sorprende que non aparezas referencias na "Revista de Telégrafos" que acostumaba a recoller todo tipo de probas realizadas polos traballador de corpo. Adicionalmente, ao tratarse de Ferrol, pode ter certo grado de participación D. Andrés A. Comerma un dos enxeñeiros militares mais relevantes da historia e que recollería a prensa, tamén neste ano, certas probas que realizou no seu domicilio e no propio arsenal de Ferro.

Para saber mais: 
  • Faro de Vigo de 7 de Febreiro de 1878
  • Revista de Telégrafos núm 26. 1 de Marzo de 1878
  • Aparells Twlefònics de 1878, unes peces singulars. Jesús Sánchez Miñana, Antoni Roca Rosell, Jaume Valentines Álvarez, Guillermo Lusa Monforte.  Escola Tècnica Superior d’Enginyeria Industrial de Barcelona Universitat Politècnica de Catalunya

Tarefas pendentes: 
  • Intentar localizar un exemplar de "El Comercio Gallego" de 30 de xaneiro de 1878, ao que se refire o texto do Faro de Vigo. 

xoves, 28 de abril de 2022

O rol de Andrés Comerma nas primeiras probas de telefonía (1878)

A chegada da telefonía a Galicia está ligada á figura de Andres Avelino Comerma e Batalla, nado o 10 de xullo de 1842 en Valls (Tarragona), membro dos corpos técnicos da Armada. Trátase dun dos enxeñeiros máis creativos da historia de Galicia, participando en actividades como as primeiras probas de raios X para o uso en medicina, o primeiro uso da luz eléctrica en Galicia, o dique da Campana en Ferrol, un proxecto de túnel no estreito de Gibraltar, etc. Tivo a oportunidade de viaxar a moitas feiras de vangarda, como a Exposición Internacional de París de 1878 ou a Exposición Internacional de Electricidade de París de 1881, onde se definiron moitas das unidades de medida relacionadas coa electricidade e na que participaría Comerma xunto a William Thompson e Siemens.

Fotografía de Andrés Comerma no homenaxe de Ferrol en 1913. Faro de Vigo. 2 de outubro de 1913 

Ademáis foi un grande divulgador. No Diario del Ferrol publicou catro artigos sobre o teléfono, fonógrafo (que tamén foi o pioneiro en Galicia en posuir un), a luz eléctrica e a licuación dos gases, que non se atopan dispoñibles nas hemerotecas. Estes artigos están conservados via "El Diario de Santiago" que os copiaba en datas sucesivas, pero non no caso do telégono

Participación nas primeiras probas en Galicia

Comerma, contrariamente ao que se indica na meirande parte das súas biografías, non faría os seus primeiros experimentos con teléfono traídos de París, senón meses antes, supostamente conseguindo os seus teléfonos via os Sres, Dalmau de Barcelona, xusto despois das primeiras probas en Cataluña. Cabe supoñer que participaría nestas primeiras probas desde Ferrol a Coruña deste artigo: 

A primeira chamada de teléfono en Galicia:

https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/07/1878-primeira-chamada-de-telefono-en.html

O Diario de Santiago recollería una nova orixinada o 15 de xaneiro de 1878, que que adquirira "unha conocida persoa da cidade" uns teléfonos para facer probas na liña telegráfica entre Coruña e Ferrol.

El Diario de Santiago Num. 1644 (17/01/1878)


As primeiras liñas telefónicas de Galicia

Neste ano houbo, segundo a hemeroteca, experiencia por parte de Andres A. Comerma ao conectar a súa casa coa dun veciño, para facer probas, que podería ser a primeira liña de teléfono de Galicia. Non hai excesivas referencias deste caso, pero sí da liña que se construiu entre o arsenal e a capitania de Ferrol, que estaría separados perto dun kilómetro.

Adicionalmente proxectouse en agosto de 1878 conectar mediante unha liña telefónica a oficina militar de Ferrol con vixia de Monte Ventoso, a uns 10km de distancia, aínda que non consta esa construcción.

As probas subacuaticas

En xullo de 1878 dase conta na prensa das probas levadas a cabo no arsenal de Ferrol nas que se utilizaba un teléfono Bell nun buzo baixo a auga. No peirao da Dársena mantiveron unha conversa perfectamente intelixible cun buzo que estaba no fondo do mar, útil para poder comunicar información relevante como o desexo de sair da auga que, ata aquel momento, facíase tirando de cordas.  Non se tratou da primeira proba deste tipo no mundo, xa que foi, xunto ao teléfono no ópera para escoitar desde casa, un dos primeiros casos de uso senlleiros desta nova tecnoloxía, pero sí que foi unha das primeiras probas e foi recollida na prensa.

La Gaceta Industrial, 25 de xuño de 1978.



Para saber máis:

  • Ligeros apuntes sobre la Exposición Universal de París de 1878 por un testigo ocular. Andrés Comerma. El Comercio Gallego 1879. https://biblioteca.galiciana.gal/pt/consulta/registro.do?id=9766
  • Andrés Comerma. O enxeñeiro adiantado ao seu tempo. Real Academia Galega de Ciencias, 2020
  • El Diario de Santiago Num. 1644 de 17 de xaneiro de 1878
  • El diario de Lugo, periódico político y de intereses generales Año III Número 558 de 14 de agosto de 1878
  • La ilustración gallega y asturiana  revista decenal ilustrada Num. 24 de 30 de agosto de 1879
  • La Academia  revista de cultura hispano portuguesa, latino-Americana Tomo IV Número 3 - 23 de xullo de 1878
  • La Gaceta Industrial, 25 de xuño de 1978.



O mindoniense Cándido Martínez na reclamación salarial dos telegrafistas de 1880

 Candido Martínez Montenegro foi un deputado liberal durante tres décadas por Mondoñedo (Lugo), que nos ano 1881 - 1883 sería director de Co...