xoves, 7 de xullo de 2022

1878: As probas na liña Carril (Vilagarcía) - Cornes (Santiago)

As primeiras experiencias de telefonía en Galicia foron no ámbito ferroviario. Foi o primeiro caso de uso viable para a telefonía, xa que contaban co medio físico, os fíos telegráficos, e unha necesidade real,  evitar colisións entre trens nunha infraestrutura de vía única, que ata agora se solucionaba mediante comunicacións telegráficas. 

A primeira liña en Galicia foi a que conectaba Carril con Cornes (Conxo), naquel momento concellos independentes, que permitía conectar o porto de Ría de Arousa e Santiago de Compostela e facilitar a chegada de mercadorías desde o porto así como o acceso á costa para os santiagueses. Isto foi en 1873, décadas máis tarde que en outros territorios.

Ilustración da estación de Cornes (Conxo, Santiago) na data do 15 de setembro de 1873.

Foi tamén no 1878 cando se fixeron as primeiras experiencias de telefonía. Neste ano aínda se chamaba a "Real Sociedad del Ferrocarril Compostelano de la Infanta doña Isabel de Santiago al Puerto de Carril", un par de anos antes da entrada de John Trulock, avó de Camilo José Cela, na empresa.

O 13 de Febreiro de 1878, segundo recolle a prensa, tiveron lugar unhas probas de telefonía entre as estacións de Osebe e Cornes, separadas por uns 6 km, comentando os bos resultados das probas e a intención da compañía de utilizar os catro dispositivos para o servizo da liña. Non aparecen, polo momento, mais mencións na prensa. 

Diario de Santiago. Núm. 1658. 14 de febreiro de 1878

Estes foron uns ensaios moi temperás na historia telefónica de España, porque salvo quitando as experiencias en La Habana, onde se realizaran as primeiras probas, redes particulares e servizos públicos, foi no caso de Barcelona onde no Nadal de 1877 se fixeran as primeiras probas entre Barcelona e Girona utilizando o fío telegráfica pola vía do tren. Estas correron por parte de Dalmau e fillos, ópticos barceloneses primeiros fabricantes de teléfonos na península, apenas cinco o seis semanas antes da proba de Cornes.  


Para saber máis: 
  • Diario de Santiago. Núm. 1658. 14 de febreiro de 1878

Tarefas pendentes: 
  • Explorar o arquivo do museo do Ferrocarril da Fundación Camilo José Cela en Iria Flavia, Padrón, onde pode haber evidencias da adquisición dos termináis telefónicos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

O telegrafista espía da Coruña na I Guerra Mundial.

No 26 de novembro 1918, apenas quince días despois do fin da guerra, recíbese a queixa do embaixador de Estados Unidos sobre un empleado do ...