martes, 12 de xullo de 2022

Autocares La Regional: primeira telefonía móbil

Manuel Sanjurjo Otero era o segundo fillo de Antonio Sanjurjo Badía, un famoso industrial e inventor vigués cunha fundición e estaleiros de seu. Manuel, enxeñeiro industrial de formación, axudou nos negocios familiares pero deu o salto a negocios fora da cidade de Vigo. Nunha primeira fase como impulsor do proxecto, e posterior concesionario, da rede de telefonía urbana de Vilagarcía, construído en 1908 e inaugurada a primeiros de 1909. 

Gaceta de Madrid.-Núm. 74 de 14 de marzo de 1908 


Antonio comezara a comprar autocares de vapor en 1903 a compañías de Ferrol, Verín ou Santiago para posteriormente adaptalos, na súa nave en Vigo da Industriosa,  para que funcionaran con bencina, un tipo de hidrocarburo. En 1906 consigue a aprobación para comezar o servizo entre Coruña e Santiago, aínda con autocares de vapor, nomeando ao seu fillo Manuel o responsable da liña.  Sería a primeira empresa en Galicia en prestar este servizo motorizado, deixando atrás as pesadas dilixencias. A empresa tiña garaxes en Coruña, Ordes e Santiago, con persoal propio. O servizo entre as dúas cidades levaba unhas tres horas, tendo que facer varias paradas para a repoñer auga. 



A prensa da época recolle en varias ocasións como o carácter innovador da familia levounos a mellorar os vehículos, novos moles, freos adaptados a realidade da orografía e estradas da época, etc. Tamén recolle unha ruta realizada por Manuel en 1912 por Madrid, Barcelona, Lyon e varios puntos de Alemaña para adquirir novos vehículos. 

Este carácter innovador xunto ao coñecemento dos sistemas telefónicos e a dispoñibilidade dunha rede construída a finais de 1914 pola Compañía Peninsular de Teléfonos, que ía paralela á estrada de Santiago a Coruña levouno a propoñer levar dispositivos telefónicos nos vehículos que puideran ser conectados aos fíos telefónicos nos postes para notificar calquera incidencia nos coches, que permitirá solicitar asistencia técnica. Esta innovación estrouse o 2 de Febreiro de 1916.

Mondariz  suplemento a La Temporada Ano II Número 8 - 1916 xaneiro 20

Antes, en 1913, Manuel, en compañía do seu familiar Manuel Otero Bárcena (político e futuro primeiro presidente do Celta de Vigo e director do Faro de Vigo), comprará a a John Trulock a liña telefónica da vía de tren de Carril (nas proximidades de Vilagarcía de Arousa) a Cornes (próximo a Santiago de Compostela). Esta era a primeira liña de tren en Galicia e onde ocorreron das primeiras experiencias de telefonía 35 anos antes. A compañía de tren mantería unha liña para a xestión do seu servizo deixando outro fío, que explotaría Manuel Sanjurjo, para que os empresarios de Santiago puideran chamar a Carril para informarse sobre portes na rede do tren. Cumpre salientar que Carril dependía da rede urbana do propio Manuel.

Ese concepto que exportara Manuel Sanjurjo de 'telefonía móbil' xa existía nos servizos ferroviarios xa que tiña teléfonos nas estacións, para a xestión do propio servizo, como teléfonos 'móbiles' que podían conectar en diferentes puntos da rede. Algunhas mencións sobre o servizo de autocares falan de dispoñibilidade de postes con acceso aos fíos cada dez quilómetros no tramo Santiago de Compostela - A Coruña.



Anuncio explicando o servizo de telefonía. Suevia revista semanal de literatura arte y ciencias Año II Número 8 - 1 de xaneiro de 1918

Manuel, ademais de súas facetas empresariais, foi concelleiro do concello de Santiago de Compostela durante varios anos, así como membro da xunta arcebispal. No ano 1919 viuse obrigado a vender a súa frota e a concesión a o futuro empresario senlleiro galego Evaristo Castromil, xa que Manuel Sanjurjo tivo que volver a atender os negocios familiares froito da avanzada idade do seu pai. 

Para saber máis:
- Diario de Galicia. Ano VII Número 1533.  8 de xaneiro de 1914
- Gaceta de Galicia Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela Num. 1 (01/02/1916)
Empresarios de Galicia. Vol. 2. Xoan Carmona Badía.  Fundación Caixagalicia. 

Tarefas pendentes:
- Arquivo do museo do ferrocarril. Fundación Cela. Iria-Flavia (Padrón). Posibles testemuñas da rede telefónica.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

O telegrafista espía da Coruña na I Guerra Mundial.

No 26 de novembro 1918, apenas quince días despois do fin da guerra, recíbese a queixa do embaixador de Estados Unidos sobre un empleado do ...