A rede telefónica urbana de A Coruña tivo bastante éxito desde o seus inicios, sendo a primeira de Galicia, tras a súa inauguración en Outubro de 1888 por D. Mariano Martín Villoslada. Empresas que xa estaban a utilizar o correo postal ou mesmo a rede pública de telegrafía para os seus negocios fora da cidade, observaron as vantaxes de conseguir unha comunicación directa cos seus veciños máis próximos.
La Competidora, fábrica de pastas, foi a primeira en poñer un anuncio na prensa local (no de 9 de xullo de 1889) indicando a o seu número de teléfono. Probablemente xa tiveran os posibles interesados un listado dos abonados (o primeiro conservado de A Coruña é de 1890) polo que este anuncio era unha maneira de reforzar a imaxe da compañía.
Cumpre salientar a que a pesares de ter un número de teléfono, era utilizado meramente para simplificar as tarefas do operador da central telefónica, xa que a conmutación sería manual ata os anos 1920.
Diario de avisos de La Coruña Ano XVIII Número 9482, 9 de Xullo de 1889
A fabrica estaba situada no número 30 da Estrada de Santa Margarita, hoxe Avenida de Finisterre, sendo o seu propietario Manuel Sanjurjo Suárez. Estaba situada diante da praza de touros construida en 1885. O axente comercial de aduanas era Santiago Uceda (co número de teléfono 20 no directorio de 1890), que se traslada da rúa Barreira á Rúa Real e utilizaron a prensa para comunicar o troco de enderezo e volver a mencionar a disponibilidade para recoller pedidos telefónicos.
Diario de avisos de La Coruña Ano XVIII Número 9597 - 1 de Novembro de1889
A fábrica fora inaugurada en 1883 na Fonte de Santo Andrés, trasladándose con posterioridade á ubicación do anuncio, na Estrada de Santa Margarita, tamén a outro lugar con acceso a fontes de auga, necesario para o proceso de fabricación das pastas.
Na prensa da época defínese a esta nova empresa como moi avanzada, dotada de máquinas e cilindros e cun obrador con persoas moi competentes, agardando que o investimento na fábrica dera resultados económicos.
El Anunciador diario de La Coruña y de Galicia Num. 6739 - 8 de decembro de 1883
Ningún comentario:
Publicar un comentario