Amosando publicacións coa etiqueta Lugo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lugo. Amosar todas as publicacións

martes, 16 de maio de 2023

O proxecto de telefonía provincial en Lugo (1917-1923)

En novembro de 1916 o presidente da Deputación de Lugo, o Sr. Tapia, recibe por correo un esquema da rede provincial de Lugo preparado por Jose Francos Rodríguez, como Director de Comunicacións, na que se mencionan as centrais, subcentrais i estacións telefónicas. Recolle o establecemento do servizo en once centros telefónicos e una estación subcentral  en Vilanova del Lourenzá. As centrais serían en Lugo, Sarria, Becerreá, Ribadeo, Mondoñedo Viveiro, Vilalba, Chantada e Quiroga; que darían servizo a 72 estacións.  O distrito de Lemos, xa cuberto coa estación interurbana da Compañia Peninsular, que presta tamén o servizo urbano, queda exento do proxecto.

Esta nova ten unha boa acollida pola prensa, aínda que é pronto para ter datos sobre se implica custes, se deben ser asumidos polos concellos, se sería suficiente con aportar postes, etc. No proxecto provincial traballou parte do equipo de telégrafos, dirixido polo Sr. Bolaño i estima un coste de 834.000 pesetas para o estrablecementos das liñas (1474 quilómetros) e o arame de cobre de 3 mm. 

En xullo de 1917 o novo director de Comunicacións, o Sr. Ortuño, relanza os proxecto provinciais indicando que se comezaría por Galicia (cabe destacar que foi a última zona de España e chegar a telefonía interurbana) i, en particular, pola provincia de Lugo. 


Extracto do plan de telefonía nacional de Francos Rodríguez. 1917.


Mentres que en Pontevedra a deputación faría forza implicando ós concellos no proxecto, sería o director de Correos e Telegrafos o que tería que contactar, en novembro de 1918, ao presidente da Deputación para recabar o apoio ao proxecto. Esa comunicación non parece ter resposta rápida.

O proxecto parece quedar aparcado ata o 22 de marzo de 1921 onde os señores Julio García, Victor Basanta, Manuel Otero Soto e Antonio Pardo da Deputación provincial presentan no pleno unha proposta para a realización dun proxecto de rede provincial, baseado no proxecto de Francos. Créase a comisión que toma o acordo o 1 de marzo de 1922




Expediente da rede de telefonía provincial de 1921. ADPL sig2723.6

O 9 de decembro de 1922 tese noticia polo deputado D. Luis Rodríguez de Viguri da Real Orde que aproba a construcción da rede provincial, co orzamento actualizado según o proxecto de lei de 22 de xuño de 1921, onde reclama a deputación un 20% do custe. O custe sería 470.875,88 pesetas (máis do dobre do sinalado no proxecto de 1917, que estaba en 166.900,20 pesetas), aínda que se podería reducir un pouco ao existir xa as liñas de Lugo a Mondoñedo, de Mondoñedo a Viveiro e a Ribadeo. 

O subrecuste iniciaría un debate interno en febreiro de 1923 sobre a conveniencia de asumir os novos custes. O deputado Sr- Peñamaría roga que sexa extendida a rede á Fonsagrada (que curiosamente estaba no plan presentado, polo que debe ser un erro do deputado) e Meira. 

ADPL sig2723.6

 
ADPL sig2723.6

A mediados de 1923 e o interlocutor pasa de ser o Estado á sociedade "International Telephone and Telegraph Corporation" de New York, co novo proxecto de telefonía onde se desbota a idea de telefonía provincial en pro dun proxecto nacional que sería o xerme da compañía Telefónica, pese as críticas da prensa local

ADPL sig2723.6

ADPL sig2723.6


Para saber máis:

  • El norte de Galicia  diario político y de información Num. 4530 (02/12/1916); Núm. 6284 (24/02/1922): Num. 1703 (15/10/1922)
  • Verdad y justicia  semanario imparcial defensor de los intereses generales del distrito Ano II Número 81 - 9 de decembro de 1916; Ano II Número 82 - 16 de decembro de 1916
  • La voz de la verdad  diario católico con censura eclesiástica Ano VII Número 2453 - 12 de xullo de 1917; Ano VII Número 2455 - 14 de xullo de 1917; Año XII Número 4051 - 13 de outubro de 1922; Ano XII Número 4094 - 3 de decembro de 1922; Ano XII Número 4101 - 12 de decembro de 1922; Ano XII Número 4104 - 15 de decembro de 1922; Ano XIII Número 4161 - 21 de febreiro de 1923; Ano XIII Número 4163 - 23 de febreiro de 1923
  • El Diario de Pontevedra  periódico liberal Ano XXXIV Número 9976 - 19 de xullo 1917
  • Diario de Galicia periódico de la mañana, telegráfico, noticiero y de información general Num. 2775 (20/07/1917)
  • Boletín Oficial de la Provincia de Lugo Número 261 - 15 de novembro de 1918
  • El Progreso  diario liberal Año XIV Número 4081 - 23 de marzo de 1921; Ano XV Número 4370 - 2 de marzo de 1922; Ano XV Número 4605 - 5 de decembro de 1922; Ano XVI Número 4673 - 23 de febreiro de 1923; Ano XVII Número 4963 - 31 de xaneiro de 1924
  • El regional diario de Lugo Num. 12851 (23/03/1921); Num. 13063 (29/11/1921); Num. 13691 (15/11/1922); Num. 13715 (09/12/1922)
  • La Voz de Mondoñedo  periódico semanal Ano XVIII Número 968 - 28 de marzo de 1921
  • El Progreso  semanario independiente Ano XVI Número 3098 - 13 de decembro de 1922
  • Expediente telefónico. Arquivo Provincial de Deputación de Lugo. ADPL sig2723.6
  •  La Provincia  diario de información y de intereses generales Año II Número 221 - 17 de febreiro de 1924

venres, 17 de marzo de 2023

A telefonía no primeiro nacionalismo galego (1918)

O 17 e 18 de novembro de 1918 tería lugar a primeira asemblea nacionalista, organizada na cidade de Lugo no teatro Lugo-Salón da Rúa Aguirre (hoxe desaparecido) por parte das Irmandades da Fala. Curiosamente se recolle erróneamente que fora celebrado no Hotel Méndez Núñez.  Nesta asemblea marcaríase o ideario galeguista coa aprobación do Manifesto Nazonalista, considerado hoxe a base da teoría nacionalista ata a Guerra Civil, que deixaba atrás os principios rexionalistas, que non recollía "todal-as aspiraciós" dos presentes.

Teatro Lugo-Salon na marxe esquerda. Ano descoñecido. Arquivo Fernandez Arribes.


Este manifesto, asinado por 67 persoas, incluindo figuras senlleiras como Afonso D. Rodríguez Castelao, Vicente Risco o Anxel Casal, presentaba aspectos modernos na época coma a igualdade de dereitos para as mulleres (' pol-o menos no caso de emigrazón do marido'), así como un réxime fiscal propio, control da educación ou acabar coas deputación provinciais.

No capítulo IV recolle as competencias do Poder Galego, incluido no seu punto sétimo:

Correos e telégrafos: O seu servicio ó carrego do poder Central: a súa creación será cousa do poder autónomo; o servicio dos Teléfonos encarga do Poder Galego. A censura n-estes son poderá ser exercida pol-o Poder Central mais que no caso de guerra.


O teléfono estaba de moda, xa que acababa de chegar a telefonía interurbana a Galicia, e tamén a telefonía urbana á cidade de Lugo.


Fotografía dos asistentes á Asemblea Nacionalista. Autor descoñecido.


 Para saber máis:

  • A nosa terra boletín quincenal  idearium das Irmandades da Fala Número 73 e 74 - 5 de decembro de 1918
  • O Tío Marcos d'a Portela  parrafeos c'o pobo gallego Época Terceira Parrafeo 44 -  7 de decembro de 1918
  • Vida gallega  ilustración regional Ano X Volume VI Número 118 - 10 de decembro de 1918
  • El Diario de Pontevedra  periódico liberal Ano XXXV Número 10381 - 22 de novembro de 1918

 

domingo, 8 de xaneiro de 2023

A estación interurbana de Lugo (1913-1924)

Inaugurada a estación interurbana de Monforte en febreiro de 1914, sería a quenda de Lugo. Jose Ruiz Medina visitara Lugo en varias ocasións desde setembro de 1913. O lugar escollido sería a esquina das rúas Castelar (hoxe rúa do Teatro) e Manuel Becerra (hoxe rúa Progreso), no número 2 da primeira rúa, nos baixos da fonda Oriental e próximo á futura sede da rede urbana. A localización preferida era outro local da rúa da Raíña, pero as 'informalidades' do dono fixeron isto imposible. A data prevista de inauguración sería abril ou maio. 

Esquina de Castelar con Manuel Becerra. Lugar onde se localizaba o baixo ocupado pola Compañía Peninsular en 1914. Mapa de 1910. IGN.


O persoal chegaría o 2 de marzo de 1914 a Lugo para traballar no proxecto.  Nesa data xa están traballando en tender o cable desde Monforte, aínda que padecen varios atrasos polos temporais. O 15 de abril chega o xefe técnico Jose Ruiz Medina, xunto co xefe de montadores Francisco Aguilar, a Lugo para inspeccionar as obras xa finalizadas. O 27 de abril de 1914 realizáronse as primeiras probas con Monforte, Leon, Madrid e Córdoba ás que o responsable do servizo Eduardo del Pan invitou a varios medios. Como faltaba o mobiliario da central a data de inauguración adiouse ao 1 de xuño de 1914 ás seis da tarde, sendo a terceira de Galicia tras Monforte e Ourense.

Ubicación da central telefónica interurbana na rúa Castelar 2. Postal. Ano descoñecido.


A inauguración acudirían representantes da sociedade lucense e da prensa, que recibirin un lunch do hotel Méndez Núñez, invitados polo xefe da central o Sr. Mariano Arturo Fuentes Zaldívar, que sería director por bastantes anos. A primeira conferencia de pago sería con Xixón.

A estación estaba disponible só con horario limitado ata as oito da tarde. A Camara de Comercio de Lugo presionaría para aumentar o horario, que se faría efectivo uns meses mais tarde da apertura da central da Coruña, en marzo de 1915 pasado o horario a ser das oito da mañá ás dez da noite. En anos posteriores se seguiría ampliando o servizo.

En xuño de 1915 o Hotel Méndez Núñez conéctase, a falta de rede urbana, directamente á central interurbana, para poder chamar desde o propio hotel, sen ter que desprazarse á central. Trataríase do primeiro caso documentado deste caso en Galicia. Non sería o único, o xornal La Provincia, conectaríase directamente a central interurbana, sen pasar pola urbana, obtendo autorización en decembro de 1923.

Un intento de suicidio

O 10 de xuño de 1920 ocorreu un intento de suicidio na central telefónica, cando o oficial de teléfonos de 18 anos D. Justo Pérez Fafián, veciño do barrio de Paraday, pegouse un tiro sobre as cinco e cuarto da tarde. Sen perda de tempo foi recollido e levado á casa de socorro, onde o médico de garda, D. José Lomas (auxiliado polos practicantes Triviño e López) que detectaron unha ferida de catro centímetros na eminencia frontal dereita con orificio de entrada e saída, pero superficial. Cando se soubo o acontecido foi á central o xuiz de instrucción Sr Prada Vaquero para tomar declaración ao ferido, que se negou a detallar as causas, pero parece relacionado cuns amoríos contrariados. 

En xuño de 1921 Justo sería destinado a central interurbana da Coruña.

As queixas de 1924

Marzo de 1924 chega con queixas da prensa local á nova política da Compañía Peninsular que tasaba ás chamadas nos locutorios desde que comezan a entrar no locutorio, en lugar desde que se establece a chamada. Esta medida encende á prensa que padece bastantes avarías no servizo e demoras no establecemento de conferencias, a pesar de pagar un abono mensual  



Para saber máis:

  • La idea moderna  diario democrático en Lugo  Num. 6970 (05/02/1914); Num. 6992 (19/02/1914); Num. 7008 (10/03/1914); Num. 7025 (31/03/1914); Num. 7045 (24/04/1914); Num. 7075 (01/06/1914); Num. 7076 (02/06/1914); Num. 7118 (22/07/1914); Num. 7909 (10/04/1917); Num. 7910 (11/04/1917)
  • El Eco de Galicia  diario católico é independiente  Num. 2345 (21/02/1914)
  • El Correo de Galicia  Diario independiente de avisos y noticias Num. s.n. (04/03/1914); (18/03/1914); (03/06/1914); (22/07/1914) 
  • Galicia nueva  periódico regional, primer diario de Villagarcía Año VIII Número 2611 - 5 de marzo de 1914
  • La voz de la verdad  diario católico con censura eclesiástica Num. 948 (26/09/1913); Num. 1112 (16/04/1914); Num. 1123 (29/04/1914); Num. 1150 (02/06/1914); Num. 1542 (30/03/1915); Num. 1560 (09/06/1915); Num. 1653 (08/09/1915); Año VII Número 2413 - 24 de maio de 1917
  • El regional  diario de Lugo Num. 10135 (28/04/1914); Num. 10162 (01/06/1914); Num. 10163 (02/06/1914); Num. 11056 (22/12/1916)
  • El Correo gallego  diario político de la mañana Ano XXXVII Número 12025 - 29 de maio de 1914
  • Gaceta de Galicia  Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela Num. 93 (03/05/1914); Num. 110 (04/06/1914)
  • Faro de Vigo - 2 de xuño de 1914
  • El norte de Galicia  diario político y de información Num. 3855 (24/09/1913); Num. 3894 (10/11/1913); Num. 3908 (02/06/1914); Num. 4543 (17/12/1916); Num. 5488 (11/06/1920)
  • La Región  diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos Ano V Número 1306 - 3 de xullo de 1914; Ano V Número 1307 - 4 de xullo de 1914
  • El Diario de Pontevedra  periódico liberal Ano XXXI Número 9069 - 27 de xullo de 1914
  • El Progreso  diario liberal Año XII Número 3591 - 20 de agosto de 1919; Ano XVI Número 4914 - 4 de decembro de 1923; 
  • El Orzán  diario independiente Año III Número 716 - 12 de xuño de 1920
  • El Eco de Santiago  diario independiente Año XXV Número 10139 - 12 de xuño de 1920
  • El Compostelano  diario independiente Ano I Número 101 - 12 de xuño de 1920
  • La Integridad diario católico Num. 9350 (11/06/1921)
  • La Voz de Galicia de 12 de xuño de 1920
  • La Provincia  diario de información y de intereses generales Año I Número 159 - 4 de decembro de 1923; Ano XVII Número 4991 - 4 de marzo de 1924




mércores, 14 de decembro de 2022

Telefonía urbana en Ribadeo (1915 - 1919)

Xullo de 1915: Ribadeo obtén a concesión dun centro telefónico urbano para que fora xestionado polo corpo de telégrados. O deputado ribadense Ramón Bustelo González, futuro avó materno de Leopoldo Calvo Sotelo, intercedeu para lograr ese fin. Ramón levaría o teléfono número 1 desa rede. Esta concesión non gustou en Viveiro, que competía en importancia con Ribadeo naquel momento, que por medio de figuras locais e a prensa comezan a presionar a Jose Soto Reguera, o deputado polo distrito de Viveiro. 




Ramón Bustelo González. Las Cortes españolas. Las de 1910. 
Madrid, Tipografía Antonio Marzo, 1911


Exixíase 50 interesados e parece que pronto se alcanzou esa cifra. En outubro de 1915 consta a visita do xefe de liña da sección de telégrafos de Lugo, D. Luis López Ureta, para facer un estudo sobre a instalación do teléfono urbano. En abril de 1916 todavía non comezaran as obras, pero figura unha nova visita técnica, neste caso de D. Jose Sandoval, xefe de sección de telégrafos de Lugo.

Tras un periodo de paréntese, que pode deberse ao problema de suministros pola guerra mundial, en setembro de 1916 aparece unha referencia na prensa a que este xa se atopa en camiño. 

Neste intre a Compañía Peninsular de Teléfonos está instalando a rede interurbana en 10 cidades de Galicia, pero a Mariña parece quedar desestimada nesta primeira fase, pese as pretensións do deputado Bustelo.  En paralelo, en febreiro de 1917, o director xeral de telégrafos, o Sr. Francos Rodríguez, aproba o proxecto de instalación do servizo telefónico entre Lugo e Ribadeo, pasando por Vilalba, Mondoñedo e Vilanova de Lourenzá.

O 12 de marzo de 1917 anuncia o Sr. Francos Rodríguez a vontade de asistir a inauguración do servizo telefónico de Ribadeo, que tería lugar próximamente. Non chega a acudir nin parece haber unha celebración formal, pero a prensa recolle que o 5 de abril de 1917 o servizo xa está operativo, aínda que sería por pouco tempo. 

Postes de teléfonos en Ribadeo. Sen datar. Concello de Ribadeo


A conexión a Lugo sería levada a cabo polo xefe de sección, o Sr. Emilio Novoa. Sería unha liña nova de Lugo a Rábade e pasará por Vilalba (aínda que a falta de interese parece que motivará que non se instale unha central) e Mondoñedo, cun doble circuito de 2 mm de cobre, aproveitando os postes do telégrafo.

O 11 de agosto de 1917 sae publicado no boletín da provincia un procedimiento para o aluguer dunha casa en Ribadeo, cun prezo máximo de 1000 pesetas anuais, para o servizo telefónico urbano e vivenda do xefe da estación. O servizo telefónico urbano aparece como interrumpido neste periodo. O procedemento resulta ser ganado por Guillermo Pérez Pérez, que ofreceu unha casa na rúa San Juan de Ribadeo.

O 10 de maio de 1918 publícase na prensa que está en proceso o tendido do cable de Ribadeo a Lugo, faltando o tramo de Mondoñedo a Ribadeo. Enrique Bolaño, xefe da estación telegráfica de Lugo, comunica a apertura da conexión interurbana con o 7 de decembro de 1918, estando aberta ao público de 8 da mañá a nove da noite, sendo xestionado por oficiais do corpo de telégrafos.

Sae publicado na prensa as téoricas primeiras mulleres telefonistas de Galicia pertencentes ao corpo de telégrafos, que son destinadas á central de Ribadeo o 20 de agosto de 1918. Serían as auxiliares de terceira Dª Dolores Hernández Hilera e Dº María Antonia Murias López. 

En xaneiro de 1919 publícase como a liña que que conecta con Lugo queda suspendida polos temporais. Non se ten novas ata abril de 1921 onde se fala da recuperación do servizo con carácter permanente, atendido por un xefe, tres oficiais e unha auxiliar telefónoca. Existía en teoría comunicación con Lugo, pero un representante da Compañía Peninsular, en maio de 1921, para analizar a posibilidade de conectar esta vila coa capital.  De feito, aparece a inclusión na Real Orde de 26 de agosto de 1921 de creación de novas estacións da rede interurbana, xunto a Ortigueira, Ordes, Viveiro e Guillarei.


Para saber máis:

  • La idea moderna  diario democrático en Lugo. Num. 7390 (27/07/1915);   Num. 7468 (26/10/1915); Num. 7863 (13/02/1917); Num. 7881 (06/03/1917); Num. 8061 (15/10/1917); Num. 8283 (02/07/1918); Num. 8321 (20/08/1918); Num. 8403 (07/12/1918)
  • Verdad y justicia  semanario imparcial defensor de los intereses generales del distrito  Ano I Número 9 - 24 de xullo de 1915; Ano II Número 48 - 22 de abril de 1916
  • El Eco de Santiago  diario independiente Año XXI Número 9051 - 15 de novembro de 1916 ; Año XXI Número 9083 - 27 de decembro de 1916; Año XXII Número 9144 - 13 de Marzo de 1917; Año XXII Número 9270 - 17 de agosto de 1917; Ano XXIII Número 10067 - 9 de decembro de 1918
  • Gaceta de Galicia  Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela Num. 267 (29/12/1916); Num. 42 (21/02/1917)
  • La Correspondencia Gallega  diario de Pontevedra  Ano XXVIII Número 7941 - 9 marzo 1916; Ano XXVIII Número 8189 - 9 novembro 1916
  • El regional  diario de Lugo Num. 10964 (19/09/1916); Num. 11022 (14/11/1916); Num. 11663 (12/03/1917); Num. 11639 (03/07/1917); Num. 11962 (01/07/1918); Num. 11974 (15/07/1918)
  • Boletín Oficial de la Provincia de Lugo/ Número 241 - 17 de octubre de 1916;  Número 185 - 14 de agosto de 1917
  • Diario de Galicia periódico de la mañana, telegráfico, noticiero y de información general Num. 2505 (19/10/1916); Num. 2630 (24/02/1917); Num. 3074 (18/05/1918)
  • El Correo gallego  diario político de la mañana Ano XL Número 12953 - 5 de abril de 1917
  • El norte de Galicia diario político y de información Num. 4477 (03/10/1916); Num. 4594 (15/02/1917); Num. 5166 (07/12/1918); Num. 5131 (07/01/1919) 
  • La voz de la verdad  diario católico con censura eclesiástica Año VII Número 2336 - 20 de febreiro de 1917; Ano VII Número 2354 - 13 de marzo de 1917; Ano VII Número 2445 - 3 de xullo de 1917; Ano VIII Número 2876 - 7 de decembro de 1918; Ano VIII Número 2884 - 17 de decembro de 1918
  • Faro de Vigo. 15 de marzo de 1917
  • El Progreso  diario liberal Ano XI Número 3208 - 15 de maio de 1918; Ano XI Número 3288 - 20 de agosto de 1918; Ano XI Número 3379  8 de decembro de 1918; Ano XI Número 3379  8 de decembro de 1918; Año XII Número 3404 - 9 de xaneiro de 1919; Año XIV Número 4128 - 18 de maio de 1921
  • El Progreso  semanario independiente Ano XII Número 2134 - 14 de decembro de 1918
  • Galicia nueva  periódico regional, primer diario de Villagarcía Año XII Número 4727 - 12 de decembro de 1918
  • El Correo de Galicia  Diario independiente de avisos y noticias Num. 5231 (10/05/1918); Num. 5390 (08/01/1919)
  • El Orzán  diario independiente Ano I Número 150 - 3 de xullo de 1918
  • La Región diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos Ano X Número 2684 - 10 de xaneiro de 1919
  • La Voz de Mondoñedo  periódico semanal Año XVIII Número 971 - 18 de abril de 1921





sábado, 3 de decembro de 2022

As primeiras liñas privadas da provincia de Lugo (1893-1917)

Quedaba pendente unha publicación sobre ás liñas privadas da provincia de Lugo, despois de ter explorado ás outras provincias previamente. Cumpre recordar que hai varios tipos de liñas, como son:

  • Liñas de edificios públicos (concellos, deputación, etc)
  • Redes urbanas, que no caso de provincia de Lugo chegarían á capital, Monforte, Ribadeo, Viveiro e Mondoñedo nunha época tardía, a partires de 1916.
  • Redes interurbanas, que chegaron á cidade de Lugo en 1915, antes co teléfono urbano.  Por exemplo, o Hotel Méndez Núñez se conectou a rede interurbana nesa época.
  • Liñas particulares que ocupaban o espazo público (postes,...) que necesitaban de autorización da Dirección de Correos e Telégrafos e quedaron recollidas en Anuarios Telegráficos, que comentaremos a continuación
  • Liñas particulares interiores (dentro de edificios de uso xeral como balnearios, etc.)
  • Liñas públicas telefónicas para conexión a rede telegráfica, que se recolleron nesta publicación para os caso de  O Vicedo (1894) e Celeiro (1893)   https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/07/telefonia-municipal-no-mapa-telegrafico.html. A partir do século XX chegarían tamén a O Valadouro, Foz, Lourenzá, etc.
  • Liñas telefónicas reconvertidas en telegráficas, como foi o caso de Chantada (orixinaria en 1894)

Nesta publicación exploraremos aqueles casos de liñas e iniciativas particulares creadas antes de 1917 á marxe das grandes redes. Partindo da información compilada, incluíndo a aportada por Emilio Borque, temos estas referencia das Estadísticas Telegráficas de España do seguintes anos:

  • 1887: sen liñas particulares
  • 1895: sen liñas particulares
  • 1897: unha liña en Lugo e outra en Viveiro  (total: 2)
  • 1904: dúas liñas máis en Lugo e outra en Monforte (total: 5)
  • 1905: unha liña máis en Lugo, outra en Sargadelos e outra adicional en Viveiro (total: 8)
A tenor desta información, as primeiras liñas particulares da provincia de Lugo poderían ser as das compañías eléctricas de Lugo recollidas nesta publicación: 
se ben non sempre aparecían recollidas nos anuarios telegráficos, porque é posible que non conseguiran unha autorización expresa da dirección de correos e telégrafos ao utilizar os postes eléctricos para a montaxe da rede. 

Algunha liña, como é sería o caso da mencionada en Sargadelos, apenas ten referencias na prensa.  Neste caso parece construída en 1904, pero a primeira referencia atopada sería en 1908. Neste caso apúntase a que existía unha liña ata o salto de auga e turbina localizada á altura da alameda na antiga fundición.

1893
A compañía eléctrica que instala o servizo de alumeado público en Mondoñedo e que está instalando a turbina, está a realizar unha instalación de arames para o servizo telefónico.  A inauguración farase o 1 de marzo de 1893, sendo a segunda cidade galega despois de Pontevedra. Foi promovida por Francisco Armesto Vinuesa, contando coa colaboración de farmacéutico de Vilafranca do Bierzo Jesús Adrán, que colaborou con outros proxectos en Galicia. A liña conectaba o salto de Viloalle do río Tronceda (3 quilómetros ao norte) con Mondoñedo. Esta liña non aparecería no Anuarios Telegráficos. 
Máis tarde, en abril de 1909 presentarían un proxecto para a instalación dunha rede telefónica entre Ribadeo e Vilalba aproveitando a instalación dos cables eléctricos.

1896
Agustín Valcarce, xerente da compañía eléctrica de Monforte de Lemos, obtén autorización para a construción dunha liña telefónica particular, por un período de 10 anos, se ben non queda constancia de se uniría a sede da empresa en Monforte coa central eléctrica situada uns quilómetros, no río Cabe á altura de Ribas Altas, aproveitando o trazado eléctrico, ou sería unha nova instalación na contorna urbana. Esta debe tratarse da liña particular recollida nos anuarios de 1904 e 1905, xa que non existen referencias adicionais de liñas en Monforte.

1901
Constrúese unha liña de teléfono na nova liña do ferrocarril mineiro que se construía entre Porto Estreito (na entrada da ría de Ribadeo) e a mina de ferro de Vilaoudriz, cunha extensión de 33 quilómetros. A vía de tren entraría en servizo en 1903 e a inauguración do servizo telefónico en agosto de 1905. En 1903 construiríase tamén a liña, actualmente de FEVE, entre Viveiro e Ribadeo, que contaría tamén con teléfono.

Cargue de Porto Estreito en Ribadeo. Orixe: Ferrocarriles de España



1902 
José Díaz Gayoso en nome do enxeñeiro inglés D. Jorge Layman, veciño de Becerreá, presentou o 9 de agosto de 1902, no Goberno Civil de Lugo un proxecto para a construción dunha liña telefónica particular entre a casa do Sr. Layman e as oficinas da compañía mineira "The Lugo Goldsfields Limited" de Becerreá, da que era propietario e que quería explotar pirita de ferro, cobre e ouro. A autorización chegaría o 10 de outubro dese ano, pero non parece que se teña construído ao desistir desa empresa en 1904.

1906 
Jose Reimundo, veciño de Foz, solicita autorización para a montaxe dunha liña telefónica paralela á de transporte de enerxía entre o Pozo Capitán, no río Masma, no lugar de Cazolga, concello de Barreiros, e Ribadeo e Foz, co gallo de subministrar alumeado eléctrico en varios pobos da mariña lucense, a través de varias estradas do estado. Obtería autorización a primeiros de 1907.

1912 
Dodolino Trigo Paz solicitou permiso para a construción dunha liña particular pero non hai constancia de que puntos de Mondoñedo conectaba.  Dodolino, un dos promotores das Irmandades da Fala, era dono da eléctrica mindoniense, que era unha das primeiras liñas telefónicas construídas na provincia, e promotor dun par de xornais na cidade de Mondoñedo. Cabe pensar que esa liña conectaría a sua vivenda particular (na actual rúa Guevara) con algún destes negocios ou cunha finca da súa propiedade na parroquia de Masma.

Para saber máis: 
  • El lucense  diario católico de la tarde Num. 2489 (07/02/1893)
  • La Voz de Galicia. 9 de febreiro de 1893; 5 de xuño de 1895; 2 de xaneiro de 1912
  • El diario de Galicia  periódico católico e independiente Ano V Número 1233 - 5 de xuño de 1895 El regional  diario de Lugo  Num. 4652 (03/03/1896); N; um. 6772 (10/08/1902); Num. 6798 (05/09/1902); Num. 6831 (11/10/1902);  Num. 6908 (08/01/1903
  • La idea moderna  diario democrático en Lugo  Num. 3237 (01/10/1901)
  • El norte de Galicia  diario político y de información Num. 641 (24/03/1903); Num. 1630 (02/08/1906); Num. 2585 (18/08/1909)
  • El Eco de Santiago diario independiente Año XII Número 3462 - 5 de xuño de 1907
  • La Correspondencia Gallega  diario de Pontevedra Ano XXI Número 5742 - 9 abril 1909; Ano XXIV Número 6551 - 3 xaneiro 1912



luns, 1 de agosto de 2022

A telefonía urbana en Lugo (1900 - 1922)

 A última cidade en ter teléfono urbano en Galicia foi Lugo, xa no ano 1917. Foi a única que non tivo concesionarios privados, dado que foi construída polo corpo de Telégrafos ata o paso á Compañía Nacional de Teléfonos de España en 1924. Repasemos o proceso de creación desta rede urbana.


O 10 de xaneiro de 1900 publica o diario El Regional un artigo sobre o teléfono, onde falaba de que as dúas sociedades explotadoras da electricidade que existían na cidade debían adicar certos esforzos á construción dunha rede para a prestación do servizo de telefonía, como xa contaban Vigo ou A Coruña desde hai anos. Argumentábao indicando que centros de recreo, hoteis, administracións públicas, etc, xa serían uns trinta abonados fixos e que con oitenta de seguro que sería rendible. Así, bastaría con involucrar a banqueiros e comerciantes para acadar esa cifra.

Esa proposta sería recollida noutras cabeceiras da cidade, falando do interese suscitado na sociedade lucense. En El Correo de Lugo do 31 de xaneiro de 1900 se comenta que esta idea non é nova, xa que unha persoa xa estaba traballando nela (sen citala).


Foto Marín. Lugo. Muralla. 1928. Fundación Telefónica.


Un ano mais tarde, o 15 de xaneiro de 1901, pregunta El Regional polo suposto interese que existía, e intenta axilizar para ser a cuarta cidade de Galicia, xa que Santiago de Compostela xa incorporara ese servizo.

O 23 de febreiro de 1905 publica El Correo Gallego como varios accionistas da Eléctrica Lucense pensan establecer o servizo telefónico urbano, polo que teñen a intención de circular boletíns de subscrición para analizar a viabilidade do proxecto. Non se volven ter mais noticias deste proxecto.

Non existen novidades ata 1913, onde El Norte de Galicia publica que ían comezar os traballos do teléfono urbano en breve.  Pode que se tratara do concesionario de Ferrol, xa que La Idea Moderan indica o 27 de Maio de 1914 que tanto un representante dese concesionario como o director técnico estaban a facer os estudos necesarios para a instalación. Este medio da incluso un prezo de referencia para a subscrición mensual por 8 pesetas.  Esta nova iniciativa tamén fracasou.

A aposta pola Compañía Peninsular de Teléfonos

En Outubro de 1914 a rede interurbana xa estaba en construción o que levou a Cámara de Comercio de Lugo a falar coa Compañía Peninsular de Teléfonos, adxudicataria desa rede que uniría as principais cidades nun futuro, para que asumisen tamén o servizo urbano, como xa facían noutras zonas do Estado. A Cámara comeza a circular boletíns de subscrición cun custe mensual de 7,50 pesetas, sendo a instalación de balde.

En Novembro incítase na prensa a inscribirse para alcanzar o número mínimo de subscritores, que a compañía fixaba en 100. A intención da Cámara de Comercio é enviar esa listaxe xunto cun plano das localizacións á compañía para facilitar a posta en marcha da rede. O 4 de decembro de 1914 publica El Regional a primeira lista de 77 subscritores que se publica como anexo. A prensa recolle que se enviaron 110 mostras de interese, pero que a Compañía Peninsular de Teléfonos pedira 20.000 pesetas para acometer a instalación  que non estaban previstos na súa petición orixinal, causando unha gran indignación na Cámara de Comercio

A implantación por parte de Dirección General de Comunicaciones

En febreiro de 1915 o deputado D. Emilio Tapia recibe, do director xeral de Comunicacións, o Sr. Emilio Ortuño, a vontade de establecer o servizo telefónico usando o corpo de telégrafos. Esto foi froito dunha proposta para levar a telefonía a vilas de certo tamaño (maiores de 20.000 habitantes) e capitais de provincia que quedaran á marxe das iniciativas privadas, do que tamén se beneficiarían Ponteareas, Tui e outras capitais de distrito en Galicia. O resto das principais cidades xa contaban con ese servizo, nalguns casos (Vigo e Coruña) desde hai mais de 25 anos. 

Sede de telégrafos diante do Banco de España. Plano de Lugo. 1918. Benito Chías e Sixto Vizcaino. Alberto Martín Editor, Barcelona. Vía Instituto Geográfico Nacional



O local destinado ao servizo será na oficina de telégrafos, na rúa Castelar (hoxe rúa do Teatro) habilitando un local na parte posterior para oficina e telégrafos.  Aproveitase para limitar a área que cubrirá o servizo, marcando como límites a escola de Piugos, a Tolda, o alto de Garabolos, a fábrica de xabróns do Sr. Pillado, e o campo de tiro. O 8 de xullo chega a aprobación do proxecto por parte do director xeral de comunicacións. Xa en agosto dáse conta da recepción de boa parte do material.

A existencia previa do servizo interurbano en Lugo levou a ofrecer a posibilidade de subscribirse só para chamadas urbanas ou dar a posibilidade de ter chamadas interurbanas, xa que se faría unha interconexión con este servizo. Neste caso o dispositivo telefónico sería diferente. En xaneiro de 1916 publícanse as tarifas, que son as mesmas para todas as cidades onde o servizo se presta polo corpo de telégrafos, pasando de 4 pesetas ao mes para particulares a 10,40 pesetas no caso de restaurantes ou estacións de trens, mentres o servizo sexa de 7 a 22h. Se pasara a ser permanente podería incrementarse nun 20%.

A construción da rede vaise adiando en 1916, polo que o alcalde de Lugo, o Sr. López Pérez, visita ao novo director de comunicacións, D. Francos Rodríguez, en xaneiro de 1917. En marzo xa estaban construídas as arteiras norte, a da saída pola rúa da Estación e pola rúa San Marcos, as máis próximas a central telefónica. O xefe de liña, o Sr. Emilio Novoa González, achaca as demoras á resistencia dos veciños en aceptar a colocación de "palomillas" (soportes para os ailladores que permiten tirar o fío telefónico) nas fachadas das súas vivendas, especialmente na zona da praza de Santo Domingo e praza Maior. O 23 de abril de 1917 xa unha parte dos abonados pode utilizar o servizo.

A inauguración celébrase o 1 de xuño de 1917, de xeito discreto ao estar en obras aínda na central de telégrafos. A prensa agradece ao xefe de liña  e o xefe de telégrafos, o Sr. Enrique Bolaño, a súa adicación.  Publícanse as listaxes con 92 abonados, que se irán sumando mais nas seguintes datas mediante actualizacións na prensa (p.e o 30 de xullo xa figurarían 121 abonados). A mesma prensa recolle a necesidade de que facilitadores de servizos como as empresas de electricidade, policía de vixilancia, garda municipal, balneario, bombeiros, centros eclesiásticos etc. que non aparecen na primeira lista se sumen ao servizo para poder recibir notificacións dos abonados e incrementar o valor do servizo.

Construíuse unha torre hexagonal de ferro con capacidade para 460 abonados deseñada para soportar o peso ante inclemencias meteorolóxicas. Emilio Novoa, o xefe de liña nese período, publicou informacións na prensa con datos técnicos. Emilio sería un impulsor da profesión de enxeñería de telecomunicacións e un gran referente. Recentemente (2021) conta cunha excelente biografía realizada por Olga Pérez Sanjuán,(ver sección para saber máis).

Foto Marín. Lugo. Templete da central, hoxe na rúa do Teatro. 1928. Fundación Telefónica.


Complementando o servizo nos domicilios existía un locutorio público na sede de telégrafos, cun custe de 0,20 pesetas por cada tres minutos ao que tiñan acceso gratuito os abonados. Outro servizo interesante para os abonados era poder ter notificacións da hora de chegadas dos trens ou cotizacións en bolsa por tres pesetas mensuais (limitado a un reporte diario).

Os problemas no servizo

A prestación do servizo por parte do persoal do corpo de telégrafos, que tamén se daba en outras localidades como Ponteareas ou Tui, pasou a ser un problema en Lugo pola falta de persoal suficiente. A prensa local fíxose eco desa situación e comezou unha campaña para recabar maiores recursos dando conta dos grandes ingresos que recibían por parte dos abonados. En febreiro de 1918 reclámase persoal feminino, que se estaba formando na escola de Madrid nese momento.

Enrique Bolaño, xefe de telégrafos, informa o 3 de xaneiro de 1918 que algúns abonados están sufrindo problemas no servizo derivados da negativa do Hotel Oriental a permitir o acceso ao faiado para facer esas reparacións.  O hotel estaba disconforme porque a estructura montada estaba prevista para seis u oito fíos pero levaban conectados máis de sesenta i estaban preocupados por se podía danar a estructura. Esto obriga a cambiar a numeración de certos usuarios.

Ante as queixas de algúns abonados, que organizan incluso unha reunión o 27 de xuño de 1918, o inspector D. Miguel Vila Barraqué visita Lugo a finais de outubro de 1918 e comprométese a investir en novos equipos e tentar chegar a vilas próximas. Tamén pídese que o servizo sexa permanente. O xefe de telégrados, Enrique Bolaño, envía á prensa un comunicado indicando que precísase que máis da metade do abonados estén interesados nese servizo e que deben notificalo por escrito aceptando a sobrecuste do mesmo. 

Un novo conflito xurdiría en decembro de 1918 xa que o propietario do inmoble que aluga ao servizo telefónico quere subir as tasas e vense na obriga de sacar un concurso para o aluguer dun novo inmoble, que sae publicado o 11 de febreiro de 1919 polo xefe Enrique Bolaño, aínda que non queda constancia de que este cambio se realizara.

Os problemas para colocar palomillas obriga a propoñer a instalación de tres postes na praza da Santo Domingo,na esquina da rúa San Marcos; na rúa Manuel Becerra e onde se une a rúa de Armañá coa Praza de Santo Domingo. O concello pide a conformidade  en xullo de 1920 da policía local, que non autoriza o da rúa Becerra e da autorización provisional ao resto. Curiosamente en decembro de 1920 desaparece un poste, o da praza de Santo Domingo, que recibira queixa por non cumprir un mínimo de ornato.

Novas queixas en decembro de 1919

O ano 1919 pecharíase con fortes queixas por parte de abonado sobre a calidade do servizo. O 30 de decembro organízase unha reunión no Círculo das Artes onde un grupo confirma que non van a pagar os abonos e deciden enviar unha misiva ao ministro de Gobernación y ao director xeral de Comunicacións, ademáis de manter reunións co alcalde, gobernador civil e presidente da cámara de comercio.

O 1 de xaneiro de 1920 a maior parte dos abonados presentan a baixa no servizo, fartos dos problemas de calidade (o teléfono do hospital non funciona; é necesario chamar varias veces á central para comunicar, perdendo ata 15 minutos; etc.) relacionados coa falta de persoal do corpo de telégrafos para atender o servizo. A prensa menciona a reducción de dúas auxiliares a só unha para atender o servizo.

El norte de Galicia diario político y de información Num. 5635 (07/01/1920)

O inspector D. Enrique Utiniaga, tras chegar as noticias da baixa masiva á Dirección de Comunicacións, visita a cidade i entrevístase coa traballadores, abonados e a prensa. As queixas dan resultado e asignar máis persoal feminino á central que chega no mes de marzo (aparecen mencionadas na prensa Araceli Jiménez Zurbano, Emilia López Saavedra ou Josefina Peláez López, esta en 1922). O xefe de sección, Manuel Ballesteros, comunica que os que notificaron a baixa que non volvan pagar o servizo terán consideración de baixa definitiva.

A crónica de 1922

El Progreso recolle esta curiosa crónica dunha visita a central telefónica e que ocorre coa telefonista.


El Progreso  diario liberal Año XV Número 4583 - 9 de novembro de 1922



Para saber mais: 
  • El Regional: 10 de xaneiro de 1900; 15 de xaneiro de 1901; 27 de outubro de 1914; 20 e 27 de novembro de 1914; 4 de decembro de 1914; 4 de xaneiro de 1916; 1 de agosto de 1916; 12 de maio de 1917; 5, 9 e 28 de xuño de 1917; 13 de agosto de 1917; Num. 13105 (17/01/1922); Num. 13108 (20/01/1922); Num. 13564 (07/06/1922)
  • La Idea Moderna: 24 de xaneiro de 1900; 27 de maio de 1914; 30 de outubro de 1914; 10, 20 e 27 de novembro de 1914; 8 y 9 de febreiro de 1915; 8 de xullo de 1915; 21 de agosto de 1915; 4 de setembro de 1915; 26 de novembro de 1915; 27 de abril de 1917; 28 de maio de 1917; 1 e 4 de xuño de 1917; 29 de setembro de 1917; 19 de decembro de 1917;  Num. 8136 (03/01/1918); Num. 8148 (17/01/1918); Num. 8384 (13/11/1918); Num. 8438 (23/01/1919) 
  • El Correo de Lugo: 25 e 31 de xaneiro de 1900
  • Gaceta de Galicia: 26 de xaneiro de 1900
  • El Correo Gallego: 23 de febreiro de 1905; Ano XLI Número 14659 - 27 de xuño de 1918
  • El Norte de Galicia: 30 de setembro de 1913; 26,27 e 31 de outubro de 1914: 27 de novembro de 1914; 9 de febreiro de 1915; 18 e 25 de Marzo de 1915; 23 de xullo de 1915; 30 de xaneiro de 1917; 4 de abril de 1917; 31 de maio de 1917; 2 de xuño de 1917; 17 e 19 de xullo de 1917; 13 e 18 de agosto de 1917; 11 de setembro de 1917;  Num. 5029 (11/06/1918); Num. 5161 (12/02/1919); Num. 5185 (17/03/1919); Num. 5635 (07/01/1920); Num. 5645 (19/01/1920); Num. 5538 (09/08/1920)
  • La Voz de la Verdad: 26 de outubro de 1914; 20 de novembro de 1914; 10 de febreiro de 1915; 12 de xuño de 1915; 10 e 30 de marzo de 1917; 10 e 23 de abril de 1917; 11 de maio de 1917; 18 de xullo de 1917; Ano VIII Número 2855 - 13 de novembro de 1918; Ano VIII Número 2883 - 16 de  decembro de 1918; Ano IX Número 3200 - 31 de decembro de 1919;  Ano X Número 3207 - 12 de xaneiro de 1920; Ano X Número 3256 - 10 de marzo de 1920; Ano X Número 3350 - 5 de xullo de 1920; Ano X Número 3374 - 2 de agosto de 1920; Ano XII Número 3942 - 6 de xuño de 1922
  • La Correspondencia Gallega: 30 de outubro de 1914; 5 de maio de 1916; 16 de xullo de 1916
  • La Región: 31 de outubro de 1914
  • El Correo de Galicia: 9 de agosto de 1915; 19 de xaneiro de 1916; 2 de abril de 1917
  • El Progreso: 24 de maio de 1917;  Ano XII Número 2092 - 26 de outubro de 1918
  • Boletín Oficial de Provincia de Lugo: 24 de xuño de 1915; 3 de xullo de 1915; 4 de setembro de 1915; 14 de febreiro de 1919.
  • El Noroeste: Año XX Número 9496. 24 de xullo de 1915; Ano XXIII Número 10272 - 14 de xaneiro de 1918
  • Historia de una profesión. Biografía de Emilio Novoa. Autora: Olga Pérez Sanjuán. COIT. 2021.
  • El Progreso  diario liberal Ano XI Número 3099 - 3 de xaneiro de 1918; Ano XI Número 3100 - 4 de xaneiro de 1918; Ano XI Número 3115 - 22 de xaneiro de 1918; Ano XI Número 3139 - 20 de febreiro de 1918; Ano XI Número 3142 - 23 de febreiro de 1918;  Anno XI Número 3176 - 5 de abril de 1918; Ano XI Número 3339 - 19 de outubro de 1918;  Ano XI Número 3342 - 23 de outubro de 1918;  Ano XI Número 3360 - 14 de  novembro de 1918; Ano XII Número 3461 - 18 de marzo de 1919;Ano XII Número 3704 - 30 de decembro de 1919; Ano XIII Número 3706 - 1 de xaneiro de 1920; Ano XIII Número 3721 - 18 de xaneiro de 1920; Ano XIII Número 3761 - 5 de marzo de 1920; Ano XIII Número 3858 - 4 de xullo de 1920; Ano XIII Número 3879 - 29 de xullo de 1920; Ano XV Número 4331 - 21 de xaneiro de 1922; Ano XV Número 4583 - 9 de novembro de 1922
  • La Voz de Galicia: 18 de decembro de 1918
  • El Ideal gallego  diario católico, regionalista e independiente Num. 888 (31/12/1919)
  • El Diario de Pontevedra : periódico liberal: Ano XXXVII Número 10728 - 5 de xaneiro de 1920
  • El Orzán diario independiente Año III Número 603 - 1 de xaneiro de 1920
  • El Eco de Santiago  diario independiente Año XXV Número 10266 - 3 de xaneiro de 1920

Tarefas pendentes: 
  • Consultar o arquivo do Concello de Lugo incluido o libro de actas do pleno municipal
  • Localizar listas con abonados ao servizo, xa que a primeira guía conservada é de 1928.


ANEXO

Lista de interesados no servizo a 4 de decembro de 1914.
  • Deputación provincial
  • Concello
  • Julio Núñez
  • Eduardo Prieto Rivera
  • Pedro Romero e irmáns
  • Emilio Tapia
  • Hotel Méndez Núñez
  • Sergio Rivera
  • Augusto Pozzi
  • Pujol y Arriaga
  • Cárcere do partido
  • Angel López Pérez
  • La Hispano Belga
  • Gran Clínica Veterinaria
  • Jose Gayoso Castro
  • Colexio "El Progreso"
  • Circulo das Artes
  • Salvador Castro Freire
  • Travadelo e Compañia
  • Banco de España
  • Ramón Saavedra
  • Julio Iglesias Fariña
  • Souto Montenegro y Pedrosa
  • Casino
  • Pedro Irizar
  • Carlos Alonso
  • Germán Alonso
  • Demetrio Alvarez
  • Agustín Pita
  • Hipólito Pliado
  • Lugo Salón
  • Fulgencio Manso
  • Gerardo Castro
  • Jesús Bal
  • Juan Núñez taller de mecánica
  • Germán Pérez Peña
  • Rogelio Nondedeu
  • Cooperativa militar e Civil
  • Goberno militar
  • Ofinas de obras públicas
  • Antonio Fernández
  • Antonio Pardo y Pardo
  • El Norte de Galciia
  • Delegación de Facenda
  • Alejo Madarro
  • Economato Civico Militar
  • Jose Herrero Lobejón
  • Tomás Pérez Carro
  • Manuel PArdo Becerra
  • Goberno Civil
  • José Páramo
  • Honorio Manso
  • Juan Manuel Pardo y Pardo
  • Viuva e fillos de Jose Sánchez
  • El Progreso
  • H Vera
  • Academia de Nosa Señora dos Ollos Grandes
  • El Regional
  • La Voz de la Verdad
  • Ilmo Señor Bispo
  • Destacamento de reximento de Zamora
  • Viuva de Peche
  • Reverendos PP Franciscanos
  • Hotel La Oriental
  • Xefe de suministros da praza
  • Hotel Comercio
  • Empresa de Augas
  • Audiencia Provincial
  • Oficinas do servizo agronómico
  • Campo de experimentación agrícola
  • Instituto de segunda ensinanza
  • Constantino Velarde
  • Estación de Ferrocarril
  • Camara de Comercio
  • Jesús Rodríguez López
  • Empresa arrendataria de consumos
  • La Idea Moderna

sábado, 23 de abril de 2022

A pegada en Galicia de Emilio Novoa como enxeñeiro (1917-1918)

Emilio Novoa González naceu en Ourense en 1895. Emilio era fillo dun telegrafista, orixinario de Con 18 anos ingresou no Corpo de Telégrafos como alumno da primeira promoción da escola superior de telegrafía en 1913, polo que pode considerarse como parte da primeira promoción de enxeñeiros de telecomunicación en España en 1917, ademais de ser o primeiro doutor. 

Emilio Novoa. Sen datar. 


Antes de adicarse en a docencia en 1924 tivo varios destinos (incluíndo Vigo, Lugo, Ourense e Coruña), comezando a súa vida profesional como membro do corpo de telégrafos con destino en Lugo, (tras unhas poucas semanas como xefe da liña do centro de Madrid) onde estábase a construír en 1917 a rede de telefonía urbana, dependente dese corpo. Desprázase coa súa muller a cidade e pasan a vivir no número 50 da Ronda de Santiago.

El Correo de Galicia : Diario independiente de avisos y noticias: Num. 4911 (30/03/1917)

Consulta nesta publicación a labor de Emilio Novoa na posta en marcha da rede urbana de Lugo:  https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/08/a-chegada-telefonia-urbana-en-lugo-1900.html


El regional : diario de Lugo: Num. 11616 (12/05/1917)


Emilio tiña unha forte vocación divulgativa, polo que acabaría participando como docente de enxeñería de telecomunicacións, polo que acostumaba deixar artigos técnicos en prensa especializada, pero tamén en prensa galega.  Por exemplo, no diario "El Norte de Galicia" de 2 de xuño de 1917, onde co gallo de inauguración da central da detalles técnicos sobre a construción, que dificilmente sería comprensible polo gran público. 

La Voz de Galicia - 11 de agosto de 1917

Así, detalla como a tipoloxía de arame de bronce (de 8 quilogramos por quilómetro) cunha torre (ou templete) dimensionada para 460 abonados deseñada para soportar a tensión dos fíos (peso, vento, etc). Desde a torre baixa una barra de fusibles protectores para descargas de corrente, a través de cables de están recubertos de papel chegan ao cadro da central.


Consulta nesta publicación como Emilio Novoa axudou a construir a rede de telefonía urbana en Ribadeo e a súa conexión coa rede de Lugo: https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/12/telefonia-urbana-en-ribadeo-1915-1917.html


Emilio tivo tempo de participar nalgunha das polémicas intrínsecas ao seu posto. Unha sería derivada da típica negativa dos propietarios a que se instalaran a apoios metálicos ou "palomillas" nos edificios para a condución dos cables. Seguramente por medo a descargas de tormentas.  Outro conflito, xa inherente ao corpo de telégrafos, sería a folga de 1918, da que participaría ata a o punto de asinar un comunicado, xunto a outros colegas, que se publicou na prensa. A estadía de Emilio en Lugo sería breve, xa que 13 meses máis tarde tomaría destino a Valladolid e, dende aí, a Madrid. 



La voz de la verdad : diario católico con censura eclesiástica: Año VIII Número 2679 - 1918 abril 4


Emilio tería oportunidade de volver a Galicia xa como avogado (que cursaría nos anos seguintes) e político. Así foi gobernador civil da provincia da Coruña durante a segunda república e membro do partido radical autónomo galego, xunto a Jose Gurriarán.

Para saber máis:
  • El Correo de Galicia : Diario independiente de avisos y noticias: Num. 4911 (30/03/1917); Num. 5202 (05/04/1918)
  • El Progreso : semanario independiente: Ano XI Número 2200 - 1 de abril de 1917
  • La voz de la verdad : diario católico con censura eclesiástica: Ano VII Número 2421 - 2 de xuño de 1917; Ano VIII Número 2666 - 19 de marzo de 1918; Ano VIII Número 2679 - 14 de abril de 1918;  Año VIII Número 2754 - 15 de xullo de 1918
  • Diario de Galicia: periódico de la mañana, telegráfico, noticiero y de información general: Num. 2808 (23/08/1917)
  • Gaceta de Galicia : Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela: Num. 80 (05/04/1918)
  • Historia de una profesión. Biografía de Emilio Novoa. Autora: Olga Pérez Sanjuán. COIT. 2021.
  • La Voz de Galicia. 11 de agosto de 1917; 4 de abril de 1918.



O mindoniense Cándido Martínez na reclamación salarial dos telegrafistas de 1880

 Candido Martínez Montenegro foi un deputado liberal durante tres décadas por Mondoñedo (Lugo), que nos ano 1881 - 1883 sería director de Co...