Amosando publicacións coa etiqueta 1912. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 1912. Amosar todas as publicacións

sábado, 3 de decembro de 2022

As primeiras liñas privadas da provincia de Lugo (1893-1917)

Quedaba pendente unha publicación sobre ás liñas privadas da provincia de Lugo, despois de ter explorado ás outras provincias previamente. Cumpre recordar que hai varios tipos de liñas, como son:

  • Liñas de edificios públicos (concellos, deputación, etc)
  • Redes urbanas, que no caso de provincia de Lugo chegarían á capital, Monforte, Ribadeo, Viveiro e Mondoñedo nunha época tardía, a partires de 1916.
  • Redes interurbanas, que chegaron á cidade de Lugo en 1915, antes co teléfono urbano.  Por exemplo, o Hotel Méndez Núñez se conectou a rede interurbana nesa época.
  • Liñas particulares que ocupaban o espazo público (postes,...) que necesitaban de autorización da Dirección de Correos e Telégrafos e quedaron recollidas en Anuarios Telegráficos, que comentaremos a continuación
  • Liñas particulares interiores (dentro de edificios de uso xeral como balnearios, etc.)
  • Liñas públicas telefónicas para conexión a rede telegráfica, que se recolleron nesta publicación para os caso de  O Vicedo (1894) e Celeiro (1893)   https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/07/telefonia-municipal-no-mapa-telegrafico.html. A partir do século XX chegarían tamén a O Valadouro, Foz, Lourenzá, etc.
  • Liñas telefónicas reconvertidas en telegráficas, como foi o caso de Chantada (orixinaria en 1894)

Nesta publicación exploraremos aqueles casos de liñas e iniciativas particulares creadas antes de 1917 á marxe das grandes redes. Partindo da información compilada, incluíndo a aportada por Emilio Borque, temos estas referencia das Estadísticas Telegráficas de España do seguintes anos:

  • 1887: sen liñas particulares
  • 1895: sen liñas particulares
  • 1897: unha liña en Lugo e outra en Viveiro  (total: 2)
  • 1904: dúas liñas máis en Lugo e outra en Monforte (total: 5)
  • 1905: unha liña máis en Lugo, outra en Sargadelos e outra adicional en Viveiro (total: 8)
A tenor desta información, as primeiras liñas particulares da provincia de Lugo poderían ser as das compañías eléctricas de Lugo recollidas nesta publicación: 
se ben non sempre aparecían recollidas nos anuarios telegráficos, porque é posible que non conseguiran unha autorización expresa da dirección de correos e telégrafos ao utilizar os postes eléctricos para a montaxe da rede. 

Algunha liña, como é sería o caso da mencionada en Sargadelos, apenas ten referencias na prensa.  Neste caso parece construída en 1904, pero a primeira referencia atopada sería en 1908. Neste caso apúntase a que existía unha liña ata o salto de auga e turbina localizada á altura da alameda na antiga fundición.

1893
A compañía eléctrica que instala o servizo de alumeado público en Mondoñedo e que está instalando a turbina, está a realizar unha instalación de arames para o servizo telefónico.  A inauguración farase o 1 de marzo de 1893, sendo a segunda cidade galega despois de Pontevedra. Foi promovida por Francisco Armesto Vinuesa, contando coa colaboración de farmacéutico de Vilafranca do Bierzo Jesús Adrán, que colaborou con outros proxectos en Galicia. A liña conectaba o salto de Viloalle do río Tronceda (3 quilómetros ao norte) con Mondoñedo. Esta liña non aparecería no Anuarios Telegráficos. 
Máis tarde, en abril de 1909 presentarían un proxecto para a instalación dunha rede telefónica entre Ribadeo e Vilalba aproveitando a instalación dos cables eléctricos.

1896
Agustín Valcarce, xerente da compañía eléctrica de Monforte de Lemos, obtén autorización para a construción dunha liña telefónica particular, por un período de 10 anos, se ben non queda constancia de se uniría a sede da empresa en Monforte coa central eléctrica situada uns quilómetros, no río Cabe á altura de Ribas Altas, aproveitando o trazado eléctrico, ou sería unha nova instalación na contorna urbana. Esta debe tratarse da liña particular recollida nos anuarios de 1904 e 1905, xa que non existen referencias adicionais de liñas en Monforte.

1901
Constrúese unha liña de teléfono na nova liña do ferrocarril mineiro que se construía entre Porto Estreito (na entrada da ría de Ribadeo) e a mina de ferro de Vilaoudriz, cunha extensión de 33 quilómetros. A vía de tren entraría en servizo en 1903 e a inauguración do servizo telefónico en agosto de 1905. En 1903 construiríase tamén a liña, actualmente de FEVE, entre Viveiro e Ribadeo, que contaría tamén con teléfono.

Cargue de Porto Estreito en Ribadeo. Orixe: Ferrocarriles de España



1902 
José Díaz Gayoso en nome do enxeñeiro inglés D. Jorge Layman, veciño de Becerreá, presentou o 9 de agosto de 1902, no Goberno Civil de Lugo un proxecto para a construción dunha liña telefónica particular entre a casa do Sr. Layman e as oficinas da compañía mineira "The Lugo Goldsfields Limited" de Becerreá, da que era propietario e que quería explotar pirita de ferro, cobre e ouro. A autorización chegaría o 10 de outubro dese ano, pero non parece que se teña construído ao desistir desa empresa en 1904.

1906 
Jose Reimundo, veciño de Foz, solicita autorización para a montaxe dunha liña telefónica paralela á de transporte de enerxía entre o Pozo Capitán, no río Masma, no lugar de Cazolga, concello de Barreiros, e Ribadeo e Foz, co gallo de subministrar alumeado eléctrico en varios pobos da mariña lucense, a través de varias estradas do estado. Obtería autorización a primeiros de 1907.

1912 
Dodolino Trigo Paz solicitou permiso para a construción dunha liña particular pero non hai constancia de que puntos de Mondoñedo conectaba.  Dodolino, un dos promotores das Irmandades da Fala, era dono da eléctrica mindoniense, que era unha das primeiras liñas telefónicas construídas na provincia, e promotor dun par de xornais na cidade de Mondoñedo. Cabe pensar que esa liña conectaría a sua vivenda particular (na actual rúa Guevara) con algún destes negocios ou cunha finca da súa propiedade na parroquia de Masma.

Para saber máis: 
  • El lucense  diario católico de la tarde Num. 2489 (07/02/1893)
  • La Voz de Galicia. 9 de febreiro de 1893; 5 de xuño de 1895; 2 de xaneiro de 1912
  • El diario de Galicia  periódico católico e independiente Ano V Número 1233 - 5 de xuño de 1895 El regional  diario de Lugo  Num. 4652 (03/03/1896); N; um. 6772 (10/08/1902); Num. 6798 (05/09/1902); Num. 6831 (11/10/1902);  Num. 6908 (08/01/1903
  • La idea moderna  diario democrático en Lugo  Num. 3237 (01/10/1901)
  • El norte de Galicia  diario político y de información Num. 641 (24/03/1903); Num. 1630 (02/08/1906); Num. 2585 (18/08/1909)
  • El Eco de Santiago diario independiente Año XII Número 3462 - 5 de xuño de 1907
  • La Correspondencia Gallega  diario de Pontevedra Ano XXI Número 5742 - 9 abril 1909; Ano XXIV Número 6551 - 3 xaneiro 1912



martes, 29 de novembro de 2022

A subcentral urbana de Marín (1910-1912)

A primeira experiencia coa telefonía en Marín sería por parte de Eusebio Mendez, que recibiu autorización para instalar unha liña particular entre a súa casa de Marín e a fábrica de salazón que tiña en Aguete. 

Pasamos á telefonía urbana. Agosto de 1910. A prensa recolle a instalación do fío telefónico de Pontevedra a Marín, que sería o cerne da futura subestación de telefonía urbana, dependente da capital. Antes os usuarios de Marín xa podían solicitar a subscrición directa con Pontevedra, ao estar dentro do radio de servizo da concesión de Pontevedra, pero o custe era proporcional á distancia. Abrir un central local permitía reducir os custes de 19 a 8 pesetas mensuais. En 1910 Pontevedra contaba con 196 abonados, polo que, coñecendo que algúns era de Marín, deciden crear esta subcentral para 30 abonados. Cumpre salientar que Pontevedra alcanzou xa eses case 200 abonados no primeiro ano de servizo, xa que foi inaugurada en xaneiro dese ano.

A construción parece adiarse, polo que non aparece novas ata 1912, de novo en xaneiro, cando Claudio Corbal comunica a inauguración da central no grupo escolar (lugar que hoxe mantén o nome de "O grupo" na Rúa Concepción Arenal número 40). O Sr. Corbal obsequiou as presentes no acto de inauguración, celebrado o 10 de xaneiro de 1912 ás catro e media da tarde, con pastas, licores e habanos. Estaban presentes Félix Massó, alcalde de Marín; Julio Lloret, secretario de concello; Sr. Medrano, comandante de mariña; o médico Sr Coello; o xefe de telégrados e o oficial Sr. Martínez del Toro; e boa parte da prensa da vila.


Poste de teléfonos na Rúa Real. Postal. Páxina web do concello de Marín, Ano descoñecido.

O conflito de 1924

Manuel Corbal reclama o cumprimento do acordo do pleno de 26 de febreiro de 1911 sobre o pagamento dunha cota para o financiamento do servizo, que pasados 13 anos todavía non se pagara. Serían 3500 pesetas ademáis do dereito a utilizar o Grupo Escolar como central telefónica.

El pueblo gallego  rotativo de la mañana Ano I Número 209 - 1924 setembro 28


Os primeiros abonados 

A guía de teléfonos do Anuario da Compañía Peninsular de 1916 é o primeiro directorio conservado con referencia aos abonados de Marín. O primeiro abonado sería Antonio Pazos Fontela, presidente da Deputación de Pontevedra.

  • 1 D. Antonio Pazos Fontenla
  • 2 Concello de Marín
  • 3 Colegio de la Inmaculada Concepción
  • 4 D. Manuel Costa (Estribela)  
  • 5 Perez y Quevedo  
  • 6 D. Luis Fontán 
  • 7 Lonxa de Marín
  • 8 Hijos de Rocafort (Sres.), consignatarios  
  • 9 D. Angel Taboada, consignatario 
  • 10 D. Benito Suarez e Compañía, carbones
  • 11 D. Jose Alcantara, carbones 
  • 12 D. Lucas Beledo, ultramarinos  
  • 13 Cochera Portuguesa  
  • 14 D. Pedro Gataña, farmacia  
  • 15 D. Juan Manuel Martinez, Vicecónsul de Portugal  
  • 16 D. Angel Herrero y Hermanos, conservas  
  • 17 Marques de Riestra (Sr.), fabrica de conservas  
  • 18 D. Jose del Rio  
  • 19 D. Manuel Martinez Garabal, tejidos  
  • 20 Brea y Hermida  
  • 21 D. Faustino Fraile, Cara parroco.  
  • 22 D. Jose Sobral Portela, tejidos.  
  • 23 Colegio dos Placeres  
  • 24 Comandancia de Mariña  
  • 25 D. Carlos Romay, Medico  
  • 26 D. Jose Veiga, consignatario  
  • 27 Hermitas Amor  
  • 28 D. R. Castro Barreiro, drogueria  
  • 29 D. Joaquin Nantes, efectos navales
  • 30 D. Ezequiel Massoni  
  • 31 D. Narciso Nores  
  • 32 D. Jose Santiago. (Estribela)  
  • 33 D. Jose Nistal Perez, almacen de raba y salvado  
  • 34 Notario de Marín  
  • 35 Cuartel da Garda Civil.  
  • 36 D. Martin Gómez, fabrica de xelo (Placeres)   
  • 37 D. Jose Sancho  
  • 38 D. Julio Lloret Masse  
  • 39 D. Secundino Lorenzo Tonza, Medico  
  • 40 Asociación de Navieiros  
  • 41 D. Jose Perez Grana, Tabacalera i efectos navais  
  • 42 D. Jose Puga Alvarez (Cantoarena)




Pasa saber máis:

  • La Voz de Galicia. 1 de agosto de 1910
  • Faro de Vigo. 22 de novembro de 1910
  • Diario de Galicia periódico de la mañana, telegráfico, noticiero y de información general Num. 593 de 23 de novembro de 1910
  • El Noroeste Año XV Número 5485 - 24 de novembro de 1924
  • El Eco de Santiago diario independiente Año XVII Número 4900 - 12 de xaneiro de 1912
  • El Diario de Pontevedra  periódico liberal Ano XXIX Número 8299 - 10 de xaneiro de 1912
  • La Correspondencia Gallega  diario de Pontevedra Ano XXIV Número 6556 - 10 de xaneiro de 1912
  • El Progreso  semanario independiente Ano VI Número 597. 11 de xaneiro de 1912
  • La Libertad Num. 326. 11 de xaneiro de  1912
  • El Correo de Galicia Diario independiente de avisos y noticias. 12 de xaneiro de  1912
  • El pueblo gallego  rotativo de la mañana Ano I Número 209 - 28 de setembro de 1924


luns, 10 de outubro de 2022

Os primeiros anos da telefonia en Santiago (1902-1922)

A Gaceta de Madrid publica unha nova poxa o 18 de xaneiro de 1902, con características idénticas á realizada en 1900, tras ter desistido Manuel Bárcena do seu proxecto. O Boletín da Provincia tamén publica o anuncio, neste caso o 1 de febreiro de 1902. O prazo de presentación de propostas finaliza o 21 de febreiro de 1902 sen terse presentado ningunha proposta.

Gaceta de Madrid. 18 de xaneiro de 1902


Raimundo Núñez Codesal, veciño comerciante e industrial de Betanzos e autor do proxecto de telefonía da cidade de Santiago de Compostela que se utilizou xa n poxa de 1900, utiliza o seu dereito preferente sobre este concurso e obtén a autorización para a construción e explotación da rede por un período de 20 anos. 

As obras comezan en maio de 1902, coa construción da torre na central telefónica, localizada na Rúa Vilar número 30, que por unha publicación de 1918 parece que terían contrato de aluguer por vinte anos. A data para a inauguración do servizo sería o día do Apástolo, o 25 de xullo de 1902. A prensa recolle progresivas incorporacións da abonados ao servizo nas seguintes datas, así como a petición de Raimundo dunha maior colaboración da veciñanza para instalar 'palomillas' nas fachadas para poder tirar os fíos de teléfono.

A Cámara de Comercio, en abril de 1903, fai un acordo co concesionario para rebaixar o prezo nas casas comerciais ao mesmo cos abonados particulares, sempre que se alcance un número de 100 subscritores, polo que a Cámara fai unha campaña de captación que da froitos o 30 de xuño de 1903. 

Postal de Santiago de Compostela. Rúa do Vilar ao carón da central telefónica. Ano ~1910



O teléfono na estación de tren de Cornes

A Cámara de Comercio tamén mostra interese na instalación dun teléfono na estación de tren do veciño concello de Cornes, para conectar coa liña que vai ata Carril e que é moi utilizada, para o transporte de mercadorías, por parte dos comerciantes de Santiago. Esta instalación demórase durante moito tempo. Do interese inicial en abril de 1903 aparecen repetidos intentos en 1904, 1906, 1913 e 1914 onde o servizo estivo activo só por tempo limitado. 

A estación de Cornes lugar das primeiras probas de telefonía en 1878:   https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/07/1878-as-probas-na-lina-carril.html

El Eco de Santiago. 7 de setembro de 1904

Cando o servizo estaba activo non parecía ser unha prioridade para os traballadores de compañía ferroviaria do Sr. Trulock. Sería o Sr. Joaquín Otero Bárcena, presidente da Cámara de Comercio en 1914 que acordaría con Manuel Sanjurjo, concesionario da rede urbana de Vilagarcía i empresario da compañía La Regional de automóbiles entre A Coruña e Santiago, o servizo telefónico que intercomunicaba coa estación de tren de Carril. Para elo, chegaría a un acordo co Sr. John Trulock, responsable da compañía de trens e Mariano. M. Villoslada, responsable da concesión telefónica de Santiago de Compostela.

Manuel Sanjurjo e a primera telefonía móvil: https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/07/autocares-la-regional-primeira.html


Postes telefónicos na Rúa da Senra. Ano ~1910.  Autor descoñecido


A conexión da policía

O uso do teléfono para notificar problemas graves á policía ou corpo de bombeiros parece un dos casos de utilización máis evidentes, pero foron sempre corpos que demoraron a súa conectividade á rede. Dez anos despois de ter dispoñible o servizo, el 1912 a Benemérita, na súa casa-cuartel, e os gardas de seguridad estaban aínda sen conectividade á rede. O concelleiro D. Lorenzo López de Rego presenta unha proposta no pleno que se leva a cabo, no caso da garda de seguridade municipal en setembro de 1912. 


Queixas dos abonados

Ao igual que noutras cidades, a calidade do servizo telefónico ocasionaba queixas de diversa índole. en febreiro de 1911 as queixas proceden da propia compañía telefónica, con ameazas de subir o custe mensual a aquelas familias que cedan o teléfono a terceiros para facer chamadas.     

En 1913 e 1915 existiron períodos de queixas por parte dos abonados, moitas veces dirixidos pola propia Cámara de Comercio. O 1 de febreiro de 1916 publica o novo director da rede, o Sr. Juan Couto Devesa, fillo de Isidoro Couto, administrado da sociedade de gas i electricidade, indicando que o servizo non é malo e que, actualmente,  conta con 174 abonados.  Fai unha comparación cos prezos doutras redes urbanas para salientar que é similar incluso a outras públicas (como o servizo en Lugo) e da Compañía Peninsular (en Betanzos).  Xusto ese ano, en Xuño de 1916 toma posesión Eduardo Ferreño Adrán.

As queixas volverían á prensa en 1919, focalización no director da rede, o Sr. Couto, e o xefe Sr. Ferreños. e, xa en 1922, nunha gran mobilización de abonados, tratada nesta publicación:

A reunión de abonados de Santiago de 1922: https://telefoniagalicia.blogspot.com/2023/06/a-reunion-de-abonados-de-santiago-de.html

Mapa de Santiago de Compostela. Ano 1901. Wagner & Debes, Leipzig.

Para saber máis: 

  • El Áncora. Núm 1908 de 19 de abril de 1902; Núm 1451 de 12 de xullo de 1902
  • El Eco de Santiago.  Núm 1285 de 18 de xaneiro de 1902; Núm 1354 de 22 de febreiro de 1902; Núm 1200 de 17 de maio de 1902;  Núm. 1241 de 10 de xullo de 1902; Núm. 1271 de 30 de agosto de 1902;  Núm 1396 de 27 de xaneiro de 1903; Núm 1488 de 17 de abril de 1903; Núm 2927 de 21 de xullo de 1904; Núm 2966 de 7 de setembro de 1904; Núm 4311 de 23 de febreiro de 1906; Núm 8889 de 14 de febreiro de 1911; Núm 9505 de 18 de maio de 1912; Núm 6477 de 5 de xaneiro de 1914; Núm 6485 de 15 de xaneiro de 1914; Núm 6477 de 22 de decembro de 1915; Núm 7112 de 1 de febreiro de 1916; Núm 7152 de 18 de marzo de 1916; Núm 8940 de 4 de xullo de 1916; Núm 9157 de 29 de marzo de 1917; Núm 9850 de 21 de novembro de 1917; El Eco de Santiago  diario independiente Año XXIII Número 9987 -  7 de maio de 1918
  • La Voz de Galicia. 18 e 20 de xaneiro de 1902; 2, 15 e 26 de febreiro de 1902; 12 de xullo de 1902; 
  • La Correspondencia Gallega. Núm 3602 de 21 de xaneiro de 1902; Núm 3625 de 17 de febreiro de 1902; Núm 2655 de 26 de marzo de 1902; Núm 3698 de 19 de maio de 1902:  Núm 3728 de 24 de xuño de 1902; Núm 3970 de 20 de abril de 1903; Núm 4261 de 15 de abril de 1904; Núm 4819 de 26 de febreiro de 1906;
  • Faro de Vigo. 21 de xaneiro de 1902; 14 de setembro de 1919; 4 de outubro de 1919;
  • Gaceta de Galicia: Núm. 61/1913 de 15 de marzo de 1913; Núm. 9/1914 de 13 de xaneiro de 1914;  Núm. 3/1916 de 3 de febreiro de 1916; Núm. 33/1916 de 9 de marzo de 1916; 
  • El Diario de Pontevedra. Núm 8889 de 17 de decembro de 1913
  • El Noroeste: Núm 1876 de 11 de xullo de 1902
  • Diario de Galicia. Núm 1117 de 24 de agosto de 1912; Núm 1133 de 12 de setembro de 1912; Núm 1463 de 12 de outubro de 1913; Núm 1533 de 8 de xaneiro de 1914; Núm 2381 de 16 de xuño de 1916; Núm 2664 de 29 de marzo de 1917;
  • El Regional. Num 7007 de 22 de abril de 1903;  Num 7185 de 25 de outubro de 1903;  Num 7198 de 24 de febreiro de 1904 
  • La Idea Moderna. Num 3326 de 19 de xaneiro de 1902; Núm 3525 de 20 de setembro de 1902
  • El correo Gallego. Núm 7949 de 27 de febreiro de 1902
  • El Correo de Galicia. 30 de xuño de 1903; 8 de outubro de 1903; 12 de xaneiro de 1912
  •  El Compostelano diario independiente Ano V Número 1270 - 19 de maio de 1924


O mindoniense Cándido Martínez na reclamación salarial dos telegrafistas de 1880

 Candido Martínez Montenegro foi un deputado liberal durante tres décadas por Mondoñedo (Lugo), que nos ano 1881 - 1883 sería director de Co...