mércores, 14 de agosto de 2024

Dos mensaxeiros reais á rede de postas en Galicia

A primeira referencia ao correo ten lugar por parte de Alfonso X (1221-1284) no libro das sete partidas, que recolle a figura dos mandadeiros reais, responsables de levar as mensaxes do Rei mantendo a confidencialidade.

O correo “moderno” chegou a primeiros do século XVI. A raíña Xoana I de Castela é quen encomenda a organización dos Correos nas súas posesións a unha familia de Bérgamo, os Tassis. Francisco de Tassis recibiu o encargo de establecer comunicacións postais entre España, Francia, Alemaña e os Países Baixos en 1505. Esa familia sería a encargada de xestionar os Correos Maiores (xestores das postas) e os correos a cabalo (cabaleiros que traballaban nas rutas) durante máis de douscentos anos. As postas eran posadas e paradas, onde se podía cambiar de cabalo.

O Estado ten así unha rede de postas e guías de camiño, que permite simplificar a loxística e manter tramos en risco fora do alcance dos bandoleiros. Os camiños precarios de aquela época teñen certa coincidencia coas principais vías de comunicación. Así, a posta de Madrid a Coruña, aínda que tivo dúas alternativas para cruzar os Ancares, coincide en boa parte coa autoestrada actual. Variantes desa vía principal foron a entrada por Seabra ata Ourense (tamén semellante a autoestrada das Rías Baixas) e as ramificación cara a Tui, Pontevedra, Mondoñedo ou Ferrol. Estánconservados moitos mapas da época (especialmente do século XVIII) e libro guía coas distancias entre postas.

Aparecen mencionados nestes libros lugares apenas coñecidos na actualidade, pero que deberon ter certo peso nas dinámicas económicas da época como Cazebraira (trátase de Cerdeira, no Concello de San Xoán de Río) ou con nomes deturpados como Pontares (Ponteareas) ou Zarraceda (Maceda).

Extracto de Mapa de 1721, marcadas en vermello as paradas de postas. Alexis-Hubert Jaillot


O servizo de Coruña con Madrid sería aproximadamente de dúas veces á semana, cunhas 26 postas, que levarían varios días. Na ruta do Norte, desde Coruña, se aseguraba resposta de Madrid en dúas semanas, por tres da ruta desde Pontevedra. Así, en 1716 publicouse o “Descripcion general para escrivir a todas las ciudades de España, Villas, y Lugares mas remotos de ella, Reynos, y Potencias Estrangeras, con los dias en que llegan, y parten los Correos de esta Corte, y demas Caxas de todo el Reyno ... en conformidad de el Decreto de su Magestad de 7 de Diciembre de 1716” que recolle doce estafetas (“caxas” no vocabulario da época) en Galicia: Santiago, Coruña, Betanzos, Ourense, Lugo, Mondoñedo, Monforte, Sarria, Tui, Vigo, Pontevedra e Vilagarcía.


O servizo permanecería baseado nestas premisas ata a chegada do tren, que cambiaría as dinámicas, permitindo ter respostas desde Madrid ao día seguinte. Diariamente as cidades e vilas polas que pasaba a vía do tren recibían un tren correo.

Mapa postal de 1757. Gilles Robert de Vaugondy.

A expansión do correo nun territorio como Galicia, con moita presencia poboacional e unha grande dispersión foi complexa (é aínda segue a selo). O servizo baseado en postas e vías principais e unha serie de estafetas requiría rematar unha rede en estrela que permitira chegar a todos os puntos. O ministerio correspondente creaba poxas para que cidadáns puideran optar a prestar o servizo durante un tempo entre dúas poboacións, ben con carro, cabalo ou directamente a pé.

Extracto Libro guía de Guinalt en 1785 con algunhas paradas de postas en Galicia.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

O telegrafista espía da Coruña na I Guerra Mundial.

No 26 de novembro 1918, apenas quince días despois do fin da guerra, recíbese a queixa do embaixador de Estados Unidos sobre un empleado do ...