Amosando publicacións coa etiqueta 1886. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 1886. Amosar todas as publicacións

sábado, 29 de outubro de 2022

As primeiras liñas privadas na provincia de Ourense (1886 - 1917)

Existen diferentes tipoloxías de liñas telefónicas: 


Nesta publicación exploraremos aqueles casos de liñas e iniciativas particulares creadas antes de 1917 á marxe das grandes redes.

1886

O fotógrafo i electricista Pedro Pernas Rolle, no seu despacho da travesía da rúa Alba (hoxe Cardenal Quiroga) de Ourense. Notifica na prensa que vai facer ensaios para unha instalación telefónica, sendo o aparente precursor da telefonía en Ourense. Apenas deixou pegada da súa actividade profesional na cidade polo que hai un halo de misterio sobre a súa persoa.

Selo do fotógrafo. Fotografía no Museo Etnográfico de Ribadavia. Ano ~1886


1901

Marcelino Suárez cursa solicitude de autorización para a instalación dunha rede telefónica privada entre O Barco de Valdeorras e as canteiras de Xagoaza, das que era propietario. Pode que a liña se establecera coa fábrica de cal "Caleras de Valdeorras" que tiña no lugar de Valorca.

No mesmo ano solicita tamén unha liña particular Joaquín Arias Quirós, no que non hai moitas referencias no hemeroteca, entre O Barco de Valdeorras e Veiga de Cabo (nas proximidades do río Forcadela). Joaquín tería actividades no sector bancario e na política con posterioridade.  Puido estar relacionado con actividades relacionadas co viño, xa que se laiaba en artigos da prensa da chegada da filoxera.

1904 

Jesús Palacios Ramilo, irmán do famoso arquitecto Antonio Palacios, era enxeñeiro axudante de obras públicas que tivo a concesión para o aproveitamento enerxético no río Bubal de Verín (localización) que levaría a luz eléctrica a Verín e, aproveitando ese trazado, tamén a implantación dunha liña telefónica. Esta liña, de terse construido, non aparecería no anuario telegráfico.

Ramón Gómez Nogueira, propietario da Banca Nogueira en Ribadavia, na rúa do Progreso, e a súa casa particular. Ramón era un comerciante de tecidos reconvertido en banqueiro grazas ás relacións con emigrantes e bancos de América.

Via Emilio Borque temos información do número de liñas particulares en 1904 e 1905 dos anuarios das Estadísticas Telegráficas de España, coincidindo en número en ambos anos. 

  • 3 liñas en Ourense no concello de Ourense (sen constancia de cales poden ser)
  • 2 liñas en O Barco de Valdeorras (sen dúbida, as liñas de Marcelino Suárez e Joaquín García)
  • 1 liña en Ribadavia (sen dúbido a liña da Banca Nogueira)

1905

D. Jacinto Becerra Romero, para conectar o balneario de Requeixo en Vilaza, en Monterrei (localización), que comezara a operar en 1899, hoxe practicamente desaparecido, e a vila de Verín, entendendo que na sede de Correos e Telégrafos para dar servizo aos auguistas que acudían nesas datas ao balneario.


1908

Francisco Conde Balvís xestionaba o servizo eléctrico na cidade de Ourense. Dispuña da central do Castadón no río Lonia (localización) que entrara en servizo en 1902 e unha central termoeléctrica nos Remedios de Ourense (hoxe desaparecida), conectadas aproveitando o trazado da liña eléctrica.  En 1905 constrúe a fábrica de enerxía do río Mao (localización) en Parada do Sil, para dar servizo a máis vilas (incluida Maceda) e estar conectada con central de Tui. Así, aproveitando o trazado eléctrico obtén unha autorización para conectar Maceda coa Central do río Mao i esta con Ourense.

Central do río Mao. Ano 1910 (aprox). Fundación Barrié.


Para saber máis: 

  • Blog Ourense no tempo: https://ourensenotempo.blogspot.com/2019/02/algo-mas-de-pedro-pernas-rolle.html
  • Faro de Vigo. 2 de abril de 1886
  • El Eco de Galicia. Num 341 de 10 de abril de 1901
  • La Correspondencia Gallega. Núm. 3327 e 3329 de 15 e 18 de febreiro de 1901; Núm 4291 de 23 de maio de 1904; Núm 5655 de 19 de decembro de 1908
  • El Eco de Santiago. Núm. 3038 de 6 de decembro de 1904
  • El Correo de Galicia de 16 de xuño de 1905
  • El regional. Diario de Lugo. Núm 7632 de 15 de xuño de 1905
  • Gaceta de Galicia  Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela Num. 91 (23/04/1892)

mércores, 19 de outubro de 2022

Os teléfonos privados na provincia de Pontevedra no século XIX

 Sen dúbida o primeiro caso foi de rede privada foi o de Antonio López de Neira en 1886, que se recolleu nun artigo previo: 

https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/08/lopez-de-neira-primeira-lina-de.html

No resto do século XIX temos localizadas once liñas particulares máis no provincia de Pontevedra. Hai que ter en conta que a rede urbana de Vigo se inaugurou en 1889, polo que potenciais demandantes de liñas particulares viron colmadas as súas necesidades co servizo urbano. Así, varios comerciantes tiñas liñas na súa casa e negocio, polo que non aparecen recollidos neste artigo. Ademáis destas liñas particulares, existían liñas municipais para conectar cos servizos de telegráfia do Estado, que se recollen neste artigo:

https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/07/telefonia-municipal-no-mapa-telegrafico.html

As instalacións particulares, en ocasións, estaban vencelladas a redes eléctricas polo que utilizaban as súas propias instalacións, pero noutros casos facían unha ocupación da vía pública mediante a instalación de postes. Estes proxectos detállanse a continuación por orde cronolóxica.

1888 

Jose María Riestra López, futuro Marqués de Riestra, era un empresario e banqueiro pontevedrés. Solicitou unha liña de teléfono particular entre a súa casa na Rúa Michelena 30 (tamén sede da banca) e a sua casa de campo, o Pazo da Caeira en Poio (localización), cunha lonxitude aproximada de 1.5km 

1889 

Manuel Barcena Franco, Conde de Torrecedeira, banqueiro e posuidor de propriedades, para construir unha liña telefónica entre a súa casa rúa Real (Vigo) e unha finca en Cedeira, hoxe chamado Pazo de Torrecedeira (localización) no concello de Redondela. Nesta data xa estaba en construcción a casa Barcena, no  

Evaristo Babé, ex alcalde de A Coruña, entre a fábrica de refinado de petróleo "La viguesa" na praia de Guixar e as oficinas de compañía na rúa do Ramal, que tres anos máis tarde se chamaría Rúa Colón. A extensión aproximada sería de 2.5 km. Este mesmo ano chegaría a rede urbana á que se conectarían posteriormente.


1890

Gumersindo Otero García conectando a fábrica de papel de Riobó na Estrada (localización), que fora construida en 1741 e que el rexentaba, coa súa casa particular, o Pazo da Mota (localización) na mesma parroquia, cunha distancia inferior aos 2km. A construción da rede ten sido feita polo Sr- Rodriguez Cea de Pontevedra

Fábrica de papel de Riobó (A Estrada) actualmente. Orixe: link


1891

Conexión entre o Colexio da Compañía de Xesús na parroquia de Camposancos no concello de A Guarda (localización) e a casa do médico Leonardo Álvarez ubicada no lugar de Coruto, na parroquia de Salcidos do mesmo concello. O padre Francisco Gárate sería o enfermeiro naquel momento, cando o colexio contaba cuns 200a alumnos internos, que usaría o teléfono para avisar de casos graves e que o médido se desprazara ao colexio en cabalo. A rede Tería unha extensión dun 2.7 km.

Colexio Santiago Apostol (pp. Xesuitas) en Camposancos (A Guarda). Sen datar. Orixe: link


1895

Ulpiano Buhigas Abad posuía unha propiedade e unha fábrica de fósforos en Carril. Solicitou a creación dunha rede que conectara con Cesures, aínda que descoñecemos os intereres que tiña nesa poboación. A lonxitude da rede, preto de 15 km leva a pensar que usaría o trafado dos cables telegráficos da liña de tren.

1896

A instalación dun teléfono en 1896 entre a recén ianugurada fábrica de luz A Miuduña" de Tebra de Tomiño (localizacion) e a sede da compañía de electricidade dos señores Comesaña e Leiras, cun proxecto levado a cabo por Jesús Adrán, que participou na rede eléctrica doutras vilas. A extensión desta liña sería duns 15 km. aproveitando os postes dos cables eléctricos.



1897

En febreiro de 1897 comúnicase a autorización a Manuel Novo Faílde e Antonio Sierra Prieto para instalar unha liña particulae en Pontecesures.  Neste caso non queda constancia de que dous puntos conectaba, Ambos posuían unha tenda de ultramarióos e importacións coloniais a grande escala, principalmente con América. No caso de Novo tiña tamén negocios de 'ferros' e ferretaría en Padrón, así como canteiras de  arxila e fábrica de tellas en Valga, pero parece ser que a instalación da liña estaba limitada a Pontecesures.

1899

Laureano Salgado para conectar a fabrica de Azucreira Galega en Portas, que está aínda conservada (localización) coa sua casa en Caldas de Reis (situada na rúa que leva o seu nome), cunha distancia de 1800 metros. Laureano está considerado un dos impulsores da electrificación en Galicia, impulsor do balneario e gran hotel de A Toxa, así como varias centrais hidroeléctricas, casas de baños e actividades filantrópicas. A azucreira, creada no mesmo 1899, tras a perda de Cuba, principal fornecedor de azucre da época. A falta de cultivos de remolacha e a competencias doutras azucreiras foron a causa do peche en menos de catro anos.

Restos da Azucreira Galega de Portas actualmente. Orixe: link

Manuel Becerra Armesto entre o Pazo de Gandarón en Salcedo, en Pontevedra, (localización) hoxe misión biolóxica de Galicia, dependente do CSIC, e o Teatro Principal, que comprara uns anos antes na cidade de Pontevedra. Ao pouco de ter a liña telefónica o pazo padecería un incencio que obrigou á súa reconstrucción. A rede contaba cunha extensión duns 3 km. e quedaría dentro do servizo urbano de 1902.


1900

O enxeñeiro francés Ernesto Presser Dauphin entre a súa casa de Vilagarcia e a fábrica da "sociedade galega de electricidade", antes chamada "Electra de Segad" de Segade, en Caldas de Reis (localización), onde construira unha central hidroeléctrica, nunha fervenza do río Umia. Desde esa central daban servizo a Valga, Caldas de Reis, Vilagarcía, Cambados ou Padrón. A extensión da rede de telefonía sería de 15 km. onde aproveitaría o trazado da liña eléctrica.


Para saber máis

  • Faro de Vigo. 9, 18 e 28 de abril de 1889
  • La Voz de Galicia. 8 de novembro de 1890
  • El Obrero. Semanario. Núm 10 de 31 de agosto de 1890
  • La Integridad. Diario de Tui. Núm 609  de 18 de decembro de 1891
  • El Eco de Galicia. Núm 1685 de 23 de decembro de 1891
  • Gaceta de Galicia. Núm. 253 de 6 de novembro de 1895; Núm. 295 de 11 de outubro de 1899;  Núm. 308 de 28 de novembro de 1899
  • La Opinión. Diario de Pontevedra. Núm 295 de 29 de xaneiro de 1897
  • La Correspondencia Gallega. Núm 2933 de 18 de outubro de 1899
  • El Diario de Pontevedra. Núm. 4799 de 12 de maio de 1900

xoves, 25 de agosto de 2022

López de Neira: primeira liña de teléfono de Vigo en 1886

Antonio López de Neira aparece en artigos como o posuidor da primeira liña telefónica de Galicia en 1886. Non é así. Antes xa Andres A. Comerma en Ferrol, aínda que de xeito experimental, e Fernando Rubine en 1885 na Coruña tiveron as súas propias. Eso si, a de López de Neira foi, con diferencia, a de maior lonxitude ao pasar de 4 quilómetros.

O 13 de xaneiro de 1886 recibiu autorización para establecer un fío de comunicacións entre a súa casa no inicio da rúa do Principe (Príncipe nº 8) e a fábrica de papel da súa propiedade "La Cristina" sita na parroquia de Lavadores (hoxe Severino Covas 159). Tratábase así da primeira liña da provincia (se descontamos a liña de tren de Carral a Santiago, onde se utilizaba a telefonía para a xestión do servizo) e pode (salvo un posible servizo de teléfono que podería ter existido na casa de baños La Iniciadora) que a primeira experiencia de telefonía na cidade de Vigo.

Antonio López de Neira xa era coñecido polo seu carácter innovador na cidade, ao ser o primeiro posuidor da luz eléctrica no seu domicilio, como aparece recollido nas crónicas de 1880, e por ceder esa luz para as procesións do Cristo da Victoria.

López de Neira como alcalde de Vigo. ~1897


Esta iniciativa a López de Neira despertaría o interese doutros industriais, como era o caso de Manuel Bárcena e Franco, que posuía tamén unha fábrica en Lavadores, neste caso de curtidos. 

La Cristina aportaría papel para o Faro de Vigo ou para a imprenta de Juan Compañel, que participarían xunto a Antonio Sanjurjo Badía como socios na empresa, polo que da súa fábrica saería a materia prima utilizada na edición de algunha obra de Manuel Murguía e Rosalía de Castro. Utilizaba un salto no río Lagares para mover as turbinas, onde aínda se conservan os edificios i estructura orixinal.

Detalle da inauguración de La Cristina. El Miño. 2 de marzo 1862


Para saber mail:

  • Faro de Vigo. 21 de xaneiro de 1886; 29 de agosto de 1886.
  • La Voz de Galicia. 24 de xaneiro de 1886

Tarefas pendentes:
  • Buscar posibles fotografías no Arquivo Pacheco

sábado, 6 de agosto de 2022

A Coruña: o proxecto fallido de rede municipal de 1886

 O pleno do 11 de xaneiro de 1886 os concelleiros Sres. Juan E. Pan e Jose Quiroga, do Concello de A Coruña, presentan unha moción para conseguir o establecemento dunha central telefónica na casa consistorial para poder recibir as notificacións de calquera sinistro na cidade (principalmente incendios) ou outros usos que puideran ser de interese público. A idea sería que desa central saísen dous fíos condutores, un aos arrabaldes de Santa Lucía e outro na cidade vella (chamada Cidade Alta naquel momento).  

Plano da cidade de 1910. Revisado por Sixto Vizcaíno e o Concello de A Coruña. Instituto Geográfico Nacional

Jose Quiroga, que debe tratarse do ex-marido de Emilia Pardo Bazán, reclama que se trate con carácter urxente nunha comisión específica pero, tras a contribución do Sr. Mayor Rivas, decídese que a proposta sexa analizada na comisión de fomento coa participación de ambos señores, para analizar o proxecto e conseguir a aceptación do goberno central sobre esa instalación.

Naquel momento a cidade contaba unicamente co teléfono privado do recentemente falecido Sr. Rubine o, probablemente, a liña privada do Sr. Cervigón, polo que se trataba dunha innovación relevante por parte destes dous concelleiros. O Diario de Avisos do 13 de xaneiro indica que as únicas cidades que contan con teléfonos para notificacións de incendios son Madrid e Barcelona e rogas as concelleiros que apoien esa proposta. 

La Voz de Galicia do 16 de xaneiro fala de sete estacións (teléfonos) municipais en lugar de dous, tras ter noticias da comisión do fomento. No seguinte pleno municipal, do 18 de xaneiro dáse conta da reunión desa comisión, onde tras analizar o Real Decreto de 11 de Agosto de 1884 e obter a opinión do arquitecto municipal, deciden enviar unha instancia de solicitude ao Director Xeral de Correos e Telégrafos vía o Gobernador da provincia. As sete localización estarían indicadas nun plano que non se conserva actualmente. 

O Sr. Jose Quiroga reclamaba a urxencia do proxecto para contribuír a sufocar posibles incendios. Pola contra, o Sr. Mesa indicaba que non tiña tanta urxencia e requería unha maior análise. Pasouse a votación e gañou a postura do Sr. Mesa:

Non urxente:

  • Juan Mesa Rodríguez
  • Segundo Pintado Cervigón
  • Benigno Morodo Gómez
  • Pablo Ibáñez Godó
  • Juan Antonio Garcia Collazo
  • Ricardo Vidal Alonso
Urxente:
  • Joaquín de la Torre Morales
  • Ramón Carreras Presas
  • Jose Quiroga Pérez
  • Alejandro Brandao Piñeiro
  • Juan E. Pan de Soraluce

Retrato de José Quiroga Pérez. Fotógrafo L. W. Kurtz. Depósito da Real Academia Galega. Ano 1870 a 1873

No  seguinte pleno, do 25 de xaneiro de 1886 indícase que debe solicitarse ao Director Xeral de Correos e Telégrafos a exención de todo gravame sobre a explotación desa rede. A estimación económica do custe de instalación é de 840 pesetas, adicionais ás 287,70 pesetas do custe das casiñas de madeira para cada teléfono. 

O Sr. Mesa indica que o mais rápido o aviso por parte dos gardas municipais e serenos, utilizando os asubíos, do que pode conseguir o sistema telefónico, polo que solicita a retirada da proposta. O Sr. Quiroga rebate que por teléfono pode darse información precisa sobre a tipoloxía do suceso, aportando, por exemplo, información de se está a ocorrer un evento no mar. Unha vez debatido procedeuse á votación:

En contra do proxecto:

  • Juan Mesa González
  • Segundo Pintado Cervigón
  • Pablo Ibáñez Godó
  • Alejandro Brandao Piñeiro
  • MAnuel Martínez Pérez
  • Canuto Berea Rodríguez
  • Juan Antonio Garcia Collazo
A favor do proxecto:
  • Jose Quiroga Pérez
  • Juan E. Pan de Soraluce
  • Ricardo Vidal Alonso
  • Juan Arias Taracido
  • Francisco Sevilla García
  • Saturnino Alonso López
  • Juan Aler Rey
Empatada a votación procederase a repetir a mesma na seguinte sesión. O Diario de Avisos do 28 de xaneiro fai unha crítica mordaz ao Sr. Mesa.

O 1 de febreiro repítese a votación desaprobando o proxecto por nove votos contra oito, quedando finalmente descartado:

En contra do proxecto:

  • Juan Mesa González
  • Manuel Lamela Greque
  • Mayor Rivas
  • Segundo Pintado Cervigón
  • Pablo Ibáñez Godó
  • Francisco Leal Campos
  • Alejandro Brandao Piñeiro
  • Canuto Berea Rodríguez
  • Juan Antonio Garcia Collazo
A favor do proxecto:
  • Jaime Casanova Mirabent
  • Joaquín de la Torre Morales
  • Carreras Presas
  • Jose Quiroga Pérez
  • Juan E. Pan de Soraluce
  • Juan Arias Taracido
  • Saturnino Villelga García
  • Luis Yllá Acosta

La Voz de Galicia, que se mostraba independente sobre a proposta, ao non darlle especial relevancia, cualifica a actitude dos opositores ao proxecto como "obedecendo a pasións de baixa estofa". Refire que os concelleiros "coa súa ignorancia" aplicaron a sentencia "o que non ten opinión propia contradí aos que si a teñen" e menciona unha circular do Sr. Mesa aos concelleiros para que non asistisen ao pleno para que o proxecto fora desestimado, pechando o artigo co cualificativo de "ineptos" aos opositores ao proxecto.

Para saber máis: 

  • Diario de sesións do pleno municipal de A Coruña:  11, 18 e 25 de xaneiro e 1 de febreiro de 1886
  • Diario de Avisos númoer 8467, 8482 e 8490 de 13 e 28 de xaneiro e 5 de fereiro de 1886
  • La Voz de Galicia: 16 de xaneiro e 4 de febreiro de 1886
  • Boletín Oficial da Provincia de A Coruña. Número 180. 9 de febreiro de 1886

Tarefas pendentes:

- Atopar o plano das sete estacións telefónicas no arquivo municipal de A Coruña

O mindoniense Cándido Martínez na reclamación salarial dos telegrafistas de 1880

 Candido Martínez Montenegro foi un deputado liberal durante tres décadas por Mondoñedo (Lugo), que nos ano 1881 - 1883 sería director de Co...