sábado, 28 de maio de 2022

O Barco - Trives (1892): Roubo de postes telefónicos como leña

Levar as comunicacións a Pobra de Trives foi unhas tarefas máis complicadas de finais do século XIX. Pobra de Trives englobaba, no seu partido xudicial, varios concellos (O Bolo, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, A Teixeira, Viana do Bolo, Vilariño de Conso) polo que cubría un numero de habitantes amplo como para necesitar este servizo, a pesar da lonxitude e custe de instalación e, como veremos mais adiante, de mantemento.

Faro de Vigo anuncia as liñas telefónicas urbanas incluíndo o do Barco de Valdeorras. 1 de marzo 1891.

Manuel Valcarce López era o director auxiliar da oficina de correos e telégrafos no Barco de Valdeorras en 1892. En xuño dese ano notifica a creación dun servizo publico de telefonía, para poder enviar despachos particulares, xa que ata ese momento esta limitado aos oficiais. . A liña pasaba por Pobra de Trives cara Ourense, a pesar de que a inauguración do tren pola ruta Quiroga, Monforte, Peares e Ourense, recentemente inaugurada, iría cambiando progresivamente as dinámicas da bisbarra. Este servizo público se inaugurará o 28 de agosto de 1892 usando a nova liña con Trives.

Cables eléctricos (marxe esquerda) e de telégrafos (dereita) don dentro urbán de Trives. Ano descoñecido

Xa en setembro de 1892, un mes despois da inauguración, aparecen na prensa as primeiras novas sobre as deficiencias do servizo (que afectan, por exemplo, a adiamentos na recepción de telegramas do correspondente de La Voz de Galicia en O Barco), motivadas, nun primeiro momento, polo roubo do arame. Esta nova liña traerá un feixe de desgustos. O 29 de setembro publícase unha carta por parte de Manuel Valcarce indicando que o 23 de setembro foron roubados 200m de cable en A Rúa, o 24 de setembro roubaron 400m en Vilamartín de Valdeorras e o día seguinte preto de 1km entre Freixido y Larouco. 

Estes problemas chaman a atención do Gobernador Civil que pide explicacións ao alcalde de Trives, indicando este que os defectos foron provocados, curiosamente, por nenos de 8 e 10 anos de idade e que o xulgado da Pobra xa está a traballar arreo no asunto. O lonxitude da liña e o entorno rural de baixa densidade de poboación non axudará ao mantemento.

O 23 de decembro de 1892 o correspondente da Voz de Galicia publica unha nota na prensa onde comenta que o servizo levaba practicamente interrompido tres meses, xa que a Garda Civil non era quen de conseguir evitar os roubos nos cables. A novidade é que non só estaban roubando o arame, xa que tamén se utilizaban os postes, chegadas as frías temperaturas, como leña para quentarse. O director perde a esperanza sobre recuperar o servizo polo que inicia unha campaña para que se abandone o uso desa liña mediante a creación dunha estación intermedia na liña telegráfica que pasa pola vía ferrea, cuestión que consigue e xa aparece recollida no mapa de 1899


Mapa telegráfico e telefónico do Corpo de telégrafos. Instituto Geográfico Nacional. Ano 1899. Obsérvase a supresión da liña de Trives a o Barco e a existencia dunha estación telegráfica intermedia nesta vila. 

Para saber máis:

  • La Voz de Galicia.  21 de xuño de 1892; 14 de agosto de 1892; 27 de setembro de 1892; 1 e 8 de outubro de 1892; 23 de decembro de 1892; 3 de marzo de 1893
  • Faro de Vigo. 26 de agosto de 1892; 2 de outubro de 1892

Ningún comentario:

Publicar un comentario

O telegrafista espía da Coruña na I Guerra Mundial.

No 26 de novembro 1918, apenas quince días despois do fin da guerra, recíbese a queixa do embaixador de Estados Unidos sobre un empleado do ...