“Sociedad para el alumbrado de gas de la ciudad de La Coruña” creouse en 1859, sendo a primeira de Galicia. François Saunier Goubard ata entón director da fábrica de gas de Santiago de Compostela, toma o control da fábrica. Estaba casado con Eugenia Osterberger, compositora de música moi recoñecida no rexurdimento galego.
Curiosamente un fillo dese matrimonio sería o enxeñeiro coruñés Charles Saunier, que viviu toda a súa infancia na casa familiar dentro do recinto da fábrica de gas da Coruña. Charles sería o cofundador da empresa Saunier Duval, un dos líderes mundiais de fabricación de caldeiras de gas aínda na actualidade. Outra curiosidade e que o sur irmán Jorge Saunier Ostenberger sería o inventor da máscara antigás, falecido na primeira guerra mundial.
François Saunier cos seus fillos varóns. Extraída do libro GARCIA FONTELA, R. Cien años de luz eléctrica en Galicia. Unión Fenosa, 1990
O teléfono para soporte técnico
11 de marzo de 1887. Comeza a construírse a liña telefónica particular para conectar a fábrica de gas da cidade da Coruña, localizada no cruzamento das rúas Sol e Socorro (actualmente na área da escola infantil Zalaeta), coa sucursal da rúa San Andrés 43, no antigo escritorio de Jose Pastor, fronte a capela (actual igrexa castrense). Nesta sucursal vendían aparatos para cociñas, calentar baños, pranchas industriais, etc. garantindo que todolos produtos vendíanse a prezo de custe.
O 21 de abril de 1887 publica un comunicado a empresa onde ofrece prestar un mellor servizo e redución de tarifas ao cobrar 30 céntimos por metro cúbico do gas destinado a calefacción e 34 céntimos a alumeado, ante a nova competencia que viña da luz eléctrica. Invita a visitar a sucursal da rúa San Andrés onde todos os pedidos (reparacións, limpeza de aparatos, etc.) serán transmitidos polo novo teléfono á fábrica e, no caso de ser urxentes e formulados no horario de maña, serán atendidos na mesma data, polo que podemos considerar este teléfono a primeiro destinado a soporte técnico.
Anuncio da compañía de gas. Ano 1924
Para saber máis:
- La Voz de Galicia. 12 de marzo de 1887; 3 e 13 de abril de 1887; 1 de maio de 1887; 6 de xaneiro de 1889
- Diario de Avisos de La Coruña. Núm 8683 de 21 de abril de 1887;
- Faro de Vigo. 15 de marzo de 1887
- Asociación galega de patrimonio industrial. Ficha 155 Fábrica de Gas de A Coruña.: https://www.asociacionbuxa.com/patrimonio/detalle/155
- GARCIA FONTELA, R. Cien años de luz eléctrica en Galicia. Unión Fenosa, 1990
Ningún comentario:
Publicar un comentario