Amosando publicacións coa etiqueta Vilagarcia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Vilagarcia. Amosar todas as publicacións

mércores, 19 de outubro de 2022

Os teléfonos privados na provincia de Pontevedra no século XIX

 Sen dúbida o primeiro caso foi de rede privada foi o de Antonio López de Neira en 1886, que se recolleu nun artigo previo: 

https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/08/lopez-de-neira-primeira-lina-de.html

No resto do século XIX temos localizadas once liñas particulares máis no provincia de Pontevedra. Hai que ter en conta que a rede urbana de Vigo se inaugurou en 1889, polo que potenciais demandantes de liñas particulares viron colmadas as súas necesidades co servizo urbano. Así, varios comerciantes tiñas liñas na súa casa e negocio, polo que non aparecen recollidos neste artigo. Ademáis destas liñas particulares, existían liñas municipais para conectar cos servizos de telegráfia do Estado, que se recollen neste artigo:

https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/07/telefonia-municipal-no-mapa-telegrafico.html

As instalacións particulares, en ocasións, estaban vencelladas a redes eléctricas polo que utilizaban as súas propias instalacións, pero noutros casos facían unha ocupación da vía pública mediante a instalación de postes. Estes proxectos detállanse a continuación por orde cronolóxica.

1888 

Jose María Riestra López, futuro Marqués de Riestra, era un empresario e banqueiro pontevedrés. Solicitou unha liña de teléfono particular entre a súa casa na Rúa Michelena 30 (tamén sede da banca) e a sua casa de campo, o Pazo da Caeira en Poio (localización), cunha lonxitude aproximada de 1.5km 

1889 

Manuel Barcena Franco, Conde de Torrecedeira, banqueiro e posuidor de propriedades, para construir unha liña telefónica entre a súa casa rúa Real (Vigo) e unha finca en Cedeira, hoxe chamado Pazo de Torrecedeira (localización) no concello de Redondela. Nesta data xa estaba en construcción a casa Barcena, no  

Evaristo Babé, ex alcalde de A Coruña, entre a fábrica de refinado de petróleo "La viguesa" na praia de Guixar e as oficinas de compañía na rúa do Ramal, que tres anos máis tarde se chamaría Rúa Colón. A extensión aproximada sería de 2.5 km. Este mesmo ano chegaría a rede urbana á que se conectarían posteriormente.


1890

Gumersindo Otero García conectando a fábrica de papel de Riobó na Estrada (localización), que fora construida en 1741 e que el rexentaba, coa súa casa particular, o Pazo da Mota (localización) na mesma parroquia, cunha distancia inferior aos 2km. A construción da rede ten sido feita polo Sr- Rodriguez Cea de Pontevedra

Fábrica de papel de Riobó (A Estrada) actualmente. Orixe: link


1891

Conexión entre o Colexio da Compañía de Xesús na parroquia de Camposancos no concello de A Guarda (localización) e a casa do médico Leonardo Álvarez ubicada no lugar de Coruto, na parroquia de Salcidos do mesmo concello. O padre Francisco Gárate sería o enfermeiro naquel momento, cando o colexio contaba cuns 200a alumnos internos, que usaría o teléfono para avisar de casos graves e que o médido se desprazara ao colexio en cabalo. A rede Tería unha extensión dun 2.7 km.

Colexio Santiago Apostol (pp. Xesuitas) en Camposancos (A Guarda). Sen datar. Orixe: link


1895

Ulpiano Buhigas Abad posuía unha propiedade e unha fábrica de fósforos en Carril. Solicitou a creación dunha rede que conectara con Cesures, aínda que descoñecemos os intereres que tiña nesa poboación. A lonxitude da rede, preto de 15 km leva a pensar que usaría o trafado dos cables telegráficos da liña de tren.

1896

A instalación dun teléfono en 1896 entre a recén ianugurada fábrica de luz A Miuduña" de Tebra de Tomiño (localizacion) e a sede da compañía de electricidade dos señores Comesaña e Leiras, cun proxecto levado a cabo por Jesús Adrán, que participou na rede eléctrica doutras vilas. A extensión desta liña sería duns 15 km. aproveitando os postes dos cables eléctricos.



1897

En febreiro de 1897 comúnicase a autorización a Manuel Novo Faílde e Antonio Sierra Prieto para instalar unha liña particulae en Pontecesures.  Neste caso non queda constancia de que dous puntos conectaba, Ambos posuían unha tenda de ultramarióos e importacións coloniais a grande escala, principalmente con América. No caso de Novo tiña tamén negocios de 'ferros' e ferretaría en Padrón, así como canteiras de  arxila e fábrica de tellas en Valga, pero parece ser que a instalación da liña estaba limitada a Pontecesures.

1899

Laureano Salgado para conectar a fabrica de Azucreira Galega en Portas, que está aínda conservada (localización) coa sua casa en Caldas de Reis (situada na rúa que leva o seu nome), cunha distancia de 1800 metros. Laureano está considerado un dos impulsores da electrificación en Galicia, impulsor do balneario e gran hotel de A Toxa, así como varias centrais hidroeléctricas, casas de baños e actividades filantrópicas. A azucreira, creada no mesmo 1899, tras a perda de Cuba, principal fornecedor de azucre da época. A falta de cultivos de remolacha e a competencias doutras azucreiras foron a causa do peche en menos de catro anos.

Restos da Azucreira Galega de Portas actualmente. Orixe: link

Manuel Becerra Armesto entre o Pazo de Gandarón en Salcedo, en Pontevedra, (localización) hoxe misión biolóxica de Galicia, dependente do CSIC, e o Teatro Principal, que comprara uns anos antes na cidade de Pontevedra. Ao pouco de ter a liña telefónica o pazo padecería un incencio que obrigou á súa reconstrucción. A rede contaba cunha extensión duns 3 km. e quedaría dentro do servizo urbano de 1902.


1900

O enxeñeiro francés Ernesto Presser Dauphin entre a súa casa de Vilagarcia e a fábrica da "sociedade galega de electricidade", antes chamada "Electra de Segad" de Segade, en Caldas de Reis (localización), onde construira unha central hidroeléctrica, nunha fervenza do río Umia. Desde esa central daban servizo a Valga, Caldas de Reis, Vilagarcía, Cambados ou Padrón. A extensión da rede de telefonía sería de 15 km. onde aproveitaría o trazado da liña eléctrica.


Para saber máis

  • Faro de Vigo. 9, 18 e 28 de abril de 1889
  • La Voz de Galicia. 8 de novembro de 1890
  • El Obrero. Semanario. Núm 10 de 31 de agosto de 1890
  • La Integridad. Diario de Tui. Núm 609  de 18 de decembro de 1891
  • El Eco de Galicia. Núm 1685 de 23 de decembro de 1891
  • Gaceta de Galicia. Núm. 253 de 6 de novembro de 1895; Núm. 295 de 11 de outubro de 1899;  Núm. 308 de 28 de novembro de 1899
  • La Opinión. Diario de Pontevedra. Núm 295 de 29 de xaneiro de 1897
  • La Correspondencia Gallega. Núm 2933 de 18 de outubro de 1899
  • El Diario de Pontevedra. Núm. 4799 de 12 de maio de 1900

luns, 5 de setembro de 2022

1908: A rede urbana de Vilagarcía

A Gaceta publica en marzo de 1908 a subasta da rede de telefonía urbana de Vilagarcía, conforme ao proxecto que preparara Manuel Sanjurjo Otero, fillo do célebre inventor Sanjurjo Badía.  Non foi a primeira experiencia en Vilagarcía co teléfono para servizo urbano. Anos antes, en marzo de 1896 aparece na prensa o interese do Concello en instalar un par de teléfonos para conectar coa estación telegráfica, entendendo que para o uso oficial por parte do Concello.

Vilagarcía. Sede da central telefónica e poste na Av. Duque de Rivas. Postal Thomas. ~1910

O periodo de concesión máximo sería de 20 anos (aínda que valoraban as propostas de reducción dese periodo). O adxudicatario debía iniciar as obras en menos de 60 días desde a firma do contrato e ter finalizada a rede en menos de catro meses. No caso de gañar outro proposta que non fose a de Manuel Sanjurjo, este debía ser indemnizado con 1.300 pesetas, en concepto de contraprestación pola elaboración do proxecto. 

Gaceta de Madrid. Núm 74. 14 de marzo de 1908


O estado, igual que ocurría noutras concesións urbanas, reservábase o 10% dos ingresos pola prestación do servizo. A prensa recolle as visitas de Manuel a Vilagarcia durante o periodo de licitación, así como a adxudicación definitiva no 11 de maio de 1908.

En agosto de 1908, segundo recolle a prensa,  solicita autorización para colocar os postes e cables nas estradas do Estado.  A fianis de mes comentan que empezarán as obras e que deberían estar instaladas e operativas en novembro, entendendo que para satisfacer as condicións marcadas na concesión. 

A sede queda no bloque do cruzamento das actuais rúas Alcalde Rey Daviña (rúa Calderón antigamente) e Avenida Juan Carlos I (antiga Duque de Rivas).



A instalación sufre algún aprazamento. O 17 de xaneiro de 1909, aproveitando que xa está en marcha a implantación na rúa Duque de Rivas (a da esquerda nas fotografías) publícanse as condicións do servizo no diario Galicia Nueva de Vilagarcía:

  • 25 pesetas trimestrais con pago anticipado no caso de particulares (28 pesetas os comerciantes, 35 pesetas por uso colectivo e 50 pesetas no caso de hoteis, cafés ou estacións)
  • Tarifas extra para aqueles que se atopen a máis de 3 km da central
  • Compromiso de permanencia de un ano
  • Disponibilidade dun aparato telefónico cedido pola compañía
  • Reservase o Estado a facultade de interromper o servizo
Outras publicacións de interese:

Os primeiros anos da rede

En 1911 exténdese a rede ata Rubiáns, falando tamén da posibilidade de levar o servizo ata Vilanova e Cambados, que polo menos ata o ano 1916 (cando se publica o directorio de abonados) non se producira.  En 1911 tamén a prensa recolle a nova da instalación dun teléfono no casino de Vilagarcía. En 1913 sería o turno da estación de tren, aínda que so duraría uns meses, xa que a posteriori aparecen as queixas dos comerciantes de Vilagarcía pola súa supresión. Sería restablecido en xaneiro de 1914. Tamén neste ano o concesionario asumiría o servizo ao concello de Vilaxoán, que fusionouse co de Vilagarcía. 

Non habería máis novas relevantes ate abril de 1918 cando aparece un novo nome, D. Ricardo Couto Castro, como representante da rede telefónica urbana, que solicita autorización para cruzar con varios fíos a vía férrea. 

De novo pasaría ata 1922 cando o concello reclama o troco de lugar a uns postes de teléfonos, así como deficiencias na prestación do servizo. As deficiencias poderían ser a causa deste curioso anuncio de baixa

Galicia nueva periódico regional, primer diario de Villagarcía Ano XVI Número 5687 - 4 de xullo de 1922

Non sería a única consecuencia, a Cámara de Comercio e Asociación Comercial do porto reclamarían a baixa calidade do servizo e, de non adoptar medidas, invitarían a darse de baixa aos abonados. Estes problemas se incrementarían coa caída de postes por un temporal en febreiro de 1923.

As novas da nova era para a telefonía urbana chegarían en maio de 1923 cando chega a carta da International Telephone Telegraphique ao concello, ao igual que o resto de institucións de Galicia, dando conta dos plans de construir unha rede telefónica en todo o Estado, no que solicitan o apoio moral do Concello, que lle ofrece a súa colaboración.


A guía de 1916

En 1916 sae publicada a lista telefónica da Compañia Peninsular, incluindo o directorio de Vilagarcía. Ten 86 abonados nesta data, con varios de Vilaxoán e Carril (que deixaran de ser concellos independientes en anos previos), así como de Rubiáns.




Para saber mais:

  • La Correspondencia Gallega. Núm 5450 de 10 de abril de 1908; Num. 5474 de 11 de maio de 1908: Núm 5564 de 2 de setembro de 1908; Núm 5685 de 27 de xaneiro de 1909; Ano XXV Número 7150 - 12 decembro 1913
  • Galicia Nueva.  Núm 429 de 16 de agosto de 1908; Núm 440 de 29 de agosto de 1908; Núm 555 de 17 de xaneiro de 1909; Año V Número 1298 - 4 de agosto de 1911; Ano XII Número 4542 - 19 de abril 1918; Ano XVI Número 5689 -  6 de xullo de 1922; Ano XVI Número 5682 - 28 de xuño de 1922; Ano XVI Número 5802 - 7 de novembro de 1922; Ano XVI Número 5816 - 22 de novembro de 1922; Ano XVII Número 5869 - 25 de xaneiro de 1923; Ano XVII Número 5882 - 9 de febreiro de 1923; Ano XVII Número 5998 - 26 de maio de 1923
  • El Eco de Santiago. Núm 3713 de 12 de marzo de 1908;  Núm. 3759 de 13 de maio de 1908; Núm 3836 de 17 de agosto de 1908; Num 3849 de 1 de setembro de 1908; Anno XVI Número 8960 - 15 de maio de 1911; Ano XVIII Número 6383 - 12 setembro 1913; Ano XVIII Número 6460 - 13 de decembro de 1913; Anno XXIII Número 9973 - 20 de abril de 1918
  • El Correo de Galicia. 23 de xaneiro de 1909; Num. s.n. (15/05/1911); Num. 5215 (20/04/1918)
  • Faro de Vigo. 7 de xaneiro de 1914.
  • Diario de Galicia. 23 de xaneiro de 1909
  • Gaceta de Galicia  Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela Num. 310 (30/12/1911)
  • El Diario de Pontevedra  periódico liberal Ano XXXV Número 10210 - 18 de abril de 1918
  • El Progreso  semanario independiente Ano XII Número 2629 - 19 de abril de 1918
  • Galicia  diario de Vigo Número 160 - 27 xaneiro 1923
  • La idea moderna diario democrático en Lugo Num. 6945 (08/01/1914)

O mindoniense Cándido Martínez na reclamación salarial dos telegrafistas de 1880

 Candido Martínez Montenegro foi un deputado liberal durante tres décadas por Mondoñedo (Lugo), que nos ano 1881 - 1883 sería director de Co...