Antonio López de Neira aparece en artigos como o posuidor da primeira liña telefónica de Galicia en 1886. Non é así. Antes xa Andres A. Comerma en Ferrol, aínda que de xeito experimental, e Fernando Rubine en 1885 na Coruña tiveron as súas propias. Eso si, a de López de Neira foi, con diferencia, a de maior lonxitude ao pasar de 4 quilómetros.
O 13 de xaneiro de 1886 recibiu autorización para establecer un fío de comunicacións entre a súa casa no inicio da rúa do Principe (Príncipe nº 8) e a fábrica de papel da súa propiedade "La Cristina" sita na parroquia de Lavadores (hoxe Severino Covas 159). Tratábase así da primeira liña da provincia (se descontamos a liña de tren de Carral a Santiago, onde se utilizaba a telefonía para a xestión do servizo) e pode (salvo un posible servizo de teléfono que podería ter existido na casa de baños La Iniciadora) que a primeira experiencia de telefonía na cidade de Vigo.
Antonio López de Neira xa era coñecido polo seu carácter innovador na cidade, ao ser o primeiro posuidor da luz eléctrica no seu domicilio, como aparece recollido nas crónicas de 1880, e por ceder esa luz para as procesións do Cristo da Victoria.
Esta iniciativa a López de Neira despertaría o interese doutros industriais, como era o caso de Manuel Bárcena e Franco, que posuía tamén unha fábrica en Lavadores, neste caso de curtidos.
La Cristina aportaría papel para o Faro de Vigo ou para a imprenta de Juan Compañel, que participarían xunto a Antonio Sanjurjo Badía como socios na empresa, polo que da súa fábrica saería a materia prima utilizada na edición de algunha obra de Manuel Murguía e Rosalía de Castro. Utilizaba un salto no río Lagares para mover as turbinas, onde aínda se conservan os edificios i estructura orixinal.
Para saber mail:
- Faro de Vigo. 21 de xaneiro de 1886; 29 de agosto de 1886.
- La Voz de Galicia. 24 de xaneiro de 1886
- Buscar posibles fotografías no Arquivo Pacheco
Ningún comentario:
Publicar un comentario