Xullo de 1895 a empresa concesionaria da telefonía urbana de Vigo ten un proxecto para implantarse en Pontevedra. Nunca máis se volve a falar desta iniciativa.
Un segundo intento ocorre en maio de 1896, cando se menciona o interese dunha empresa privada, sen concretar de que empresa se trata. Novamente o proxecto queda parado.
En abril de 1901 Benito Corbal Estévez, político e contratista de Pontevedra, solicita a autorización á Dirección de Correos e Telégrafos para a instalación dunha liña particular entre a súa casa en Pontevedra e o lugar de O Tombo na parroquia de Bora. Sería a terceira liña privada na cidade tras a do Sr. Riestra entre a Magdalena e a finca da Caeira en 1888 e a de Manuel Becerra Armesto en 1899.
Ata 1908 non hai mais proxectos de telefonía urbana despois dos fracasados de 1895 e 1896. Neste momento coexisten tres liñas privadas e unha rede pública que conecta o hospital, balneario, concello e deputación. O fillo de Benito Corbal, D. Manuel Corbal Souto presenta un proxecto ante a Dirección de Correos e Telégrafos xunto ao seu curmán Claudio Corbal Hernández, que sae a poxa pública con publicación na Gaceta de Madrid.
A concesión márcase en 20 anos e o valor do proxecto en 5.000 pesetas, a abonar a Manuel Corbal no caso de non resultar a súa proposta a gañadora. Manuel gaña a concesión xunto a Claudio Corbal pero apenas aparece mencionado na prensa da cidade, coa que tiña diferencias políticas. En La Libertad recolle a final de 1908 un artigo de opinión sobre este silencio.
A dirección técnica da construción da rede correu a cargo de Mariano Martín Villoslada, responsable da rede da Coruña, que incluíu no proxecto non só a rede urbana de Pontevedra, senón que chegar a Marín e Pontecaldelas. Dese xeito cubríase unha poboación de máis de 42.000 persoas.
As tarifas, nos tres primeiros quilómetros en liña recta desde a central, son:
- Particulares: 27 pesetas trimestrais
- Fincas comunais: 40 pesetas trimestrais
- Casinos, cafés, teatros i estacións de trens: 50 pesetas trimestrais
- Sobrecuste de 0,75 pesetas por cada 100 metros de liña para aquelas situadas a máis de 3 quilómetros
A inauguración do servizo ocorreu o 6 de xaneiro de 1910, as 12 do mediodía. A central estaba situada na rúa San Román número 2, 3º andar, próxima á praza da Constitución (hoxe Praza da Ferraría, tras recuperar o nome histórico). Na inauguración se fixeron chamadas a varios abonados e un banquete no Hotel Progreso. No momento da inauguración contábase con 80 abonados. As telefonistas eran Avelina Vaamonde e Marcelina Carballo.
Para saber máis:
- Gaceta de Galicia. Num 152 de 6 de xullo de 1895. Núm. 118 de 24 de maio de 1896
- La Opinión. Núm. 113 de 17 de xuño de 1896
- La Correspondencia Gallega. 20 de febreiro de 1901; 12 de abril de 1901; Núm. 5791 de 7 de xuño de 1909; Núm 5963 de 7 de xaneiro de 1910
- La Voz de Galicia. 1 de outubro de 1908; 11 de xuño de 1909
- El Diario de Pontevedra. Num 7332. 10 de outubro de 1908; Núm 7522 de 7 de xuño de 1909; Núm 7696 de 7 de xaneiro de 1910
- La libertad. Num 168 de 13 de decembro de 1908, Núm 223 de 8 de xaneiro de 1910.
- Diario de Galicia. Núm. 331 de 8 de xaneiro de 1910; Núm 332 de 9 de xaneiro de 1910
- El Noroeste. Núm 4761. 1 de outubro de 1908
- Faro de Vigo. 28 de abril de 1888; 21 de xaneiro de 1901; 8 de xaneiro de 1910