sábado, 20 de agosto de 2022

A Toxa e a telefonía nos balnearios da provincia de Pontevedra

O 30 de Maio de 1894 recolle a prensa a iniciativa, do Balneario de La Toja, de construír unha rede telefónica que conecte con Cambados.  Cambados era o punto máis próximo da rede telegráfica do Estado nese momento e a vía natural de chegada á Illa, xa que non existía a ponte con O Grove e tiñan que desprazarse en barco.  Durante os anos noventa establecéranse preto de vinte redes telefónicas en Galicia para conectar concellos coa rede telegráfica, froito de iniciativas municipais. Esta conexión sería probablemente a primeira de interese privado. 

Balneario de A Toxa. 1909. Depósito da Real Academia Galega.


Ese proxecto non prosperou e houbo que agardar ata 1904 para ter unha nova iniciativa. A finais de maio de 1904 a Sociedad General Gallega de Electricidad, por medio de Jose Lorenzo e Lorenzo, tiña solicitado permiso ao Ministerio de Obras Públicas para conectar cunha liña telefónica o balneario, teoricamente para unha central de transformación de enerxía que proxectaban facer, coa estación telegráfica de Cambados. De novo o proxecto non se levou a cabo.

Referencia ó teléfono do balneario nun anuncio. El Noroeste Año VIII Número 3147. 27 de xullo de 1903


A Toxa é posible que contaran con servizo interno de telefonía, para conectar os andares do edificio coa recepción. Así aparece en publicidade da época en 1903.

O balneario de Ponte Caldelas parece ser o primeiro, xa que era propiedade de Benito Corbal, que xa tiña unha liña telefónica entre as súas propiedades en Pontevedra e O Tomobo (Bora), e que parece extender ao seu balneario, xa que en 1905 menciónase nunha nova na prensa a existencia dunha liña telefónica con Bora e Pontevedra.

En 1906 existiría o proxecto de Enrique Lluria de creación da "Sociedade de Balnearios, Sanatorios, e Turismo de Galicia" que nace coa idea de aportar infraestructuras para promocionar o interese turístico dos balnearios como a construcción de novas estradas e, entre outros cousas, levar liñas telefónicas a todos os balnearios.

Mentres, o seguinte balneario en explorar a posibilidade de contar co servizo de telefonía foi o de Lérez, hoxe desaparecido, moi próximo a Pontevedra. En abril de 1908 menciona a prensa como o mecánico Attilio. Pontanari (unha lenda no deporte na cidade) facía a instalación do servizo, aínda que non queda constancia se foi coa rede urbana da cidade ou coa estación telegráfica pública. Posiblemente se tratara do primeiro  balneario galego (se descontamos as casas de baños urbanas) en contar con servizo de telefonía, aproveitando a proximidade á cidade.

Chegaría a quenda de Mondariz, que xa tiña unha fama similar ao de A Toxa, ao final da tempada de baños de 1909. En outubro autorízase a instalación dun fío telefónico entre os mananciais de Gándara e Troncoso. A comunicación xa existiría a través dun cabo telegráfico co resto da rede, como aparece nos mapas da época.

O potencial dos balnearios non é alleo ás primeiras medidas de dinamización turística por parte dos políticos do momento. O deputado Eduardo Vincenti solicitou autorización, en nome da "Asociación para el Fomento del Turismo de Galicia" por medio de seu vicepresidente D. Guillermo de Oya Lastres,  para a construción das redes de cables que permitiran dar conexión cos balnearios de A Toxa, Cuntis, Caldas de Reis, Caldelas de Tui, Pontecaldelas, A Cañiza, Lérez e Catoira. Esta asociación reclamaría a colaboración dos concellos para a construcción dos locutorios.

En Setembro de 1910 anunciouse a conexión primeiro de Caldas e Cuntis, posteriormente en A Toxa, e finalmente en Mondariz, Caldelas e A Cañiza nese mesmo mes. No caso de A Toxa compaxinaría o uso telegráfico durante a época de baños co unicamente telefónico no resto do tempo,

En negro estacións telegráficas do Estado, en vermello as municipais. (Tf, telefónica; Bº balneario). Carta telegráfica e telefónica de España. Corpo de Telégrafos. Dirección Xeral de Correos e Telégrafos. 1911


Para saber mais:

  • La Voz de Galicia: 30 de maio de 1894; 28 de maio de 1904; 64de maio de 1910
  • El Eco de Galicia. Núm 2403.  30 de maio de 1894
  • El lucense. Núm 2875. 30 de maio de 1894
  • El Eco de Santiago. Núm 2074. 27 de maio de 1904; Núm 3625 de 25 de outubro de 1906
  • La Correspondencia Gallega. Núm 4293. 25 de maio de 1904; Núm 5017 de 27 de outubro de 1906
  • El Noroeste. Núm. 3421. 28 de maio de 1904; Núm 4614. 12 de abril de 1908.
  • Galicia Nueva. Núm. 755. 2 de outubro de 1909
  • El Correo de Galicia. 1 de outubro de 1909; 3 de maio de 1910; 24 de setembro de 1910
  • Diario de Galicia. 6 de setembro de 1910
  • El Diario de Pontevedra. 6 de maio de 1910.
  • El Norte de Galicia. 28 de setembro de 1910
  • Mondariz, suplemento a La Temporada. 20 de decembro de 1915
  • Faro de Vigo. 26 de maio de 1904; 11 de xullo de 1905; 23 de abril de 1910; 1 de maio de 1910; 4, 23 e 25 de setembro de 1910
  • Libro de actas da comisión permanente da Deputación de Pontevedra. 30 de setembro de 1909.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

O mindoniense Cándido Martínez na reclamación salarial dos telegrafistas de 1880

 Candido Martínez Montenegro foi un deputado liberal durante tres décadas por Mondoñedo (Lugo), que nos ano 1881 - 1883 sería director de Co...