Amosando publicacións coa etiqueta 1892. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 1892. Amosar todas as publicacións

mércores, 31 de agosto de 2022

Ourense: Creación da rede urbana de telefonía: 1889-1914

A primeira noticia sobre o interese en establecer unha rede urbana en Ourense foi en abril de 1889, xusto despois das redes de A Coruña e Vigo. A diferencia foi que en Ourense tardaría 25 anos en establecerse. Non constan quen foron as persoas desta primeira iniciativa.

En xullo de 1892 volve a aparecer na prensa esta iniciativa, esta vez cun proxecto estimado en 28.500 pesetas deseñado pola Escola de Artes e Oficios e unha mención na prensa á necesidade de constituir unha sociedade por accións. En paralelo, proxéctase unha rede privada, para conectar os fielatos das entradas de Ourense, por parte do arrendatario do servizo de consumos. Unha nova referencia chega en novembro de 1892 onde a prensa menciona unha empresa de Madrid como interesada no establecimento do servizo.

Este proxecto volve discutirse en marzo de 1894 na Escola de Artes, facultado ao Sr. Jose Lorenzo Gil para solicitar ao concello unha subvención e comezar a movilizar aos posibles clientes que poidan estar interesados. Están presentes figuras senlleiras coma Marcelo Macías, Benito Fernandez Alonso e Valentín Lamas Carvajal.

En novembre deste ano colócase un teléfono na casa de Concello, presumiblemente conectado á oficina de telégrafos para a recepción i envío de notificación.


Templete na sede da telefonía urbana. 1914. Praza Maior.  Postal Thomas


O terceiro intento será en abril de 1895. Desta volta o contratista do alumeado eléctrico en Ourense, o avogado e industrial alaricano Francisco Conde Balvís anuncia que proxecta instalar o servizo telefónico, xusto cando vai estrearse o alumeado eléctrico. Un ano mais tarde, en 1896, fala que o proxecto se levará a cabo se hai 80 abonados dispostos a pagar durante de 10 anos a ritmo de 20 pesetas trimestrais.

O cuarto intento parece ser en outubro de 1901, onde a prensa comenta que existe unha iniciativa de proxecto, sen aportar máis detalles.

Xa a finais de 1904, a prensa recolle que un industrial traballa nun proxecto e que Adolfo Rodríguez Obaya, que era o alcalde naquel momento e pode que o promotor desa iniciativa, presentara o proxecto e memoria no Goberno Civil para ser aprobado pola Dirección de correos e telégrafos do tudense Augusto González Besada. Esto ocorre o 28 de maio de 1905, segundo se publica a subasta na Gaceta de Madrid.

Gaceta de Madrid de 28 de maio de 1905.

Trinta días para presentar as propostas. Dous meses para iniciar os traballos e outros dous meses para súa finalización. De novo non fructifica, a subasta queda deserta.

Sexto intento en decembro de 1906 por parte, nesta volta, da Cámara de Comercio e o seu presidente D. Juan Fuentes, que reclama o apoio do deputado D. Senén Canido para este propósito.  A Cámara intenta recabar usuarios interesados mediante boletíns  de subscripción, que en setembro de 1907 parecen pasar de 100 segundo La Correspondencia Gallega, pero se limita a 34 no Correo Gallego (dato máis realista), por baixo do umbral de 50 marcado para a publicación da nova subasta pública.

Parece alcanzar o número mínimo en decembro de 1908, cando se anuncia a publicación na Gaceta do anuncio da nova subasta da  rede telefónica. O deputado por Trives o Sr. Conde del Moral de Calatrava notifica este feito ao presidente da Cámara. Non está claro se foi declarada deserta o concedida autorización a sociedade Conde Balvís (tras o seu intento de 1895) pero xa con data de outubro de 1909, que parece fracasar novamente.

Gaceta de Madrid de 17 de decembro de 1908

Ao sétimo intento

A prensa recolle novas da publicación dunha nova subasta por parte da Dirección de Correos e Telégrafos en agosto 1911, aínda que non aparece recollido na Gaceta. Este será a sétima iniciativa e a definitiva.  Esta subasta basease no proxecto presentado por Antonio Pagoaga, de posible orixe basca, e cun proxecto valorado en 5.000 pesetas. A subasta celébrase o 30 de setembro de 1911, pero non queda constancia do resultado. 

Supoñemos que é a definitiva porque en xaneiro de 1913 fálase do concesionario da rede, D. Manuel Corbal Souto, pontevedrés e prestador do servizo de telefonía nesa cidade, que solicita a licencia para comezar as obras.  Estas comezan en marzo de 1913, onde se ten constancia da construcción do templete da central e o interese en abrir o servizo ao publico na data do Corpus. 

Deben de existir demoras xa que todavía en abril de 1914 está en construcción a rede. O empleado de Corbal en Pontevedra, o Sr. Juan Pérez Araujo, trasládase a Ourense para supervisar o remate das obras e xestionar o servizo. A data de posta en marcha do servizo foi o 21 de abril de 1914, cos primeiros abobados, e a inauguración o 1 de xullo de 1914 (con uns 40 aparatos instalados, incluido o de La Región apenas o día anterior) 

Sede da rede telefónica no número 17. Rúa do Instituto número 2, coa Praza Maior. Instituto Geográfico Nacional. ~1910


Inauguración

O diario La Región do 2 de xullo de 1914 recolle datos da inauguración acontecida na véspera ás 18h, onde foran invitados polo concesionario D. Manuel Corbal Souto. O cuadro central esta atendido polas telefonistas D. Marina de la Torre e Amparo González, usando a que califican como a mellor tecnoloxía, a de L.M. Ericsson.

A lista de abonados publicada inclue 39 teléfonos, pero menciona o artigo 41. Os asistentes a inauguración tomaron champán, pastas e cigarros. Seis abonados correspondían ao barrio da Ponte, que formaba parte doutro concello naquel momento.

  • Telégrafos
  • Compañía Peninsular de Teléfonos (teléfonos interurbano)
  • Goberno Civil
  • Concello
  • Marqués de Leos (casa e notaría)
  • Juan Fuentes (casa e banca)
  • Francisco de las Cuevas
  • Habilitación del Clero
  • Manuel Salgado (Ponte Maior)
  • Ignacio Tavarés, (Ponte Maior)
  • Aurea Moreno (Ponte Maior)
  • Viuva de Manuel Aurea (Ponte Maior)
  • Valeriano Salve (Ponte Maior)
  • Alfonso Abeijón (Ponte Maior)
  • Seoane i Eire
  • Hotel Miño
  • Felipe Santiago
  • Hotel Roma
  • Francisco Villanueva e Compañía
  • Vicente Román e Compañia
  • A. Cheriguian
  • Farmacia Fábrega
  • Román y Saco
  • Ildefonso Meruéndano
  • Hijos de Simeón García e Compañía
  • La Popular
  • Pedro García del Villar
  • Pedro Romero e Irmáns (banca, comercio e casa)
  • Daniel Romero
  • Laboratorio X
  • Francisco José Rionegro
  • Pinal Yebra i Aperribay
  • La Región
  • Chalet "Losada"
  • Antonio Saco


Para saber máis: 

  • Faro de Vigo. 12 de abril de 1889; 19 de novembro de 1892 
  • Gaceta de Galicia  Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela Num. 147 de 2 de xullo de 1892; Núm 54 de 10 de marzo de 1894; Num. 259 de 29 de novembro de 1894; Núm. 66 e 67 de 21 e 22 de marzo de 1896; Núm . 144 de 27 de xuño de 1897: Núm 231 de 12 de outubro de 1901; Núm 259 de 15 de novembro de 1907
  • La Voz de Galicia 5 de xullo de 1892; 10 de Marzo de 1894; 12 de outubro de 1901
  • El lucense. Núm. 3411. 24 de marzo de 1896
  • El Diario de Pontevedra. Núm 3555. 14 de decembro de 1904; Núm 6798 de 15 de decembro de 1906; Núm 8199 de 12 de setembro de 1911; Núm 8627 de 6 de febreiro de 1913; Núm 8989 de 21 de abril de 1914
  • La Correspondencia Gallega. Núm. 4478 de 9 de xaneiro de 1905; Núm. 4596 de 2 de xuño de 1905; Núm. 5282 de 19 de setembro de 1907; Núm 6909 de 14 de marzo de 1913
  • El Correo Gallego. Núm 9001. 11 de xaneiro de 1905; Núm 9872 de 29 de outurbo de 1907
  • Gaceta de Madrid. 28 de maio de 1905
  • La Idea Moderna. Núm 5387 de 17 de decembro de 1908; Nñum 7037 de 15 de abril de 1914;  Núm. 7074 de 30 de maio de 1914
  • Diario de Galicia. Núm 17 de 19 de decembro de 1908; Núm 834 de 12 de setembro de 1911
  • El Correo de Galicia. 25 de agosto de 1911; 11 de setembro de 1911; 18 de xaneiro de 1913; 8 de marzo de 1913; 
  • El Eco de Galicia. Núm 1554 de 13 de setembro de 1911
  • La Región. Núm 941 de 19 de marzo de 1913; Núm 1253 de 28 de marzo de 1914; Núm. 1325 de 26 de xuño de 1914; Núm. 1328 de 30 de xuño de 1914; Núm 1330 de 2 de xullo de 1914;
  • El Progreso. Núm 902 de 10 de xaneeiro de 1913; Num 1318 de 12 de abril de 1914; Núm 1379 de 3 de xullo 1914
  • La libertad. Núm. 445 de 23 de abril de 1914
  • La Voz de la Verdad. Núm 1173 de 30 de xullo de 1914; Núm 1177 de 4 de xullo de 1914
  • El Noroeste: Núm 3613 de 10 de xaneiro de 1905; Núm. 4764 de 4 de outubro de 1908; Núm. 4828 de 18 de decembro de 1908; Núm. 6734 de 16 de febreiro de 1914
  • El Eco de Santiago. Núm. 3566 de 18 de setembro de 1907
Tarefas pendentes:
  • Revisar o libro de actas do Concello de Ourense



luns, 6 de xuño de 2022

Os proxectos fallidos da rede urbana de Santiago (1889-1901)

Decembro de 1889. Instaladas a redes en A Coruña e Vigo, en Santiago espértase o interese na construción da rede telefónica urbana na cidade. La Voz de Galicia fai unha crítica a un artigo de El Pensamiento Galaico, non conservado, no que se reclama ao Concello, Sociedade Económica, centros recreativos e comerciantes que apoien a instalación do teléfono. La Voz critica de que se esquezan do estamento eclesiástico (arcebispado, cabido, seminario, etc.) do que reclaman a súa participación económica:

Quereron censurar desta maneira silenciosa o illamento no que viven tódolos sabios e axentes do progreso cuxo teléfono segue a ser, como nos séculos medios, a corda da campá

La Voz de Galicia. 11 de decembro de 1889.


Fálase nese mes de facer unha reunión entre os diferentes axentes locais involucrados, pero a finais de marzo de 1890 aínda non se celebrara.

En maio de 1890 sae publicada a iniciativa do óptico electricista de Santiago, o Sr. Varela, con tenda na rúa do Vilar nº 65, como disposto a asumir o proxecto de instalación do teléfono urbano, pero parece que non frutifica. Porén, trabállase na recollida de mostras de intereses de futuros abonados. En novembro de 1980, pasando xa de 200 potenciais abonados, Mariano M. Villoslada, concesionario da rede urbana de A Coruña, visita Santiago de Compostela, sube ás torres da catedral para analizar a mellor forma de dar servizo de telefonía.

[...] Este adianto que hoxe teñen case tódalas poboacións, figurando entre elas algunhas galegas de importancia menor que Santiago.    

Opinión na Gaceta de Galicia. 25 de novembro de 1890, cando só Vigo e Coruña tiñan o servizo.


Outubro de 1891, Manuel Bibiano Fernández, propietario de La Gaceta de Galicia, preséntalle ao alcalde de Santiago, D. Cleto Troncoso Pequeño, a petición de que traslade ao Ministerio de Gobernación a publicación da poxa para o servizo de telefonía, que non chega a producirse.

O proxecto xurde novamente en 1892 ao traballar o corpo de telégrafos na instalación do teléfono en Arzúa e Negreira, da man de novo de Mariano Villoslada, que traslada certos problemas na zona urbana de Santiago de Compostela para ter a autorización dos propietarios a instalar soportes de ferro nas fachadas das casas. Esta instalación motiva que a Sociedade Económica de Santiago trate o tema do teléfono mediante un relatorio por parte de D. Manuel Bibiano Fernández, que propón o teléfono urbano así coma a conexión con Vilagarcía e Coruña.

Maio de 1894. O pleno do concello recupera o asunto da instalación. Dúas empresas mostran interese na construción. Un deles e o Sr. Pedreira que anuncia un prezo mensual de 7.5 pesetas e a vontade de ter as oficinas na casa da antiga estación telegráfica da praza da Quintana. Jesús Adrán Botana, responsable da construción das redes eléctricas de Ponteareas, Tui, Monforte, Betanzos ou Viveiro visita Santiago en 1894 para analizar a posibilidade de construír esa rede. Ambas iniciativas páranse.

Novembro de 1895. Neste caso é a empresa que da servizo en Salamanca a que mostra interese en construír a rede, sempre que o número de subscritores cubra os custes. Pensan repartir boletíns para recoller o interese no servizo, pero parece que desbotan rápido esa posibilidade. En marzo de 1896 a Gaceta de Galicia, nun artigo de opinión láiase dos fracasos das iniciativas e comenta que non son necesarios máis de 60 interesados para rendabilizar o servizo.

Sen ter máis datos, aparece na prensa un novo interese, por parte doutra empresa, en crear a rede en marzo de 1897. 


A poxa de 1900

Raimundo Núñez Codesal, veciño de Betanzos, tralo abono de 2.000 pesetas na Caixa de Depósitos da Coruña, para a ser o primeiro concesionario da rede de telefonía urbana de Santiago de Compostela. O director de telégrafos da Coruña envía o proxecto á Dirección Xeral de Telégrafos que se publica na Gaceta de Madrid do 8 de setembro de 1900 por un período de concesión máximo de 20 anos. O prazo de presentación de propostas finaliza o 13 de outubro de 1900. No caso de non ser a mellor proposta a de Raimundo, este terá dereito de tanteo.

Gaceta de Madrid do 8 de setembro de 1900

Raimundo non gaña. O adxudicatario resulta ser Manuel Becerra Armesto o 23 de outubro de 1900. Manuel decide instalar a central na propia casa que na Algalia de Arriba. Comezan a ser publicadas no Eco de Galicia listaxes dos primeiros abonados ao servizo, contando o 16 de novembro con 36 interesados e un número obxectivo de 100 para confirmar a viabilidade do servizo.

Retrato de Manuel Becerra Armesto. Ano 1890-1900.  Fotógrafo Francisco Zagala.


A Biblioteca da Universidade de Santiago garda un pequeno tesouro: a documentación que se entregaba, por parte de Manuel Becerra para conseguir subscritores, entre a que se encontraban as normas do servizo, as tarifas así como o talón de subscrición, que se mostra na seguinte imaxe.


Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela. Ano 1900.

Ese número de interesados non chega ao mínimo polo que Manuel vai adiando as obras. Excedido o prazo oficial da poxa, a Dirección Xeral de Telégrafos rescinde a concesión.  Manuel Barrera ameaza con reclamar danos, pero non parece executar esta acción.


Para saber máis:

  • La Voz de Galicia: 11 de decembro de 1889; 22 de febreiro de 1890; 2 de abril de 1890; 21 de febreiro de 1892; 16 de marzo de 1892; 18 de maio de 1894; 19 de agosto de 1894; 1 de decembro de 1895; 17 e 20 de febreiro de 1900; 10 e 15 de setembro de 1900; 16 de novembro de 1900
  • Faro de Vigo: 23 de febreiro de 1900; 7 de febreiro de 1901
  • Gaceta de Galicia: núm 216/1889 de 13 de decembro de 1889; núm 39/1890 de 20 de febreiro de 1890; núm 101/1890 de 8 de maio de 1890;  núm 253/1890 de 25 de novembro de 1890; núm 279/1890 de 21 de decembro de 1890; núm 217/1891 de 1 de outubro de 1891; núm 248/1891 de 7 de novembro de 1891; núm 39/1892 de 18 de febreiro de 1892; núm 59/1892 de 14 de marzo de 1892; núm 99/1894 de 8 de maio de 1894;  núm 105/1894 de 16 de maio de 1894; núm 106/1894 de 17 de maio de 1894; núm 132/1894 de 26 de xuño de 1894; núm 171/1894 de 19 de agosto de 1894;  núm 61/1896 de 14 de marzo de 1896;  núm 38/1900 de 18 de febreiro de 1900; núm 66/1900 de 27 de marzo de 1900; núm 272/1900 de 6 de novembro de 1900; núm 30/1901 de 6 de febreiro de 1901; núm 43/1901 de 21 de febreiro de 1901  
  • El Telegrama, núm. 5219. 1 de outubro de 1891
  • Diario de Avisos de La Coruña. Núm. 10220. 6 de outubro de 1891
  • El Lucense. Núm 2203. 23 de febreiro de 1892
  • Gaceta de Madrid. 8 de setembro de 1900
  • El Correo Gallego. Num 4805 de 13 de setembro de 1894
  • El Diario de Galicia. Núm 1009 de 8 de setembro de 1894; Núm 1382 de 30 de setembro de 1895
  • El Alcance. Núm 65 de 24 de xuño de 1897; Núm 68 de 29 de xuño de 1897
  • Reglamento para el servicio de abonados. Red telefónica de Santiago. 1900. Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela
  • El Eco de Santiago. 10 e 20 de setembro de 1900; 30 de outubro de 1900: 14 e 16 de novembro de 1900; 5 e 21 de febreiro de 1901
  • El Eco de Galicia. 31 de marzo de 1900; 12 de maio de 1900
  • La Idea Moderna. Núm 2764 de 23 de febreiro de 1900; Núm 2958 de 23 de outubro de 1900; Núm 2978 de 16 de novembro de 1900
  • La Correspondencia Gallega. Nñum 3255 de 19 de novembro de 1900; Núm 3320 de 7 de febreiro de 1901
  • El Regional Núm 2840 de 24 de marzo de 1892






sábado, 28 de maio de 2022

O Barco - Trives (1892): Roubo de postes telefónicos como leña

Levar as comunicacións a Pobra de Trives foi unhas tarefas máis complicadas de finais do século XIX. Pobra de Trives englobaba, no seu partido xudicial, varios concellos (O Bolo, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, A Teixeira, Viana do Bolo, Vilariño de Conso) polo que cubría un numero de habitantes amplo como para necesitar este servizo, a pesar da lonxitude e custe de instalación e, como veremos mais adiante, de mantemento.

Faro de Vigo anuncia as liñas telefónicas urbanas incluíndo o do Barco de Valdeorras. 1 de marzo 1891.

Manuel Valcarce López era o director auxiliar da oficina de correos e telégrafos no Barco de Valdeorras en 1892. En xuño dese ano notifica a creación dun servizo publico de telefonía, para poder enviar despachos particulares, xa que ata ese momento esta limitado aos oficiais. . A liña pasaba por Pobra de Trives cara Ourense, a pesar de que a inauguración do tren pola ruta Quiroga, Monforte, Peares e Ourense, recentemente inaugurada, iría cambiando progresivamente as dinámicas da bisbarra. Este servizo público se inaugurará o 28 de agosto de 1892 usando a nova liña con Trives.

Cables eléctricos (marxe esquerda) e de telégrafos (dereita) don dentro urbán de Trives. Ano descoñecido

Xa en setembro de 1892, un mes despois da inauguración, aparecen na prensa as primeiras novas sobre as deficiencias do servizo (que afectan, por exemplo, a adiamentos na recepción de telegramas do correspondente de La Voz de Galicia en O Barco), motivadas, nun primeiro momento, polo roubo do arame. Esta nova liña traerá un feixe de desgustos. O 29 de setembro publícase unha carta por parte de Manuel Valcarce indicando que o 23 de setembro foron roubados 200m de cable en A Rúa, o 24 de setembro roubaron 400m en Vilamartín de Valdeorras e o día seguinte preto de 1km entre Freixido y Larouco. 

Estes problemas chaman a atención do Gobernador Civil que pide explicacións ao alcalde de Trives, indicando este que os defectos foron provocados, curiosamente, por nenos de 8 e 10 anos de idade e que o xulgado da Pobra xa está a traballar arreo no asunto. O lonxitude da liña e o entorno rural de baixa densidade de poboación non axudará ao mantemento.

O 23 de decembro de 1892 o correspondente da Voz de Galicia publica unha nota na prensa onde comenta que o servizo levaba practicamente interrompido tres meses, xa que a Garda Civil non era quen de conseguir evitar os roubos nos cables. A novidade é que non só estaban roubando o arame, xa que tamén se utilizaban os postes, chegadas as frías temperaturas, como leña para quentarse. O director perde a esperanza sobre recuperar o servizo polo que inicia unha campaña para que se abandone o uso desa liña mediante a creación dunha estación intermedia na liña telegráfica que pasa pola vía ferrea, cuestión que consigue e xa aparece recollida no mapa de 1899


Mapa telegráfico e telefónico do Corpo de telégrafos. Instituto Geográfico Nacional. Ano 1899. Obsérvase a supresión da liña de Trives a o Barco e a existencia dunha estación telegráfica intermedia nesta vila. 

Para saber máis:

  • La Voz de Galicia.  21 de xuño de 1892; 14 de agosto de 1892; 27 de setembro de 1892; 1 e 8 de outubro de 1892; 23 de decembro de 1892; 3 de marzo de 1893
  • Faro de Vigo. 26 de agosto de 1892; 2 de outubro de 1892

O mindoniense Cándido Martínez na reclamación salarial dos telegrafistas de 1880

 Candido Martínez Montenegro foi un deputado liberal durante tres décadas por Mondoñedo (Lugo), que nos ano 1881 - 1883 sería director de Co...