luns, 6 de xuño de 2022

Os proxectos fallidos da rede urbana de Santiago (1889-1901)

Decembro de 1889. Instaladas a redes en A Coruña e Vigo, en Santiago espértase o interese na construción da rede telefónica urbana na cidade. La Voz de Galicia fai unha crítica a un artigo de El Pensamiento Galaico, non conservado, no que se reclama ao Concello, Sociedade Económica, centros recreativos e comerciantes que apoien a instalación do teléfono. La Voz critica de que se esquezan do estamento eclesiástico (arcebispado, cabido, seminario, etc.) do que reclaman a súa participación económica:

Quereron censurar desta maneira silenciosa o illamento no que viven tódolos sabios e axentes do progreso cuxo teléfono segue a ser, como nos séculos medios, a corda da campá

La Voz de Galicia. 11 de decembro de 1889.


Fálase nese mes de facer unha reunión entre os diferentes axentes locais involucrados, pero a finais de marzo de 1890 aínda non se celebrara.

En maio de 1890 sae publicada a iniciativa do óptico electricista de Santiago, o Sr. Varela, con tenda na rúa do Vilar nº 65, como disposto a asumir o proxecto de instalación do teléfono urbano, pero parece que non frutifica. Porén, trabállase na recollida de mostras de intereses de futuros abonados. En novembro de 1980, pasando xa de 200 potenciais abonados, Mariano M. Villoslada, concesionario da rede urbana de A Coruña, visita Santiago de Compostela, sube ás torres da catedral para analizar a mellor forma de dar servizo de telefonía.

[...] Este adianto que hoxe teñen case tódalas poboacións, figurando entre elas algunhas galegas de importancia menor que Santiago.    

Opinión na Gaceta de Galicia. 25 de novembro de 1890, cando só Vigo e Coruña tiñan o servizo.


Outubro de 1891, Manuel Bibiano Fernández, propietario de La Gaceta de Galicia, preséntalle ao alcalde de Santiago, D. Cleto Troncoso Pequeño, a petición de que traslade ao Ministerio de Gobernación a publicación da poxa para o servizo de telefonía, que non chega a producirse.

O proxecto xurde novamente en 1892 ao traballar o corpo de telégrafos na instalación do teléfono en Arzúa e Negreira, da man de novo de Mariano Villoslada, que traslada certos problemas na zona urbana de Santiago de Compostela para ter a autorización dos propietarios a instalar soportes de ferro nas fachadas das casas. Esta instalación motiva que a Sociedade Económica de Santiago trate o tema do teléfono mediante un relatorio por parte de D. Manuel Bibiano Fernández, que propón o teléfono urbano así coma a conexión con Vilagarcía e Coruña.

Maio de 1894. O pleno do concello recupera o asunto da instalación. Dúas empresas mostran interese na construción. Un deles e o Sr. Pedreira que anuncia un prezo mensual de 7.5 pesetas e a vontade de ter as oficinas na casa da antiga estación telegráfica da praza da Quintana. Jesús Adrán Botana, responsable da construción das redes eléctricas de Ponteareas, Tui, Monforte, Betanzos ou Viveiro visita Santiago en 1894 para analizar a posibilidade de construír esa rede. Ambas iniciativas páranse.

Novembro de 1895. Neste caso é a empresa que da servizo en Salamanca a que mostra interese en construír a rede, sempre que o número de subscritores cubra os custes. Pensan repartir boletíns para recoller o interese no servizo, pero parece que desbotan rápido esa posibilidade. En marzo de 1896 a Gaceta de Galicia, nun artigo de opinión láiase dos fracasos das iniciativas e comenta que non son necesarios máis de 60 interesados para rendabilizar o servizo.

Sen ter máis datos, aparece na prensa un novo interese, por parte doutra empresa, en crear a rede en marzo de 1897. 


A poxa de 1900

Raimundo Núñez Codesal, veciño de Betanzos, tralo abono de 2.000 pesetas na Caixa de Depósitos da Coruña, para a ser o primeiro concesionario da rede de telefonía urbana de Santiago de Compostela. O director de telégrafos da Coruña envía o proxecto á Dirección Xeral de Telégrafos que se publica na Gaceta de Madrid do 8 de setembro de 1900 por un período de concesión máximo de 20 anos. O prazo de presentación de propostas finaliza o 13 de outubro de 1900. No caso de non ser a mellor proposta a de Raimundo, este terá dereito de tanteo.

Gaceta de Madrid do 8 de setembro de 1900

Raimundo non gaña. O adxudicatario resulta ser Manuel Becerra Armesto o 23 de outubro de 1900. Manuel decide instalar a central na propia casa que na Algalia de Arriba. Comezan a ser publicadas no Eco de Galicia listaxes dos primeiros abonados ao servizo, contando o 16 de novembro con 36 interesados e un número obxectivo de 100 para confirmar a viabilidade do servizo.

Retrato de Manuel Becerra Armesto. Ano 1890-1900.  Fotógrafo Francisco Zagala.


A Biblioteca da Universidade de Santiago garda un pequeno tesouro: a documentación que se entregaba, por parte de Manuel Becerra para conseguir subscritores, entre a que se encontraban as normas do servizo, as tarifas así como o talón de subscrición, que se mostra na seguinte imaxe.


Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela. Ano 1900.

Ese número de interesados non chega ao mínimo polo que Manuel vai adiando as obras. Excedido o prazo oficial da poxa, a Dirección Xeral de Telégrafos rescinde a concesión.  Manuel Barrera ameaza con reclamar danos, pero non parece executar esta acción.


Para saber máis:

  • La Voz de Galicia: 11 de decembro de 1889; 22 de febreiro de 1890; 2 de abril de 1890; 21 de febreiro de 1892; 16 de marzo de 1892; 18 de maio de 1894; 19 de agosto de 1894; 1 de decembro de 1895; 17 e 20 de febreiro de 1900; 10 e 15 de setembro de 1900; 16 de novembro de 1900
  • Faro de Vigo: 23 de febreiro de 1900; 7 de febreiro de 1901
  • Gaceta de Galicia: núm 216/1889 de 13 de decembro de 1889; núm 39/1890 de 20 de febreiro de 1890; núm 101/1890 de 8 de maio de 1890;  núm 253/1890 de 25 de novembro de 1890; núm 279/1890 de 21 de decembro de 1890; núm 217/1891 de 1 de outubro de 1891; núm 248/1891 de 7 de novembro de 1891; núm 39/1892 de 18 de febreiro de 1892; núm 59/1892 de 14 de marzo de 1892; núm 99/1894 de 8 de maio de 1894;  núm 105/1894 de 16 de maio de 1894; núm 106/1894 de 17 de maio de 1894; núm 132/1894 de 26 de xuño de 1894; núm 171/1894 de 19 de agosto de 1894;  núm 61/1896 de 14 de marzo de 1896;  núm 38/1900 de 18 de febreiro de 1900; núm 66/1900 de 27 de marzo de 1900; núm 272/1900 de 6 de novembro de 1900; núm 30/1901 de 6 de febreiro de 1901; núm 43/1901 de 21 de febreiro de 1901  
  • El Telegrama, núm. 5219. 1 de outubro de 1891
  • Diario de Avisos de La Coruña. Núm. 10220. 6 de outubro de 1891
  • El Lucense. Núm 2203. 23 de febreiro de 1892
  • Gaceta de Madrid. 8 de setembro de 1900
  • El Correo Gallego. Num 4805 de 13 de setembro de 1894
  • El Diario de Galicia. Núm 1009 de 8 de setembro de 1894; Núm 1382 de 30 de setembro de 1895
  • El Alcance. Núm 65 de 24 de xuño de 1897; Núm 68 de 29 de xuño de 1897
  • Reglamento para el servicio de abonados. Red telefónica de Santiago. 1900. Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela
  • El Eco de Santiago. 10 e 20 de setembro de 1900; 30 de outubro de 1900: 14 e 16 de novembro de 1900; 5 e 21 de febreiro de 1901
  • El Eco de Galicia. 31 de marzo de 1900; 12 de maio de 1900
  • La Idea Moderna. Núm 2764 de 23 de febreiro de 1900; Núm 2958 de 23 de outubro de 1900; Núm 2978 de 16 de novembro de 1900
  • La Correspondencia Gallega. Nñum 3255 de 19 de novembro de 1900; Núm 3320 de 7 de febreiro de 1901
  • El Regional Núm 2840 de 24 de marzo de 1892






Ningún comentario:

Publicar un comentario

O telegrafista espía da Coruña na I Guerra Mundial.

No 26 de novembro 1918, apenas quince días despois do fin da guerra, recíbese a queixa do embaixador de Estados Unidos sobre un empleado do ...