O empresario Cándido Soto e Castro ideou en 1876 a construción da casa de baños "La Iniciadora" nun lugar próximo á zona histórica do Berbés en Vigo tocando á Rúa Real, cun expediente de construción conservado no arquivo do Porto de Vigo. Pasou a ser un punto de encontro da alta sociedade viguesa cun éxito que motivou unha reforma e ampliación para o inicio da tempada en 1883.
Nesta reforma de 1883 é cando atopamos unha única referencia na prensa sobre a existencia dunha rede interna de telefonía, que sabemos se se chegou a construír, xa que non apareceu noutras noticias nin en anuncios comerciais da casa de baños. Existe a posibilidade de que se referira a un sistema de timbres, que anos máis tarde sería habitual velo en hoteis para facilitar a comunicación coa recepción.
As reformas de 1883 levaron a ter unha maior amplitude que o propietario dicía que se trataban da mellor casa de baños non só de España senón do estranxeiro. Polas referencias doutros xornais, La Concordia de Vigo foi o medio que máis información recolleu desta reforma, mais non existen copias mesma nas hemerotecas, polo que se pode considerar como perdida. Porén, o Faro de Vigo, antes da apertura da tempada de baños, tamén recolleu información.
As reformas incluíron eliminar o balcón que da o mar na zona central, desde o que podía tocarse o mar con marea chea, para poñer aí o salón de descanso. O antigo salón pasa a ser unha sala de xogos ('carambolas') e se amplían os brazos laterais para chegar á auga no caso de marea baixa. As habitacións pasan a ser de tamaños diferentes, con capacidade algunha para 8-10 persoas.
O día da inauguración sería o 3 de xuño de 1883, contando cun concerto da orquestra do Sr. Piñeiro de 12:00 a 14:00. Curiosamente nesa mesma data inaugurouse a Alameda de Vigo e o restaurante do Hotel Continental. Contou con teléfono nas habitacións? Mais alá da publicación puntual na Voz De Galicia non hai maior constancia. Unha novidade así sería recollida nas crónicas do Faro de Vigo ou na publicidade da casa de baños.
Para saber máis:
- Faro de Vigo: 30 de marzo de 1883; 11, 18 e 30 de maio de 1883; 1 e 23 de xuño de 1883
- La Voz de Galicia. 28 de xuño de 1883
- Liceo Brigantino : eco de las secciones de literatura, ciencias, música y declamación: Ano II Número 32 - 10 xuño 1883
Ningún comentario:
Publicar un comentario