xoves, 16 de xuño de 2022

A primeira liña de teléfono de Galicia: Rubine en 1885 na Coruña

Perdido o arquivo histórico da Dirección Xeral de Correos e Telégrafos no incendio de Aranjuez é difícil ter datos fiables da maior parte da historia da telefonía en España. Houbo que visitar o arquivo do Concello da Coruña para coñecer cal foi a primeira liña de teléfono privada de Galicia (se non consideramos as liñas domésticas para probas que utilizou Andrés Comerma no arsenal de Ferrol). 

O inventario municipal recolle dous expedientes nese ano:

  • Expediente 86/1885: oficios comunicando a concesión da autorización polo Director Xeral de Correos e Telégrafos a favor de Eduardo M. Cervigón para establecer dúas liñas que partindo do despacho na Rúa Real 47 terminen na fábrica de serrar madeiras da rúa Socorro e de feltro no camiño da Maestranza.
  • Expediente 87/1885: oficios comunicando a concesión da autorización polo Director Xeral de Correos e Telégrafos a favor de Rubine e Hijos para establecer unha liña telefónica particular entre a súa fábrica na Avda de Riazor 6 e o seu despacho na Rúa Real 81.
La Coruña en la mano. Ano 1883.  Arquivo da Real Academia Galega

A orde correlativa pode levar a pensar a que Cervigón fora a primeiro. Porén, a ausencia de referencias na prensa nese senso era sospeitosa. Así, La Voz de Galicia recolle o 20 de xaneiro de 1885 a autorización para instalar esa liña. O 11 de abril de 1885 o Diario de Avisos de La Coruña menciona que as obras atópanse en curso e o 17 de Maio La Voz de Galicia menciona que teñen sido invitados a visitar a fábrica para ver o teléfono.

La Voz de Galicia. 17 de maio de 1885.
 

Tanto Faro de Vigo como o Diario de Avisos falan do interese doutros empresarios como a fábrica de petróleos de Mesa, Marchesi e Compañía na Gaiteira, que non se faría efectiva ata marzo de 1888 (e con obrigatoriedade de conectarse a rede urbana cando estivera dispoñible) e outros, pero omiten calquera referencia ao teléfono de Cervigón. 

Quen foi o primeiro?

O expediente de Fernando Rubine y Firpo ten data no concello do 23 de xaneiro de 1885, tras recibir a autorización o 19 de xaneiro. Fernando foi un político i empresario chocolateiro que tiña a súa fábrica na Avenida de Riazor (hoxe Avenida de Rubine). Esa empresa tamén se adicaría a ser consignataria de buques (aínda en activo). Na súa faceta como político cumpre salientar o seu pasamento nun pleno da Deputación de A Coruña, pouco despois de ter instalado o teléfono.

Fábrica de Rubine e Hijos ao fondo, detrás do espigón que separa as praias de Orzán e Riazor. Data descoñecida.

Pola contra, o expediente municipal de Eduardo Cervigón ten data do 13 de marzo de 1885 e data de aprobación por parte do Director de Correos o 9 de marzo, polo que sería posterior a Rubine. Ademais, non existe a certeza de que estas liña se chegaran a instalar. 

Fábrica de Cervigón detrás da Casa de Sol. Actualmente sobre a Av. Pedro Barrie de la Maza e o cruce con Pasadizo de Orzan. Ano descoñecido.


Que máis sabemos desa primeira liña?

A prensa recolle como o 1 de agosto de 1885, tras o pasamento de Fernando Rubine, a liña sufriu a descarga dun lóstrego na rúa do Africano que rompeu a liña. A utilización de apoios metálicos nas casas (chamados popularmente 'palomillas') xunto coa falta de recubrimento ou illantes nos cables facia que estiveran expostos a raios. Isto motivaba problemas cos propietarios das casas polas que pasaba o cable e deu lugar incluso a que o futuro director da rede urbana de A Coruña, Mariano Martín Villoslada, deseñara un sistema de pararraios específico.

Cando chegou a telefonía urbana en 1888, Rubine e Hijos aínda deberon tardar en sumarse xa que os seu numero de teléfono no despacho da rúa Real é o 98. A fábrica non aparece xa que é posible que seguira mantendo a liña privada. Con Eduardo Cervigón pasa algo similar, aparece unicamente como abonado no despacho da rúa Real (co número 115) pero non nas fábricas, polo que cabe a posibilidade de que si que chegara a instalar as liñas privadas.

Copias dos expedientes municipais






Expediente de solicitude de autorización para a instalación dunha liña telefónica privada por parte da sociedade Rubine e Hijos.  Arquivo Municipal de A Coruña



Expediente de solicitude de autorización para a instalación de dúas liñas telefónicas privadas por parte Eduardo Cervigón. Arquivo Municipal de A Coruña


Para saber máis:

  • Expedientes 86/1885 e 87/1885 de Eduardo M Cervigón e Rabine e Hijos. Arquivo Municipal de A Coruña
  • Diario de Avisos de La Coruña. Num 8202 de 11 de abril de 1885
  • Faro de Vigo. 22 de xaneiro de 1885; 12 de abril de 1885; 21 de xaneiro de 1888; 13 de marzo de 1888
  • La Voz de Galicia. 20 de xaneiro de 1885; 17 de maio de 1885; 1 de agosto de 1885.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

O telegrafista espía da Coruña na I Guerra Mundial.

No 26 de novembro 1918, apenas quince días despois do fin da guerra, recíbese a queixa do embaixador de Estados Unidos sobre un empleado do ...