Amosando publicacións coa etiqueta 1896. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 1896. Amosar todas as publicacións

sábado, 3 de decembro de 2022

As primeiras liñas privadas da provincia de Lugo (1893-1917)

Quedaba pendente unha publicación sobre ás liñas privadas da provincia de Lugo, despois de ter explorado ás outras provincias previamente. Cumpre recordar que hai varios tipos de liñas, como son:

  • Liñas de edificios públicos (concellos, deputación, etc)
  • Redes urbanas, que no caso de provincia de Lugo chegarían á capital, Monforte, Ribadeo, Viveiro e Mondoñedo nunha época tardía, a partires de 1916.
  • Redes interurbanas, que chegaron á cidade de Lugo en 1915, antes co teléfono urbano.  Por exemplo, o Hotel Méndez Núñez se conectou a rede interurbana nesa época.
  • Liñas particulares que ocupaban o espazo público (postes,...) que necesitaban de autorización da Dirección de Correos e Telégrafos e quedaron recollidas en Anuarios Telegráficos, que comentaremos a continuación
  • Liñas particulares interiores (dentro de edificios de uso xeral como balnearios, etc.)
  • Liñas públicas telefónicas para conexión a rede telegráfica, que se recolleron nesta publicación para os caso de  O Vicedo (1894) e Celeiro (1893)   https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/07/telefonia-municipal-no-mapa-telegrafico.html. A partir do século XX chegarían tamén a O Valadouro, Foz, Lourenzá, etc.
  • Liñas telefónicas reconvertidas en telegráficas, como foi o caso de Chantada (orixinaria en 1894)

Nesta publicación exploraremos aqueles casos de liñas e iniciativas particulares creadas antes de 1917 á marxe das grandes redes. Partindo da información compilada, incluíndo a aportada por Emilio Borque, temos estas referencia das Estadísticas Telegráficas de España do seguintes anos:

  • 1887: sen liñas particulares
  • 1895: sen liñas particulares
  • 1897: unha liña en Lugo e outra en Viveiro  (total: 2)
  • 1904: dúas liñas máis en Lugo e outra en Monforte (total: 5)
  • 1905: unha liña máis en Lugo, outra en Sargadelos e outra adicional en Viveiro (total: 8)
A tenor desta información, as primeiras liñas particulares da provincia de Lugo poderían ser as das compañías eléctricas de Lugo recollidas nesta publicación: 
se ben non sempre aparecían recollidas nos anuarios telegráficos, porque é posible que non conseguiran unha autorización expresa da dirección de correos e telégrafos ao utilizar os postes eléctricos para a montaxe da rede. 

Algunha liña, como é sería o caso da mencionada en Sargadelos, apenas ten referencias na prensa.  Neste caso parece construída en 1904, pero a primeira referencia atopada sería en 1908. Neste caso apúntase a que existía unha liña ata o salto de auga e turbina localizada á altura da alameda na antiga fundición.

1893
A compañía eléctrica que instala o servizo de alumeado público en Mondoñedo e que está instalando a turbina, está a realizar unha instalación de arames para o servizo telefónico.  A inauguración farase o 1 de marzo de 1893, sendo a segunda cidade galega despois de Pontevedra. Foi promovida por Francisco Armesto Vinuesa, contando coa colaboración de farmacéutico de Vilafranca do Bierzo Jesús Adrán, que colaborou con outros proxectos en Galicia. A liña conectaba o salto de Viloalle do río Tronceda (3 quilómetros ao norte) con Mondoñedo. Esta liña non aparecería no Anuarios Telegráficos. 
Máis tarde, en abril de 1909 presentarían un proxecto para a instalación dunha rede telefónica entre Ribadeo e Vilalba aproveitando a instalación dos cables eléctricos.

1896
Agustín Valcarce, xerente da compañía eléctrica de Monforte de Lemos, obtén autorización para a construción dunha liña telefónica particular, por un período de 10 anos, se ben non queda constancia de se uniría a sede da empresa en Monforte coa central eléctrica situada uns quilómetros, no río Cabe á altura de Ribas Altas, aproveitando o trazado eléctrico, ou sería unha nova instalación na contorna urbana. Esta debe tratarse da liña particular recollida nos anuarios de 1904 e 1905, xa que non existen referencias adicionais de liñas en Monforte.

1901
Constrúese unha liña de teléfono na nova liña do ferrocarril mineiro que se construía entre Porto Estreito (na entrada da ría de Ribadeo) e a mina de ferro de Vilaoudriz, cunha extensión de 33 quilómetros. A vía de tren entraría en servizo en 1903 e a inauguración do servizo telefónico en agosto de 1905. En 1903 construiríase tamén a liña, actualmente de FEVE, entre Viveiro e Ribadeo, que contaría tamén con teléfono.

Cargue de Porto Estreito en Ribadeo. Orixe: Ferrocarriles de España



1902 
José Díaz Gayoso en nome do enxeñeiro inglés D. Jorge Layman, veciño de Becerreá, presentou o 9 de agosto de 1902, no Goberno Civil de Lugo un proxecto para a construción dunha liña telefónica particular entre a casa do Sr. Layman e as oficinas da compañía mineira "The Lugo Goldsfields Limited" de Becerreá, da que era propietario e que quería explotar pirita de ferro, cobre e ouro. A autorización chegaría o 10 de outubro dese ano, pero non parece que se teña construído ao desistir desa empresa en 1904.

1906 
Jose Reimundo, veciño de Foz, solicita autorización para a montaxe dunha liña telefónica paralela á de transporte de enerxía entre o Pozo Capitán, no río Masma, no lugar de Cazolga, concello de Barreiros, e Ribadeo e Foz, co gallo de subministrar alumeado eléctrico en varios pobos da mariña lucense, a través de varias estradas do estado. Obtería autorización a primeiros de 1907.

1912 
Dodolino Trigo Paz solicitou permiso para a construción dunha liña particular pero non hai constancia de que puntos de Mondoñedo conectaba.  Dodolino, un dos promotores das Irmandades da Fala, era dono da eléctrica mindoniense, que era unha das primeiras liñas telefónicas construídas na provincia, e promotor dun par de xornais na cidade de Mondoñedo. Cabe pensar que esa liña conectaría a sua vivenda particular (na actual rúa Guevara) con algún destes negocios ou cunha finca da súa propiedade na parroquia de Masma.

Para saber máis: 
  • El lucense  diario católico de la tarde Num. 2489 (07/02/1893)
  • La Voz de Galicia. 9 de febreiro de 1893; 5 de xuño de 1895; 2 de xaneiro de 1912
  • El diario de Galicia  periódico católico e independiente Ano V Número 1233 - 5 de xuño de 1895 El regional  diario de Lugo  Num. 4652 (03/03/1896); N; um. 6772 (10/08/1902); Num. 6798 (05/09/1902); Num. 6831 (11/10/1902);  Num. 6908 (08/01/1903
  • La idea moderna  diario democrático en Lugo  Num. 3237 (01/10/1901)
  • El norte de Galicia  diario político y de información Num. 641 (24/03/1903); Num. 1630 (02/08/1906); Num. 2585 (18/08/1909)
  • El Eco de Santiago diario independiente Año XII Número 3462 - 5 de xuño de 1907
  • La Correspondencia Gallega  diario de Pontevedra Ano XXI Número 5742 - 9 abril 1909; Ano XXIV Número 6551 - 3 xaneiro 1912



mércores, 19 de outubro de 2022

Os teléfonos privados na provincia de Pontevedra no século XIX

 Sen dúbida o primeiro caso foi de rede privada foi o de Antonio López de Neira en 1886, que se recolleu nun artigo previo: 

https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/08/lopez-de-neira-primeira-lina-de.html

No resto do século XIX temos localizadas once liñas particulares máis no provincia de Pontevedra. Hai que ter en conta que a rede urbana de Vigo se inaugurou en 1889, polo que potenciais demandantes de liñas particulares viron colmadas as súas necesidades co servizo urbano. Así, varios comerciantes tiñas liñas na súa casa e negocio, polo que non aparecen recollidos neste artigo. Ademáis destas liñas particulares, existían liñas municipais para conectar cos servizos de telegráfia do Estado, que se recollen neste artigo:

https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/07/telefonia-municipal-no-mapa-telegrafico.html

As instalacións particulares, en ocasións, estaban vencelladas a redes eléctricas polo que utilizaban as súas propias instalacións, pero noutros casos facían unha ocupación da vía pública mediante a instalación de postes. Estes proxectos detállanse a continuación por orde cronolóxica.

1888 

Jose María Riestra López, futuro Marqués de Riestra, era un empresario e banqueiro pontevedrés. Solicitou unha liña de teléfono particular entre a súa casa na Rúa Michelena 30 (tamén sede da banca) e a sua casa de campo, o Pazo da Caeira en Poio (localización), cunha lonxitude aproximada de 1.5km 

1889 

Manuel Barcena Franco, Conde de Torrecedeira, banqueiro e posuidor de propriedades, para construir unha liña telefónica entre a súa casa rúa Real (Vigo) e unha finca en Cedeira, hoxe chamado Pazo de Torrecedeira (localización) no concello de Redondela. Nesta data xa estaba en construcción a casa Barcena, no  

Evaristo Babé, ex alcalde de A Coruña, entre a fábrica de refinado de petróleo "La viguesa" na praia de Guixar e as oficinas de compañía na rúa do Ramal, que tres anos máis tarde se chamaría Rúa Colón. A extensión aproximada sería de 2.5 km. Este mesmo ano chegaría a rede urbana á que se conectarían posteriormente.


1890

Gumersindo Otero García conectando a fábrica de papel de Riobó na Estrada (localización), que fora construida en 1741 e que el rexentaba, coa súa casa particular, o Pazo da Mota (localización) na mesma parroquia, cunha distancia inferior aos 2km. A construción da rede ten sido feita polo Sr- Rodriguez Cea de Pontevedra

Fábrica de papel de Riobó (A Estrada) actualmente. Orixe: link


1891

Conexión entre o Colexio da Compañía de Xesús na parroquia de Camposancos no concello de A Guarda (localización) e a casa do médico Leonardo Álvarez ubicada no lugar de Coruto, na parroquia de Salcidos do mesmo concello. O padre Francisco Gárate sería o enfermeiro naquel momento, cando o colexio contaba cuns 200a alumnos internos, que usaría o teléfono para avisar de casos graves e que o médido se desprazara ao colexio en cabalo. A rede Tería unha extensión dun 2.7 km.

Colexio Santiago Apostol (pp. Xesuitas) en Camposancos (A Guarda). Sen datar. Orixe: link


1895

Ulpiano Buhigas Abad posuía unha propiedade e unha fábrica de fósforos en Carril. Solicitou a creación dunha rede que conectara con Cesures, aínda que descoñecemos os intereres que tiña nesa poboación. A lonxitude da rede, preto de 15 km leva a pensar que usaría o trafado dos cables telegráficos da liña de tren.

1896

A instalación dun teléfono en 1896 entre a recén ianugurada fábrica de luz A Miuduña" de Tebra de Tomiño (localizacion) e a sede da compañía de electricidade dos señores Comesaña e Leiras, cun proxecto levado a cabo por Jesús Adrán, que participou na rede eléctrica doutras vilas. A extensión desta liña sería duns 15 km. aproveitando os postes dos cables eléctricos.



1897

En febreiro de 1897 comúnicase a autorización a Manuel Novo Faílde e Antonio Sierra Prieto para instalar unha liña particulae en Pontecesures.  Neste caso non queda constancia de que dous puntos conectaba, Ambos posuían unha tenda de ultramarióos e importacións coloniais a grande escala, principalmente con América. No caso de Novo tiña tamén negocios de 'ferros' e ferretaría en Padrón, así como canteiras de  arxila e fábrica de tellas en Valga, pero parece ser que a instalación da liña estaba limitada a Pontecesures.

1899

Laureano Salgado para conectar a fabrica de Azucreira Galega en Portas, que está aínda conservada (localización) coa sua casa en Caldas de Reis (situada na rúa que leva o seu nome), cunha distancia de 1800 metros. Laureano está considerado un dos impulsores da electrificación en Galicia, impulsor do balneario e gran hotel de A Toxa, así como varias centrais hidroeléctricas, casas de baños e actividades filantrópicas. A azucreira, creada no mesmo 1899, tras a perda de Cuba, principal fornecedor de azucre da época. A falta de cultivos de remolacha e a competencias doutras azucreiras foron a causa do peche en menos de catro anos.

Restos da Azucreira Galega de Portas actualmente. Orixe: link

Manuel Becerra Armesto entre o Pazo de Gandarón en Salcedo, en Pontevedra, (localización) hoxe misión biolóxica de Galicia, dependente do CSIC, e o Teatro Principal, que comprara uns anos antes na cidade de Pontevedra. Ao pouco de ter a liña telefónica o pazo padecería un incencio que obrigou á súa reconstrucción. A rede contaba cunha extensión duns 3 km. e quedaría dentro do servizo urbano de 1902.


1900

O enxeñeiro francés Ernesto Presser Dauphin entre a súa casa de Vilagarcia e a fábrica da "sociedade galega de electricidade", antes chamada "Electra de Segad" de Segade, en Caldas de Reis (localización), onde construira unha central hidroeléctrica, nunha fervenza do río Umia. Desde esa central daban servizo a Valga, Caldas de Reis, Vilagarcía, Cambados ou Padrón. A extensión da rede de telefonía sería de 15 km. onde aproveitaría o trazado da liña eléctrica.


Para saber máis

  • Faro de Vigo. 9, 18 e 28 de abril de 1889
  • La Voz de Galicia. 8 de novembro de 1890
  • El Obrero. Semanario. Núm 10 de 31 de agosto de 1890
  • La Integridad. Diario de Tui. Núm 609  de 18 de decembro de 1891
  • El Eco de Galicia. Núm 1685 de 23 de decembro de 1891
  • Gaceta de Galicia. Núm. 253 de 6 de novembro de 1895; Núm. 295 de 11 de outubro de 1899;  Núm. 308 de 28 de novembro de 1899
  • La Opinión. Diario de Pontevedra. Núm 295 de 29 de xaneiro de 1897
  • La Correspondencia Gallega. Núm 2933 de 18 de outubro de 1899
  • El Diario de Pontevedra. Núm. 4799 de 12 de maio de 1900

venres, 9 de setembro de 2022

A rede urbana de Pontevedra. Construcción 1895-1910

Xullo de 1895 a empresa concesionaria da telefonía urbana de Vigo ten un proxecto para implantarse en Pontevedra. Nunca máis se volve a falar desta iniciativa. 

Un segundo intento ocorre en maio de 1896, cando se menciona o interese dunha empresa privada, sen concretar de que empresa se trata. Novamente o proxecto queda parado.

Templete da central telefónica na Rúa San Román 2, desde a Praza da Ferraría. ~1910


En abril de 1901 Benito Corbal Estévez, político e contratista de Pontevedra, solicita a autorización á Dirección de Correos e Telégrafos para a instalación dunha liña particular entre a súa casa en Pontevedra e o lugar de O Tombo na parroquia de Bora. Sería a terceira liña privada na cidade tras a do Sr. Riestra entre a Magdalena e a finca da Caeira en 1888 e a de Manuel Becerra Armesto en 1899.

Ata 1908 non hai mais proxectos de telefonía urbana despois dos fracasados de 1895 e 1896. Neste momento coexisten tres liñas privadas e unha rede pública que conecta o hospital, balneario, concello e deputación. O fillo de Benito Corbal, D. Manuel Corbal Souto presenta un proxecto ante a Dirección de Correos e Telégrafos xunto ao seu curmán Claudio Corbal Hernández, que sae a poxa pública con publicación na Gaceta de Madrid.


Gaceta de Madrid. Núm. 274 de 30 de setembro de 1908


A concesión márcase en 20 anos e o valor do proxecto en 5.000 pesetas, a abonar a Manuel Corbal no caso de non resultar a súa proposta a gañadora. Manuel gaña a concesión xunto a Claudio Corbal pero apenas aparece mencionado na prensa da cidade, coa que tiña diferencias políticas. En La Libertad recolle a final de 1908 un artigo de opinión sobre este silencio.

A dirección técnica da construción da rede correu a cargo de Mariano Martín Villoslada, responsable da rede da Coruña, que incluíu no proxecto non só a rede urbana de Pontevedra, senón que chegar a Marín e Pontecaldelas. Dese xeito cubríase unha poboación de máis de 42.000 persoas.

As tarifas, nos tres primeiros quilómetros en liña recta desde a central, son:

  • Particulares: 27 pesetas trimestrais
  • Fincas comunais: 40 pesetas trimestrais
  • Casinos, cafés, teatros i estacións de trens: 50 pesetas trimestrais
  • Sobrecuste de 0,75 pesetas por cada 100 metros de liña para aquelas situadas a máis de 3 quilómetros

A inauguración do servizo ocorreu o 6 de xaneiro de 1910, as 12 do mediodía. A central estaba situada na rúa San Román número 2, 3º andar,  próxima á praza da Constitución (hoxe Praza da Ferraría, tras recuperar o nome histórico). Na inauguración se fixeron chamadas a varios abonados e un banquete no Hotel Progreso. No momento da inauguración contábase con 80 abonados. As telefonistas eran Avelina Vaamonde e Marcelina Carballo.


Plano de Pontevedra de 1910. A central telefónica estaba ubicada no esquina da rúa San Román coa Praza da Ferraría. Obsérvase tamén a sede dos telégrafos públicos na rúa Michelena.


Para saber máis:

  • Gaceta de Galicia. Num 152 de 6 de xullo de 1895. Núm. 118 de 24 de maio de 1896
  • La Opinión. Núm. 113 de 17 de xuño de 1896
  • La Correspondencia Gallega. 20 de febreiro de 1901; 12 de abril de 1901; Núm. 5791 de 7 de xuño de 1909; Núm 5963 de 7 de xaneiro de 1910
  • La Voz de Galicia. 1 de outubro de 1908; 11 de xuño de 1909
  • El Diario de Pontevedra. Num 7332. 10 de outubro de 1908; Núm 7522 de 7 de xuño de 1909; Núm 7696 de 7 de xaneiro de 1910
  • La libertad. Num 168 de 13 de decembro de 1908, Núm 223 de 8 de xaneiro de 1910.
  • Diario de Galicia. Núm. 331 de 8 de xaneiro de 1910; Núm 332 de 9 de xaneiro de 1910
  • El Noroeste. Núm 4761. 1 de outubro de 1908
  • Faro de Vigo. 28 de abril de 1888; 21 de xaneiro de 1901; 8 de xaneiro de 1910

luns, 27 de xuño de 2022

1896: A prohibición das chamadas telefónicas en galego

Estivo prohibido falar en galego por teléfono antes da ditadura? Atendendo á seguinte imaxe si, pero semella que non afectou tanto....

La Vanguardia. 28 de maio de 1896


A finais de maio de 1896 , Salvador Bermúdez de Castro y Díez, director de Correos e Telégrafos, decidiu que non se permitirían as chamadas nos 'dialectos rexionais', mentres si que se permitían en varios idiomas internacionais. 

Manuel Bermúdez de Castro y Díez, director de Correos e Telégrafos


Que acontecía co galego? Basicamente non era un problema xa que o seu uso estaría limitado ás pequenas redes urbanas de Vigo e A Coruña e unhas poucas liñas municipais punto a punto, que probablemente quedarían á marxe das limitacións. En resumo, non se podía falar en galego, pero os galegos non tiñan teléfono. A prensa galega apenas mencionou a nova e limitouna a un problema co catalán e vasco.  Barcelona e, sobre todo, Guipúscoa tiñan unha densa rede interurbana que podía percibirse coma unha ameaza para o control central do Estado. 

Nota publicada nos locutorios de Barcelona, recollida en La Vanguardia do 28 de maio de 1896

Rede telefónica interurbana no noroeste de España.—Aviso: A Dirección Xeral de Correos e Telégrafos, pola orde do día 23 do día en curso, advirte a esta empresa, de que as disposicións vixentes non permiten o uso dos dialectos catalán e vasco. , nin ningún outro nos distintos servizos que se prestan polas liñas da rede tales como chamadas telefónicas e conferencias, nin outros idiomas que non sexan español, francés, italiano, portugués, inglés e alemán, adoptarán as medidas oportunas para o cumprimento exacto das devanditas disposicións. En virtude diso, dáse a coñecer ao público a citada disposición, suplicándolle que se atenda a todo o previsto nela mentres subsista a dita orde, cuxa revogación xestiona esta empresa, utilizando todos os medios legais.

Esa censura idiomática non gustou en Barcelona, onde senadores e deputados decidiron reunirse para discutir sobre o caso.  A exaltación dos políticos cataláns foi tal que decidiron remitir un telegrama á raíña María Cristina en alemán, lingua que si que estaba permitido utilizar. Ata douscentos telegramas chegáronse a enviar a políticos e dirixentes de Madrid escritos en francés, portugués, alemán, italiano ou inglés. A prensa de Cataluña e Valencia tamén xogou un papel de presión para levantar esta censura, mentres que a prensa de Madrid apostaba por regular para que as comunicacións puideran ser intervindas por parte dos funcionarios.

Os políticos cataláns decidiron falar co Ministro de Gobernación, Fernando de Cos-Gayón i Pons, tamén catalán, do cal dependía a Dirección de Correos e Telégrafos, que finalmente revocou esa medida. O Marques de Lema presentou a súa dimisión despois desta medida, pero a súa renuncia non foi aceptada.


Fernando de Cos-Gayon. Ministro de gobernación en 1896.


Este problema volveu agromar en xullo de 1899 e febreiro de 1917 con novos intentos de restrición ao uso das linguas rexionais, pero esta vez cunha menor intensidade. En paralelo, tamén chegou un recoñecemento en xuño de 1904, onde a única limitación era o coñecemento da lingua por parte do operador.

Faro de Vigo. 23 de xuño de 1904


Para saber máis:

  • El Eco de Santiago  diario independiente Año I Número 78. 4 de xuño de 1896
  • El lucense  diario católico de la tarde Num. 3473. 6 de xuño de 1896
  • La Correspondencia de España : diario universal de noticias: Año XLVII Número 13998. 3 de xuño de 1896
  • La Unión Católica. 1 de xuño de 1896
  • El movimiento católico. 2 de xuño de 1896
Información sobre as novas restriccións en 1899 e 1917:
  • La idea moderna diario democrático en Lugo  Num. 2593. 20 de xullo de 1899
  • Diario de Galicia periódico de la mañana, telegráfico, noticiero y de información general Num. 2630 24 de febreiro de 1917
  • El Correo gallego  diario político de la mañana Ano XL Número 12919 - 24 de febreiro de 1917 











luns, 23 de maio de 2022

O pararraios de Mariano Martín Villoslada

Mariano Martín Villoslada desempeñou case toda a carreira profesional en Galicia, tanto no corpo de telégrafos como en diferentes iniciativas de telefonía urbana. Chega a Coruña en agosto de 1888 para traballar na primeira rede urbana de Galicia, onde sería o director durante os primeiros anos, antes de reincorporarse ao posto de telégrafos.  Sen dúbida foi a perfil técnico máis relevante dos primeiros anos de telefonía en Galicia ao participar en proxectos de implantación de telefonía o mantemento da rede telegráfica en Vigo, Lugo, Santiago ou Pontevedra.

En 1894 publica, xunto a Jose Amado, xefe de telégrafos da Coruña, o libro "La electricidad práctica" sendo unha dos libros de referencia en España para instalacións eléctricas, telegráficas ou telefónicas. Coma exemplo, sería nomeado libro de utilidade para o exército en outubro de 1923.

Libro "La Electricidad Práctica" de Jose Amado e Mariano Martín Villoslada.  Ano 1894

Neste libro introduce o seu "Pararraios Villoslada" dada a 'inutilidade de todas as solucións existentes', pero sería na revista "El telegrafista español" onde publicou un artigo sobre a súa proposta 'de absolutas garantías' para reducir as descargas eléctricas nas centrais telefónicas. Estas descargas de tormentas provocaban alarma nos abonados, xa que ocasionaban danos nos materiais e risco de incendio.  Mariano ideou un aparello que, en determinado momento, derivaba á terra todas as liñas afectadas dunha central telefónica dun xeito rápido.

A descrición do interruptor pararraios que publica na revista sería a seguinte: Supoñamos unha central para 25 abonados, dobre circuíto; consiste nun interruptor nun moble de madeira A, que mide 40 centímetros de longo, 9 de alto, 6 na parte inferior ou base e 4 na parte alta. Na tapa están 25 placas de latón, b, ás que mediante parafusos de presión unen os fíos que se dirixen  ás táboas de indicadores; nestas láminas, por orde, apóianse facendo contacto, unhas placas a, de 7 centímetros de longo por 7 milímetros de ancho; as que, por outros parafusos que se ven na base C do dispositivo, os cables de liña están conectados.


Nesta disposición, as correntes que entran, pasan os fíos de liña aos paneis indicadores por medio dos resortes. Dentro do dispositivo, e no espazo entre as mencionadas láminas, hai unha barra metálica B de corte romboidal ou ovalado, que se atopa en comunicación coa terra, e que pode xirar sobre o seu eixe d; esta barra, cuxo menor diámetro só ten 2 centímetros, non toca coas pestanas por defecto; pero se queres illar a Central pola tormenta, abonda con xirar a mencionada barra metálica un cuarto de volta, e despois, como o seu maior diámetro, que é de 5 centímetros, máis extenso que o espazo comprendido entre as pestanas dun lado e doutro, estas serán empuxadas e separado dos contactos que se comunican cos cadros, permanecendo en comunicación todas as liñas coa terra. Así, o funcionario de garda, cando el o cre conveniente debido á proximidade da tormenta, pode dunha soa vez, illar a Central e poñer todas as liñas a terra. 

Este conmutador preséntase na exposición rexional de Lugo de 1896, obtendo unha mención. Na prensa coméntase que está sendo utilizado por varias compañías telefónicas.

Referencia no caderno de especificacións técnicas do proxecto de Talavera de la Reina. Electrón. 30 de novembro de 1904


Para saber máis:

  • La Electricidad Práctica de Jose Amado e Mariano Martín Villoslada  Ano 1894. dixitalizado na Biblioteca Nacional
  • El Telegrafista Español. 15 de outubro de 1893.
  • La Correspondencia de España : diario universal de noticias Número 14134 de 17 de outubro de 1896
  • La voz de la verdad  diario católico con censura eclesiástica Año XIII Número 4365 - 20 de outubro de 1923


O mindoniense Cándido Martínez na reclamación salarial dos telegrafistas de 1880

 Candido Martínez Montenegro foi un deputado liberal durante tres décadas por Mondoñedo (Lugo), que nos ano 1881 - 1883 sería director de Co...