luns, 14 de novembro de 2022

A telefonía nas eléctricas de Lugo (1897-1898)

As compañías eléctricas que xa tiñan instalado a súa rede de postes para o subministro enerxético aproveitaban para tirar un cable de telefonía que permitía controlar os procesos productivos desde as oficinas principais. Este sería o caso de Lugo, cunha salvedade. 

En abril de 1897 faltarían aínda 20 anos para que Lugo dispuxera de teléfono urbano. A compañía de electricidade “Alumbrado Eléctrico de Lugo”, a través do banqueiro Ramón Nicolás Soler y Díaz de Noriega presentou un proxecto para conectar cunha liña privada a fábrica de electricidade de Acea de Castro Romai e as oficinas de administración na rúa Manuel Becerra 12 (hoxe Rúa do Progreso) da cidade, que recibiría autorización en maio dese ano.


Acea de Castro Romai. Ano 1897.  Libro "La Sociedad General Gallega de Electricidad y la formación del sistema eléctrico gallego" de Xoan Carmona Badía.


En abril de 1898, aparece unha segunda provedora de electricidade, que competiría coa anterior. “La eléctrica lucense” solicita autorización para tender unha rede entre a praza de Santo Domingo, onde terían as oficinas principais e a fábrica de luz que construían a carón da nova represa de O Piago de Martul (Robra, Outeiro de Rei), a uns 10 km do centro urbano. A instalación técnica sería realizada pola empresa Ahlemeyer e Compañía de Bilbo, estando finalizada en marzo de 1899, onde aparecen na prensa as probas con servizo telefónico.

Unha singularidade é a petición de interconectar unha fábrica de fariñas da rúa Fornos de Lugo coas oficinas da eléctrica lucense na praza de Santo Domingo. Esta petición se faría en agosto de 1902, sendo aprobada tres meses máis tarde. Esta fábrica, propiedade do Sres. Pujol e Arriaga foi a primeira eléctrica inaugurada na provincia de Lugo, polo que esta liña telefónica serviría para estar en comunicación con subministrador eléctrico.

A anécdota chegaría en outubro de 1907, cando ao desprenderse un fío telefónica perto da Porta Miñá, que contactou cun cable do alumeado ocasionou a morte dun burro do servizo municipal de limpeza. A Eléctrica Lucense tería que indemnizar ao concello.


Para saber máis:
  • El Regional. Núm 9588 de 6 de abril de 1897; Núm 9931 de 27 de abril de 1898; Núm 10022 de 31 de xullo de 1898; Núm 10047 de 26 de agosto de 1898; Núm 10223 de 5 de marzo de 1899; Núm 6784 de 22 de agosto de 1902; Núm 6851 de 1 de novembro de 1902.
  • El Eco de Galicia. Núm 3266 de 4 de maio de 1897; Núm 3280 de 20 de maio de 1897; Núm 3568 de 13 de maio de 1898; Núm 3571 de 17 de maio de 1898.
  • La idea moderna. Núm 2249 de 14 de maio de 1899
  • Faro de Vigo. 5 de outubro de 1907

Ningún comentario:

Publicar un comentario

O telegrafista espía da Coruña na I Guerra Mundial.

No 26 de novembro 1918, apenas quince días despois do fin da guerra, recíbese a queixa do embaixador de Estados Unidos sobre un empleado do ...