Quedaba pendente unha publicación sobre ás liñas privadas da provincia de Lugo, despois de ter explorado ás outras provincias previamente. Cumpre recordar que hai varios tipos de liñas, como son:
- Liñas de edificios públicos (concellos, deputación, etc)
- Redes urbanas, que no caso de provincia de Lugo chegarían á capital, Monforte, Ribadeo, Viveiro e Mondoñedo nunha época tardía, a partires de 1916.
- Redes interurbanas, que chegaron á cidade de Lugo en 1915, antes co teléfono urbano. Por exemplo, o Hotel Méndez Núñez se conectou a rede interurbana nesa época.
- Liñas particulares que ocupaban o espazo público (postes,...) que necesitaban de autorización da Dirección de Correos e Telégrafos e quedaron recollidas en Anuarios Telegráficos, que comentaremos a continuación
- Liñas particulares interiores (dentro de edificios de uso xeral como balnearios, etc.)
- Liñas públicas telefónicas para conexión a rede telegráfica, que se recolleron nesta publicación para os caso de O Vicedo (1894) e Celeiro (1893) https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/07/telefonia-municipal-no-mapa-telegrafico.html. A partir do século XX chegarían tamén a O Valadouro, Foz, Lourenzá, etc.
- Liñas telefónicas reconvertidas en telegráficas, como foi o caso de Chantada (orixinaria en 1894)
Nesta publicación exploraremos aqueles casos de liñas e iniciativas particulares creadas antes de 1917 á marxe das grandes redes. Partindo da información compilada, incluíndo a aportada por Emilio Borque, temos estas referencia das Estadísticas Telegráficas de España do seguintes anos:
- 1887: sen liñas particulares
- 1895: sen liñas particulares
- 1897: unha liña en Lugo e outra en Viveiro (total: 2)
- 1904: dúas liñas máis en Lugo e outra en Monforte (total: 5)
- 1905: unha liña máis en Lugo, outra en Sargadelos e outra adicional en Viveiro (total: 8)
A tenor desta información, as primeiras liñas particulares da provincia de Lugo poderían ser as das compañías eléctricas de Lugo recollidas nesta publicación:
se ben non sempre aparecían recollidas nos anuarios telegráficos, porque é posible que non conseguiran unha autorización expresa da dirección de correos e telégrafos ao utilizar os postes eléctricos para a montaxe da rede.
Algunha liña, como é sería o caso da mencionada en Sargadelos, apenas ten referencias na prensa. Neste caso parece construída en 1904, pero a primeira referencia atopada sería en 1908. Neste caso apúntase a que existía unha liña ata o salto de auga e turbina localizada á altura da alameda na antiga fundición.
1893
A compañía eléctrica que instala o servizo de alumeado público en Mondoñedo e que está instalando a turbina, está a realizar unha instalación de arames para o servizo telefónico. A inauguración farase o 1 de marzo de 1893, sendo a segunda cidade galega despois de Pontevedra. Foi promovida por Francisco Armesto Vinuesa, contando coa colaboración de farmacéutico de Vilafranca do Bierzo Jesús Adrán, que colaborou con outros proxectos en Galicia. A liña conectaba o salto de Viloalle do río Tronceda (3 quilómetros ao norte) con Mondoñedo. Esta liña non aparecería no Anuarios Telegráficos.
Máis tarde, en abril de 1909 presentarían un proxecto para a instalación dunha rede telefónica entre Ribadeo e Vilalba aproveitando a instalación dos cables eléctricos.
1896
Agustín Valcarce, xerente da compañía eléctrica de Monforte de Lemos, obtén autorización para a construción dunha liña telefónica particular, por un período de 10 anos, se ben non queda constancia de se uniría a sede da empresa en Monforte coa central eléctrica situada uns quilómetros, no río Cabe á altura de Ribas Altas, aproveitando o trazado eléctrico, ou sería unha nova instalación na contorna urbana. Esta debe tratarse da liña particular recollida nos anuarios de 1904 e 1905, xa que non existen referencias adicionais de liñas en Monforte.
1901
Constrúese unha liña de teléfono na nova liña do ferrocarril mineiro que se construía entre Porto Estreito (na entrada da ría de Ribadeo) e a mina de ferro de Vilaoudriz, cunha extensión de 33 quilómetros. A vía de tren entraría en servizo en 1903 e a inauguración do servizo telefónico en agosto de 1905. En 1903 construiríase tamén a liña, actualmente de FEVE, entre Viveiro e Ribadeo, que contaría tamén con teléfono.
Cargue de Porto Estreito en Ribadeo. Orixe: Ferrocarriles de España
1902
José Díaz Gayoso en nome do enxeñeiro inglés D. Jorge Layman, veciño de Becerreá, presentou o 9 de agosto de 1902, no Goberno Civil de Lugo un proxecto para a construción dunha liña telefónica particular entre a casa do Sr. Layman e as oficinas da compañía mineira "The Lugo Goldsfields Limited" de Becerreá, da que era propietario e que quería explotar pirita de ferro, cobre e ouro. A autorización chegaría o 10 de outubro dese ano, pero non parece que se teña construído ao desistir desa empresa en 1904.
1906
Jose Reimundo, veciño de Foz, solicita autorización para a montaxe dunha liña telefónica paralela á de transporte de enerxía entre o Pozo Capitán, no río Masma, no lugar de Cazolga, concello de Barreiros, e Ribadeo e Foz, co gallo de subministrar alumeado eléctrico en varios pobos da mariña lucense, a través de varias estradas do estado. Obtería autorización a primeiros de 1907.
1912
Dodolino Trigo Paz solicitou permiso para a construción dunha liña particular pero non hai constancia de que puntos de Mondoñedo conectaba. Dodolino, un dos promotores das Irmandades da Fala, era dono da eléctrica mindoniense, que era unha das primeiras liñas telefónicas construídas na provincia, e promotor dun par de xornais na cidade de Mondoñedo. Cabe pensar que esa liña conectaría a sua vivenda particular (na actual rúa Guevara) con algún destes negocios ou cunha finca da súa propiedade na parroquia de Masma.
Para saber máis:
- El lucense diario católico de la tarde Num. 2489 (07/02/1893)
- La Voz de Galicia. 9 de febreiro de 1893; 5 de xuño de 1895; 2 de xaneiro de 1912
- El diario de Galicia periódico católico e independiente Ano V Número 1233 - 5 de xuño de 1895 El regional diario de Lugo Num. 4652 (03/03/1896); N; um. 6772 (10/08/1902); Num. 6798 (05/09/1902); Num. 6831 (11/10/1902); Num. 6908 (08/01/1903
- La idea moderna diario democrático en Lugo Num. 3237 (01/10/1901)
- El norte de Galicia diario político y de información Num. 641 (24/03/1903); Num. 1630 (02/08/1906); Num. 2585 (18/08/1909)
- El Eco de Santiago diario independiente Año XII Número 3462 - 5 de xuño de 1907
- La Correspondencia Gallega diario de Pontevedra Ano XXI Número 5742 - 9 abril 1909; Ano XXIV Número 6551 - 3 xaneiro 1912
Ningún comentario:
Publicar un comentario