luns, 1 de agosto de 2022

A telefonía urbana en Lugo (1900 - 1922)

 A última cidade en ter teléfono urbano en Galicia foi Lugo, xa no ano 1917. Foi a única que non tivo concesionarios privados, dado que foi construída polo corpo de Telégrafos ata o paso á Compañía Nacional de Teléfonos de España en 1924. Repasemos o proceso de creación desta rede urbana.


O 10 de xaneiro de 1900 publica o diario El Regional un artigo sobre o teléfono, onde falaba de que as dúas sociedades explotadoras da electricidade que existían na cidade debían adicar certos esforzos á construción dunha rede para a prestación do servizo de telefonía, como xa contaban Vigo ou A Coruña desde hai anos. Argumentábao indicando que centros de recreo, hoteis, administracións públicas, etc, xa serían uns trinta abonados fixos e que con oitenta de seguro que sería rendible. Así, bastaría con involucrar a banqueiros e comerciantes para acadar esa cifra.

Esa proposta sería recollida noutras cabeceiras da cidade, falando do interese suscitado na sociedade lucense. En El Correo de Lugo do 31 de xaneiro de 1900 se comenta que esta idea non é nova, xa que unha persoa xa estaba traballando nela (sen citala).


Foto Marín. Lugo. Muralla. 1928. Fundación Telefónica.


Un ano mais tarde, o 15 de xaneiro de 1901, pregunta El Regional polo suposto interese que existía, e intenta axilizar para ser a cuarta cidade de Galicia, xa que Santiago de Compostela xa incorporara ese servizo.

O 23 de febreiro de 1905 publica El Correo Gallego como varios accionistas da Eléctrica Lucense pensan establecer o servizo telefónico urbano, polo que teñen a intención de circular boletíns de subscrición para analizar a viabilidade do proxecto. Non se volven ter mais noticias deste proxecto.

Non existen novidades ata 1913, onde El Norte de Galicia publica que ían comezar os traballos do teléfono urbano en breve.  Pode que se tratara do concesionario de Ferrol, xa que La Idea Moderan indica o 27 de Maio de 1914 que tanto un representante dese concesionario como o director técnico estaban a facer os estudos necesarios para a instalación. Este medio da incluso un prezo de referencia para a subscrición mensual por 8 pesetas.  Esta nova iniciativa tamén fracasou.

A aposta pola Compañía Peninsular de Teléfonos

En Outubro de 1914 a rede interurbana xa estaba en construción o que levou a Cámara de Comercio de Lugo a falar coa Compañía Peninsular de Teléfonos, adxudicataria desa rede que uniría as principais cidades nun futuro, para que asumisen tamén o servizo urbano, como xa facían noutras zonas do Estado. A Cámara comeza a circular boletíns de subscrición cun custe mensual de 7,50 pesetas, sendo a instalación de balde.

En Novembro incítase na prensa a inscribirse para alcanzar o número mínimo de subscritores, que a compañía fixaba en 100. A intención da Cámara de Comercio é enviar esa listaxe xunto cun plano das localizacións á compañía para facilitar a posta en marcha da rede. O 4 de decembro de 1914 publica El Regional a primeira lista de 77 subscritores que se publica como anexo. A prensa recolle que se enviaron 110 mostras de interese, pero que a Compañía Peninsular de Teléfonos pedira 20.000 pesetas para acometer a instalación  que non estaban previstos na súa petición orixinal, causando unha gran indignación na Cámara de Comercio

A implantación por parte de Dirección General de Comunicaciones

En febreiro de 1915 o deputado D. Emilio Tapia recibe, do director xeral de Comunicacións, o Sr. Emilio Ortuño, a vontade de establecer o servizo telefónico usando o corpo de telégrafos. Esto foi froito dunha proposta para levar a telefonía a vilas de certo tamaño (maiores de 20.000 habitantes) e capitais de provincia que quedaran á marxe das iniciativas privadas, do que tamén se beneficiarían Ponteareas, Tui e outras capitais de distrito en Galicia. O resto das principais cidades xa contaban con ese servizo, nalguns casos (Vigo e Coruña) desde hai mais de 25 anos. 

Sede de telégrafos diante do Banco de España. Plano de Lugo. 1918. Benito Chías e Sixto Vizcaino. Alberto Martín Editor, Barcelona. Vía Instituto Geográfico Nacional



O local destinado ao servizo será na oficina de telégrafos, na rúa Castelar (hoxe rúa do Teatro) habilitando un local na parte posterior para oficina e telégrafos.  Aproveitase para limitar a área que cubrirá o servizo, marcando como límites a escola de Piugos, a Tolda, o alto de Garabolos, a fábrica de xabróns do Sr. Pillado, e o campo de tiro. O 8 de xullo chega a aprobación do proxecto por parte do director xeral de comunicacións. Xa en agosto dáse conta da recepción de boa parte do material.

A existencia previa do servizo interurbano en Lugo levou a ofrecer a posibilidade de subscribirse só para chamadas urbanas ou dar a posibilidade de ter chamadas interurbanas, xa que se faría unha interconexión con este servizo. Neste caso o dispositivo telefónico sería diferente. En xaneiro de 1916 publícanse as tarifas, que son as mesmas para todas as cidades onde o servizo se presta polo corpo de telégrafos, pasando de 4 pesetas ao mes para particulares a 10,40 pesetas no caso de restaurantes ou estacións de trens, mentres o servizo sexa de 7 a 22h. Se pasara a ser permanente podería incrementarse nun 20%.

A construción da rede vaise adiando en 1916, polo que o alcalde de Lugo, o Sr. López Pérez, visita ao novo director de comunicacións, D. Francos Rodríguez, en xaneiro de 1917. En marzo xa estaban construídas as arteiras norte, a da saída pola rúa da Estación e pola rúa San Marcos, as máis próximas a central telefónica. O xefe de liña, o Sr. Emilio Novoa González, achaca as demoras á resistencia dos veciños en aceptar a colocación de "palomillas" (soportes para os ailladores que permiten tirar o fío telefónico) nas fachadas das súas vivendas, especialmente na zona da praza de Santo Domingo e praza Maior. O 23 de abril de 1917 xa unha parte dos abonados pode utilizar o servizo.

A inauguración celébrase o 1 de xuño de 1917, de xeito discreto ao estar en obras aínda na central de telégrafos. A prensa agradece ao xefe de liña  e o xefe de telégrafos, o Sr. Enrique Bolaño, a súa adicación.  Publícanse as listaxes con 92 abonados, que se irán sumando mais nas seguintes datas mediante actualizacións na prensa (p.e o 30 de xullo xa figurarían 121 abonados). A mesma prensa recolle a necesidade de que facilitadores de servizos como as empresas de electricidade, policía de vixilancia, garda municipal, balneario, bombeiros, centros eclesiásticos etc. que non aparecen na primeira lista se sumen ao servizo para poder recibir notificacións dos abonados e incrementar o valor do servizo.

Construíuse unha torre hexagonal de ferro con capacidade para 460 abonados deseñada para soportar o peso ante inclemencias meteorolóxicas. Emilio Novoa, o xefe de liña nese período, publicou informacións na prensa con datos técnicos. Emilio sería un impulsor da profesión de enxeñería de telecomunicacións e un gran referente. Recentemente (2021) conta cunha excelente biografía realizada por Olga Pérez Sanjuán,(ver sección para saber máis).

Foto Marín. Lugo. Templete da central, hoxe na rúa do Teatro. 1928. Fundación Telefónica.


Complementando o servizo nos domicilios existía un locutorio público na sede de telégrafos, cun custe de 0,20 pesetas por cada tres minutos ao que tiñan acceso gratuito os abonados. Outro servizo interesante para os abonados era poder ter notificacións da hora de chegadas dos trens ou cotizacións en bolsa por tres pesetas mensuais (limitado a un reporte diario).

Os problemas no servizo

A prestación do servizo por parte do persoal do corpo de telégrafos, que tamén se daba en outras localidades como Ponteareas ou Tui, pasou a ser un problema en Lugo pola falta de persoal suficiente. A prensa local fíxose eco desa situación e comezou unha campaña para recabar maiores recursos dando conta dos grandes ingresos que recibían por parte dos abonados. En febreiro de 1918 reclámase persoal feminino, que se estaba formando na escola de Madrid nese momento.

Enrique Bolaño, xefe de telégrafos, informa o 3 de xaneiro de 1918 que algúns abonados están sufrindo problemas no servizo derivados da negativa do Hotel Oriental a permitir o acceso ao faiado para facer esas reparacións.  O hotel estaba disconforme porque a estructura montada estaba prevista para seis u oito fíos pero levaban conectados máis de sesenta i estaban preocupados por se podía danar a estructura. Esto obriga a cambiar a numeración de certos usuarios.

Ante as queixas de algúns abonados, que organizan incluso unha reunión o 27 de xuño de 1918, o inspector D. Miguel Vila Barraqué visita Lugo a finais de outubro de 1918 e comprométese a investir en novos equipos e tentar chegar a vilas próximas. Tamén pídese que o servizo sexa permanente. O xefe de telégrados, Enrique Bolaño, envía á prensa un comunicado indicando que precísase que máis da metade do abonados estén interesados nese servizo e que deben notificalo por escrito aceptando a sobrecuste do mesmo. 

Un novo conflito xurdiría en decembro de 1918 xa que o propietario do inmoble que aluga ao servizo telefónico quere subir as tasas e vense na obriga de sacar un concurso para o aluguer dun novo inmoble, que sae publicado o 11 de febreiro de 1919 polo xefe Enrique Bolaño, aínda que non queda constancia de que este cambio se realizara.

Os problemas para colocar palomillas obriga a propoñer a instalación de tres postes na praza da Santo Domingo,na esquina da rúa San Marcos; na rúa Manuel Becerra e onde se une a rúa de Armañá coa Praza de Santo Domingo. O concello pide a conformidade  en xullo de 1920 da policía local, que non autoriza o da rúa Becerra e da autorización provisional ao resto. Curiosamente en decembro de 1920 desaparece un poste, o da praza de Santo Domingo, que recibira queixa por non cumprir un mínimo de ornato.

Novas queixas en decembro de 1919

O ano 1919 pecharíase con fortes queixas por parte de abonado sobre a calidade do servizo. O 30 de decembro organízase unha reunión no Círculo das Artes onde un grupo confirma que non van a pagar os abonos e deciden enviar unha misiva ao ministro de Gobernación y ao director xeral de Comunicacións, ademáis de manter reunións co alcalde, gobernador civil e presidente da cámara de comercio.

O 1 de xaneiro de 1920 a maior parte dos abonados presentan a baixa no servizo, fartos dos problemas de calidade (o teléfono do hospital non funciona; é necesario chamar varias veces á central para comunicar, perdendo ata 15 minutos; etc.) relacionados coa falta de persoal do corpo de telégrafos para atender o servizo. A prensa menciona a reducción de dúas auxiliares a só unha para atender o servizo.

El norte de Galicia diario político y de información Num. 5635 (07/01/1920)

O inspector D. Enrique Utiniaga, tras chegar as noticias da baixa masiva á Dirección de Comunicacións, visita a cidade i entrevístase coa traballadores, abonados e a prensa. As queixas dan resultado e asignar máis persoal feminino á central que chega no mes de marzo (aparecen mencionadas na prensa Araceli Jiménez Zurbano, Emilia López Saavedra ou Josefina Peláez López, esta en 1922). O xefe de sección, Manuel Ballesteros, comunica que os que notificaron a baixa que non volvan pagar o servizo terán consideración de baixa definitiva.

A crónica de 1922

El Progreso recolle esta curiosa crónica dunha visita a central telefónica e que ocorre coa telefonista.


El Progreso  diario liberal Año XV Número 4583 - 9 de novembro de 1922



Para saber mais: 
  • El Regional: 10 de xaneiro de 1900; 15 de xaneiro de 1901; 27 de outubro de 1914; 20 e 27 de novembro de 1914; 4 de decembro de 1914; 4 de xaneiro de 1916; 1 de agosto de 1916; 12 de maio de 1917; 5, 9 e 28 de xuño de 1917; 13 de agosto de 1917; Num. 13105 (17/01/1922); Num. 13108 (20/01/1922); Num. 13564 (07/06/1922)
  • La Idea Moderna: 24 de xaneiro de 1900; 27 de maio de 1914; 30 de outubro de 1914; 10, 20 e 27 de novembro de 1914; 8 y 9 de febreiro de 1915; 8 de xullo de 1915; 21 de agosto de 1915; 4 de setembro de 1915; 26 de novembro de 1915; 27 de abril de 1917; 28 de maio de 1917; 1 e 4 de xuño de 1917; 29 de setembro de 1917; 19 de decembro de 1917;  Num. 8136 (03/01/1918); Num. 8148 (17/01/1918); Num. 8384 (13/11/1918); Num. 8438 (23/01/1919) 
  • El Correo de Lugo: 25 e 31 de xaneiro de 1900
  • Gaceta de Galicia: 26 de xaneiro de 1900
  • El Correo Gallego: 23 de febreiro de 1905; Ano XLI Número 14659 - 27 de xuño de 1918
  • El Norte de Galicia: 30 de setembro de 1913; 26,27 e 31 de outubro de 1914: 27 de novembro de 1914; 9 de febreiro de 1915; 18 e 25 de Marzo de 1915; 23 de xullo de 1915; 30 de xaneiro de 1917; 4 de abril de 1917; 31 de maio de 1917; 2 de xuño de 1917; 17 e 19 de xullo de 1917; 13 e 18 de agosto de 1917; 11 de setembro de 1917;  Num. 5029 (11/06/1918); Num. 5161 (12/02/1919); Num. 5185 (17/03/1919); Num. 5635 (07/01/1920); Num. 5645 (19/01/1920); Num. 5538 (09/08/1920)
  • La Voz de la Verdad: 26 de outubro de 1914; 20 de novembro de 1914; 10 de febreiro de 1915; 12 de xuño de 1915; 10 e 30 de marzo de 1917; 10 e 23 de abril de 1917; 11 de maio de 1917; 18 de xullo de 1917; Ano VIII Número 2855 - 13 de novembro de 1918; Ano VIII Número 2883 - 16 de  decembro de 1918; Ano IX Número 3200 - 31 de decembro de 1919;  Ano X Número 3207 - 12 de xaneiro de 1920; Ano X Número 3256 - 10 de marzo de 1920; Ano X Número 3350 - 5 de xullo de 1920; Ano X Número 3374 - 2 de agosto de 1920; Ano XII Número 3942 - 6 de xuño de 1922
  • La Correspondencia Gallega: 30 de outubro de 1914; 5 de maio de 1916; 16 de xullo de 1916
  • La Región: 31 de outubro de 1914
  • El Correo de Galicia: 9 de agosto de 1915; 19 de xaneiro de 1916; 2 de abril de 1917
  • El Progreso: 24 de maio de 1917;  Ano XII Número 2092 - 26 de outubro de 1918
  • Boletín Oficial de Provincia de Lugo: 24 de xuño de 1915; 3 de xullo de 1915; 4 de setembro de 1915; 14 de febreiro de 1919.
  • El Noroeste: Año XX Número 9496. 24 de xullo de 1915; Ano XXIII Número 10272 - 14 de xaneiro de 1918
  • Historia de una profesión. Biografía de Emilio Novoa. Autora: Olga Pérez Sanjuán. COIT. 2021.
  • El Progreso  diario liberal Ano XI Número 3099 - 3 de xaneiro de 1918; Ano XI Número 3100 - 4 de xaneiro de 1918; Ano XI Número 3115 - 22 de xaneiro de 1918; Ano XI Número 3139 - 20 de febreiro de 1918; Ano XI Número 3142 - 23 de febreiro de 1918;  Anno XI Número 3176 - 5 de abril de 1918; Ano XI Número 3339 - 19 de outubro de 1918;  Ano XI Número 3342 - 23 de outubro de 1918;  Ano XI Número 3360 - 14 de  novembro de 1918; Ano XII Número 3461 - 18 de marzo de 1919;Ano XII Número 3704 - 30 de decembro de 1919; Ano XIII Número 3706 - 1 de xaneiro de 1920; Ano XIII Número 3721 - 18 de xaneiro de 1920; Ano XIII Número 3761 - 5 de marzo de 1920; Ano XIII Número 3858 - 4 de xullo de 1920; Ano XIII Número 3879 - 29 de xullo de 1920; Ano XV Número 4331 - 21 de xaneiro de 1922; Ano XV Número 4583 - 9 de novembro de 1922
  • La Voz de Galicia: 18 de decembro de 1918
  • El Ideal gallego  diario católico, regionalista e independiente Num. 888 (31/12/1919)
  • El Diario de Pontevedra : periódico liberal: Ano XXXVII Número 10728 - 5 de xaneiro de 1920
  • El Orzán diario independiente Año III Número 603 - 1 de xaneiro de 1920
  • El Eco de Santiago  diario independiente Año XXV Número 10266 - 3 de xaneiro de 1920

Tarefas pendentes: 
  • Consultar o arquivo do Concello de Lugo incluido o libro de actas do pleno municipal
  • Localizar listas con abonados ao servizo, xa que a primeira guía conservada é de 1928.


ANEXO

Lista de interesados no servizo a 4 de decembro de 1914.
  • Deputación provincial
  • Concello
  • Julio Núñez
  • Eduardo Prieto Rivera
  • Pedro Romero e irmáns
  • Emilio Tapia
  • Hotel Méndez Núñez
  • Sergio Rivera
  • Augusto Pozzi
  • Pujol y Arriaga
  • Cárcere do partido
  • Angel López Pérez
  • La Hispano Belga
  • Gran Clínica Veterinaria
  • Jose Gayoso Castro
  • Colexio "El Progreso"
  • Circulo das Artes
  • Salvador Castro Freire
  • Travadelo e Compañia
  • Banco de España
  • Ramón Saavedra
  • Julio Iglesias Fariña
  • Souto Montenegro y Pedrosa
  • Casino
  • Pedro Irizar
  • Carlos Alonso
  • Germán Alonso
  • Demetrio Alvarez
  • Agustín Pita
  • Hipólito Pliado
  • Lugo Salón
  • Fulgencio Manso
  • Gerardo Castro
  • Jesús Bal
  • Juan Núñez taller de mecánica
  • Germán Pérez Peña
  • Rogelio Nondedeu
  • Cooperativa militar e Civil
  • Goberno militar
  • Ofinas de obras públicas
  • Antonio Fernández
  • Antonio Pardo y Pardo
  • El Norte de Galciia
  • Delegación de Facenda
  • Alejo Madarro
  • Economato Civico Militar
  • Jose Herrero Lobejón
  • Tomás Pérez Carro
  • Manuel PArdo Becerra
  • Goberno Civil
  • José Páramo
  • Honorio Manso
  • Juan Manuel Pardo y Pardo
  • Viuva e fillos de Jose Sánchez
  • El Progreso
  • H Vera
  • Academia de Nosa Señora dos Ollos Grandes
  • El Regional
  • La Voz de la Verdad
  • Ilmo Señor Bispo
  • Destacamento de reximento de Zamora
  • Viuva de Peche
  • Reverendos PP Franciscanos
  • Hotel La Oriental
  • Xefe de suministros da praza
  • Hotel Comercio
  • Empresa de Augas
  • Audiencia Provincial
  • Oficinas do servizo agronómico
  • Campo de experimentación agrícola
  • Instituto de segunda ensinanza
  • Constantino Velarde
  • Estación de Ferrocarril
  • Camara de Comercio
  • Jesús Rodríguez López
  • Empresa arrendataria de consumos
  • La Idea Moderna

Ningún comentario:

Publicar un comentario

O telegrafista espía da Coruña na I Guerra Mundial.

No 26 de novembro 1918, apenas quince días despois do fin da guerra, recíbese a queixa do embaixador de Estados Unidos sobre un empleado do ...