venres, 22 de xullo de 2022

O crime da central telefónica de Ourense

O 28 de Xullo de 1916, Braulio González González, 26 anos, natural de Valderas (León), recibe un telefonema, unha mensaxe anónima desde Vigo que di "Acude conferencia 12:30. Garda absoluta reserva. Abelardo".

Ao día seguinte preséntase na oficina de teléfonos interurbanos da Compañía Peninsular de Teléfonos, situada na rúa Pereira de Ourense, hoxe na Praza de Bispo Cesáreo 17, servizo que fora inaugurado dous anos antes. O director, Eladio Sanz Bermejo, advírtelle de que por mor dunha avaría técnica nos fíos non pode facer esa chamada ata ás 20h. 

Fotografía de Mundo Gráfico do 5 de Xullo de 1916

A esa hora volve e se atopa unicamente con Eladio na oficina. Este pásao a un locutorio, onde volve fallar o teléfono, e logo á oficina do telegrafista. Aí aproveita para darlle un golpe na cabeza cun pico de canteiro para intentar matalo. Braulio queda tan so ferido e, entre gritos de "que me matan", logra escapar e pedir auxilio na rúa. Eladio, acurralado, decide pegarse un tiro na sen dereita cunha pistola que levaba no peto. 

Braulio salva a vida tras ser levado nun primeiro momento á farmacia de Ramos, na mesma praza onde é atendido polo enfermeiro Manuel Quesada que se atopaba na zona de xeito casual e, con posterioridade, ao hospital. Tiña unha ferida de 5cm no occipital esquerdo. Eladio, pola contra, perdeu a vida dúas horas máis tarde na propia estación telefónica, deixando muller e fillos. Apareceu no chan da propia estación cos brazos en cruz, onde foi atendido por algúns médicos.

A motivación do intento de asasinato fora o roubo. Eladio, o director, era unha persoa sociable e simpática, habitual de apostas e xogos, en círculos e clubs da cidade, aos que acudira a apostar con diñeiro da propia estación. A necesidade de entregar ese diñeiro á compañía a final de mes motivou que invitara a Braulio, cunha mensaxe ficticia, para asasinalo e roubarlle o diñeiro. Braulio presentouse con 5.475 pesetas da época, xa que era prestamista xestionando ruletas de xogo. Enténdese que Eladio e Braulio eran coñecidos e o diñeiro desas apostas acabar parcialmente nas mans de Braulio.

Eladio preparara un foso de metro e medio no soto das oficinas. Encargara esa construción a dous novos ordenanzas da estación, aducindo que sería utilizado para unha ampliación dos cables telefónicos. Ese soto estaba alugado a un bar próximo (o Café Moderno) como almacén de bebidas, polo que apenas era utilizado e dificilmente sería atopado Braulio. 


Buraco construido no soto. Fotografía de Mundo Gráfico do 5 de Xullo de 1916. Foto Salazar

Eladio deixarase ver pouco antes no club, para mostrar certa normalidade, e mandara facer recados ós ordenanzas, para poder estar só á hora acordada con Braulio. Eladio xa debía coñecer as relacións de Braulio cun Abelardo de Vigo. Nun primeiro momento a policía sospeitou do irmán de Eladio, Ramón, que traballaba como telefonista na estación, e do porteiro Servando Gallego, procedendo á detención de ambos. Finalmente foran liberados sen cargos de ningún tipo.

A investigación ditaminou que Eladio comprara cloroformo na farmacia Moderna dous días antes e que o utilizara na primeira cabina de teléfono, onde retirara o peche interior para non poder abrir desde dentro, coa idea de que Braulio quedara inconsciente e facilitar o seu asasinato. Así, pechouno nesa primeira cabina con chave pero non conseguiu o seu propósito e tivo que pasar ao plan do golpe co pico. Esta primeira cabina tiña 3 cm de serrín preparados para absorver o sangue no caso de ser asasinado co pico nese lugar.

Ordenanzas que traballaron na construción do buraco. Fotografía de Mundo Gráfico do 5 de Xullo de 1916

Casualmente este intento de crime coincidiu no tempo coa desaparición doutra persoa popular en Ourense, un coleccionista de libros chamado Rocafell, que apareceu datas máis tarde na contorna de Ourense vítima dun suicidio. Mentres o xuíz encargado mandou facer unha investigación no soto da estación telefónica por se se encontraba alí o corpo deste señor.

O titular do servizo da Compañía Peninsular de Teléfonos en Monforte de Lemos, Aurelio Rey, desprazouse a Ourense para atender o servizo, xunto con o seu compañeiro Jose Méndez. Posteriormente sería nomeado Vicente Oloritz, da central telefónica de Donostia, que tería algúns contactos de ourensáns na súa residencia previa en Madrid, e sería o encargado de dar continuidade ao servizo.

A singularidade do crime motivou que a compañía se vira na obriga de publicar na prensa da época unha nota para eximirse de responsabilidades:




Para saber máis:
- El Regional: Diario de Lugo: 30 de xuño e 4 de xullo de 1916
- El Norte de Galicia: 30 de xuño, 1 e 4 de xullo de 1916
- El Progreso: 30 de xuño e 4 de xullo de 1916
- El Diario de Pontevedra: 30 de xuño de 1916
- Gaceta de Galicia: 1 e 3 de xullo de 1916
- La Región: 1 e 18 de xullo de 1916
- Mundo Gráfico: 5 de xullo de 1916
- Vida Gallega: 1 de agosto de 1916
- El Noroeste: 1 de agosto de 1916
- Faro de Vigo: 29 e 30 de xuño de 1916; 4 de xullo de 1916


 




Ningún comentario:

Publicar un comentario

O mindoniense Cándido Martínez na reclamación salarial dos telegrafistas de 1880

 Candido Martínez Montenegro foi un deputado liberal durante tres décadas por Mondoñedo (Lugo), que nos ano 1881 - 1883 sería director de Co...