O recente achado na hemeroteca do Faro de Vigo sobre un ensaio previo de telefonía pode mudar a historia da telefonía en Galicia. Supostamente se recolle na diario coruñés El Comercio Gallego unha referencia sobre probas de telefonía a finais de xaneiro de1878 que serían das primeiras realizadas en España. Precisamente un mes antes foran realizadas entre Barcelona e Girona as primeiras de longa distancia, que foran amplamente recollidas pola prensa nacional.
Do mesmo xeito, xa durante xaneiro se fan as primeiras probas en Madrid a cargo de corpo de telégrafos por orde do Director Xeral. O 2 de xaneiro fan unha proba de 2km aproveitando o fío existente entre a central telegráfica e o ministerio de guerra, para pasar a facer probas desde o día 4 con Aranjuez (46 km), 5-6 con Tembleque (110 km) e 7-9 con Alcázar (160 km) e 10-11 de novo con Aranjuez pero coa presenza de políticos. Sobre o 18 de xaneiro constrúen uns ramais en Aranjuez e Madrid para chegar aos palacios reais e facilitar a comunicación entre Alfonso XII e a súa futura esposa.
Extracto de Carta Postal e Telegráfica de España. Anuario oficial de 1883
Mentres que no caso de Madrid menciónase que o Director Xeral tivo que comprar os teléfonos fora, no caso das primeiras probas en Galicia, a finais de xaneiro de 1878, os teléfonos foran comprados a Francesc Dalmau i Faura e ao seu fillo Tomàs en Barcelona, o primeiro fabricante de dispositivos telefónicos, que copiaba os modelos de Bell. Descoñécese, no caso de Galicia, se estas probas entre Coruña e Ferrol foron unha iniciativa do corpo militar ou ben trátase dunha experiencia por parte do corpo de Telégrafos.
Utilizaron con total seguridade o cabo telegráfico existente entre Coruña e Ferrol, que pasaba por Betanzos pero que podía ser conectado directamente entre os dous puntos. Cumpre salientar que con "estación" na noticia do Faro de Vigo refírese á estación telegráfica, xa que a do ferrocarril non existiría ata o século XX. A utilización dunha frauta e corneta coincide cos instrumentos utilizados polo corpo de Telégrafos nas probas en Madrid, polo que non debe tomarse como un indicador do carácter militar das probas.
Faro de Vigo de 7 de febreiro de 1878
Queda pendente coñecer a motivación destas probas e a orixe da mesma. Sorprende que non aparezas referencias na "Revista de Telégrafos" que acostumaba a recoller todo tipo de probas realizadas polos traballador de corpo. Adicionalmente, ao tratarse de Ferrol, pode ter certo grado de participación D. Andrés A. Comerma un dos enxeñeiros militares mais relevantes da historia e que recollería a prensa, tamén neste ano, certas probas que realizou no seu domicilio e no propio arsenal de Ferro.
Para saber mais:
- Faro de Vigo de 7 de Febreiro de 1878
- Revista de Telégrafos núm 26. 1 de Marzo de 1878
- Aparells Twlefònics de 1878, unes peces singulars. Jesús Sánchez Miñana, Antoni Roca Rosell, Jaume Valentines Álvarez, Guillermo Lusa Monforte. Escola Tècnica Superior d’Enginyeria Industrial de Barcelona Universitat Politècnica de Catalunya
Tarefas pendentes:
- Intentar localizar un exemplar de "El Comercio Gallego" de 30 de xaneiro de 1878, ao que se refire o texto do Faro de Vigo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario