luns, 10 de outubro de 2022

Os primeiros anos da telefonia en Santiago (1902-1922)

A Gaceta de Madrid publica unha nova poxa o 18 de xaneiro de 1902, con características idénticas á realizada en 1900, tras ter desistido Manuel Bárcena do seu proxecto. O Boletín da Provincia tamén publica o anuncio, neste caso o 1 de febreiro de 1902. O prazo de presentación de propostas finaliza o 21 de febreiro de 1902 sen terse presentado ningunha proposta.

Gaceta de Madrid. 18 de xaneiro de 1902


Raimundo Núñez Codesal, veciño comerciante e industrial de Betanzos e autor do proxecto de telefonía da cidade de Santiago de Compostela que se utilizou xa n poxa de 1900, utiliza o seu dereito preferente sobre este concurso e obtén a autorización para a construción e explotación da rede por un período de 20 anos. 

As obras comezan en maio de 1902, coa construción da torre na central telefónica, localizada na Rúa Vilar número 30, que por unha publicación de 1918 parece que terían contrato de aluguer por vinte anos. A data para a inauguración do servizo sería o día do Apástolo, o 25 de xullo de 1902. A prensa recolle progresivas incorporacións da abonados ao servizo nas seguintes datas, así como a petición de Raimundo dunha maior colaboración da veciñanza para instalar 'palomillas' nas fachadas para poder tirar os fíos de teléfono.

A Cámara de Comercio, en abril de 1903, fai un acordo co concesionario para rebaixar o prezo nas casas comerciais ao mesmo cos abonados particulares, sempre que se alcance un número de 100 subscritores, polo que a Cámara fai unha campaña de captación que da froitos o 30 de xuño de 1903. 

Postal de Santiago de Compostela. Rúa do Vilar ao carón da central telefónica. Ano ~1910



O teléfono na estación de tren de Cornes

A Cámara de Comercio tamén mostra interese na instalación dun teléfono na estación de tren do veciño concello de Cornes, para conectar coa liña que vai ata Carril e que é moi utilizada, para o transporte de mercadorías, por parte dos comerciantes de Santiago. Esta instalación demórase durante moito tempo. Do interese inicial en abril de 1903 aparecen repetidos intentos en 1904, 1906, 1913 e 1914 onde o servizo estivo activo só por tempo limitado. 

A estación de Cornes lugar das primeiras probas de telefonía en 1878:   https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/07/1878-as-probas-na-lina-carril.html

El Eco de Santiago. 7 de setembro de 1904

Cando o servizo estaba activo non parecía ser unha prioridade para os traballadores de compañía ferroviaria do Sr. Trulock. Sería o Sr. Joaquín Otero Bárcena, presidente da Cámara de Comercio en 1914 que acordaría con Manuel Sanjurjo, concesionario da rede urbana de Vilagarcía i empresario da compañía La Regional de automóbiles entre A Coruña e Santiago, o servizo telefónico que intercomunicaba coa estación de tren de Carril. Para elo, chegaría a un acordo co Sr. John Trulock, responsable da compañía de trens e Mariano. M. Villoslada, responsable da concesión telefónica de Santiago de Compostela.

Manuel Sanjurjo e a primera telefonía móvil: https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/07/autocares-la-regional-primeira.html


Postes telefónicos na Rúa da Senra. Ano ~1910.  Autor descoñecido


A conexión da policía

O uso do teléfono para notificar problemas graves á policía ou corpo de bombeiros parece un dos casos de utilización máis evidentes, pero foron sempre corpos que demoraron a súa conectividade á rede. Dez anos despois de ter dispoñible o servizo, el 1912 a Benemérita, na súa casa-cuartel, e os gardas de seguridad estaban aínda sen conectividade á rede. O concelleiro D. Lorenzo López de Rego presenta unha proposta no pleno que se leva a cabo, no caso da garda de seguridade municipal en setembro de 1912. 


Queixas dos abonados

Ao igual que noutras cidades, a calidade do servizo telefónico ocasionaba queixas de diversa índole. en febreiro de 1911 as queixas proceden da propia compañía telefónica, con ameazas de subir o custe mensual a aquelas familias que cedan o teléfono a terceiros para facer chamadas.     

En 1913 e 1915 existiron períodos de queixas por parte dos abonados, moitas veces dirixidos pola propia Cámara de Comercio. O 1 de febreiro de 1916 publica o novo director da rede, o Sr. Juan Couto Devesa, fillo de Isidoro Couto, administrado da sociedade de gas i electricidade, indicando que o servizo non é malo e que, actualmente,  conta con 174 abonados.  Fai unha comparación cos prezos doutras redes urbanas para salientar que é similar incluso a outras públicas (como o servizo en Lugo) e da Compañía Peninsular (en Betanzos).  Xusto ese ano, en Xuño de 1916 toma posesión Eduardo Ferreño Adrán.

As queixas volverían á prensa en 1919, focalización no director da rede, o Sr. Couto, e o xefe Sr. Ferreños. e, xa en 1922, nunha gran mobilización de abonados, tratada nesta publicación:

A reunión de abonados de Santiago de 1922: https://telefoniagalicia.blogspot.com/2023/06/a-reunion-de-abonados-de-santiago-de.html

Mapa de Santiago de Compostela. Ano 1901. Wagner & Debes, Leipzig.

Para saber máis: 

  • El Áncora. Núm 1908 de 19 de abril de 1902; Núm 1451 de 12 de xullo de 1902
  • El Eco de Santiago.  Núm 1285 de 18 de xaneiro de 1902; Núm 1354 de 22 de febreiro de 1902; Núm 1200 de 17 de maio de 1902;  Núm. 1241 de 10 de xullo de 1902; Núm. 1271 de 30 de agosto de 1902;  Núm 1396 de 27 de xaneiro de 1903; Núm 1488 de 17 de abril de 1903; Núm 2927 de 21 de xullo de 1904; Núm 2966 de 7 de setembro de 1904; Núm 4311 de 23 de febreiro de 1906; Núm 8889 de 14 de febreiro de 1911; Núm 9505 de 18 de maio de 1912; Núm 6477 de 5 de xaneiro de 1914; Núm 6485 de 15 de xaneiro de 1914; Núm 6477 de 22 de decembro de 1915; Núm 7112 de 1 de febreiro de 1916; Núm 7152 de 18 de marzo de 1916; Núm 8940 de 4 de xullo de 1916; Núm 9157 de 29 de marzo de 1917; Núm 9850 de 21 de novembro de 1917; El Eco de Santiago  diario independiente Año XXIII Número 9987 -  7 de maio de 1918
  • La Voz de Galicia. 18 e 20 de xaneiro de 1902; 2, 15 e 26 de febreiro de 1902; 12 de xullo de 1902; 
  • La Correspondencia Gallega. Núm 3602 de 21 de xaneiro de 1902; Núm 3625 de 17 de febreiro de 1902; Núm 2655 de 26 de marzo de 1902; Núm 3698 de 19 de maio de 1902:  Núm 3728 de 24 de xuño de 1902; Núm 3970 de 20 de abril de 1903; Núm 4261 de 15 de abril de 1904; Núm 4819 de 26 de febreiro de 1906;
  • Faro de Vigo. 21 de xaneiro de 1902; 14 de setembro de 1919; 4 de outubro de 1919;
  • Gaceta de Galicia: Núm. 61/1913 de 15 de marzo de 1913; Núm. 9/1914 de 13 de xaneiro de 1914;  Núm. 3/1916 de 3 de febreiro de 1916; Núm. 33/1916 de 9 de marzo de 1916; 
  • El Diario de Pontevedra. Núm 8889 de 17 de decembro de 1913
  • El Noroeste: Núm 1876 de 11 de xullo de 1902
  • Diario de Galicia. Núm 1117 de 24 de agosto de 1912; Núm 1133 de 12 de setembro de 1912; Núm 1463 de 12 de outubro de 1913; Núm 1533 de 8 de xaneiro de 1914; Núm 2381 de 16 de xuño de 1916; Núm 2664 de 29 de marzo de 1917;
  • El Regional. Num 7007 de 22 de abril de 1903;  Num 7185 de 25 de outubro de 1903;  Num 7198 de 24 de febreiro de 1904 
  • La Idea Moderna. Num 3326 de 19 de xaneiro de 1902; Núm 3525 de 20 de setembro de 1902
  • El correo Gallego. Núm 7949 de 27 de febreiro de 1902
  • El Correo de Galicia. 30 de xuño de 1903; 8 de outubro de 1903; 12 de xaneiro de 1912
  •  El Compostelano diario independiente Ano V Número 1270 - 19 de maio de 1924


mércores, 5 de outubro de 2022

Vigo (1913 - 1914): os fíos do teléfono impiden a instalación do tranvía

En Vigo en 1913 coexistían as instalacións das compañías de Gas i Electro Popular xunto aos do teléfono urbano. Ademais, estaba a rede de telégrafos públicos e a instalación da rede de telefonía urbana da Compañía Peninsular. Por riba, xurdiu o proxecto do tranvía, en fase de construción. Todos eles tiñas instalacións na rúa, mediante postes e competían polo mesmo espazo.

O director da sección de telégrafos de Vigo remite o 1 de xullo de 1913 ao enxeñeiro xefe de obras do provincia, o Sr. Abreu, unha petición de información sobre as regras que debe seguir o concello sobre as diferentes instalacións de fíos na vía pública. 


Tranvía na rúa Príncipe con vistas o templete da estación telefónica. Arquivo Pacheco. Ano descoñecido entre 1914-1928 


Este contesta que as redes de electricidade das dúas compañías provedoras do servizo deben compartir postes de 10m (ou máis) de altura, separados 40m e con aprobación por parte do concello. No caso de ser unha rúa por onde pase o tranvía deben compartir liña con este (salvo que poidan ir polas fachadas ou teitos das casas). No caso de carecer de tranvía deben ir pola beirarrúa oposta ao teléfono e telégrafo, onde os postes tamén estarán separados non máis de 40m. Tamén regularía o ángulo mínimo cando estas liñas deban cruzar o tranvía e o lado da rúa que deben ocupar nalgúns casos


Ver tamén o "Conflito dos postes da rúa Principe en 1914" https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/09/vigo-o-conflicto-dos-postes-na-rua.html

 

A partires de novembro de 1913, o alcalde Lago (posteriormente, en 1914, o Sr. Arosa, trala toma de posesión)  comeza a organizar unha serie de reunións cos afectados, que parece non mostrarse moi conformes cos investimentos que exisen as propostas do enxeñeiro xefe provincial, motivadas pola chegada do tranvía. Os afectados son Martín Villoslada (rede telefónica urbana), Grauce (fábrica de gas), Lago Loureiro (Electro Popular) e D. Martín Echegaray e o Sr Mella (ambos pola compañía de tranvías). Tamén acude á reunión D. Jesús Rodríguez, de Siemens. 

Martín Echegaray, presidente da sociedade que impulsaría o tranvía, denuncia na xunta xeral de accionistas, celebrado 14 de marzo de 1914 ás 4 da tarde na cámara de comercio, como o teléfono está a ser o principal obstáculo para a instalación. Laiase de que a pesar de ter entrado miles de pesetas ao concesionario da rede telefónico, este non levou a cabo as reformas. Cualifica a actitude de Mariano Martín Villoslada como de burla á sociedade de tranvías e ao pobo de Vigo, mais tendo en conta que Mariano marchara a Melilla para encargarse temporalmente do establecemento da rede telefónica (publicado o 12 de febreiro de 1914, deixando no seu lugar a Manuel Comesaña). Martín referenda esa posición nunha carta remitida o 16 de marzo de 1914 á alcaldía onde pide que actúe con firmeza contra a compañía telefónica.


Postal rúa Policarpo Sanz tras o ordenamento dos fíos electricos e telefónicos (ano descoñecido)


Villoslada, a través do concelleiro Pedro Alario, indica no pleno municipal de 20 de marzo de 1914 que o maior problema son as exixencias de propietarios para instalar 'palomillas' nas fachadas das casas e poder retirar os postes. Nun caso na rúa Colón pediron ata 1000 pesetas por esa instalación.  As palabras do Sr. Alario non convencen as alcalde Sr. Arosa que di que Villoslada sempre buscou escusas e que incluso tivo que 'pasarse ao moro' (expresión coloquial para referirse á marcha a Melilla). Ao día seguinte, 21 de marzo, presentase no concello Villoslada para defenderse, tendo oportunidade de falar co alcalde Arosa, Pedro Alario, Gómez Fernández e Lago Carrera, así coma dous redactores do Noticiero de Vigo, o xornal máis activo nesta causa. Villoslada comenta que as obras ían ser pagadas polo concello, compañía de tranvías e compañía eléctrica en partes iguais e que a Compañía de Tranvías non está cumprindo.

Convócase unha nova reunión o 22 de marzo de 1914 no concello, esta vez incluíndo ao Sres. Echegaray e Mella pola Compañía de Tranvías, e sen presenza da prensa. Non houbo comunicación dos acordos, pero parece ser que Villoslada perseverou na necesidade de contar con máis diñeiro para facer a reforma. O conflito péchase o 21 de abril de 1914 trala firma, por parte de ambas compañías, dun acordo para realizar as obras necesarias.


Para saber máis:

  • Faro de Vigo: 11, 12, 18 e 27 de setembro de 1913; 16 de xaneiro de 1914; 12 de febreiro de 1914; 15, 17 e 25 de marzo de 1914; 21 de abril de 1914
  • Noticiero de Vigo: Núm. 11572 de 9 de novembro de 1913; Núm 11619 de 16 de xaneiro de 1914; Núms. 11668, 11670, 11673 e 1174 de 15, 18, 21 e 22 de marzo de 1914






venres, 30 de setembro de 2022

O incencio da central de Vigo (1914)

19 de xullo de 1914. Principe 48.  Un incendio devasta o servizo telefónico da cidade.

Estaba de guardia a telefonista, a Srta. Ignacia Pérez desde as oito da tarde. Ás oito e cuarto, pouco despois de incorporarse, observou coma na centraliña aparecían como caídos varias das liñas. Nun primeiro momento pensou que poderían deberse ós frecuentes incidentes cos cables eléctricos, que tocaban accidentalmente aos da telefonía.

Torre incendiada na central telefónica da rúa Príncipe 48. Autor Marín. Fundación Telefónica. Ano 1928


Trala medianoite comezou a notar un forte olor a caucho queimado. Saiu ao balcón e notou que había unha gran cantidade de fume. Xusto nese terceiro andar do edificio, na parte traseira, vivía outro empregado do servizo Sr. Robustiano (referido como Salustiano, en algunhas fontes) Villalba Miguel, coa súa muller e cinco fillos, un deles impedido. Robustiano, natural de Palencia, comezara a traballar nos telégrafos de Coruña uns anos antes. Ignacia correu a avisar a Robustiano i este subiu pola escaleira que sube ao faiado e comprobou que a torre estaba chea de lapas. Chamou a un garda municipal polo balcón mentres Ignacia chamaba por teléfono aos bombeiros.

Estes chegaron e atacaron o incendio con dúas mangueiras, unha pola fachada ata o teito e outra polas escaleiras do edificio. En pouco tempo conseguiron apagar o incendio.  A propietaria do edificio era a señora viuva de Celada, que acollía a Sombrerería Colón no baixo,  a propia central telefónica e tres vivendas. No primeiro piso vivía o industrial D. Fermin Miguelez, dono do restaurante La Cueva. No segunda a modista Dª Herminia Martínez. No terceiro, además da central telefónica, estaba a vivenda de Robustiano.

Anuncio de Sobrerería Colón, a situada nos baixos da central telefónica. Publicado en El pueblo gallego- 30 de maio de 1926.


Este incendio captou a atención do alcalde Francisco Lago, os concelleiros Heraclio Botana, D. Orencio Arosa, Amador Montenegro e Ramón Arbones, o inspector de policia, o Sr. Rodríguez Araujo, así como o xuiz municipal o señor Bernárdez.

Curiosamente, para evitar problemas, decidiuse corta a luz nas dúas fábricas de luz da cidade, deixando sen servizo electrico a toda a cidade. En paralelo, o director da central telefónica interurbana, o Sr. Ardanaz, decidiu cortar os fíos para aillar a central telefónica.

A valentía e axilidade dos bombeiros para sufocar o incendio motivou que recibiran unha mención honorífica por parte do concello, a proposta da comisión de policía.

O 25 de xullo recolle a prensa que xa máis de 200 abonados recuperaran o servizo e que en poucos días xa todos os usuarios terían recuperado o servizo.

Para saber máis: 

  • Faro de Vigo. 20, 23 e 25 de xullo de 1914
  • El Eco de Santiago. Núm 6640, 21 de xullo de 1914
  • Noticiero de Vigo. Núm 11861 de 21 de xullo de 1914
  • La Correspondencia Gallega. Núm 7362 de 21 de xullo de 1914


domingo, 25 de setembro de 2022

A construcción da rede urbana de Vigo (1887-1889)

Rede cableada subindo a castelo o Castro, coloreada por IA. Autor: Marín. 1928. Fundación Telefónica


A primeira rede urbana en sair a subasta foi a de Vigo en xuño de 1887 pero, como veremos máis adiante, non foi a primeira en instalarse. As condicións eran dispoñer dunha fianza, explotar a rede por 20 anos e aportar o 10% de recadación do servizo en concepto de impostos. Os solicitantes foron os Sr. Rodríguez Arosa e Macías, dos que non existen datos adicionais. 

 

Gaceta de Madrid. 14 de xuño de 1887.

A subasta quedou deserta. Porén, facíase mención a que volvería sair publicada unha segunda poxa no mes de setembro, no que non aparecen mencións adicionais, nin na Gaceta de Madrid nin na prensa local. Cabe suponer que non habería candidaturas. 

Gaceta de Madrid. 26 de agosto de 1887.

O terceiro intento ocorrería xa en novembro de 1888, coa rede en marcha na cidade de A Coruña. Esta poxa que debía ter lugar a finais de 1888 non sería pechada ata marzo de 1889, cando se publica que Don José Álvarez de Sotomayor foi autor da única proposta e aportaría o 14% da recadación por un periodo de 20 anos. Noutras fontes menciónase a compañía concesionaria como a mesma que da servizo en Palma de Mallorca, Málaga, A Coruña, Segovia, Oviedo, San Sebastián, Jerez e Córdoba, polo que o contratista real sería I. Rebollo.

Gaceta de Madrid. 18 de novembro de 1888.

A instalación comezaría a finais de xullo de 1889.  José Álvarez de Sotomayor marca un prezo de 130 pesetas anuais (con pagos trimestrais), converténdose no servizo máis barato de España (o seguinte era A Coruña, por 150 pesetas).  A central vaise instalar na rúa Príncipe 48 (aínda que antes falábase de Velázquez Moreno 'alta') utilizando un sistema de conmutación inglés para 50 abonados por cable.  A prensa recomenda axudar á compañía cedendo o uso de faiados e fachadas para que pasen os fíos de teléfono, advertindo que non supón un risco no caso de tormenta, xa que a descarga da sobretensión faríase na central de teléfonos.

Os teléfonos serían fabricados en Francia da 'casa' Ader, de Clément Agnès Ader, de grande sona internacional tras a Feira Internacional de París de 1879 e que contaban cun tiimbre magneto-eléctrico. No teito construiron un repartidor de ferro, quedando pendente a conexión coa central telegráfica. Na central habería un locutorio público onde se pagarían 30 céntimos por conferencia de 3 minutos.


Central na rúa Príncipe 48. Arquivo Pacheco. Sen datar


A primeira lista de abonados, que se repartirá en papel mensualmente, publícase en setembro de 1889. Non se conservan copias desa listaxe, pero sí que apareceu recollida no Faro de Vigo do 21 de setembro de 1889 con 26 abonados:

  • Carmelo R Seoane
  • Sres. Pereira e fillo
  • El Independiente
  • Ferrocarril
  • Eduardo Torronteras
  • Gimnasio de Vigo
  • Peluquería de D. Francisco Rivas
  • Francisco Güenaga
  • Armería Vascongada
  • Joyería de D. Enrique Pérez
  • Singer
  • Sres. Troncoso Hermanos
  • D. Eudoro Pardo
  • Hotel Continental
  • Farmacia del Sr. Álvarez Granada
  • CEntral Volador de Vigo
  • Faro de Vigo 
  • Camilo Rodríguez
  • Antonio Conde
  • D. Joaquín Pérez
  • Panadería Madrileña
  • D- Pascual Serra
  • Café  Colón
  • Don .J. Varela
  • D. Lorenzo Senprum
  • Sres. Sitjá e fillos
Nesa mesma data ía instalarse o teléfono no Café Méndez Núñez e Café Suizo. O 27 de setembro xa se fala de 36 abonados e 14 en fase de instalación.

Templete da central telefónica, coloreada por IA. Autor: Marín. 1928. Fundación Telefónica



O servizo inaugurouse formalmente o 24 de novembro de 1889 ás 12h, pasando a ser un servizo permanente de 24h. No seguintes meses o Faro de Vigo publicaría listaxes de actualizacións dos abonados. Porén, estas quedan incompletas:

65Camilo Molina (Areal)
66Francisco Molina (Areal)
78Gobierno Militar
79John R. Rose
80Oficinas cable inglés
81Francisco Molins (almacén viño)
82Pedro Molins (escritorio)
83Antonio Alonso (conservas)
84La Iberia (fábrica de xabrón)
85Marcelino Barreras (escritorio)
86Paulino Yañez e irmáns (escritorio)
87General Marín
88D. Ramón ARbones e Compañía (comercio)
89Comisaría de guerra
90Viuva de Villas e fillo / Enrique Davaliña (Bouzas)
91Comandancia de artillería
92Bennigno Barreras
93Alonso e fillos
94Recreo artístico
95Marcelino Barreras (Alcabre)
96Banco de España
97Antonio Cano (Coruxo)
98Bernardino Alonso (asfaltador)
99Joaquín Acuña (farmacia)
100Severol Vicente (Ramal 29)
101La Aurora (gaseosas)
102Carcel
103Sr. Rivas Prats (Ramal)
104Sres. Blanco e Carricarte
105Las Delicias (gaseosas)
106Arturo Amar de la Torre
107Manuel Bárcena (escritorio)
108Manuel Bárcena (Sta Cristina)
109Manuel Bárcena (cedeira)
110Enrique González
111Castelo de San Sebastián
112Antonio López de Neira (Calvario)
113Castelo de O Castro
114Viuva de J. Barreras e Casellas
115Comandancia de Mariña

Para saber máis:
  • Faro de Vigo. 16 de xuño de 1887; 1 de xullo de 1887; 20 de novembro de 1888; 16 de marzo de 1889; 13 de xuño de 1889; 25 e 28 de xullo de 1889; 11, 21 e 27 de setembro de 1889; 16 de outubro de 1889; 24 de novembro de 1889; 13 de decembro de 1889; 14 de marzo de 1890; 15 de maio de 1890; 29 de xuño de 1890.
  • Gaceta de Madrid. 15 de xuño de 1887; 26 de agosto de 1887; 18 de novembro de 1888
  • La Voz de Galicia. 13 de xuño de 1889; 28 de novembro de 1889
  • El Lucense Núm. 1402. 14 de xuño de 1889
  • Diario de Avisos de La Coruña. Núm 9462. 18 d exuño de 1889
Tarefas pendentes:
  • Arquivo de Concello de Vigo para consultar as mencións nos plenos municipais. 

martes, 20 de setembro de 2022

VIGO: O conflito dos postes na rúa Príncipe (1914)

17 de xaneiro de 1914. Reúnense por conferencia telefónica o alcalde accidental D. Orencio Arosa, con enxeñeiro do estado o Sr. Abreu  e o director  da compañía telefónica o Sr. Martín Villoslada para tratar sobre os antiestéticos postes da rúa Principe, onde estaba situada a central telefónica. Visitan a rúa e deciden que sexa o alcalde o que consigas dos veciños o compromiso para facer a instación con 'palomillas' . Tiña que despreocupalos das posibles tormentas, xa que o maior medo da xente era que eses cables atraeran os raios.

Imaxe anterior a agosto de 1914. Rúa do Príncipe. Autor descoñecido


Os números afectados pola colocación de apoios no faiado son os números 12, 16, 26, 34 e 40 da Rúa de Príncipe, Velázquez Moreno 41, os números 1 e 14 da Porta de Sol e a Casa do Concello.

En xullo xa consta como unha sección de obreiros traballa na colocación de apoios nas fachadas e faiados das casas, para retirar os portes. En agosto de 1914 o pleno municipal agradece ao concesionario da rede telefónica a axilidade para desmontar os postes da rúa.



 

Foto anterior a agosto de 1914. Rúa do Príncipe. Autor descoñecido


Postal anterior a agosto de 1914. Rúa do Príncipe. Autor descoñecido


Para saber máis: 
  • Faro de Vigo. 3 de maio de 1914; 2 de xullo de 1914; 29 de agosto de 1914
  • Noticiero de Vigo. Número 11621. 19 de xaneiro de 1914
  • La idea moderna. Núm. 7103. 4 de xullo de 1914

xoves, 15 de setembro de 2022

O rol do teléfono na catástrofe de tren de Frieira (1915)

 

A nova da catástrofe do descarrilamento do tren de Frieira en 1915 chegou rapidamente a Vigo, a través da rede de telefonía da Compañía Peninsular de Teléfonos. O accidente cubriu portadas da prensa en España polo pasamento dunha 19 persoas (a cifra exacta varía dependendo da fonte), moitas delas vencelladas a unha compañía de zarzuela que se desprazaban a actuar a Vigo. Tres vagóns víronse directamente afectados polo corremento de terras. Casualmente, un celador da compañía de teléfonos viaxaba no tren e puido comunicar o accidente desde o mesmo lugar da catástrofe. 


Fotografía coloreada onde se observan os fíos telegráficos cortados. Mundo Gráfico. 13 de marzo de 1915

A rede telegráfica do Estado e a paralela da compañía telegráfica víronse afectadas polo derrube e quedaron inutilizadas, polo que non se puido utilizar o sistema de telegrafía do tren. Porén, a nova rede telefónica, que apenas levaba unha semanas en funcionamento, estaba operativa tras empalmar un par de cables. 

Cesáreo Salgado, celador da compañía telefónica foi considerado un heroe xa que a súa muller estaba ferida coas pernas rotas e unha filla pequena ferida, mentres Cesáreo realizaba estes traballos. Viñan de vivir en Valladolid con destino a Vigo onde fora desprazado pola compañía. 

Fotografía coloreada. Pacheco. 1915.


Conseguiu poñerse en contacto con Vigo, Pontevedra, Ourense e Monforte, que era a primeira estación aberta pola Compañía Peninsular. Desde a oficina de Vigo, D. Alejandro Ardanaz contactou co enxeñeiro xefe da explotación ferroviaria de Vigo a Ourense, o Sr. Cantero, para que fora consciente do acontecido. 

Salgado estivo durante horas en comunicación co compañeiro de Vigo ao que acudían familiares que agardaban en Vigo para dar conta do estado dos feridos.  O lugar da catástrofe, unha zona remota (lugar de Grobas, na parroquia de Sendelle do concello de Crecente,) poderían ter pasado horas ata conseguir notificar ás emerxencias, polo que o bo facer de Cesáreo puido salvar varias vidas.     

Fotografía coloreada. Pacheco. 1915.

A continuación se desprazou ata o lugar do accidente Aurelio Rey Mouriño, responsable da liña en Galicia, con residencia en Monforte pero que se atopaba en Ourense. Aurelio sustituiu a Cesáreo e seguiu a comunicación con Ardanaz (en Vigo) e Eladio Sanz (en Ourense), que pasaría de heroe a vilán o ano seguinte (https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/07/o-crime-da-central-telefonica-de-ourense.html).

Para saber máis: 
  • Faro de Vigo. 11, 12 e 13 de marzo de 1915
  • El Eco de Santiago. 11, 12 e 17 de marzo de 1915
  • El Noroeste. 11 de marzo de 1915

venres, 9 de setembro de 2022

A rede urbana de Pontevedra. Construcción 1895-1910

Xullo de 1895 a empresa concesionaria da telefonía urbana de Vigo ten un proxecto para implantarse en Pontevedra. Nunca máis se volve a falar desta iniciativa. 

Un segundo intento ocorre en maio de 1896, cando se menciona o interese dunha empresa privada, sen concretar de que empresa se trata. Novamente o proxecto queda parado.

Templete da central telefónica na Rúa San Román 2, desde a Praza da Ferraría. ~1910


En abril de 1901 Benito Corbal Estévez, político e contratista de Pontevedra, solicita a autorización á Dirección de Correos e Telégrafos para a instalación dunha liña particular entre a súa casa en Pontevedra e o lugar de O Tombo na parroquia de Bora. Sería a terceira liña privada na cidade tras a do Sr. Riestra entre a Magdalena e a finca da Caeira en 1888 e a de Manuel Becerra Armesto en 1899.

Ata 1908 non hai mais proxectos de telefonía urbana despois dos fracasados de 1895 e 1896. Neste momento coexisten tres liñas privadas e unha rede pública que conecta o hospital, balneario, concello e deputación. O fillo de Benito Corbal, D. Manuel Corbal Souto presenta un proxecto ante a Dirección de Correos e Telégrafos xunto ao seu curmán Claudio Corbal Hernández, que sae a poxa pública con publicación na Gaceta de Madrid.


Gaceta de Madrid. Núm. 274 de 30 de setembro de 1908


A concesión márcase en 20 anos e o valor do proxecto en 5.000 pesetas, a abonar a Manuel Corbal no caso de non resultar a súa proposta a gañadora. Manuel gaña a concesión xunto a Claudio Corbal pero apenas aparece mencionado na prensa da cidade, coa que tiña diferencias políticas. En La Libertad recolle a final de 1908 un artigo de opinión sobre este silencio.

A dirección técnica da construción da rede correu a cargo de Mariano Martín Villoslada, responsable da rede da Coruña, que incluíu no proxecto non só a rede urbana de Pontevedra, senón que chegar a Marín e Pontecaldelas. Dese xeito cubríase unha poboación de máis de 42.000 persoas.

As tarifas, nos tres primeiros quilómetros en liña recta desde a central, son:

  • Particulares: 27 pesetas trimestrais
  • Fincas comunais: 40 pesetas trimestrais
  • Casinos, cafés, teatros i estacións de trens: 50 pesetas trimestrais
  • Sobrecuste de 0,75 pesetas por cada 100 metros de liña para aquelas situadas a máis de 3 quilómetros

A inauguración do servizo ocorreu o 6 de xaneiro de 1910, as 12 do mediodía. A central estaba situada na rúa San Román número 2, 3º andar,  próxima á praza da Constitución (hoxe Praza da Ferraría, tras recuperar o nome histórico). Na inauguración se fixeron chamadas a varios abonados e un banquete no Hotel Progreso. No momento da inauguración contábase con 80 abonados. As telefonistas eran Avelina Vaamonde e Marcelina Carballo.


Plano de Pontevedra de 1910. A central telefónica estaba ubicada no esquina da rúa San Román coa Praza da Ferraría. Obsérvase tamén a sede dos telégrafos públicos na rúa Michelena.


Para saber máis:

  • Gaceta de Galicia. Num 152 de 6 de xullo de 1895. Núm. 118 de 24 de maio de 1896
  • La Opinión. Núm. 113 de 17 de xuño de 1896
  • La Correspondencia Gallega. 20 de febreiro de 1901; 12 de abril de 1901; Núm. 5791 de 7 de xuño de 1909; Núm 5963 de 7 de xaneiro de 1910
  • La Voz de Galicia. 1 de outubro de 1908; 11 de xuño de 1909
  • El Diario de Pontevedra. Num 7332. 10 de outubro de 1908; Núm 7522 de 7 de xuño de 1909; Núm 7696 de 7 de xaneiro de 1910
  • La libertad. Num 168 de 13 de decembro de 1908, Núm 223 de 8 de xaneiro de 1910.
  • Diario de Galicia. Núm. 331 de 8 de xaneiro de 1910; Núm 332 de 9 de xaneiro de 1910
  • El Noroeste. Núm 4761. 1 de outubro de 1908
  • Faro de Vigo. 28 de abril de 1888; 21 de xaneiro de 1901; 8 de xaneiro de 1910

O mindoniense Cándido Martínez na reclamación salarial dos telegrafistas de 1880

 Candido Martínez Montenegro foi un deputado liberal durante tres décadas por Mondoñedo (Lugo), que nos ano 1881 - 1883 sería director de Co...