xoves, 15 de setembro de 2022

O rol do teléfono na catástrofe de tren de Frieira (1915)

 

A nova da catástrofe do descarrilamento do tren de Frieira en 1915 chegou rapidamente a Vigo, a través da rede de telefonía da Compañía Peninsular de Teléfonos. O accidente cubriu portadas da prensa en España polo pasamento dunha 19 persoas (a cifra exacta varía dependendo da fonte), moitas delas vencelladas a unha compañía de zarzuela que se desprazaban a actuar a Vigo. Tres vagóns víronse directamente afectados polo corremento de terras. Casualmente, un celador da compañía de teléfonos viaxaba no tren e puido comunicar o accidente desde o mesmo lugar da catástrofe. 


Fotografía coloreada onde se observan os fíos telegráficos cortados. Mundo Gráfico. 13 de marzo de 1915

A rede telegráfica do Estado e a paralela da compañía telegráfica víronse afectadas polo derrube e quedaron inutilizadas, polo que non se puido utilizar o sistema de telegrafía do tren. Porén, a nova rede telefónica, que apenas levaba unha semanas en funcionamento, estaba operativa tras empalmar un par de cables. 

Cesáreo Salgado, celador da compañía telefónica foi considerado un heroe xa que a súa muller estaba ferida coas pernas rotas e unha filla pequena ferida, mentres Cesáreo realizaba estes traballos. Viñan de vivir en Valladolid con destino a Vigo onde fora desprazado pola compañía. 

Fotografía coloreada. Pacheco. 1915.


Conseguiu poñerse en contacto con Vigo, Pontevedra, Ourense e Monforte, que era a primeira estación aberta pola Compañía Peninsular. Desde a oficina de Vigo, D. Alejandro Ardanaz contactou co enxeñeiro xefe da explotación ferroviaria de Vigo a Ourense, o Sr. Cantero, para que fora consciente do acontecido. 

Salgado estivo durante horas en comunicación co compañeiro de Vigo ao que acudían familiares que agardaban en Vigo para dar conta do estado dos feridos.  O lugar da catástrofe, unha zona remota (lugar de Grobas, na parroquia de Sendelle do concello de Crecente,) poderían ter pasado horas ata conseguir notificar ás emerxencias, polo que o bo facer de Cesáreo puido salvar varias vidas.     

Fotografía coloreada. Pacheco. 1915.

A continuación se desprazou ata o lugar do accidente Aurelio Rey Mouriño, responsable da liña en Galicia, con residencia en Monforte pero que se atopaba en Ourense. Aurelio sustituiu a Cesáreo e seguiu a comunicación con Ardanaz (en Vigo) e Eladio Sanz (en Ourense), que pasaría de heroe a vilán o ano seguinte (https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/07/o-crime-da-central-telefonica-de-ourense.html).

Para saber máis: 
  • Faro de Vigo. 11, 12 e 13 de marzo de 1915
  • El Eco de Santiago. 11, 12 e 17 de marzo de 1915
  • El Noroeste. 11 de marzo de 1915

Ningún comentario:

Publicar un comentario

O telegrafista espía da Coruña na I Guerra Mundial.

No 26 de novembro 1918, apenas quince días despois do fin da guerra, recíbese a queixa do embaixador de Estados Unidos sobre un empleado do ...