En Vigo en 1913 coexistían as instalacións das compañías de Gas i Electro Popular xunto aos do teléfono urbano. Ademais, estaba a rede de telégrafos públicos e a instalación da rede de telefonía urbana da Compañía Peninsular. Por riba, xurdiu o proxecto do tranvía, en fase de construción. Todos eles tiñas instalacións na rúa, mediante postes e competían polo mesmo espazo.
O director da sección de telégrafos de Vigo remite o 1 de xullo de 1913 ao enxeñeiro xefe de obras do provincia, o Sr. Abreu, unha petición de información sobre as regras que debe seguir o concello sobre as diferentes instalacións de fíos na vía pública.
Este contesta que as redes de electricidade das dúas compañías provedoras do servizo deben compartir postes de 10m (ou máis) de altura, separados 40m e con aprobación por parte do concello. No caso de ser unha rúa por onde pase o tranvía deben compartir liña con este (salvo que poidan ir polas fachadas ou teitos das casas). No caso de carecer de tranvía deben ir pola beirarrúa oposta ao teléfono e telégrafo, onde os postes tamén estarán separados non máis de 40m. Tamén regularía o ángulo mínimo cando estas liñas deban cruzar o tranvía e o lado da rúa que deben ocupar nalgúns casos
Ver tamén o "Conflito dos postes da rúa Principe en 1914" https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/09/vigo-o-conflicto-dos-postes-na-rua.html
A partires de novembro de 1913, o alcalde Lago (posteriormente, en 1914, o Sr. Arosa, trala toma de posesión) comeza a organizar unha serie de reunións cos afectados, que parece non mostrarse moi conformes cos investimentos que exisen as propostas do enxeñeiro xefe provincial, motivadas pola chegada do tranvía. Os afectados son Martín Villoslada (rede telefónica urbana), Grauce (fábrica de gas), Lago Loureiro (Electro Popular) e D. Martín Echegaray e o Sr Mella (ambos pola compañía de tranvías). Tamén acude á reunión D. Jesús Rodríguez, de Siemens.
Martín Echegaray, presidente da sociedade que impulsaría o tranvía, denuncia na xunta xeral de accionistas, celebrado 14 de marzo de 1914 ás 4 da tarde na cámara de comercio, como o teléfono está a ser o principal obstáculo para a instalación. Laiase de que a pesar de ter entrado miles de pesetas ao concesionario da rede telefónico, este non levou a cabo as reformas. Cualifica a actitude de Mariano Martín Villoslada como de burla á sociedade de tranvías e ao pobo de Vigo, mais tendo en conta que Mariano marchara a Melilla para encargarse temporalmente do establecemento da rede telefónica (publicado o 12 de febreiro de 1914, deixando no seu lugar a Manuel Comesaña). Martín referenda esa posición nunha carta remitida o 16 de marzo de 1914 á alcaldía onde pide que actúe con firmeza contra a compañía telefónica.
Villoslada, a través do concelleiro Pedro Alario, indica no pleno municipal de 20 de marzo de 1914 que o maior problema son as exixencias de propietarios para instalar 'palomillas' nas fachadas das casas e poder retirar os postes. Nun caso na rúa Colón pediron ata 1000 pesetas por esa instalación. As palabras do Sr. Alario non convencen as alcalde Sr. Arosa que di que Villoslada sempre buscou escusas e que incluso tivo que 'pasarse ao moro' (expresión coloquial para referirse á marcha a Melilla). Ao día seguinte, 21 de marzo, presentase no concello Villoslada para defenderse, tendo oportunidade de falar co alcalde Arosa, Pedro Alario, Gómez Fernández e Lago Carrera, así coma dous redactores do Noticiero de Vigo, o xornal máis activo nesta causa. Villoslada comenta que as obras ían ser pagadas polo concello, compañía de tranvías e compañía eléctrica en partes iguais e que a Compañía de Tranvías non está cumprindo.
Convócase unha nova reunión o 22 de marzo de 1914 no concello, esta vez incluíndo ao Sres. Echegaray e Mella pola Compañía de Tranvías, e sen presenza da prensa. Non houbo comunicación dos acordos, pero parece ser que Villoslada perseverou na necesidade de contar con máis diñeiro para facer a reforma. O conflito péchase o 21 de abril de 1914 trala firma, por parte de ambas compañías, dun acordo para realizar as obras necesarias.
Para saber máis:
- Faro de Vigo: 11, 12, 18 e 27 de setembro de 1913; 16 de xaneiro de 1914; 12 de febreiro de 1914; 15, 17 e 25 de marzo de 1914; 21 de abril de 1914
- Noticiero de Vigo: Núm. 11572 de 9 de novembro de 1913; Núm 11619 de 16 de xaneiro de 1914; Núms. 11668, 11670, 11673 e 1174 de 15, 18, 21 e 22 de marzo de 1914
Ningún comentario:
Publicar un comentario