sábado, 1 de xullo de 2023

A liña para chamar de Caldas a Cuntis (1924)

A chegada da telefonía a Cuntis, importante vila balnearia (Gran Hotel e o Balneario da Virxe e do Castro), sería a través de Caldas de Reis sería en setembro de 1910, sendo un dos primeiros balnearios en contar con teléfono. Desde alí poderían falar coa estación telegráfica de Caldas e poder enviar telefonemas ao resto da rede estatal. O deputado Bernardo Sagasta, neste momento director xeral de Comunicacións axuda a conseguir este servizo.

O proxecto parece pararse ata que aparece o plan provincial impulsado desde a deputación por D. Prudencio Landín en 1917. Comezaríase polo Morrazo e sería o turno da liña cara Cuntis a finais de 1922, de novo pola presión do deputado Bernardo M. Sagasta e o xefe de telégrafos de Pontevedra Arturo Lago, que pasaría a ser xefe de implantación do proxecto provincial en xaneiro de 1923.

Balneario de Cuntis. Sen datar.


En xuño de 1923 crease certa controversia no prensa, xa que comentan que o material destinado á liña de Caldas a Portas foi reasignado para a liña provincial da A Coruña, concretamente na conexión con Ortigueira. Pídese a colaboración dos deputados provinciais Sres. Echevarría e Otero Bárcena, así como dos concellos de Portas e Caldas e sociedades deses concellos. Ese tramo de liña xa non se chegaría a construir dentro do proxecto provincial.

Porén, o tramo de Cuntis a Caldas avanzaría. En Outubro de 1923 sería o funcionario Alfonso Lago o responsable de tender a liña. Tan pronto como comeza esta obra xa estaría a prensa reclamando que non tiña sentido se non se daba continuidade desde Caldas de Reis ata Pontevedra. O servizo inauguraríase o 13 de  marzo de 1924, dentro do servizo telefónico provincial, sen ter máis posibilidades que chamar dun sitio ao outro. 

Vida gallega  ilustración regional Ano XVI Número 251 - 1 de xuño de 1924

A liña sería incautada no mesmo 1924 como parte da absorción de activos por parte da Compañía Telefónica Nacional de España

Para saber máis: 

  • El Correo de Galicia  Diario independiente de avisos y noticias Num. s.n. (05/09/1910)
  • Faro de Vigo. 18 de marzo de 1911; 9 de decembro de 1922; 14 de marzo de 1924; 14 de xuño de 1924
  • La Región  diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos Ano II Número 336 - 21 de marzo de 1911
  • El Ideal gallego  diario católico, regionalista e independiente Num. 1651 (10/12/1922); Num. 1910 (14/10/1923); Num. 2147 (22/11/1924)
  • La Voz de Galicia. 22 de marzo de 1911; 14 de outubro de 1923
  • Vida gallega  ilustración regional Ano XVI Número 251 - 1 de xuño de 1924
  • Galicia diario de Vigo Número 277 - 15 xuño 1923; Número 281 - 20 xuño 1923; Número 562 - 17 xullo 1924
  • Galicia nueva  periódico regional, primer diario de Villagarcía Ano XVIII Número 6246 - 15 de marzo de 1924
  • El Progreso  semanario independiente Ano XVII Número 3252 - 21 de outubro de 1923; Ano XVIII Número 3370 - 15 de marzo de 1924


luns, 26 de xuño de 2023

As queixas polo servizo urbano de Lugo (1923)

O servizo telefónico urbano era prestado polo corpo de telégrafos desde 1917, no momento da súa inauguración. Houbo queixas repetidas, sobre a calidade do servizo e o pouco personal destinado ao mesmo, pero as queixas alcanzaron o cumio en novembro de 1923. 


Poste de teléfonos na Ronda da Muralla co Carcere Vello de fondo. 1928. Arquivo fotográfico de Telefónica


Desta vez sería o novo xornal La Provincia a que encabezaría as queixas, cun foco no tempo necesario para obter resposta na central. O xefe de telégrafos, o Sr. Nicolás Ballesteros,  excúsase indicando que co material e persoal (tres señoritas telefonistas) do que dispón ofrecen un servizo de calidade como en cidades de maior tamaño e laiase dos insultos que reciben as telefonistas. Cumpre salientar que dous meses antes o xornal La Provincia publicara unha noticia nese sentido. 



La Provincia  diario de información y de intereses generales Año I Número 150 - 23 de novembro de 1923 

A prensa non acepta a exposición do xefe de telégrafos. Ademais, esta comunicación obtén responsta en prensa por "varios abonados" que indican que na central prodúncense reunións (escoitase balbordo nas chamadas) e dase a entender que se fan escoitas ilegais das chamadas. 

La Provincia  diario de información y de intereses generales Año I Número 94 - 19 de setembro de 1923 

As queixas chegan ata o Director de Correos e Telégrafos, que procede á instrucción dun expediente para comprobar as deficiencias indicadas. Chega a Lugo o 5 de decembro de 1923 o funcionario de telégrafos D. Marcelino Ortega, para revisar as causas do conflito, onde contacta co persoal e coa Cámara de Comercio. Marcelino permanece uns 10 días na cidade ata que da a crise por  finalizada.


A telefonía urbana en Lugo (1900 - 1922): https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/08/a-chegada-telefonia-urbana-en-lugo-1900.html


 Para saber máis:

  • La voz de la verdad  diario católico con censura eclesiástica Ano XIII Número 4391 - 20 de novembro de 1923; Ano XIII Número 4393 - 22 de novembro de 1923; Ano XIII Número 4401 - 1 de decembro de 1923
  • La Provincia  diario de información y de intereses generales  Ano I Número 146 - 18 de novembro de 1923; Ano I Número 147 - 20 de novembro de 1923; Ano I Número 148 - 21 de novembro de 1923; Ano I Número 149 - 22 de novembro de 1923; Ano I Número 150 - 23 de novembro de 1923; Ano I Número 160 - 5 de novembro de 1923; Ano I Número 169 - 15 de novembro de 1923; Ano I Número 170 - 16 de novembro de 1923
  • El Progreso  diario liberal Año XVI Número 4902 - 20 de novembro de 1923

mércores, 21 de xuño de 2023

A visita de Francos a Galicia (1916)

 O 27 de xullo de 1916, o Director de Comunicacións, Sr. Francos Rodríguez, visita Galicia. Neste momento algunhas vilas (Tui, Ponteareas, Ribadeo) e Lugo están construindo redes de telefonía urbana baixo o seu mandato. Ademáis daba servizo de telégrafos por parte do corpo do Estado. Ademais, tiña varios proxectos de casas de correos en marcha. 

Así, visita Ferrol, tras chegar en tren a Coruña, incluindo a estación de telégrafos e a central de Correos. A pesar de non depender directamente de el, visita tamén a estación de telefonía interurbana da Compañía Peninsular, sendo recibido polo xefe, o Sr. Agullo. De aí partiría a Sada, onde sería recibido poR Alejandro Pérez Lugín, autor de La Casa de Troya, que era escrito, coma o director xeral e amigo deste. 

Francos Rodríguez. Ano descoñecido


De aí partiu a Coruña, sendo recibido na casa de Correos por funcionario deste corpo e de telégrafos. Con respecto ao corpo de telégrafos, laiouse de que servicios pasaran a empresas particulares (en referencia a telefonía da Compañía Peninsular) indicando "non pode ser e hai que rectificalo, aínda que sen violencias. Cumpre respetar o establecido mais preparando o porvir". Comenta tamén que estas empresas non invisten en vilas pequenas i está a pensar nun proxecto nacional, por parte do corpo de telégrafos, que presentaría ese mesmo ano.

Saíu ao día seguinte rumo cara Santiago, cunha reunión co corpo de Correos, e, dende alí, a Lugo, Pontevedra, ambos para visitar as obras das Casas de Correos, e regreso a  a Madrid. 

Para saber máis:

  • La Voz de Galicia. 28 de xullo de 1916
  • El Noroeste - Año XXI Número 9862 (29/07/1916)

xoves, 15 de xuño de 2023

A reunión de abonados de Santiago de 1922

20 de outubro de 1922 ás 19:00 Convócase a todos os abonados do teléfono urbano de Santiago a unha reunión na alcaldía do Concello, para debatir sobre a calidade do servizo.  El Eco de Santiago, un dos maiores usuarios e crítico co servizo pon o acento en salvar ás telefonistas cun escrito na prensa:

El Eco de Santiago  diario independiente Año XXVII Número 11304 - 19 de outubro de 1922

Na reunión acudiron moitos dos abonados e compartiron as múltiples queixas que teñen, motivadas pola baixa inversión (non repoñen postes ou crucetas, etc). Acordaron dirixir un escrito á empresa deixando un prazo prudencial para solucionar as maiores deficiencias ou darse de baixa e denunciar o servizo ao Ministerio de Gobernación. Nestas datas unha situación similar motivou a incautación da rede de Sevilla por parte do Estado. 

A reunión motiva a visita en novembro de 1922 do xefe do centro telegráfico da Coruña, D. José Gilis e o oficial da mesma sede o Sr. Bermúdez de Castro para avaliar os problemas da rede. 

Os abonados finalmente firman unha declaración na que dan de prazo ata marzo de 1923 para subsanar os problemas e deixan de pagar ata esa data a cota trimestral, que terían que pagar en xaneiro. O director da rede, D. Eduardo Ferreño Adrán, recolle o escrito dos abonados e comprométese a dar unha solución.  Curiosamente 

Eduardo chegaría só ata febreiro de 1923 (antes da data límite, xa que dimitiría do posto e ser´ía relevado por Luis Caballero Iribarnegaray. Nestas datas visita un alto funcionario do corpo de telégrafos para analizar as deficiencias do servizo. 

O 31 de marzo organízase unha reunión de abonados no concello, ao ter finalizado o prazo estipulado, pero non queda constancia na prensa do seu resultado.


Para saber máis:

  • El Compostelano  diario independiente Ano III Número 805 - 19 de outubro de 1922; Ano III Número 857 - 27 de decembro de 1922; Ano IV Número 898 - 14 de febreiro de 1923; Ano IV Número 934 - 30 de marzo de 1923
  • El Eco de Santiago  diario independiente Ano XXVII Número 11304 - 19 de outubro de 1922; Ano XXVII Número 11306 - 21 de outubro de 1921; Ano XXVII Número 11309 - 6 de novembro de 1922; Ano XXVII Número 11349 - 25 de decembro de 1922; Ano XXVIII Número 11388 - 12 de febrero de 1923; Ano XXVIII Número 11389 - 13 de febrero de 1923
  • Galicia  diario de Vigo Número 78 - 22 outubro 1922
  • El Ideal gallego  diario católico, regionalista e independiente Num. 1707 (14/02/1923)
  • Galicia diario de Vigo Número 175 - 14 febreiro 1923
  • Faro de Vigo de 22 de outubro de 1922; 31 de marzo de 1923

sábado, 10 de xuño de 2023

A primeira liña telefónica da provincia de Lugo: a Deputación (1889)

En novembro de 1889 instálase a primeira rede telefónica na provincia de Lugo, dentro do propio Pazo Provincial.  Contaba con 10 teléfonos para comunicar os salóns, a Comisión e as principais dependencias do Pazo.

A prensa recolle o traballo de Melitón Celis, óptico i electricista de Valladolid, viaxante que estaba en Lugo nesas datas e no que se confiou para a montaxe da rede. O tamaño do edificio facía prever que o teléfono reduciría o tempo que tiñan que adicar os funcionarios a recorrer as dependencias para facer despachos.

                                               

Anuncio na prensa de Melitón Celis nas semanas da súa estadía en Lugo. Novembro 1889.


A comisión provincial do 23 de outurbo de 1889 delega no secretario para a instalación do teléfono.

Acta da comisión provincial da Deputación de Lugo do 23 de outubro de 1889. ADPL sig3997.1


O servizo queda instalado o 18 de novembro de 1889. O secretario reporta no pleno da comisión provincial do 3 de decembro que pagou 2525 pesetas pola instalación.

Acta da comisión provincial da Deputación de Lugo do 3 de decembro de 1889. ADPL sig3997.1


Para saber máis: 

  • La Voz de Galicia de 5 de novembro de 1889
  • El lucense : diario católico de la tarde: Num. 1525 (13/11/1889)
  • Faro de Vigo de 14 de novembro de 1889

luns, 5 de xuño de 2023

O extraño caso do teléfono do farmacéutico de Gondomar (1891)


 O 20 de decembro de 1891 aparece unha mención na prensa de que D. Sergio Espinosa Baladrón, farmacéutico de Gondomar, obtén unha licencia para realizar unha instalación telefónica entre Gondomar e o centro telegráfico de Baiona. Esta sería a primeira e única liña destas características en Galicia, onde a iniciativa privada crea un servizo de acceso público sen vocación de crear unha rede urbana. 

El mendo. 22 de decembro de 1891

En febreiro de 1892 procédese a tender os postes e cables. O servizo inaugúrase o 1 de abril de 1892. Fai mención a que ten autorización para expedir e recibir despachos telegráficos con toda España e o estranxeiro así como conferencias telefónicas con Baiona. 

El Eco de Galicia diario de la tarde Num. 1772 (09/04/1892)

Nos plenos municipais non hai referencias a proxectos de rede ou autorizacións, xa que debía ser suficiente co permitso da Dirección Xeral de Comunicacións, pero sí que hai varias peticións ao concello entre 1892 e 1897 pedindo unha subvencións para o servizo, que costaba 80 pesetas anuais de canon, máis o custe do operador do servizo e da oficina. A primeira petición fo o 27 de marzo de 1892, catro días antes de abrir o servizo.

Faro de Vigo. 6 de marzo de 1935


Non queda constancia de como cobraba polo servizo aos usuarios nin o acordo para pagar á estación telegráfica de Baiona. Tampouco se, como cabe esperar, usaba os postes do corpo de telégrafos entre a Ramallosa e Baiona o se puxo uns propios.



Nestas peticións ao concello (feitas en 1892, 1893, 1895 e 1897), sempre denegadas pola pouca capacidade económica do mesmo, pedía de 150 pesetas a 180 pesetas anuais. Alternativamente, ofrece en 1892 a posibilidad de asumir o servizo de cartería, como ocorre nas oficinas públicas  de correos e telégrafos.  Sergio insiste no importante servizo que presta, especialmente a familias con membros en Andalucía, Portugal e América, que poden recibir noticias de importancia.

Curiosamente, ao pouco de comezar o servizo, o cable, pertecente ao Estado, que conecta Vigo e Baiona padece un roubo masivo (no que se fala de doce mil metros, pero cabe a posibilidade de que sexa una cantidade sensiblemente inferior)

O momento de maior criticidade parece ser en decembro de 1897, cando ofrece a cesión do servizo ao Concello, farto de non ter resposta positiva ás rogos. As condicións que impón son: (1) o mantemento do servizo nas condicións existentes, (2) que sexa aprobada pola dirección xeral de comunicacións, (3) que pode seguir usando o local actual, propiedade de Sergio Espinosa (4) que se decida antes do 31 de decembro de 1897, que é cando remata o canon pagado e se nombre un empregado.

O resto das novas sobre o servizo foron a queixa do concesionario por ter mover un poste pola chegada do tranvía á Ramallosa en 1893 (proxecto que se cancelaría) e pequenos problemas. En agosto de 1896 menciónase a caída dunha chispa que provoca a caída dun poste e rotura dos fíos. En decembro de 1897 ocorriría un acto de vandalismo xa que tiraron algúns dos postes.  

En 1911 aparece un directorio no que Sergio Espinosa aparece como encargado de servizo telefónico (ademais de farmacéutico)

Directorio de Galicia guía especial de las provincias de La Coruña, Lugo, Orense y Pontevedra Ano 1º - Ano 1911

En 1916 aparece unha mención na prensa sobre a detención de Gumersindo Domínguez Pérez, poñendo a disposición xudicial por parte de garda civil, por tirar dos poste da liña telefónica á altura da Ramallosa, de onde era veciño.

A seguinte noticia sería xa en 1921, tras o pasamento de Sergio acontecido no 1919, cunha mención no diario La Integridad que indica que tras levar 30 anos de servizo público parece terse suspendido sobre o mes de marzo de 1921. A prensa indica que por "economizar unhas pesetas", levaron o servizo de telefonía á casa do Concello, en teoría para reducir custes. Estivo tempo sen servizo. 

Un roubo en xaneiro de 1923 que non se puido notificar por non funcionar o teléfono levantou críticas, que motivan a recuperación do servizo o 23 de febreiro de 1923 (e unha nova caída do servizo o 24 de maio). 

Recuperaríase en febreiro de 1924 cunha nova instalación de cable con doble fío polo camiño vello de Viso de Calvos, Borreiros e Mañufe, evitando os fíos de alta tensión da estrada principal, pero segue a dar fallos en setembro de 1924, polo que xa quedaría da man da Compañía Telefónica Nacional de España dar este servizo a partir da concesión que obtiveron a finais de 1924.

Para saber máis:

  • Faro de Vigo de 20 de decembro de 1891; 28 de novembro de 1897; 15 de setembro de 1916
  • El telegrama  diario de la tarde, imparcial de noticias Año XVIII Número 5288 - 22 de decembro de 1891
  • La Monarquía  diario político Año VI Número 1516 - 23 de decembro de 1891
  • El Eco de Galicia diario de la tarde Num. 1772 (09/04/1892)
  • La voz de Galicia: 12 de febrero de 1892; 10 de abril de 1892; 11 de agosto de 1892
  • El regional  diario de Lugo  Num. 2801 (11/02/1892)
  • Gaceta de Galicia  Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela Num. 208 (21/08/1896)
  • El áncora diario católico de Pontevedra  Num. 209 (29/12/1897)
  • Directorio de Galicia  guía especial de las provincias de La Coruña, Lugo, Orense y Pontevedra Ano 1º - Ano 1911
  • La Integridad diario católico Num. 9366 (01/07/1921); Num. 9816 (08/01/1923); Num. 9857 (23/02/1923); Num. 9930 (24/05/1923);  Num. 10129 (19/01/1924); Num. 10161 (23/02/1924)
  • Expediente do teléfono e libro de actas dos plenos do Concello de Gondomar. 
  • El pueblo gallego  rotativo de la mañana Ano I Número 10 - 7 de febreiro de 1924; Ano I Número 103 - 27 de maio de 1924; Ano I Número 203 - 21 de setembro de 1924
  • El Progreso  semanario independiente Ano X Número 2032 - 15 de setembro de 1916


mércores, 31 de maio de 2023

O terceiro incendio de Ferrol (1922)

O terceiro incendio en poucos anos da central telefónica de Ferrol non deixaría indiferentes á compañia de seguros, que non aceptaría cubrir os riscos das vivendas sitas nos edificios onde estivera a centrall.


El Correo gallego diario político de la mañana Ano XLV Número 15899 - 1922 agosto 10

Que ocurriu desta vez?

Á unha da noite do 5 de xullo de 1922 desatouse un rápido incendio, por mor dunha treboada e a súa descarga eléctrica, na central telefónica sita na rúa Dolores 45 de Ferrol, afectando a todo o edificio propiedade do Sr. Masquelet.  Nos baixos estaba un negocio de ferretería, no primeiro a dona do negocio, Dª Teresa Sixto Ollo, viuva de Romero cos seus fillos (que estaba de viaxe en Tetuán),  no segundo o xeral do corpo de enxeñeiros da armada D. Secundino Armesto (veraneando en Serantes) e no terceiro o comisario da mariña D. Rafael Vázquez Díaz, que sería o máis afectado ao perder os mobles i enxoval (e que estaba de viaxe en Guitiriz, aínda que a súa asistente doméstica si que estaba na vivenda). No cuarto piso estaba a central telefónica, onde tamén vivía o oficial de teléfonos D. Pedro Caínzos.

Para favorece o apagado das lapas, i evitar novos focos,  párase o suministro eléctrico na cidade. Ademáis varis cables eléctricos e de teléfonos estaban caídos na pavimento, polo que representaba unha ameaza. As motobombas do arsenal e da Constructora Naval achéganse para poder sofocar o fogo así como diferentes corpos (Garda Civil, Seguridade, funcionarios municipais, bombeiros da Constructora Naval) así como autoridades como o alcalde Sánchez Calviño, o tenente da garda civil Sr. Blanco Novo ou o xefe da garda municipal o Sr. Cañas. Coma sempre, a prensa acusa a falta de recursos, neste caso a ausencia de auga,  para tratar o fogo. Este duraría ata as oito de mañá.

O xulgado de instrucción comeza a analizar os feitos para determinar responsabilidades. A casa estaba asegurada pola compañía francesa L'Union, representada por Eugenio Filgueira en 75.000 pesetas. A ferretería estaba asegurada con La Union y el Fénix Español, representada por Francisco Saavedra.

Créase un ruxe-ruxe de que o concesionario vaia abandoar o servizo, polo que algún concelleiro expón no pleno a posibilidade de asumir o servizo desde o propio concello, pero que se descarta ao confirmar o concesionario que pensa dar continuidade ao mesmo. 

A recuperación de servizo demórase ata febreiro de 1923, sete meses máis tarde, por parte de concesionario Sr. Pedro de la Calleja, mudando o servizo a rúa da Igrexa nunha nova construcción. 

Para saber máis:

  • El Compostelano  diario independiente Ano III Número 720 - 6 de xullo de 1922
  • El Correo gallego  diario político de la mañana Ano XLV Número 15869  - 6 de xullo de 1922; Ano XLV Número 15870  - 7 de xullo de 1922; Ano XLV Número 15872  - 9 de xullo de 1922; Ano XLVI Número 16047 - 2 de febreiro de 1923
  • El Eco de Santiago  diario independiente Año XXVII Número 10198 - 6 de xullo de 1922
  • El Orzán  diario independiente Ano V Número 1339 - 6 de xullo de 1922; Ano V Número 1340 - 7 de xullo de 1922; Ano VI Número 1488 - 3 de febreiro de 1923
  • El Diario de Pontevedra  periódico liberal Ano XXXIX Número 11495 - 7 de xullo de 1922
  • El Ideal gallego  diario católico, regionalista e independiente Num. 1569 (07/07/1922); Num. 1570 (08/07/1922)
  • El norte de Galicia  diario político y de información Num. 1869 (07/07/1922)
  • La voz de la verdad  diario católico con censura eclesiástica Año XII Número 3969 - 7 de xullo de 1922;  Ano XIII Número 4147 - 4 de febreiro de 1923
  • La Región diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos Ano XIII Número 3679 - 12 de xullo de 1922
  • El Progreso  diario liberal Ano XVI Número 4657 - 4 de febreiro de 1923
  • Faro de Vigo de 7 de xulo de 1922.
  • La Voz de Galicia. 3 de febreiro de 1923

O telegrafista "traidor" con guerra de 1898

O telegrafista da estación de A Coruña Eduardo del Río González escrebe ao presidente dos Estados Unidos William McKinley ofrecéndose como d...