luns, 18 de abril de 2022

O cable de teléfono como antena para espionaxe na I Guerra Mundial

O diario coruñés "El Ideal Gallego" saíu á rúa por primeira vez o 1 de abril de 1917 da man do sacerdote D. Jose Toubes Pego. O 3 de maio de 1918 Jose Toubes recibe a visita na casa onde reside, na rúa San Andrés 29 2º da Coruña, do inspector de telégrafos da cidade da Coruña e dous alguacís, cun mandato xudicial, tras recibiren unha denuncia anónima no corpo de telégrafos.

D. Jose Toubes Pego. Sen datar

Alguén tiña denunciado que existía nesa vivenda unha estación radiotelegráfica clandestina que nesa casa estaban entrando alemáns e outras persoas con asiduidade. Compre recordar que estamos na época da Gran Guerra con espías e informadores. Alí estaba esa radio, lista para escoitar o parte informativo da noite desde Nauen e cuns teletipos datados procedentes da Torre Eiffel que foron recollidos e levados ao xuíz. 

Nova no diario El Orzán do 5 de maio de 1918


A emisión era nunha banda moi baixa, polo que requiría unha antena longa. Para pasar desapercibidos, Jose Toubes utilizou como antena o cable telefónico que tiña entre a sede de El Ideal Gallego (no Canton Grande 22) e este domicilio.  Utilizaba un conmutador na sede do Ideal Gallego para desligar esa liña da central e así contar cun longo fío de ferro galvanizado que ía ata á caixa da estación radiotelegráfica.

Viñeta publicada en El Ideal Gallego. 6 de maio de 1918


O empregado da corpo de telégrafos Aurelio Bourgeal Uztariz foi o responsable de retirar o cable. Unha señora de idade avanzada, que é a dona da vivenda, aparentemente fixo desaparecer a caixa que contiña a estación receptora escapando polo edificio, mentras era reprendida polo capataz de Telégrafos Jose Bello Paredes.

Ás nove da noite o xuíz D. Jose Morandeira, xunto ao secretario D. Antonio Troche, o auxiliar Jose Diz  e o alguacil D. Adolfo Ceballos, acompañados do catedrático Sr. Brañas e o xefe do corpo de telégrafos D. Augusto Alcázar van visitar á casa, pero non atopan a estación radiotelegráfica. Nesta visita estaban presentes tanto o Sr. Toubes como outros habitantes da casa, tamén sacerdotes.

Nova no diario El Orzán do 6 de maio de 1918


El Ideal Gallego que nun primeiro momento tenta negar a existencia de dita estación telegráfica pasa, nas datas seguintes, a intentar xustificar o seu uso e a alegar que non é ilegal.  Inclúe declaracións sarcásticas de Jose Toubes e un escrito de I. Ackermann, alemán residente de Coruña sospeitoso de ser un dos espías alemáns segundo apunto o xornal El Noroeste, que indica que leva tempo sen acudir á vivenda investigada e que adoptou unha postura neutral no conflito bélico.

Portada de El Ideal Gallego do 6 de maio de 1918, desacreditando a noticia publicada en El Noroeste.

Queda pendente localizar exemplares de El Noroeste destas datas, xa que resultou ser o verdadeiro azote do Ideal neste caso, pero non están conservados nas hemerotecas.


Para saber máis:

  • El Ideal gallego : diario católico, regionalista e independiente: Num. 388 (04/05/1918), Num. 389 (05/05/1918), Num. 390 (06/05/1918), Num. 391 (07/05/1918), Num. 392 (08/05/1918),
  • El Orzán : diario independiente: Año I Número 93 - 5 de maio de 1918 ; Número 94 - 6 de maio de 1918 
  • El Progreso : semanario independiente: Ano XII Número 2642 - 5 de maio de 1918
  • La Voz de Galicia: 5 de maio de 1918
  • Gaceta de Galicia  Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela Num. 105 (04/05/1918)

Ningún comentario:

Publicar un comentario

O telegrafista espía da Coruña na I Guerra Mundial.

No 26 de novembro 1918, apenas quince días despois do fin da guerra, recíbese a queixa do embaixador de Estados Unidos sobre un empleado do ...