O primeiro conflito serio motivado pola instalación do servizo telefónico urbano foi en A Coruña, primeira rede urbana instalada en Galicia, entre Mariano Martín Villoslada, responsable do novo servizo telefónico e Nicandro Fariña, concesionario do servizo de subministro eléctrico a particulares desde o 29 de xullo de 1887, sobre a colocación e uso dos postes situados diante dos cantóns que recentemente instalara Nicandro e ao que quería ter acceso Mariano para o servizo telefónico.
Mariano presenta un escrito o 20 de decembro de 1888 no Concello de A Coruña, con selo da Compañía Telefónica del Cantábrico, no que comenta que ten necesidade de levar os fíos telefónicos polos cantóns e que recibira do concello o encargo de utilizar os postes que Nicandro tiña instalados nesa zona, aínda sen utilizar xa que a rede demorou tempo en ser instalada, pola negativa deste pola suposta incompatibilidade dos usos.
O Arquitecto municipal Juan de Ciórraga prepara un informe para o alcalde o 29 de decembro onde comenta que non ve esa incompatibilidade entre ambas instalacións pero considera que non é un problema do concello ao tratarse de dúas compañías privadas. Recomenda, iso si, convocar unha comisión conxunta de policía e paseos e xardíns cos interesados para intentar reconducir a situación.
Cantóns de A Coruña. Detalle dos postes só para uso eléctrico, pasando o telefónico polos faiados das casas. Ano 1900. Arquivo do Reino de Galicia.
Á convocatoria do 15 de xaneiro de 1889 acude unicamente Mariano onde comenta que de non ter acceso aos postes terá que instalar o servizo con "palomillas" nas fachadas e faiados dos edificios dos cantóns. Explorada esta posibilidade atopou a oposición dos propietarios dos edificios 9-10, 23-24, 14 e 11-10 do Cantón Pequeno e do número 9 do Cantón Grande. A comisión acorda convidar aos propietarios a que acepten o paso dos fíos por baixo das repisas dos balcóns e galerías ou polo faiado dos edificios. Non caso de non aceptar esta proposta serán instalados postes diante das vivendas, por mais que prexudique ao ornato público.
Adicionalmente, obriga a Nicandro Fariña a dar uso aos postes instalados nos cantóns nun prazo de dous meses ou forzará a súa retirada vía resolución da concesión. Nicandro, consignatario e propietario dunha empresa gasística, tivera a concesión para o servizo eléctrico o ano 1887 baseado nunha máquina de vapor. As oficinas da consignataria foron as primeiras en utilizar o subministro eléctrico.
Cantóns desde Praza de Mina. A Coruña. Detalle dos postes só para uso eléctrico (esquerda) e outros para telefonía (dereita). Ano 1900. Arquivo do Reino de Galicia.
O dítame da comisión lévase, a través do alcalde accidental Juan Antonio García Collazo, ao pleno do 28 de xaneiro, onde un concelleiro indica que tiña novas de que chegaran a un acordo os Sres. Fariña e Villoslada sobre a utilización dos postes. Así, Nicandro cede os postes e Mariano conecta as tres liñas particulares de Nicandro á rede, pagando como se unicamente tivera unha. Nicandro Fariña solicitara, en Outubro de 1887, autorización para establecer unha rede telefónica entre as oficinas da rlaza de Ourense nº5 (sede onde tiña a turbina eléctrica), Sánchez Blécua nº 4, Juana de Vega nº 9 e Rúa Real nº 53.
Acordo entre os Sres Fariña e Villoslada. La Voz de Galicia. 2 de febreiro de 1889
Para saber mais:
- Expediente da policia de comodidad do Concello de A Coruña do ano 1888. Arquivo municipal de A Coruña. Exp. 129/1888
- Diario de Avisos de La Coruña. Número 8864. 19 de outubro de 1887; Ano XIX Número 9942 - 7 de novembro de 1890
- La Voz de Galicia. 11 e 30 de xaneiro e 2 de febreiro de 1889
Ningún comentario:
Publicar un comentario