martes, 19 de setembro de 2023

A estación radiotelegráfica do Diario Ferrolano (1905)

Xoves 4 de maio de 1905. 

Inaugúrase a primera estación de telegrafía sen fíos de Galicia, propiedade do xornal Diario Ferrolano, que sería a primeira para este fin de España ("primeiro de España, onde unha empresa particular, modestísima, ensaia e utiliza o maior invento científico realizada pola humanidade")


Diario Ferrolano de 5 de maio de 1905


Conectaba A Coruña con Ferrol e permitía un acceso máis rápido por parte do diario ás novas dos corresponsais tanto da Coruña como de Madrid. Cumpre salientar que Ferrol carecía de teléfono urbano nesas datas, polo que só estaba servida polo telégrafo oficial, que ademáis pechaba (tiña carácter limitado) antes da chegada da información dos corresponsais de Madrid, polo que supoñía unha vantaxe clara para o xornal (a estación de Coruña era permanente)

Portada do Diario Ferrolano

A familia Barcón foron os fundadores do xornal e os responsables da instalación desta instalación. Antigos emigrantes en Cuba, na época colonial, fixeron fortuna. 

Estaba constituido por torres de comunicacións de 36 metros de altura, na marxe dereita do comezo da rúa Orillamar na Coruña e nas proximidades do pazo da Capitanía Xeral de Ferrol. O proveedor era a empresa alemana Telefunken, competidor de Marconi, decisión que xustifica o propio xornal atendendo a criterios técnicos. 

Sede do Diario Ferrolano na Rúa Real 92. Publicada no xornal do 5 de maio de 1905


O xornal, na data da inauguración, recolle os atrancos burocráticos que padeceron, tras a aprobación do proxecto cunha Real Orde do 3 de decembro de 1904 (non publicado na Gaceta de Madrid e non corservado) por parte de Angel Rendueles, director de Comunicacións. O xornal laiábase de que en febreiro de 1905 o ministerio de Guerra prohibía o proxecto, a pesar de que o capitán xeral de Ferrol apoiaba o proxecto. Finalmente o xeral Urquiza, xefe da sección de enxeñeiros do ministerio de Guerra e o coronel Gallego, do Estado Maior Central, intercederon a favor da execución do proxecto. 

Agradecen tamén a implicación de Luis Brunet Armenteras, xefe da sección do novos inventos do corpo de telégrafos. Pedro Ferrer (xefe de telégrafos da Coruña), D. Francisco Sastre (xefe de sección), D. Pedro Benito Cánovas (xefe da estación de Ferrol) e D. Jose Sandoval, inspector das estacións de telegrafía sen fíos. Sería o mesmo que logo se responsabilizaría da construcción das redes provinciais. Tamén mencionan a Felix Norzagaray e Saturnino Lamas, membros do corpo de telégrafos, por participar das probas. 


 

Na revista El Telegrafista de 5 de outubro de 1905 aparece unha reportaxe sobre o sistema de telegrafía, salientando as dificultades por ter o monte da punta Segaño, de 265m de altura, no vano principal do enlace.  Curiosamente a estación de Coruña era de enerxía alterna de 120 voltios e 50 Hz, mentres que no lado de Ferrol é con corrente continua a 150 voltios contando cunha turbina de mercurio para alternar. 

acordo do pleno do Concello de Ferrol de 11 de febreiro de 1905


Salienta como maior curiosidade o uso da pila electrolítica "célula de Schlömilch", formada por 2 fíos de platino inmersos nun recipiente con ácido sulfúrico, que facía posible usar auriculares para recibir son.

Publicado en El Electricista. Revista general de electricidad. Ano V. 5 de outubro de 1905.



A curta vida destas estacións radiotelegráficas

O corpo de telégrafos utilizou desde 1905 as estacións radiotelegráficas de Coruña e Ferrol como banco de probas para membros do corpo de telégrafos de toda España. Todos estaban convidados a acudiren a Coruña e Ferrol por un período de tres meses cunha indemnización por custes de traslado equivalente a medio soldo. O funcionario responsable do servizo sería Jose Sandoval, responsable da formación dos voluntarios, que logo iría encargarse doutras estacións radiotelegráficas e dos plans de extensión da rede telefónica.

Postal da capitanía de Ferrol que inclue a torre instalada no xardín, xa sen uso. ~1910


O anuario telegráfico recolle que se cursaron, no último trimestre de 1905, 2194 despachos con 79816 palabras. 

Probablemente debido ao custe operativo ou a que o telégrafo Coruña-Ferrol xa operaba con carácter permanente, Ubaldo Barcón, impulsor do proxecto, decide ofrecer o 20 de marzo de 1906 a cesión da propiedade das estacións ao Estado a cambio de poder cursar telegramas de xeito gratuito con Madrid por un período de 25 anos. A orde de concesión de 1904 xa mencionaba a posibilidade desta incautación, así como a necesidade de servir de comunicacións con buques da Armada. Tras un análise e inspección por parte do oficial Antonio Nieto Gil, a Real Orde de 11 de xaneiro de 1907 decretou a incautación a cambio do ofrecer ese servizo telegráfico gratuito ao xornal por 20 anos e 375.000 palabras.

Tristemente, o acordo non duraría moito. O cambio de poder aos conservadores de Maura fixo que revisaran esa incautación. A Gaceta de Madrid publica o 14 de marzo que considera lesiva esa incautación polo que da marcha atrás, solicitando á Xustiza que declare a nulidade dese acordo. O firmante sería De La Cierva, director de Correos e Telégrafos, que tería varios conflitos con corpo neste tempo. A argumentación baseábase en que mentres a familia Barcón investiu 65.000 pesetas, o Estado deixaría de ingresar 375.000 pesetas por ofrecer o servizo gratuito. Ademáis, indicaba que xa no mantemento das estación o Estado gastara 7.066,40 pesetas.

Esta orde tamén indicaba algún dos problemas da estación. Comenta que nunca chegou a funcionar de xeito adecuado, polo que o Diario Ferrolano acostumaba a utilizar as líñas físicas do telégrafo, deixando de utilizar as estacións desde xuño 1906, onde se utilizaban únicamente para instruir aos funcionarios de telégrafos.

A decisión final chegou ao Supremo o 6 de decembro de 1907 dando a razón ao Estado, polo que Barcón tería que aceptar a devolución das estacións, que serían abandonadas. O 16 de febreiro de 1908 propúsose facer unha tasación pericial, para ser utilizadas por oficiais da Mariña, pero non queda constancia de que finalmente fosen incautadas. En 1911 xa aparecían formalmente como suprimidas.  Antes, no pleno do Concello de Coruña de 20 de abril de 1910 xa se preguntaban os concelleiros se funcionaba esa estación, xa que constaban intentos de comunicación por parte de barcos sen ter éxito.

Boletín oficial de la provincia de La Coruña: Número 230 - 1911 outubro 7

O proxecto pecharíase en 1914, cando o Sr. Bugallal publica un proxecto de lei no Congreso na que se aproba un crédito extraordinario de 29.909 pesetas, a pagar polo ministerio de Gobernación, pola tasación das antenas de D. Ubaldo Barcón, trala declaración de nulidade da incautación realizada. 


Para saber máis: 

  • El Noroeste Año X Número 3645 - 16 de febreiro de 1905; Ano XII Número 4508 - 7 de decembro de 1907
  • Diario Ferrolano. Número 659. 5 de maio de 1905
  • La Correspondencia Gallega  diario de Pontevedra Ano XVII Número 4659 - 17 agosto 1905; Ano XXIII Número 6485 - 11 outubro 1911
  • El Correo de Galicia  Diario independiente de avisos y noticias Num. s.n. (17/08/1905)
  • Gaceta de Madrid. Ano XXCLVI. Número 73. 14 de marzo de 1907
  • El norte de Galicia diario político y de información Num. 1739 (11/01/1907);  Num. 1821 (18/03/1907)
  • El Globo  nº 11591, 7 de decembro de 1907
  • El Mundo, 6 de decembro de 1907
  • La introducción de las radiocomunicaciones en España (1896-1914). Jesus Sánchez Miñana.
  • El Electricista. Revista general de electricidad. Ano V. 5 de outubro de 1905.
  • El Eco de Galicia : diario católico é independiente : Num. 1115 (21/04/1910)
  • Boletín oficial de la provincia de La Coruña: Número 230 - 1911 outubro 7
  • Gaceta de Galicia : Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela: Num. 242 (08/10/1911)
  • El Eco de Santiago  diario independiente Año XIX Número 6758 - 1914 Diciembre 07
  • La Voz de Galicia. 10 de febreiro de 1905; 5 de maio de 1905





Ningún comentario:

Publicar un comentario

O telegrafista espía da Coruña na I Guerra Mundial.

No 26 de novembro 1918, apenas quince días despois do fin da guerra, recíbese a queixa do embaixador de Estados Unidos sobre un empleado do ...