xoves, 14 de setembro de 2023

O telégrafo do Lazareto de San Simón (1856-1883)

O telégrafo de Galicia comezou a construirse en 1856, cunha liña que entraba por Verín e chegaba ata Coruña vía Vigo. Os concesionarios eran os Sres. Saens de Ourense, que tiñan que construir a liña desde Medina de Rioseco. Nese momento pensouse en facer algunha variantes, tales como facer que pasara por Tui para favorecer a interconexión con Portugal.

Postal do Lazareto de San Simón. Anos 1920. 


Sería Lorenzo Cuenca, deputado no goberno, impulsor destas iniciativas, entre as que se atopaba tamén construir un circuito co lazareto de San Simón, que naquel momento tiña o privilexio de acoller en exclusiva a navegantes do Atlántico. Poñer en comunicacións a navieiras coas persoas en cuarentena sería un dos obxectivos principais desta liña.

Gaceta de Madrid núm. 1142, de 19/02/1856


O atraso nas obras debido a problemas cos materiais, falta de información por parte do goberno,  dificultades de construcción no inverno, etc. motivaron que a conexión de Tui se fixera dentro do proxecto orixinal con inauguracións en 1858, pero o Lazareto tardaría un tempo máis. 

En 1856 xa se debatía como conectar o lazareto á rede, con dúas opcións. Tirar un cable ata os postes de Cesantes, da liña de Vigo a Pontevedra, cun cable adicado ata Vigo e outro a Pontevedra ou facer una estación en Redondela, non prevista inicialmente, e tirar un cable de Redondela ao Lazareto. En calquer caso o cable iria subacuático 140 varas (~115 metros) e soterrado baixo a praia de Cesantes ata chegar aos campos

Revista de telégrafos Era 1 numero 4 - 30 de xaneiro de 1857

O proxecto do Lazareto de San Simón queda parado ata finais de 1860, coa primeira rede xa operativa e cando se falaba da extensión a Vilagarcía de Arousa e al liña de Lugo a Leon con estación en As Nogais.  Nesta ocasión xa se plantexa como unha liña directa de Vigo ao Lazareto, traballando no proxecto en 1861 o subdirector D. Emilio Paredes.  O concello de Redondela aproveitaría este intre para pedir una estación telegráfica intermedia no centro urbano, por onde pasaba a liña de Vigo a Pontevedra, que non sería atendida.

"A pesar de que este establecimiento carece de edificios suficientes para hospedar a los empleados y cuarentenarios y los que existen se hallan en un estado lastimoso por su deterioro, creo que la casa que hoy lleva con otras en arriendo el fondista y que está destinada a botica, salvo algunos reparos, es la más apropiada para establecer en ella la estación del telégrafo ya que tiene la capacidad necesaria y ya que está contigua a la mar y frente a la puerta de la playa de Cesantes. "

Resposta da dirección do Lazareto de San Simón á petición dunha habitación para o telégrafo por parte do Ministerio de Gobernación. 16 de novembro de 1862. 


Unha real orde do 1 de agosto de 1862 anunciaba os traballos, para o que sería nomeado responsable o subdirector D. Sebastián Alonso o 20 de febreiro de 1863, terminando o 26 de maio do mesmo ano, abrindo o servizo de xeito inmediato. Serían finalmente 16 quilómetros de cable sobre postes ata Vigo e 500 metros soterrados.

Gaceta de Madrid - 10 de xuño de 1863


A estación abriría só durante a época de cuarentenas, entre abril e outubro en 1863 e 1864, de xeito completo. En 1865 pasaría a estar aberta tamén en inverno, entendendo que a centro seguía aberto nesa época recibindo navegantes que tiñan que pasar a cuarentena. Esto acabaría en novembro de 1865, onde deixan de estar asignados telegrafistas a esa sede, debido a rotura do cable. 

Mapa telegráfico de España. 1864. Instituto Geográfico Nacional


Neses tres períodos que estivo aberta foi atentida por un único telegrafista, que estaría tempadas (semanas ou meses na estación). Sería Cristobal Burera, Julio Fuembuena e Isidro Unsain os que pasarían tempadas no lazareto. A singularidade da estación foi recollida pola Direccion de Telégrafos, que aprobou un sobresoldo para o telegrafista da illa dun 50% (e ocasionalmente un 100%) do soldo habitual para compensar a singularidade do servizo.  Este sobresoldo estaba limitado a esta persoa e os telegrafistas que viaxaran con Casa Real.

Mapa telegráfico de España. 1867. Instituto Geográfico Nacional


O 24 de setembro de 1868 sairá publicado na Gaceta de Madrid o concurso para suministrar cable telegráfico submarino para a conexión de Vigo e San Simón asi como para atravesar a ría de Santoña. No caso de San Simón pedíanse 2900 metros de cable subacuático, o que leva a pensar que a conexión xa non se faría por Cesantes.  Esta primeira subasta quedaría deserta, pasado a realizarse unha nova o 28 de novembro de 1868, quedando novamente deserta. O 23 de abril de 1869 anúnciase a compra directa de material, pero non consta a instalación do mesmo. 

Non sería ata 1883, xa cunha estación telegráfica en Redondela, cando abriría novamente a estación de San Simón. 


Para saber máis:

  • Gaceta de Madrid núm. 1142, de 19/02/1856; 10 de xuño de 1863; núm. 268, de 24/09/1868; núm. 333, de 28/11/1868; núm. 113, de 23/04/1869
  • La Oliva  periódico de política, literatura e intereses materiales Ano I Número 10 - 5 marzo 1856
  • El Correo de Lugo  Periódico de intereses morales y materiales 1 novembro 1860
  •  La Nueva Galicia periódico destinado a la defensa de los intereses morales y materiales del país Ano I Número 49 - 5 xullo 1863
  • Revista de telégrados: 15 de xaneiro de 1861; 15 de abril de 1864; 1 de xuño de 1864; 15 de outubro de 1864; 1 de xaneiro de 1865; 15 de novembro de 1865
  • Expediente sobre instalación de novas liñas telegráficas en Vilagarcía e no Lazareto de San Simón (1861). referencia 17.655/4. Deputación de Pontevedra
  • Comunicacións do Ministerio de Gobernación sobre a instalación da oficina telegráfica no Lazareto de San Simón (1862). Referencia 40.321/27. Deputación de Pontevedra

Ningún comentario:

Publicar un comentario

O telegrafista espía da Coruña na I Guerra Mundial.

No 26 de novembro 1918, apenas quince días despois do fin da guerra, recíbese a queixa do embaixador de Estados Unidos sobre un empleado do ...