En 1909 dase conta da intención de instalar en Vigo, en Coruxo, na parroquia de San Andrés de Comesaña, xusto ao carón da cohetería unhas antenas do sistema Marconi por parte da compañia Concesionaria del Servicio Público Español de Telegrafía sin Hilos, empresa de orixe francés que gañou a poxa para instalar 24 estacións incluíndo como posibles ubicacións Fisterra, Cabo Vilán, Estaca de Bares ou as Illas Cíes. Levar unha liña de telégrafos ás Cíes era un pequeno desafío, polo que zona costeira parecía mellor opción.
Proxecto de instalar un estación nas Cíes, finalmente descartado. Electrón nº 396 . 1 de xullo de 1908
Vigo pasou a competir con Cabo Vilán. O Sr. Aróztegui, representante da Liga Marítima ten unha reunión con membros da asociación en Coruña, así como a comandancia de Mariña e representantes da Cámara de Comercio, consignatarios, armadores de buques, pesqueiros i enxeñeiros. Alí, propuñan que se implantara unha estación no cabo cun alcance de 1.500 millas, para chegar ata o punto onde acababa a cobertura das estacións americana. Por algunha razón o proxecto priorizaría Vigo.
O servizo radiotelegráfico, quitando a peculiar experiencia do Diario Ferrolano conectando Ferrol e Coruña, estaba pensado para comunicacións con buques, mellorando o sistema semafórico que existía ata ese momento.
En novembro de 1910 Marconi crea a Sociedad Española de Telegrafía sin Hilos, con participación do Estado e a intención de instalar torres de comunicacións en Vigo, Madrid, Barcelona, Cabo de Gata, Cádiz, Baleares e Canarias.
O 20 de marzo de 1911 aparece a referencia na prensa da presenza dun enxeñeiro alemán da compañía de Marconi para facer a instalación, que pasaría de Coruxo ao Monte Vixiador (na parroquia de Candeán) por asuntos técnicos. O material chegaría no vapor Aragón (16 toneladas) xunto con Sr. Richard Norman Vyvyan (de Halston en Cornualles) e no barco Orita (coas columnas de ferro das torres, que chegaría o 28 de marzo). O enxeñeiro inglés Vyvyan traballa para a empresa inglesa de Marconi, sendo un dos xefes da compañía, que se entrevistaría co alcalde nestas datas. Probablemente se tratara do alcalde do Concello de Lavadores, naquel momento separado de Vigo.
As obras de instalación serían sacadas a concurso entre os mestres da cidade. O arrastre de pezas costaría 22 pesetas por tonelada. O arquitecto municipal realizou o proxecto de vivenda para o director da estación e o seis ou oito telegrafistas que traballarían nela. En agosto xa estaban montadas as antenas, á espera do estación radiográfica. O responsable da montaxe sería o enxeñeiro Fabian Korber, natural de Biarritz
As probas de validación foron en decembro de 1911, polos funcionarios do corpo de telégrafos D. Jose Sandoval, con experiencia nas estacións do Diario Ferrolano no periodo 1905-1907, e os Sres. Boyer e Regueiro. Durante as probas de Vigo manterían comunicación regular, durante todo o día, con Poldhu, a mítica base de Cornualles (Reino Unido), ata onde foi Jose Sandoval, Cádiz, Barcelona, Tenerife e Las Palmas, sen ter que repetir palabras. Tamén se conectou con Clifden (Inglaterra) e Coltano (Italia), así como contactos con barcos que solicitaron a admisión de mensaxes para ser entregados polo rede telegráfica. Estas mensaxes terían o nome de marconigramas.
A apertura demoraríase xa que o Estado tardou en construir a ligazón entre o monte Vixiador e o centro telegráfico. O presidente da Cámara de comercio, Ceferino Maestu, reclama ao director xeral de Correos e Telégrafos así como ao deputado a Cortes o Sr Urzaiz a finalización da obra. A instalación queda lista o 1 de febreiro de 1912, quedando pendente só destinar o persoal necesario. Rafael Maroto, oficial quinto de telégrafos de Vigo, queda asignado á estación do Monte Vixiador. Por parte da empresa de telegrafía sen fíos, sería encargado o Sr. Dovell, procedente de Londres.
En agosto de 1915 noméase ao tenente Leopoldo Cal como inspector da zona radiotelegráfica con base en Vigo
O declive da estación
Aparece unha referencia na prensa de 1922 sobre a voda do xefe da sección radiotelegráfica do Vixiador D. Eusebio Lozoya, canda a estación xa debía estar nunha certa inactividade.
En xaneiro de 1924 o xornal El Pueblo Gallego, desde o seu primeiro número, comeza a realizar unha serie de artigos para denunciar o abandono da estación radiotelegráfica, que estaba sen uso. Federico Barreras, da asociación de navieiros e consignatarios reclama a compañía de telegrafía que repoña o servizo en base a un imcumplimento das condicións publicadas o 19 de febreiro de 1908, baixo o pretexto de que estaba en reparación. O concello apoia á asociación nas súas queixas e o alcalde Gregorio Espino visita a compañía en Madrid.
O xornal fala de catro anos de deficiencias, polo que estaría sen servizo desde 1920 e acusa á empresa de non dar servizo ao buque T.H. Skogland que naufragou un ano antes en Baiona ao non poder recibir as chamadas de socorro. O Ministerio da Marina pensa en dotar en marzo de 1924 de elementos informativos para buques tanto semafóricos (cun proxecto de instalación dun semáforo nas Cíes e noutras rías) e radiotelegráficos, que poderían implicar a recuperación da estación do Vixiador.
En outubro de 1924 a empresa T. S. H. dona da estación do Vixiador e concesionario en exclusiva do servizo recomenda a instalación dunha liña telegráfica directa de Vigo a Fisterra para que os armadores vigueses poidan estar en comunicación cos buques. Xa en decembro chega a nova da vontade do director xeral de comunicacións de incautar tanto as estación de Vigo como Fisterra para pasar a ter un carácter de servizo público.
Para saber máis:
- Nova Galicia revista semanal, órgano dos gallegos é pr'os gallegos n'as Américas Número 314 - 21 de novembro de 1909
- Galicia revista semanal ilustrada Ano IX Número 50 - 10 de decembro de 1910; Ano X Número 12 - 1911 marzo 25
- El Correo de Galicia Diario independiente de avisos y noticias Num. s.n. (16/11/1910); Num. s.n. (21/03/1911); (15/11/1911); (15/12/1911); (23/02/1912)
- Noticiero de Vigo diario independiente de la mañana Ano XXVI Número 10877 - 20 de marzo de 1911; Ano XXVI Número 10879 - 22 de marzo de 1911; Ano XXVII Número 11098 - 9 de xaneiro de 1912; Ano XXVII Número 11116 - 1 de febreiro de 1912
- El Progreso : diario liberal: Año IV Número 908 - 25 de marzo de 1911
- El Tea semanario independiente Ano V Número 220 - 7 de decembro de 1912
- La Región diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos Ano I Número 164 - 28 de agosto de 1910
- La Correspondencia Gallega diario de Pontevedra Ano XIX Número 5329 - 14 novembro 1907
- Galicia nueva : periódico regional, primer diario de Villagarcía: Ano IV Número 1092 - 1910 novembro 18; Ano V Número 1188 - 1911 marzo 22; Ano V Número 1409 - 1911 decembro 19
- La voz de la verdad : diario católico con censura eclesiástica: Num. 127 (03/03/1911); Num. 272 (30/08/1911); Num. 365 (19/12/1911); Num. 385 (15/01/1912); Num. 402 (03/02/1912)
- Diario de Galicia: periódico de la mañana, telegráfico, noticiero y de información general: Num. 678 (04/03/1911)
- El regional : diario de Lugo: Num. 9114 (09/03/1911)
- El Correo gallego : diario político de la mañana: Ano XXXIV Número 10993 - 1911 abril 4
- El Eco de Galicia : diario católico é independiente : Num. 1453 (19/05/1911); Num. 1674 (03/02/1912)
- El Diario de Pontevedra : periódico liberal: Ano XXVIII Número 8279 - 1911 decembro 16
- Gaceta de Galicia : Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela: Num. 300 (17/12/1911); Num. 42 (23/02/1912)
- La Región : diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos: Ano III Número 584 - 1912 xaneiro 16
- El norte de Galicia : diario político y de información: Num. 3384 (04/03/1912)
- El Eco de Santiago diario independiente Año XXVII Número 11264 - 2 de setembro de 1922
- El pueblo gallego rotativo de la mañana Ano I Número 1 - 27 de xaneiro de 1924; Ano I Número 3 - 30 de xaneiro de 1924; Ano I Número 4 - 31 de xaneiro de 1924; Ano I Número 18 - 16 de febreiro de 1924; Ano I Número 31 - 2 de marzo de 1924; Ano I Número 55 - 30 de marzo de 1924; Ano I Número 57 - 2 de abril de 1924; Ano I Número 220 - 10 de outubro de 1924; Ano I Número 267 - 4 de decembro de 1924
- Verdad y justicia semanario imparcial defensor de los intereses generales del distrito Ano I Número 12 - 14 de agosto de 1915
- Revista Electrón nº 396 . 1 de xullo de 1908
Ningún comentario:
Publicar un comentario