xoves, 16 de maio de 2024

O intento de asasinato en Ferrol (1903)

"Non hai cruzamento en Ferrol, mais voulle cruzar a vostede" 


7 de agosto de 1903.

O xefe de Telégrafos de Ferrol, D. Faustino Salanova, recibiu unha serie de coiteladas, como intento de asasinato, na estación por parte do celador Santiago Bermúdez, que parecía non atoparse ben das dúas facultades mentáis. Santiago conta neste intre con 56 anos, casado, veciño da Madalena 172 e cun fillo contramestre.

Detectado un cruzamento de liñas entre Ferrol e Coruña, o xefe indicou ao celador que fose recoñecer a liña. Ao pouco de sair, Santiago volveu cun coitelo de grandes dimensión (que colleu na súa casa) e acoitelou a Faustino na espalda, glúteo e man esquerda, que se defendeu. O ordenanza Isolino Martínez foi a avisar á guarda que da servizo a Capitanía Xeral, que prenderin a Santiago 

Faustino foi quen de avisar ao seu xefe da Coruña, D. Demetrio Pía, que viaxou ata Ferrol e acompañou a Faustino á súa casa.

Santiago foi preso no calabozo da Capitanía Xeral, para o analise sobre o seu traslado a Conxo, posibilidad que foi finalmente descartada.

O 16 de agosto visita Ferrol D. Emilio Novoa, xefe de reparacións da liña de costa. Aproveitou para visitar no carcere a Santiago para entrevistalo e incorporar a información ao expediente. 

Cartas na prensa publicadas o 4 de setembro. 


O 16 de setembro, ás dúas da tarde, Santiago intenta suicidarse desde a fiestra do primeiro piso do sanatorio da caridade no que se atopaba desde tres días antes, en Mendez Núñez 10. O médico Latorre recoñece ao ferido, que resulta ter únicamente unha luxación nun pe, xa que a caída foi de cinco metros. Un xornalista de El Correo Gallego visítao ao día seguinte e constata que non é capaz de responder ás preguntas que se lle fan. 

Santiago pasa a estar custodiado nese sanatorio polos conserxes e gardas municipais. Nas seguintes datas aparece recollido na prensa que case non come nin fala. A muller, Dª Bernarda Rodeiro,  marchara de Ferrol antes deste suceso, como se se tratara dunha separación. Curiosamente, o último que consta na prensa vencellado a este caso e a petición da alcaldía de Ferrol que localicen á súa muller (presumiblemente en Santoña) para cumprir o deber (sic) de facerse caso do seu esposo.  


Para saber máis: 

  • El Correo gallego  diario político de la mañana Ano XXVI Número 8527 - 8 de agosto de 1903; Ano XXVI Número 8554 - 4 de setembro de 1903; Ano XXVI Número 8567 - 17 de setembro de 1903; Ano XXVI Número 8574 - 24 de setembro de 1903; Ano XXVI Número 8588 - 8 de outubro de 1903; Ano XXVI Número 8599 - 19 de outubro de 1903
  • El Eco de Santiago  diario independiente Ano VIII Número 1586 - 10 de agosto de 1903; Ano VIII Número 1619 - 19 de setembro de 1903
  • La Correspondencia Gallega  diario de Pontevedra Ano XV Número 4062 - 12 agosto 1903; Ano XV Número 4065 - 17 agosto 1903 
  • La Voz de Galicia - 9 de agosto de 1903

sábado, 11 de maio de 2024

O telegrafista "traidor" coa guerra de 1898

O telegrafista da estación de A Coruña Eduardo del Río González escrebe ao presidente dos Estados Unidos William McKinley ofrecéndose como director de comunicacións de Puerto Rico tras a perda da colonia española na guerra de 1898. Eduardo era fillo de Pedro del Río Raimúndez, director de telégrafos de Santiago de Compostela, e de María Josefa González Serrano.

Eduardo non conta con que a carta enviada será publicada na prensa americana, incluindo o relevante New York Herald, como motivo de mofa cara España. Isto será entendido como unha traición a España e os seus compañeiros, xa que no momento de enviar esta carta todavía están regresando combatentes feridos en Cuba, includo algúns telegrafistas que participaron axudando ao exército nas operación. 

The Morning Herald · ‎15 de set. de 1898 ·


Eduardo xa exercera como telegrafista en Ultramar, tanto en Filipinas (Bacolor en 1889-1892) coma en Puerto Rico (1893), regresando a Galicia nese ano, onde estivo como director da estación de Viveiro e como telegrafista na de Coruña.

La Correspondencia de España : diario universal de noticias: Ano XLIX Número 14841 - 21 de setembro de 1898


O chegar a noticia a Central de Telégrafos de Madrid, notifican ao director de Correos e Telégrafos Antonio Barroso, solicitando un castigo exemplar para Eduardo. Antonio decide bloquear o nomeamento de Eduardo como xefe de reparacións da estación de Coruña, que acababa de efectuar uns días antes e proceden á apertura dun expediente. 

Curiosamente Eduardo desminte que escribir ao presidente de Estados Unidos e ofrécese a escribirlle unha carta para que o presidente negue que teña recibido esa petición [sic].  

La Voz de Galicia pasaría a ser o principal defensor de Eduardo, ao asumir que non tería enviado esa solicitude. Destaca as cualidades do telegrafista e o compromiso coa patria. Así, di que pasaría noites enteiras traballando desde a estación de Coruña para axudar aos seus compañeiros na guerra.  El Eco de Santiago tamén sae na súa axuda indicando que no suposto que existira a petición, se esta se realizara despois da firma das bases da paz, non podería ser delito de guerra. 

Procesado xudicialmente, o 31 de maio de 1899 Eduardo remite unha carta á prensa, confirmando que si que enviara a petición ao presidente dos Estados Unidos, pero que isto foi feito tras a firma do tratado de paz. Ademáis, afirma que un secretario oficial do presidente envioulle unha carta aceptandoo para o posto pero que decidiu descartar iso polo seu patriotismo e quedar en España. 

El Eco de Santiago : diario independiente; Ano IV Número 888 - 4 de xuño de 1899


O resultado do xuizo foi que Eduardo perdeu a praza, sendo dado de baixa do corpo de telégrafos e perdendo todos os dereitos. Eduardo reclamaría ao Contencioso pero non quedou publicado o resultado do xuizo. Anos máis tarde aparece mencionado en Cuba, mentras a súa muller e os sete fillos permanecerían en Galicia, máis concretamente en Santiago. Os "Del Río Picoaga" serían parte activa da sociedade compostelana ocupando diferentes profesións.


Para saber máis:

  • The Morning Herald · ‎15 de set. de 1898 ·
  • La Correspondencia de España : diario universal de noticias: Ano XLIX Número 14839 - 19 de setembro de 1898; Ano XLIX Número 14841 - 21 de setembro de 1898;
  • El Eco de Santiago : diario independiente: Ano III Número 775 - 27 de setembro de 1898; Ano IV Número 888 - 4 de xuño de 1899; Ano IV Número 986 - 2 de outubro de 1899
  • La Voz de Galicia - 22 de setembro de 1898, 21 de maio de 1899, 2 de xuño de 1899
  • Electrón. 20/9/1898
  • El áncora : diario católico de Pontevedra: Num. 348 (24/09/1898)



luns, 6 de maio de 2024

Os inventos de Gregorio Fernández Arias

O telegrafista Gregorio Fernández Arias foi outro dos grandes inventores galegos. Natural de Pontedeume, aproveitou o contexto do seu traballo para xerar diferentes invencións, ligadas case sempre á tecnoloxía. Case sempre, porque, contou cunha patente por vinte ano da inserción de fotografías ou grabados de interese cultural nas caixas de mistos, con obxectivo de propagar "coñecimentos xeográficos, históricos, científicos ou industriais á sociedade (patente 10.707)

Pero sen dúbida a que alcanzou una maior recoñecimento foi o electro avisador de incencios. Como xa sabemos os incendios era unha grande ameaza en cidades con construccións baseadas en madeira i era chave a detección temperá.




O dispositivo foi patentado en 1890 (presentado o 22 de abril) e comercializado aproveitando os distribuidores de sistemas eléctricos vencellados a membros do corpo de telégrafos.  O sistema estaba baseado nun fío de dilatación que, por mor da temperatura, chega a pechar un circuito e soar unha alarma. 


Extractos da patente 10705. OEPM

O dispositivo foi moi utilizado tamén nas estación de telégrafos, así como en instalación militares (como o arsenal de Ferrol). A prensa o describe como "dunha base de madeira que ten nun extremo unha pequena caixa metálica da que sae unha panca formada por un tubo de latón e unha rosca do mesmo metal que suxeita o tubo no extremo oposto; un parafuso de contacto e dous gunnels ou parafusos de presión". 

Pode regularse a sensibilidade, indicando que incluso e capaz de detectar 0,0014º de diferencia. O xornal El Alcance Telegráfico asiste a unha demostración onde salta a alarma ao encender un misto a dous metros de distancia.

O prezo de venda sería de 30 pesetas, incluíndo o timbre. 

En paralelo inventou (patente 10708) tamén un "extinguidor automático de incendios" para funcionar co detector anterior , desprendendo auga do teito, pero non consta que esta patente fora utilizada.

Figura descriptiva do extinguidor. Patente 10708. OEPM


Na exposición rexional de Lugo de 1896 presenta aparatos telegráficos e avisadores eléctricos da súa invención, obtendo un diploma de segunda categoría. Antes xa participara na exposición de Zaragoza de 1886 (exhibindo manipuladores e relevadores), conseguindo unha medalla de terceira. 

Revista Electrón de 21 de outubro de 1896


Xa en 1911 traballa nun invento propio de sistema Duplex, que era o grande desafío da época. A posibilidad de transmitir por un único fío nas dúas direccións con carácter simultáneo. Outros telegrafistas españois traballaron neste tipode solucións. Xa en 1921, unha vez xubilado, aparece como inventor dunha metralleta de 50 tubos. 

Ejercito y Armada: diario defensor de sus clases activas y pasivas: Año XVIV Número 5086 - 11 de febreiro de 1922


Para saber máis:

  • El Correo gallego : diario político de la mañana: Ano IX Número 2182 - 1886 febreiro 7; Ano XIII Número 2893 - 1890 abril 24
  • Gaceta de Galicia : Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela: Num. 89 (24/04/1890)
  • Oficina Española de Patentes e Marcas. Patentes 10705, 10707 e
  • Revista Electrón de 21 de outubro de 1896
  • La Monarquía : diario político: Ano V Número 1172 - 1890 novembro 4; Ano V Número 1189 - 1890 novembro 24; Ano VI Número 1331 - 1891 maio 11
  • El lucense : diario católico de la tarde: Num. 1822 (11/11/1890)
  • La Correspondencia de España : diario universal de noticias: Año XLVII Número 14134 - 1896 octubre 17
  • Revista gallega : semanario de literatura e intereses regionales: Ano II Número 82 - 1896 setembro 27
  • El diario de Galicia : periódico católico e independiente: Ano VI Número 1642 - 1896 outubro 10
  • El Noroeste: Año XII Número 4303 - 1907 abril 12
  • La Voz de Galicia 23 de abril 1890; 3 de maio de 1890; 16 de outubro de 1890; 22 de xullo de 1912

martes, 30 de abril de 2024

O proxecto de cable colgante entre Valença e Tui

O arquivo da CTT en Lisboa conserva o proxecto de Joaquím José d'Almeida, capitán do exército portugués responsable de boa parte da construcción das redes de telegrafía eléctrica de Portugal, que estaban sustituíndo as ópticas, moi extendidas no país. 

O 27 de outubro de 1858 asina un proxecto para o tendido dun cable entre dous puntos da fronteira miñota, curiosamente utilizando a torre da igrexa de Santa Maria dos Anjos na Fortaleça de Valença, mentres que o cable colgaría dun poste de 14 metros sobre unhas rochas no lado tudense. 

Fotografía facilitada por Godofredo Ferreira para a segunda edición do libro "Memória histórica sobre a telegrafía eléctrica em Portugal" de Guilhermino Augusto de Barros


O documento foi facilitado por Godofredo Ferreira, que o comprou nunha poxa da biblioteca do orador Dr. Santos Farinha e cedeu a CTT en maio de 1950. 

O documento está cheo de datos técnicos para salvar a distancia entra as beira do Miño cun fío colgante con catenaria, nunha época previa, sobre 30 anos antes, da existencia da ponte internacional. Esta lonxitude debe ser un desafío sen precedentes coñecidos nesa época. 


Sinatura de Joaquim Jose d'Almeida no documento

A referencia é a 'cheia' do ano 1821, onde as augas alcanzaron unha altura de 9,6 metros sobre o nivel da maior pleamar con lúa nova do mes de agosto de 1858. A catenaria debe salvar esa altura. Tamén consultan nas dúas beiras sobre cal é o barco con maior altura, sendo de 16 metros ata o mastro, que debe ser tido en conta para evitar accidentes con cable, deixando unha marxe adicional de 2 metros. 

Considera así o uso do cimborrio da igrexa de Santa María como mellor opción, que se atopa 72,21 metros por riba da maior enchente de 1821 e un poste de 14 metros no lado de España, que se atoparía 21 metros por riba (ao estar sobre uns penedos) do nivel de dita enchente. A distancia entre os dous puntos, nun plano horizontal, sería de 588 metros. A localización no lado tudense non queda marcada, pero sería entre a actual porten internacional e 150m río abaixo, segundo a figura que se mostra a continuación.

Radio de 588 metros desde o cimborrio de Santa María dos Anjos en Valença do Minho.

O documento entre en formulas técnicas para calcular a tensión soportada e a viabilidade do tendido, tendo en conta que será un fío de ferro galvanizado, para o que proba numéricamente, para diferentes radios a tensión e probabilidades de rutura. Tamén calcula canto deberían medir os postes no caso de que non se utilizara a igrexa e se apostara por dous nas beiras do Miño, para soportar a distancia de 310 metros, saíndo alturas de 30 metros para ambos, que non resultan viables.

Joaquín finaliza destacando as vantaxes respecto a un cable sub-fluvial, que sería o finalmente adoptado. Estas estarían baseadas na facilidade de reparación do aereo, a resistencia a posibles enchentes do río (e choques con árbores que leva o Miño), 

Parte do plano do fío, extremo de Valença do Minho, con cimborrio de Santa María.



Para saber máis:
  • Memória histórica sobre a telegrafía eléctrica em Portugal. Guilhermino Augusto de Barros. Lisboa 1944
  • Comunicação telegráfica entre Valença e Tuy. Joaquim José d'Almeida.  27 de outubro de 1858. 


venres, 26 de abril de 2024

Os libros sobre Telegrafía de Eduardo Vincenti

A Exposición de Electricidade de París de 1881 levou varias invencións ao pabillón de España, incluíndo referencias galegas, coma a do telegrafista Victor Piedras, tratada nesta publicación:

https://telefoniagalicia.blogspot.com/2023/12/victor-piedras-na-exposicion.html

pero contou tamén co xove telegrafista Eduardo Vincenti, que escribiría a crónica do certame para ser distribuída masivamente entre o corpo de telegrafistas de España ao seu regreso. O libro iría adicado a D. Cándido Martínez, un deputado tamén galego que naquela altura pasaba por ser o director xeral de Correos e Telégrafos.

Eduardo, nado en Coruña en 1857, foi un polñitico liberal, xenro de Montero Ríos, telegrafista de profesión na xuventude e deputado desde 1886, ocupando varios cargos públicos, incluíndo a alcaldía de Madrid.

A Exposición de Electricidade quedoa marcado por ser un dos eventos técnicos mais relevantes da historia, coa presenza de inventores e novas aportacións técnicas (o tranvía eléctrico de Siemens & Halske, o pabillón de Ericsson, así como unha modesta presenza de inventores españois). 


Fotografía de Eduardo Vincenti na Wikipedia. 

O libro contaría cunha curiosa cita: "Cando este libro vexa a luz, quizás Madrid tamén a vexa". Queda como referencia do evento ao contar cunha extensa (418 páxinas) descripción, incluíndo moitos detalles das invencións españolas, que apenas foron recollidas pola prensa nacional. 

O libro finaliza cun grabado do pabillón de España, onde se poden identificar algúns dos inventos expostos.


Eduardo foi precoz e sacou a praza de telégrafos con 15 anos. Nos 11 anos que traballou no corpo tivo varias funcións, incluíndo ser parte do grupo de telegrafistas que acompañaba aos reis nas viaxes oficiais. Tras pasar polo corpo publica o seu segundo libro sobre telegrafía: "Historia Universal da Telegrafía e o Servizo Telegráfico en España" no ano 1885. Neste caso un libro máis modesto de 27 páxinas, ao tratarse dunha conferencia no Circulo Mercantil.


A pesares do pequeno tamaño, fai unha síntese da historia das comunicacións na antigüidade, a telegrafía óptica, eléctrica e sumbarina, así coma un resumo dos aparellos telegráficos en uso. Tamén califica a curiosa situación co teléfono:

"España ha decomisado el teléfono como artículo de contrabando; la aduana gubernamental lo ha juzgado sin duda nocivo para la salud pública."

Eduardo sería unha figura de certo recoñecemento na faciana política por parte do corpo de telégrafos ao velar polos seus intereses nas folgas laborais de 1892. 


domingo, 21 de abril de 2024

Os proxectos de telégrafos ópticos en Galicia (1809 e 1844)

Galicia nunca chegou a ter una rede de telegrafía óptica. Xusto cando se fixo unha certa aposta acababa Morse de validar a telegrafía eléctrica en 1844. Porén, a invasión francesa espertou un certo interese en dispoñer antes de esta rede de avisos oficiais, que xa estaba moi difundida en Francia de 1794 grazas ao seu inventor Claude Chappe.

Unha primeira experiencia militar na baía de Cadiz nos primeiros anos do século XIX resultou de utilidade para informar das incursións francesas. Doutro xeito, as novas tiñas que circular por carreiras de postas, a velocidade humana. Así, tras a experiencia defensiva de 1809, aparecen un par de suxestións relativas a construción desta rede.

No semanario  político, histórico y literario de La Coruña Num. 22  de xaneiro de 1809, fálase da importancia de que Madrid poida estar ben informada. A suxestión era conectar Astorga con Coruña, pasando por Asturias e Galicia; e outra liña de Puebla de Sanabria a Ourense, que poida chegar a Lugo e Coruña; ambas para uso meramente militar. 

O 7 de maio de 1810 emítese un oficio da xunta provincial de Mondoñedo (por parte de Juan Moscoso) ao presidente e vogais da Xunta Superior de Galicia no que os informa da retirada dos franceses a Luarca e da proposta do marqués de Vista Alegre, vogal da xunta de Asturias, de establecer telégrafos para informar rapidamente dos movementos do inimigo, que se inclue a continuación:


O 21 de maio emite unha nova carta na propón o establemento dos telégrafos segundo o proposto por Manuel Olmedo, tenente coronel, e as máquinas diseñadas por Miguel Febrer, coengo racioneiro da catedral de Mondoñedo. O tenente facilitaría os recursos humanos necesarios para operar os telégrafos.

O texto explica a importancia de contar con persoal de confianza manter o contida da mensaxe. Indica tamén que de noite debe facerse con farois nos brazos con sináis simples, para evitar confusións. Tamén indica que no caso de existencia de néboa onde tería que contar con material combustible para xerar fortes chamas e poder enviar mensaxes simples. 

Polo estado da contendo, suxiren crear unha liña de Villafranca del Bierzo a Navia de Suarna e, dende alí, seguindo o río Navia cara o mar.  En paralelo podería facerse unha liña para comunicación coa Coruña. Unha vez feita esa rede xa se podería facer ramáis coas capitais de provincia 

A proposta desbótase polo custe económico que implica, pero invitan a Juan Moscoso a probar o funcionamento con telégrafos xa creados por Miguel Febrer. Non consta aparición documental dos telégrafos deseñados. 


Non construidos estes telégrafos pasaría ata o  ano 1844 cando se plantexa a construción das grandes liñas do estado por parte do galego Manuel Varela Limia (Malpica 1796 - Madrid 1853), como director de camiños, canles e portos. Jose María Mathé, brigadier, sería o responsable técnico do proxecto. Estas tres liñas principais conectarián Madrid con Irún, Cádiz e Barcelona (e La Junquera), que serían finalmente construidas. 

Unha segunda fase falaba de facer ramáis e Manuel Varela contemplou a construcción dun ramal desde Valladolid a Coruña vía Zamora e Ourense, pero que a inminente chegada do telégrafo eléctrico imposibilitou.  Os Boletíns Provinciais deixan mostras do inicio do proxecto de estudo en 1844, pero non quedou información escrito do mesmo, probablemente perdida no incencio de arquivo general da administración de Alcalá de Henares en 1939.

Boletín Oficial da Provincia de Lugo. 31 de maio de 1844.



 


 

mércores, 13 de decembro de 2023

O mindoniense Cándido Martínez na reclamación salarial dos telegrafistas de 1880

 Candido Martínez Montenegro foi un deputado liberal durante tres décadas por Mondoñedo (Lugo), que nos ano 1881 - 1883 sería director de Correos e Telégrafos.  O 2 de marzo de 1880 presentaría unha moción histórica para o Corpo de Telégrafos ao demandar, por vez primeira, a mellora de condicións para os traballadores do corpo.  

Gravado de Cándido Martínez como deputado do Congreso.


Representa unha demanda dos traballadores de telégrafos de Mondoñedo  que piden a eliminación dos descontos (unha especie de imposto instaurado en 1857 que reducía o salario nunha porcentaxe) e afectaba a todos os funcionarios agás aos membros do exército. Desde os orzamentos de xullo de 1876 esta porcentaxe é do 20% para salarios menores de 10.000 pesetas e do 25% para maiores.

 Candido intenta asimilar a actividade dos funcionarios de telégrafos a eses corpos. Xustifican esta petición na tipoloxía de servizos que prestan (en ocasións perigosos), traslados frecuentes, lentitude nos ascensos, disponibilidade nocturna, etc. Os funcionarios de telégrafos xa estaban eximidos de participar en milicias xa que se consideraba que prestaban servizo ao exército no seu traballo cotián. Ese día naceu unha referencia para os traballadores do corpo, recollida por toda a prensa e motivando un especial (probablemente único na súa historia) por parte da Revista de Telégrafos. 

Revista de Telégrafos - Marzo de 1880


Candido presenta unaj enmenda ao orzamento de ingresos do Estado de 1880-81 para que se considere o corpo de telégrafos como clases activas dos institutos armadas do exército. A moción é asinada tamén por Manuel Cassola, Manuel Becerra, Práxedes Sagasta, Antonio de Vivar, Felipe González Vallarino e Pedro Antonio Torres. 

O ministro de Facenda, o Sr. Cos Gayón, oponse á desaparición deste desconto, argumentando que a lei debe ser igual para todos. O 8 de xuño vótase no Congreso obtendo 59 votos a prol e 64 en contra, polo que foi desbotada. Queda recollido no diario de sesións a argumentación de Cándido Martínez.

Argumentación de Cándido na sesión de Congreso dos Deputados. Recollida na Revista de Telégrafos de Xullo de 1880.


Cándido perdería a votación pero non o cariño dos telegrafistas. Adicionalmente, pasou a ser o director de Correos e telégrafos o ano seguinte, por un periodo de dous anos, rematando cunha homenaxe por parte do corpo de telégrafos na que participaron perto de 1500 telegrafistas nun agasallo dunha medalla de ferro con incrustacións de ouro e prata. 


Para saber máis: 

  • Revista de Telégrafos de marzo a xullo de 1880




O telegrafista espía da Coruña na I Guerra Mundial.

No 26 de novembro 1918, apenas quince días despois do fin da guerra, recíbese a queixa do embaixador de Estados Unidos sobre un empleado do ...