mércores, 18 de maio de 2022

A Coruña: o inicio da primeira telefonía urbana de Galicia (1888-1890)

A Gaceta de Madrid publicou o anuncio de poxa pública para a concesión da explotación da rede pública o 30 de abril de 1888 por parte de Angel Mansi, director de Correos e Telégrafos e a autorización do ministro de gobernación D. José Luis Albareda y Sezde.  As concesións son similares ás poxas de redes urbanas futuras:  período de concesión por 20 anos, aportar ao Estado un mínimo do 10% dos ingresos, distancia da sede máx de 10km (para non competir con outras hipotéticas concesións futuras), etc. Neste caso indícase que a central debe estar no centro da cidade, limitada polo peirao da Palloza, estación de ferrocarril, parque de Santa Margarita, estrada de Carballo e praia de Riazor. 


O adxudicatario do servizo telefónico resulta ser D. Antonio González, que ofrece a metade dos ingresos. Xa en agosto de 1888 trasládase á cidade Mariano Martín Villoslada, como responsable técnico para a construción da rede, que sería unha das figuras máis senlleiras da telefonía en Galicia. Mariano solicitaría excedencias temporais do corpo de oficiais de Telégrafos, do que formaba parte. O proxecto desperta moito interese especialmente nos comerciantes. 


Templete na central telefónica da Rua Real (A Coruña). Ano ~1927. Fundación Telefónica


A construción da rede

 O de 12 de outubro de 1888 xa estaría instalada a central na rúa Riego de Agua nº 6. O día 24 xa aparece en prensa que hai usuarios utilizando o servizo e que se produce un número de altas bastante considerable.

O 1 de novembro de 1888 xa tiña teléfono a Casa do Concello e a prensa vai recollendo novas sobre instalacións tanto en outros edificios públicos como comercios.  O 1 de xaneiro de 1889 La Voz de Galicia publica un artigo suxerindo a subscrición ao servizo e publican unha primeira listaxe de subscritores:

      • 1- D. Francisco Ponte. San Andres 30, 1º
      • 2 - Goberno Civil, Rego de Auga
      • 3 - Casa de Concello
      • 4 - Xulgado de instrucción, Fama 1 principal
      • 5 - La Voz de Galicia, Santiago 1
      • 6 - Manuel Rodríguez (escritorio), Parrote 10
      • 7 - Juan Caval (escritorio), Costa de San Agustín
      • 8 - Xulgado municipal, San Agustín, Concello
      • 9 - D. Luis Puig Marceli (casa). Rego de Auga
      • 10 - D. Luis Puig Marceli (fábrica de madeiras)
      • 11 - D. Joaquín López Vaamonde (escritorio), Pr. Constitución 6 
      • 12 - Capitania Xeral, Praza da Constitución
      • 13 - D. José Pérez Porto, Real 65
      • 14 - Goberno Militar, Veeduría
      • 15 - Cuartel de Alfonso XII, Campo da Leña
      • 16 - Villa de París (Angel Taibo), Real 36
      • 17 - Redacción de El Anunciador, San Andrés 3
      • 18 - Redacción de El Telegrama, San Nicolas 28
      • 19 - Liceo Brigantino, San Andrés 1
      • 99 - Director de telégrafos, Fama 1
Postes da rede urbana desde A Palloza (A Coruña). Ano ~1927. Fundación Telefónica

En marzo de 1889 xa constan máis de 200 interesados na instalación do teléfono, aínda que o ritmo de instalación é máis baixo. Neste mes lévase a cabo o traslado da central á rúa Real próxima ao obelisco, motivando unha pequena interrupción do servizo e redución do horario de funcionamento. Na prensa non se reflicte o motivo do cambio.

O 20 de xuño de 1889 o Gobernador Civil chama ao director da rede telefónica para apurar a realización dos traballos de instalación, xa que no primeiro ano só montaran 71 teléfonos e tiñan moita xente á espera.


O medo aos cables

Un das causas dos atrasos nas instalacións serían as dificultades que presentaban os propietarios ás instalación de 'palomillas' non teitos das súas vivendas, en moitas ocasións debido ao medo que provocaban as descargas eléctricas no caso de tormenta. A regulación amparaba o dereito de usufruto dos concesionarios e a prensa facía comunicación de que ter unha apoio telefónico podía ser un bo pararraios, lonxe de ser unha ameaza real.

La Voz de Galicia. 19 de outubro de 1888

Os primeiros usos

En xullo de 1889 levarían 95 instalacións, tras completar a liña ata o lazareto de Oza, que era a primeira liña fora do concello de A Coruña. O Concello decide sufragar instalacións de interese público como é caso das casas dos médicos municipais ou coa balsa de incendios. Nestes primeiros anos a prensa reclamaría que se instalara en lugares de interese, como pode ser a estación de tren, praza de abastos ou no instituto.

Curiosamente no cárcere non parecen ter moito interese no servizo. O director en 1889, o Sr. Verjano, oponse á instalación que ordenou o seu antecesor, despertando certa controversia na prensa local.

A prensa recolle en 1890 como o Sr. Marchesi, que instalara unha liña particular uns meses antes para conectar coa súa fábrica de refinados de petróleo na Ponte Gaiteira, recibía una chamada para alertar de que se atopaban en folga algúns traballadores na fábrica. Tamén nese mesmo ano serviu para dar conta dun fogo na fábrica de chocolates da rúa San Andrés 9, que permitiu chamar por teléfono á compañía de infantería que acudiu a apagar as lapas.

O concello pagaría a instalación do teléfono no hospital da caridade en xaneiro de 1891

Os problemas do servizo telefónico

En outubro de 1889 i en abril de 1890 chegarán as primeiras queixas sobre a calidade do servizo: abonados que teñen que berrar con todas as súas forzas, conexións con abonados non desexados, etc. comentando incluso en ocasións acábase antes indo a falar en persoa que mediante o teléfono. 

Neste anos tamén acontecería un suceso. O primeiro ferido polo servizo telefónico foi o traballador Manuel Díaz Rodríguez o 24 de xullo de 1890, que instalando cables na rúa de Santa Margarida (hoxe Avenida de Fisterra) danouse a man esquerda. 

Para saber máis:

  • La Voz de Galicia. 19 de outubro de 1888; 1 e 27 de xaneiro de 1889; 2, 7, 10 e 23 de febreiro de 1889; 29 de marzo de 1889; 2 de maio de 1889; 20 de xuño de 1889; 22 de xuño de 1889; 31 de xullo de 1889; 13 de outubro de 1889; 5 de marzo de 1890; 25 de xullo de 1890; 3 de setembro de 1890
  • Crónica de Pontevedra Núm 627 de 15 de xuño de 1888; Núm 730 de 19 de outubro de 1888
  • El Eco de Galicia. Núm 742 de 24 de outubro de 1888
  • Gaceta de Galicia. Núm 241 de 24 de outubro de 1888 
  • Faro de Vigo. 23 de agosto de 1888; 22 e 28 de setembro de 1889; 25 de abril de 1891
  • Gaceta de Madrid de 7 de maio de 1888
  • Diario de Avisos de La Coruña. Núm 9237 de 1 de novembro de 1888; Núm 9348 e 9349 de 21 e 22 de febreiro de 1889;  Núm 9362 de 8 de marzo de 1889; Núm 9427 de 13 de maio de 1889;  Núm 9476 de 3 de xullo de 1889; Núm 9502 de 29 de xullo de 1889; Núm 9575 de 10 de outubro de 1889; Núm 9598 de 2 de novembro de 1889; Núm 9755 de 10 de abril de 1890; Núm 9890 de 15 de agosto de 1890; 
  • El Censor. Núm 301 y 302 de 5 e 6 de xaneiro de 1889




Ningún comentario:

Publicar un comentario

O telegrafista espía da Coruña na I Guerra Mundial.

No 26 de novembro 1918, apenas quince días despois do fin da guerra, recíbese a queixa do embaixador de Estados Unidos sobre un empleado do ...