Tras a implantación do teléfono en Ferrol, recollido nesta publicación:
https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/08/ferrol-construcion-da-rede-urbana-1897.html
sucedéronse unha serie de proxectos e sucesos adicionais na rede que exploramos nesta nova.
A extensión da rede a Xubia (1909)
Xubia é parte do concello de Narón, ao final da ría. O concesionario da rede, D. Manuel Fernández, decide estender a rede urbana ata Xubia, xa que era unha zona de estadías de verán para algúns dos abonados do servizo, como ocorrera coa subestación do Burgo na rede urbana de Coruña uns anos antes.
En xuño de 1909 aparecen mencións na prensa sobre a instalación de postes ata alí, para o tendido da liña, que van pola estrada nacional. Os novos abonados, nun primeiro momento, falarán coa central telefónica auxiliar que se instala na portería da fábrica tecidos de Barcón e compañía (hoxe sede de Galicia Textil, ao carón mesmo da ponte do Xubia), que non contará con locutorio (só se utilizaba para o servizo dos abonados ao servizo). Queda inaugurado o servizo o 25 de xullo de 1909. Cumpre salientas que non aparecen referencias adicionais na prensa e non constan abonados ao servizo na guía telefónica de 1916.
Outra extensión sería levar o teléfono á parroquia da Graña en agosto de 1910, onde si contaría con varios abonados.
A cesión ao Hospital da Caridade
Manuel Fernandez decide conceder unha liña gratuíta ao Hospital da Caridade de Ferrol en xuño de 1909. Cede os aparellos necesarios e instala gratuitamente o servizo, comprometéndose a que teñan servizo como un abonado máis sen ter custe. O concello, nunha sesión da xunta de goberno do 6 de xuño de 1909 acorda mostrarlle o agradecemento e darlle publicidade.
A caída dun poste da praza de Armas (1915)
En 1910 e 1912 o concesionario D. Manuel Fernández consegue a aprobación do concello para situar postes na praza de Armas. O 19 de febreiro de 1915 estiveron a piques de causar unha desastre por mor da caída dun dos apoios a carón do lugar que ocupaba un afiador. Esta situación obriga ao Concello a solicitar a revisión da rede.
Os incendios de 1916 e 1918
O 20 de novembro de 1916 entre as doce e media e a unha da noite xurdiu un incendio na central da rúa Real 75, ardendo a torre de madeira, polo que se estimaba que tardaría en recuperarse o servizo un par de meses. Nese momento había dúas telefonistas que non notaron nada atípico ao igual que o concesionario Manuel Fernandez, que media hora antes estivo na propia torre. Unha tormenta ocasionara unha descarga sobre os fíos que se estendeu ata a torre. Esta ardeu por completo e parte do tellado. Ao caer os arames telefónico chocaron cos eléctricos, provocando chispas. O seguro da Union & El Fenix, a través do taxador D. José Guzmán Castro, estima os danos en 1347,77 pesetas.
O incendio máis relevante foi o do 10 de xaneiro de 1918. Ás sete e media da noite declarouse un incendio no baixo do número 77 da rúa Real, onde existía unha camisería chamada La Variedad. No primeiro piso vivía César Vázquez, mentres que no segundo e terceiro o xeral Julio Moló, que se atopaba fora coa súa familia. Non está claro se o motivo do fogo foi a cociña do baixo ou o contacto duns cables telefónicos.
Isto afectaría ao número 75, onde había un comercio de paquetería, no primeiro un empregado na construtora de Juan Senra e, no segundo andar, a casa de Manuel Fernández, concesionario da rede telefónica situada no terceiro piso. A chegada tardía dos bombeiros, que ademais tiñan pouca auga, fixo que os danos foran relevantes, incluída a central telefónica. Apagar o fogo deixo feridos varios, incluíndo varios militares da mariña do acorazado Alfonso XIII, que se achegaron para axudar cuns bombíns
A situación económica das telefonistas levanta o interese "dun subscritor" de El Correo Gallego que roga axuda para as telefonistas, que son orfas e perderon o seu salario, enxoval e artigos de alimentación no incendio, polo que pide a axuda económica dos abonados. El Correo Gallego axuda a organizar a captación de fondos, que inclúe tamén ao comerciante D. César Vázquez, que perdeu a casa no incendio. O depósito pódese facer na Cámara de Comercio, no Círculo Mercantil o nas casas dos presidentes de ambos organismos (D. Andres López Suevos e D. Antonio Usero Torrente, respectivamente).
O servizo tardaría novamente en recuperarse xa que aparecen queixas de abonados o primeiro de maio, que non recuperaran aínda o servizo.
En maio de 1918 O concesionario decide situar a nova central telefónica na rúa Dolores 40, nas proximidades da central interurbana. Pedro de la Calleja González solicita poñer sendas torres de apoio para o servizo urbano na rúa Fernando Villaamil 15 i en Dolores 45.
O respecto ás telefonistas
A modo de anécdota, o concesionario do servizo telefónico reclama en marzo de 1921 a sociedade unha mellor trato ás telefonistas que atenden o servizo xa que reciben improperios por parte de algúns clientes
O posible locutorio dos Bonilla
Gonzalo Bonilla Aparicio era un famoso industrial ferrolán dono de quioscos temporais e bares, sendo coñecido polos churros. O seu fillo foi o que creou Bonilla a la Vista, que fabricaría tamén as famosas patacas fritidas. Gonzalo solicitou permiso para instalar un teléfono público, na esquina das rúas Terra e Real, na praza de Armas, que non tivo permiso. Curiosamente o seu fillo conseguiría en 1932 autorización para colocar un quiosco semellante nese lugar que levaría o nome de "Bonilla a la Vista" e sería a orixe das famosas patacas.
Ferrol na guía telefónica de 1916
Estas son unhas capturas da guía telefónica da Compañía Peninsular publicadas en 1916.
Para saber máis:
- El Correo gallego diario político de la mañana Ano XXXII Número 10400- 11 de maio de 1909; Ano XXXII Número 10428 - 12 de xuño de 1909; Ano XXXII Número 10432 - 17 de xuño de 1909; Ano XXXII Número 10455 - 14 de xullo de 1909; Ano XXXII Número 10456 - 15 de xullo de 1909; Ano XXXII Número 10464 - 25 de xullo de 1909; Ano XXXII Número 10566 - 20 de novembro de 1909; Ano XXXIII Número 10807 - 29 de agosto de 1910; Ano XXXV Número 11314 - 20 de abril de 1912; Ano XXXVIII Número 12260 - 20 de febreiro de 1915; Ano XXXVIII Número 12267 - 28 de febreiro de 1915; Ano XXXIX Número 12635 - 16 de marzo de 1916; Ano XXXIX Número 12843 - 21 de novembro de 1916; Ano XXXIX Número 12864 - 15 de decembro de 1916; Ano XLI Número 14474 - 11 de xaneiro de 1918; Ano XLI Número 14477 - 15 de xaneiro de 1918; Ano XLI Número 14479 - 17 de xaneiro de 1918; Ano XLI Número 14441 - 13 de febreiro de 1918; Ano XLI Número 14455 - 1 de maio de 1918; Ano XLI Número 14610 - 11 de maio de 1918; Ano XLI Número 14623 - 16 de maio de 1918; Ano XLI Número 14624 - 17 de maio de 1918; Ano XLI Número 14625 - 18 de maio de 1918; Ano XLI Número 14679 - 20 de xullo de 1918; Ano XLIV Número 15449 - 2 de marzo de 1921; Ano XLVI Número 16298 - 23 de novembro de 1923
- Gaceta de Galicia Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela Num. 133 (21/06/1909)
- El Ideal gallego diario católico, regionalista e independiente Num. 125 (04/08/1917); Num. 276 (11/01/1918)
- El Eco de Santiago diario independiente Ano XIV Número 8583 - 16 de xuño de 1909; Ano XXI Número 9057 - 22 de novembro de 1916
- El Noroeste Año XXIII Número 10272 - 14 de xaneiro de 1918
- Libro de plenos do concello de Ferrol de 23 de novembro de 1923.
Ningún comentario:
Publicar un comentario