domingo, 30 de xullo de 2023

Os problemas para ter unha central telefónica en A Guarda (1915-1926)

Aproveitando as iniciativas de Tui ou Ponteareas, en A Guarda comezan a realizar xestións para conseguir a chegada do teléfono en marzo de 1915. Tentan facer unha reunión para averiguar o número de persoas que poden estar interesadas no servizo. 

O 2 de setembro de 1915 aparecen mencións na prensa á visita do xefe da sección telegráfica de Vigo, D. Vicente Aguado, para proceder ao estudo e replanteo para a instalación da rede urbana de A guarda. Xa anteriormente, en xuño de 1915 recibira Tui a visita do inspector de Correos e Telégrafo, D. Emilio Novoa e o xefe de sección. D Enrique Holgado, que mencionan tamén o interese en acometer o proxecto de A Guarda.

Este proxecto necesita un novo local para acoller o servizo telegráfico e a futura central telefónica, do cal se conserva o expediente no arquivo municipal. O 24 de maio de 1915 Vicente Aguado comunica ao concello a necesidade dun novo local, custe que debe correr por parte de Concello. Isto levanta unha controversa sobre a situación de Tui o Vilagarcía, onde o local é facilitado polo Estado, ou a necesidade de involucrar a Oia e O Rosal no aluguer, xa que eles tamén van a recibir o servizo. Vicente Aguado contesta que tanto Tui (internacional) como Vilagarcía (porto) teñen unha grande interese telegráfico. 


O primeiro de setembro de 1915 formalizan un contrato de aluguer Dª Juan González García, viuva de Estevez, co concello, dunha casa destinada a estación telegráfica e telefónica. A casa está ubicada no número 1 da praza Ignacio Sobrino que alugan completa agás dous cuartos no entrechán para que a propietaria poida gardar enseres. O prezo sería de 1000 pesetas anuais, que se baixaría a 475 pesetas na mesma data nun segundo contrato aducindo o estado económico no que se atopa o concello. Cabe pensar que o fixeron para intentar incrementar o custe a 1000 pesetas no caso de que asumira o custe o Estado.

Extracto do contrato de aluguer asinado en 1915


Desafortunadamente non terían estación teléfonica en tempo. Ao non entrar na primeira rolda xunto a Ponteareas ou Tui, afectoulle a Guerra, polo que o proxecto quedaría parado ata a proposta de rede provincial por parte de Francos Rodríguez, que tamén se demoraría, polo que ata 1922 non se falaría de novo do servizo telefónico na Guarda. O xefe de telégrafos de Tui, D. Manuel López, recibira o material necesario para a construcción do teléfono urbano en A Guarda, restando conseguir a rede que ligara Tui con A Guarda. 

O 1 de novembro de 1924 formalizaríase un novo contrato de aluguer, desta vez con Dª Manuela Lomba Gómez na Praza da Constitución nº 2 da vila da Guarda, por 840 pesetas anuais. O contrato podería ser cancelado no caso de que o Estado construira a súa propia estación telegráfica e telefónica. Dalgún xeito este local sería traspasado á nova Compañía Telefónica Nacional de España, que empezaba a operar nesas datas para a construcción da nova central.


Inauguración

A Compañía Telefónica Nacional de España inauguraría a central telefónica o 31 de decembro de 1926, tras moitos anos de intentos, que acabarían de ter éxito con Manuel Álvarez Vicente como alcalde. asistiron o gobernador civil Alberto Rodríguez Gómez, o presidente da deputación Sr. de la Sota; o delegado gubernativo, D. Miguel Martínez e o cónsul de Portugal D. Carlos Vasconcellos. Ademáis de unha mostra da sociedade civil guardesa: concelleiros, secretario municipal, prensa, xuiz municipal, o xefe de telégrados (D. Jose Cantano), industriais, comerciantes, etc. 

Por parte da compañía telefónica asistiron Rafael de Abreu (xefe do cuarto distrito), Manuel García Cortes (xefe de Vigo) e os Señores Fuentes e Giralda. A central conta cun locutorio e un amplo cadro. O director confirma durante o lunch que a rede se extenderá a Camposancos e Tomiño próximamente.

Inauguración da central telefónica o 31 de decembro de 1926. Foto Pacheco. El Pueblo Gallego. 2 de xaneiro de 1927

Inauguración da central telefónica o 31 de decembro de 1926. Foto Pacheco. Vida Gallega



Os primeiros abonados

Estos serían os primeiros abonados que aparecerían na guía telefónica de 1928.





Para saber máis:

  • El Noroeste Año XX Número 9903 - 10 de marzo de 1915
  • La voz de la verdad  diario católico con censura eclesiástica Num. 1522 (10/03/1915);  Num. 1553 (02/06/1915)
  • El Diario de Pontevedra periódico liberal Ano XXXII Número 9433 - 5 de outubro de 1915; Ano XXXV Número 10267 - 9 de xullo de 1918
  • Gaceta de Galicia  Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela Num. 144 (02/09/1915); Num. 150 (11/07/1918)
  • El Tea  semanario independiente Época 2ª Ano IX Número 116 - 14 de abril de 1916
  • El Progreso semanario independiente Ano XII Número 2660 - 9 de xullo de 1918
  • Faro de Vigo. 6 de outubro de 1922
  • La Voz de Galicia. 6 de outubro de 1922
  • El pueblo gallego : rotativo de la mañana: Ano IV Número 908 - 1 de xaneiro de 1927; Ano IV Número 909 - 2 de xaneiro de 1927

Ningún comentario:

Publicar un comentario

O telegrafista espía da Coruña na I Guerra Mundial.

No 26 de novembro 1918, apenas quince días despois do fin da guerra, recíbese a queixa do embaixador de Estados Unidos sobre un empleado do ...