O 30 de xaneiro de 1914 chega Jose Ruiz Medina, da Compañía Peninsular, a Vigo para buscar un local para o servizo interurbano. Fracaso no intento e segue a Pontevedra co mesmo obxectivo. Monforte xa contaba co servizo e Ourense estaba xa montando as oficinas. A rede con Vigo estaría finalizada en aarzo, polo que a perspectiva sería contar co servizo en Vigo xa en abril de 1914.
Volvería o 10 de marzo de 1914 e esta vez consigue alugar un dos dous baixos do edificio da rúa Colon 33, no edificio da viuva de R. Laforet (naquel momento pertencente a súa filla, a señora de Colmeiro), na esquina coa rúa dese nome (actual rúa Uruguai). O tendido da rede estaba xa en Frieira (Crecente) cun leve retraso sobre o previsto. A nova data sería ter o cable en maio e proceder á inauguración en xuño de 1914. O director dos traballos da liña, D. Alejandro Soriano, solicita poñer postes pola rúa García Barbón e Alfonso XIII para chegar ata a estación de tren, que se aproba no pleno do 17 de abril de 1914.
A obras prosiguen e chega a inauguración o 9 de xullo de 1914 ás sete da tarde. Acude o inspector xeral da Compañía Peninsular, D. Eduardo Estelat Torres. O Faro de Vigo fai unha descripción exhaustiva dos locutorios, pupitres, do rótulo de vídrio (da casa Paraiso de Zaragoza) e un potente farol anunciador. Asistiron o deputado Urzaiz, o alcalde Sr. Lago, autoridades civís e militares. Curiosamente asistiu Antonio López de Neira, dono da primeira liña telefónica da cidade en 1886, e o director do cable telegráfico alemán, o Sr. Baker. Tamén asistiu Mariano Martín Villoslada, da rede telefónica urbana.
O director pasa a ser Alejandro Ardanaz. As oficinas contan, como era norma, dun despacho para intervención do Estado, para facer escoitas. O Faro de Vigo recibe a primeira conferencia telefónica con Madrid ás dúas da mañá.
A inauguración do servizo coincide prácticamente co incendio da central urbana: https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/09/o-incencio-da-central-de-vigo-1914.html que desbarata a interconexión do servizo entre a telefonía urbana e interurbana. A Compañia Peninsular acabaría por asumir o propio servizo urbano, no único caso en Galicia.
O teléfono da Compañía Interurbana foi chave nas interrupcións do servizo telegráfico en novembro de 1916, onde estivo o servizo oficial sen servizo con Madrid durante varias datas.
En marzo de 1917 anunciase a instalación de circuitos adicionais. Un segundo circuito de Vigo a Betanzos, vía Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Santiago de Compostela e outro a Monforte de Lemos a Ourense.
En febreiro de 1918 o inspector da Compañía Peninsular D. Eduardo Delpan visita a cidade para estudar a implantación de novos circuitos con norte e Asturias, polo alto nivel de chamadas da rede.
No mes de xuño de 1918 D. Jose Cabanillas aspirante da central interurbana de Lugo é destinado a Vigo, aínda que parece durar pouco, xa que en decembro de 1918 D. Ildefonso Tristán López é nomeado para ese posto.
Para saber máis:
- El Noroeste Ano XIX Número 6721 - 3 de febreiro de 1914; Ano XIX Número 9749 - 13 de xullo de 1914
- Gaceta de Galicia Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela Num. 19 (24/01/1914)
- Faro de Vigo. 31 de xaneiro de 1914; 11 de marzo de 1914; 8 de abril de 1914; 18 de abril de 1914; 9 e 10 de xullo de 1914; 12 de decembro de 1914, 23 e 26 de marzo de 1917
- La idea moderna diario democrático en Lugo Num. 6969 (04/02/1914); Num. 7109 (11/07/1914)
- El Correo de Galicia Diario independiente de avisos y noticias Num. s.n. (21/04/1914)
- El Diario de Pontevedra periódico liberal Ano XXXI Número 9054 - 9 de xullo de 1914
- La Correspondencia Gallega diario de Pontevedra Ano XXVI Número 7351 - 11 xullo 1914
- El Eco de Santiago diario independiente Año XXIII Número 9911 - 14 de febreiro de 1918; Año XXIII Número 10076 - 19 de decembro 1918
- El Progreso diario liberal Año XI Número 3243 - 26 de xuño de 1918
- El norte de Galicia diario político y de información Num. 5041 (26/06/1918)
- La voz de la verdad diario católico con censura eclesiástica Año VIII Número 2738 - 28 de xuño de 1918
Comentarios
Publicar un comentario