luns, 14 de agosto de 2023

A primeira concesión telefónica en Coruña (1888 - 1908)

Á marxe das publicacións específicas sobre algúns dos acontecimentos máis senlleiros no inicio da rede, a rede urbana, primeira urbana de Galicia e, ata o crecemento da Vigo na segunda década do s.XX, a que contaba con máis abonados, daría lugar a sucesos, conflitos e curiosidades. As publicacións dedicadas máis relevantes son:

O conflito dos postes dos Cantóns (1888): https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/08/o-primeiro-conflito-cos-telefonos-o.html

A primeira baixa dun subscritor (1889): https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/11/a-primeira-baixa-dun-subscriptor-coruna.html

A primeira guía de teléfonos de Galicia de 1890 : https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/08/1890-primeira-guia-de-telefonos-en.html

O choque dun globo aerostático contra o cables (1895):  https://telefoniagalicia.blogspot.com/2023/04/o-choque-dun-globo-aerostatico-co-cable.html 


Teléfono na estación de tren 

O teléfono urbano xeraba moita expectación como servizo básico de utilidade, pero pronto creaba incertidumes sobre a utilidade. Alén da prensa, que buscaba información rápida, pouca utilidade tiña para moitos abonados, acostumados a traballar da maneira tradicional, en persoa. Sen dúbida, un dos servizos máis demandados era dispoñer de teléfono nas estacións de tren, para ter constancia de posibles atrasos. As compañías de ferrocarril tiñan teléfono para notificacións entre estacións, para facilitar a operación da rede (control do tráfico ferroviario), pero non estaba conectada ás redes urbanas.

O 23 de xaneiro de 1892 sae publicada na prensa a primeira solicitude de contar con teléfono urbano na estación, para que os traballadores poidan comunicarse con autoridades gubernativas, a administración de Correos (que tampouco tiña teléfono) ou inspección aduaneira. A modo de exemplo das dinámicas a romper, cando o tren correo leva atraso, un mozo da estación baixa ata a sede de Correos na rúa Nova para notificar o mesmo e ás compañías de transporte de viaxeiros. Todo isto faríase máis rápido no caso de dispor dun teléfono urbano na estación.

Ese teléfono non chegaría axiña. O director da rede urbana, Mariano Martín Villoslada, ofrecería a instalación gratuita do teléfono na estación en xaneiro de 1897, contacto coa colaboración da Cámara de Comercio. A Cámara trataría de involucrar o gobernador civil na prestación deste servizo, para cubrir o abono anual. A compañía telefónica comenta que o abono é de 150 pesetas anuais, sendo un 17% correspondente a impostos por parte do estado. A Cámara de Comercio achegaría os fondos para implantar o servizo, aínda que de xeito recorrente reclamaríase do director de estación certa proactividade para a utilización do mesmo para notificar ás autoridades sobre atrasos no servizo.


Accidentes motivados polo teléfono

O 7 de xuño de 1897 as oito e media da maña os instaladores da rede urbana Manuel García López e Manuel Torres, facendo unha instalación na rúa Ferrol no cruzamento co antigo campo de Carballo e hortas de Garás, deixaron un fío a metro e medio do chan cando cruzaba en bicicleta Eduardo Baña, que resultou ferido á altura do pescozo. Unha hora mais tarde aconteceu un suceso semellante con outro ciclista chamado Antonio Rodríguez o que motivou unha denuncia ante a alcaldía dos dous traballadores.

O primeiro derrube masivo de postes aconteu desde a Gaiteira en setembro de 1900, onde o teléfono vai ata a subcentral do burgo pola vía de tren, onde caeron postes nun quilómetro. A caída dun poste motivaba moitas veces a caída en cadena dos seguintes.

En xaneiro de 1903, mentras os operarios Jose García Villar e Manuel Gradío López arranxaban un fío na rúa Ferrol, caeu un cable telefónico sobre o de electricidade da fábrica de Saunier, e tocou as patas dun asno de Manuela Vázquez Rodríguez (lavandeira de Feans) cargado con bultos de roupa que falleceu inmediatamente. Algo parecido ocorreu coa vaca de Nicolasa Monterio do Peruleiro en decembro de 1907, pero esta vez o animal sobreviviu.

En abril de 1904 a prensa queixase de que os nenos con cometas estragan os cables telefónicos e impiden a comunicación cos abonados.




En novembro de 1904 unha tormenta eléctrica xerou unha serie de estragos na cidade. Un raio na rede de teléfonos provocou o incendio do terminal da intendencia militar.  Outro caeu directamente na central telefónica provocando que soaran simultáneamente os timbres de chamada dos teléfonos dos abonados durante horas. 

Segundo a prensa, o cabalo do soldado de artillería Isidro Jiménez na praza de Lugo en marzo de 1905 tropezou cun cable de telefóno que estaba a ser arranxado por operarios do servizo. Caeron ó chan e o cabalo deu unha couce a militar, que tivo que ser levado ao hospital militar. Ao día seguinte o director da rede, Mariano Martín Villoslada, descartaría a relación entre a caída e o cable de teléfono.

O conflito coa compañía da luz

As queixas de La Voz de Galicia en setembro de 1901 sobre a incidencia da electricidade na calidade do servizo telefónico. Manuel Barja, presidente da Cooperativa Eléctrica, contesta que non é certo que anormalidade que se sinte nos aparatos telefónicos sexa debida aos periodos de fabricación de electricidade, xa que existen ruidos fora do tempo de funcionamento da producción eléctrica.  Manuel Barja actúa de maneira belixerante contra Mariano Martín Villoslada, ao que acusa de non intervir ante as suxestión sobro o deficiente illamento entre os cables telefónicos e os eléctricos. Segundo Manuel, Mariano incumple o regulamento de 9 de xullo de 1900 sobre a disponibilidade de terras para evitar a inducción.

O gobernador civil convoca a ambas partes e deciden facer probas, como parar o motor da central eléctrica ás 23h e verificar o funcionamento do servizo telefónico. Non queda constancia na prensa do resultado destas probas, alén da necesidade de agardar por unha tormenta para verificar as sospeitas.

Os roubos de 1903

No primeiro trimestre de 1903 a compañía telefónica sofriu varios roubos de fíos entre os peiraos de Garás e o corralón da Gaiteira.  Baixo as ordes de Mariano Martín Villoslada varios mozos do teléfono recorreron a liña para verificar o estado. Sería o empregado José García Villar o que viu a cinco mozos cortando fío telefónico. Un deles subido nun dos postes do corralón e cortaba o fío cuns ferros, mentras que o resto o dividia abaixo en trozos. Escaparon pero José capturou a un deles chamado Manuel Canteira, veciño de Santa Margarita. Máis tarde serían capturado Jeremías Lorenzo Rey e Pedro Torres, ambos de 16 anos e veciños de A Silva. Todos comentaron que o que roubaban o cable eran os outros dous, que non coñecían.

Relacionado con isto parece ser o publicado no Boletín Oficial da Provincia do 20 de outubro de 1903. Buscan a Julio Ventureira Rodríguez, alias Talón, de catorce anos, da rúa do Arco 17, que se atopa en ignorado paradoiro ao fin de notificarlle o auto de entrada en prisión por o roubo duns cables.

Para saber máis:

  • El telegrama  diario de la tarde, imparcial de noticias Año XIX Número 5313 - 23 de xaneiro de1892
  • La voz de Galicia: 27 de xaneiro de 1897; 20 de febreiro de 1897; 2 de setembro de 1900; 20 de xaneiro de 1903; 27 de marzo de 1903; 15 de marzo de 1905; 3 de outubro de 1907
  • El Eco de Galicia diario de la tarde Num. 3195 (30/01/1897)
  • El diario de Galicia  periódico católico e independiente Ano VII Número 2008 - 29 de decembro de 1897
  • El diario de Galicia  periódico católico e independiente Ano VII Número 1838 -  8 de xuño de 1897; Ano VII Número 1977 - 21 de novembro de 1897; Ano VII Número 1979 - 24 de novembro de 1897; Ano VII Número 2008 - 29 de decembro de 1897
  • El áncora  diario católico de Pontevedra Num. 138 (04/10/1897)
  • El Progreso  diario liberal Año XVII Número 5145 - 3 de setembro de 1924
  • El Noroeste Año IX Número 3376 - 6 de abril de 1904; Ano IX Número 3577 - 26 de novembro de 1904; Ano XII Número 4506 - 5 de decembro de 1907
  • Boletín oficial de la provincia de La Coruña  Número 238 - 30 de outubro de 1903
  • La Correspondencia Gallega  diario de Pontevedra  Ano XV Número 3953 - 30 marzo 1903

Ningún comentario:

Publicar un comentario

O telegrafista espía da Coruña na I Guerra Mundial.

No 26 de novembro 1918, apenas quince días despois do fin da guerra, recíbese a queixa do embaixador de Estados Unidos sobre un empleado do ...