xoves, 2 de xuño de 2022

Saunier: teléfono para soporte técnico na rede de gas

“Sociedad para el alumbrado de gas de la ciudad de La Coruña” creouse en 1859, sendo a primeira de Galicia. François Saunier Goubard ata entón director da fábrica de gas de Santiago de Compostela, toma o control da fábrica. Estaba casado con Eugenia Osterberger, compositora de música moi recoñecida no rexurdimento galego. 

Curiosamente un fillo dese matrimonio sería o  enxeñeiro coruñés Charles Saunier, que viviu toda a súa infancia na casa familiar dentro do recinto da fábrica de gas da Coruña. Charles sería o cofundador da empresa Saunier Duval, un dos líderes mundiais de fabricación de caldeiras de gas aínda na actualidade. Outra curiosidade e que o sur irmán Jorge Saunier Ostenberger sería o inventor da máscara antigás, falecido na primeira guerra mundial. 

François Saunier cos seus fillos varóns.  Extraída do libro GARCIA FONTELA, R. Cien años de luz eléctrica en Galicia. Unión Fenosa, 1990

O teléfono para soporte técnico

11 de marzo de 1887. Comeza a construírse a liña telefónica particular para conectar a fábrica de gas da cidade da Coruña, localizada no cruzamento das rúas Sol e Socorro (actualmente na área da escola infantil Zalaeta), coa sucursal da rúa San Andrés 43, no antigo escritorio de Jose Pastor, fronte a capela (actual igrexa castrense). Nesta sucursal vendían aparatos para cociñas, calentar baños, pranchas industriais, etc. garantindo que todolos produtos vendíanse a prezo de custe. 

O 21 de abril de 1887 publica un comunicado a empresa onde ofrece prestar un mellor servizo e redución de tarifas ao cobrar 30 céntimos por metro cúbico do gas destinado a calefacción e 34 céntimos a alumeado, ante a nova competencia que viña da luz eléctrica. Invita a visitar a sucursal da rúa San Andrés onde todos os pedidos (reparacións, limpeza de aparatos, etc.) serán transmitidos polo novo teléfono á fábrica e, no caso de ser urxentes e formulados no horario de maña, serán atendidos na mesma data, polo que podemos considerar este teléfono a primeiro destinado a soporte técnico.


Anuncio da compañía de gas. Ano 1924


Para saber máis:

  • La Voz de Galicia. 12 de marzo de 1887; 3 e 13 de abril de 1887; 1 de maio de 1887; 6 de xaneiro de 1889
  • Diario de Avisos de La Coruña. Núm 8683 de 21 de abril de 1887; 
  • Faro de Vigo. 15 de marzo de 1887
  • Asociación galega de patrimonio industrial. Ficha 155 Fábrica de Gas de A Coruña.: https://www.asociacionbuxa.com/patrimonio/detalle/155
  • GARCIA FONTELA, R. Cien años de luz eléctrica en Galicia. Unión Fenosa, 1990

sábado, 28 de maio de 2022

O Barco - Trives (1892): Roubo de postes telefónicos como leña

Levar as comunicacións a Pobra de Trives foi unhas tarefas máis complicadas de finais do século XIX. Pobra de Trives englobaba, no seu partido xudicial, varios concellos (O Bolo, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, A Teixeira, Viana do Bolo, Vilariño de Conso) polo que cubría un numero de habitantes amplo como para necesitar este servizo, a pesar da lonxitude e custe de instalación e, como veremos mais adiante, de mantemento.

Faro de Vigo anuncia as liñas telefónicas urbanas incluíndo o do Barco de Valdeorras. 1 de marzo 1891.

Manuel Valcarce López era o director auxiliar da oficina de correos e telégrafos no Barco de Valdeorras en 1892. En xuño dese ano notifica a creación dun servizo publico de telefonía, para poder enviar despachos particulares, xa que ata ese momento esta limitado aos oficiais. . A liña pasaba por Pobra de Trives cara Ourense, a pesar de que a inauguración do tren pola ruta Quiroga, Monforte, Peares e Ourense, recentemente inaugurada, iría cambiando progresivamente as dinámicas da bisbarra. Este servizo público se inaugurará o 28 de agosto de 1892 usando a nova liña con Trives.

Cables eléctricos (marxe esquerda) e de telégrafos (dereita) don dentro urbán de Trives. Ano descoñecido

Xa en setembro de 1892, un mes despois da inauguración, aparecen na prensa as primeiras novas sobre as deficiencias do servizo (que afectan, por exemplo, a adiamentos na recepción de telegramas do correspondente de La Voz de Galicia en O Barco), motivadas, nun primeiro momento, polo roubo do arame. Esta nova liña traerá un feixe de desgustos. O 29 de setembro publícase unha carta por parte de Manuel Valcarce indicando que o 23 de setembro foron roubados 200m de cable en A Rúa, o 24 de setembro roubaron 400m en Vilamartín de Valdeorras e o día seguinte preto de 1km entre Freixido y Larouco. 

Estes problemas chaman a atención do Gobernador Civil que pide explicacións ao alcalde de Trives, indicando este que os defectos foron provocados, curiosamente, por nenos de 8 e 10 anos de idade e que o xulgado da Pobra xa está a traballar arreo no asunto. O lonxitude da liña e o entorno rural de baixa densidade de poboación non axudará ao mantemento.

O 23 de decembro de 1892 o correspondente da Voz de Galicia publica unha nota na prensa onde comenta que o servizo levaba practicamente interrompido tres meses, xa que a Garda Civil non era quen de conseguir evitar os roubos nos cables. A novidade é que non só estaban roubando o arame, xa que tamén se utilizaban os postes, chegadas as frías temperaturas, como leña para quentarse. O director perde a esperanza sobre recuperar o servizo polo que inicia unha campaña para que se abandone o uso desa liña mediante a creación dunha estación intermedia na liña telegráfica que pasa pola vía ferrea, cuestión que consigue e xa aparece recollida no mapa de 1899


Mapa telegráfico e telefónico do Corpo de telégrafos. Instituto Geográfico Nacional. Ano 1899. Obsérvase a supresión da liña de Trives a o Barco e a existencia dunha estación telegráfica intermedia nesta vila. 

Para saber máis:

  • La Voz de Galicia.  21 de xuño de 1892; 14 de agosto de 1892; 27 de setembro de 1892; 1 e 8 de outubro de 1892; 23 de decembro de 1892; 3 de marzo de 1893
  • Faro de Vigo. 26 de agosto de 1892; 2 de outubro de 1892

luns, 23 de maio de 2022

O pararraios de Mariano Martín Villoslada

Mariano Martín Villoslada desempeñou case toda a carreira profesional en Galicia, tanto no corpo de telégrafos como en diferentes iniciativas de telefonía urbana. Chega a Coruña en agosto de 1888 para traballar na primeira rede urbana de Galicia, onde sería o director durante os primeiros anos, antes de reincorporarse ao posto de telégrafos.  Sen dúbida foi a perfil técnico máis relevante dos primeiros anos de telefonía en Galicia ao participar en proxectos de implantación de telefonía o mantemento da rede telegráfica en Vigo, Lugo, Santiago ou Pontevedra.

En 1894 publica, xunto a Jose Amado, xefe de telégrafos da Coruña, o libro "La electricidad práctica" sendo unha dos libros de referencia en España para instalacións eléctricas, telegráficas ou telefónicas. Coma exemplo, sería nomeado libro de utilidade para o exército en outubro de 1923.

Libro "La Electricidad Práctica" de Jose Amado e Mariano Martín Villoslada.  Ano 1894

Neste libro introduce o seu "Pararraios Villoslada" dada a 'inutilidade de todas as solucións existentes', pero sería na revista "El telegrafista español" onde publicou un artigo sobre a súa proposta 'de absolutas garantías' para reducir as descargas eléctricas nas centrais telefónicas. Estas descargas de tormentas provocaban alarma nos abonados, xa que ocasionaban danos nos materiais e risco de incendio.  Mariano ideou un aparello que, en determinado momento, derivaba á terra todas as liñas afectadas dunha central telefónica dun xeito rápido.

A descrición do interruptor pararraios que publica na revista sería a seguinte: Supoñamos unha central para 25 abonados, dobre circuíto; consiste nun interruptor nun moble de madeira A, que mide 40 centímetros de longo, 9 de alto, 6 na parte inferior ou base e 4 na parte alta. Na tapa están 25 placas de latón, b, ás que mediante parafusos de presión unen os fíos que se dirixen  ás táboas de indicadores; nestas láminas, por orde, apóianse facendo contacto, unhas placas a, de 7 centímetros de longo por 7 milímetros de ancho; as que, por outros parafusos que se ven na base C do dispositivo, os cables de liña están conectados.


Nesta disposición, as correntes que entran, pasan os fíos de liña aos paneis indicadores por medio dos resortes. Dentro do dispositivo, e no espazo entre as mencionadas láminas, hai unha barra metálica B de corte romboidal ou ovalado, que se atopa en comunicación coa terra, e que pode xirar sobre o seu eixe d; esta barra, cuxo menor diámetro só ten 2 centímetros, non toca coas pestanas por defecto; pero se queres illar a Central pola tormenta, abonda con xirar a mencionada barra metálica un cuarto de volta, e despois, como o seu maior diámetro, que é de 5 centímetros, máis extenso que o espazo comprendido entre as pestanas dun lado e doutro, estas serán empuxadas e separado dos contactos que se comunican cos cadros, permanecendo en comunicación todas as liñas coa terra. Así, o funcionario de garda, cando el o cre conveniente debido á proximidade da tormenta, pode dunha soa vez, illar a Central e poñer todas as liñas a terra. 

Este conmutador preséntase na exposición rexional de Lugo de 1896, obtendo unha mención. Na prensa coméntase que está sendo utilizado por varias compañías telefónicas.

Referencia no caderno de especificacións técnicas do proxecto de Talavera de la Reina. Electrón. 30 de novembro de 1904


Para saber máis:

  • La Electricidad Práctica de Jose Amado e Mariano Martín Villoslada  Ano 1894. dixitalizado na Biblioteca Nacional
  • El Telegrafista Español. 15 de outubro de 1893.
  • La Correspondencia de España : diario universal de noticias Número 14134 de 17 de outubro de 1896
  • La voz de la verdad  diario católico con censura eclesiástica Año XIII Número 4365 - 20 de outubro de 1923


mércores, 18 de maio de 2022

A Coruña: o inicio da primeira telefonía urbana de Galicia (1888-1890)

A Gaceta de Madrid publicou o anuncio de poxa pública para a concesión da explotación da rede pública o 30 de abril de 1888 por parte de Angel Mansi, director de Correos e Telégrafos e a autorización do ministro de gobernación D. José Luis Albareda y Sezde.  As concesións son similares ás poxas de redes urbanas futuras:  período de concesión por 20 anos, aportar ao Estado un mínimo do 10% dos ingresos, distancia da sede máx de 10km (para non competir con outras hipotéticas concesións futuras), etc. Neste caso indícase que a central debe estar no centro da cidade, limitada polo peirao da Palloza, estación de ferrocarril, parque de Santa Margarita, estrada de Carballo e praia de Riazor. 


O adxudicatario do servizo telefónico resulta ser D. Antonio González, que ofrece a metade dos ingresos. Xa en agosto de 1888 trasládase á cidade Mariano Martín Villoslada, como responsable técnico para a construción da rede, que sería unha das figuras máis senlleiras da telefonía en Galicia. Mariano solicitaría excedencias temporais do corpo de oficiais de Telégrafos, do que formaba parte. O proxecto desperta moito interese especialmente nos comerciantes. 


Templete na central telefónica da Rua Real (A Coruña). Ano ~1927. Fundación Telefónica


A construción da rede

 O de 12 de outubro de 1888 xa estaría instalada a central na rúa Riego de Agua nº 6. O día 24 xa aparece en prensa que hai usuarios utilizando o servizo e que se produce un número de altas bastante considerable.

O 1 de novembro de 1888 xa tiña teléfono a Casa do Concello e a prensa vai recollendo novas sobre instalacións tanto en outros edificios públicos como comercios.  O 1 de xaneiro de 1889 La Voz de Galicia publica un artigo suxerindo a subscrición ao servizo e publican unha primeira listaxe de subscritores:

      • 1- D. Francisco Ponte. San Andres 30, 1º
      • 2 - Goberno Civil, Rego de Auga
      • 3 - Casa de Concello
      • 4 - Xulgado de instrucción, Fama 1 principal
      • 5 - La Voz de Galicia, Santiago 1
      • 6 - Manuel Rodríguez (escritorio), Parrote 10
      • 7 - Juan Caval (escritorio), Costa de San Agustín
      • 8 - Xulgado municipal, San Agustín, Concello
      • 9 - D. Luis Puig Marceli (casa). Rego de Auga
      • 10 - D. Luis Puig Marceli (fábrica de madeiras)
      • 11 - D. Joaquín López Vaamonde (escritorio), Pr. Constitución 6 
      • 12 - Capitania Xeral, Praza da Constitución
      • 13 - D. José Pérez Porto, Real 65
      • 14 - Goberno Militar, Veeduría
      • 15 - Cuartel de Alfonso XII, Campo da Leña
      • 16 - Villa de París (Angel Taibo), Real 36
      • 17 - Redacción de El Anunciador, San Andrés 3
      • 18 - Redacción de El Telegrama, San Nicolas 28
      • 19 - Liceo Brigantino, San Andrés 1
      • 99 - Director de telégrafos, Fama 1
Postes da rede urbana desde A Palloza (A Coruña). Ano ~1927. Fundación Telefónica

En marzo de 1889 xa constan máis de 200 interesados na instalación do teléfono, aínda que o ritmo de instalación é máis baixo. Neste mes lévase a cabo o traslado da central á rúa Real próxima ao obelisco, motivando unha pequena interrupción do servizo e redución do horario de funcionamento. Na prensa non se reflicte o motivo do cambio.

O 20 de xuño de 1889 o Gobernador Civil chama ao director da rede telefónica para apurar a realización dos traballos de instalación, xa que no primeiro ano só montaran 71 teléfonos e tiñan moita xente á espera.


O medo aos cables

Un das causas dos atrasos nas instalacións serían as dificultades que presentaban os propietarios ás instalación de 'palomillas' non teitos das súas vivendas, en moitas ocasións debido ao medo que provocaban as descargas eléctricas no caso de tormenta. A regulación amparaba o dereito de usufruto dos concesionarios e a prensa facía comunicación de que ter unha apoio telefónico podía ser un bo pararraios, lonxe de ser unha ameaza real.

La Voz de Galicia. 19 de outubro de 1888

Os primeiros usos

En xullo de 1889 levarían 95 instalacións, tras completar a liña ata o lazareto de Oza, que era a primeira liña fora do concello de A Coruña. O Concello decide sufragar instalacións de interese público como é caso das casas dos médicos municipais ou coa balsa de incendios. Nestes primeiros anos a prensa reclamaría que se instalara en lugares de interese, como pode ser a estación de tren, praza de abastos ou no instituto.

Curiosamente no cárcere non parecen ter moito interese no servizo. O director en 1889, o Sr. Verjano, oponse á instalación que ordenou o seu antecesor, despertando certa controversia na prensa local.

A prensa recolle en 1890 como o Sr. Marchesi, que instalara unha liña particular uns meses antes para conectar coa súa fábrica de refinados de petróleo na Ponte Gaiteira, recibía una chamada para alertar de que se atopaban en folga algúns traballadores na fábrica. Tamén nese mesmo ano serviu para dar conta dun fogo na fábrica de chocolates da rúa San Andrés 9, que permitiu chamar por teléfono á compañía de infantería que acudiu a apagar as lapas.

O concello pagaría a instalación do teléfono no hospital da caridade en xaneiro de 1891

Os problemas do servizo telefónico

En outubro de 1889 i en abril de 1890 chegarán as primeiras queixas sobre a calidade do servizo: abonados que teñen que berrar con todas as súas forzas, conexións con abonados non desexados, etc. comentando incluso en ocasións acábase antes indo a falar en persoa que mediante o teléfono. 

Neste anos tamén acontecería un suceso. O primeiro ferido polo servizo telefónico foi o traballador Manuel Díaz Rodríguez o 24 de xullo de 1890, que instalando cables na rúa de Santa Margarida (hoxe Avenida de Fisterra) danouse a man esquerda. 

Para saber máis:

  • La Voz de Galicia. 19 de outubro de 1888; 1 e 27 de xaneiro de 1889; 2, 7, 10 e 23 de febreiro de 1889; 29 de marzo de 1889; 2 de maio de 1889; 20 de xuño de 1889; 22 de xuño de 1889; 31 de xullo de 1889; 13 de outubro de 1889; 5 de marzo de 1890; 25 de xullo de 1890; 3 de setembro de 1890
  • Crónica de Pontevedra Núm 627 de 15 de xuño de 1888; Núm 730 de 19 de outubro de 1888
  • El Eco de Galicia. Núm 742 de 24 de outubro de 1888
  • Gaceta de Galicia. Núm 241 de 24 de outubro de 1888 
  • Faro de Vigo. 23 de agosto de 1888; 22 e 28 de setembro de 1889; 25 de abril de 1891
  • Gaceta de Madrid de 7 de maio de 1888
  • Diario de Avisos de La Coruña. Núm 9237 de 1 de novembro de 1888; Núm 9348 e 9349 de 21 e 22 de febreiro de 1889;  Núm 9362 de 8 de marzo de 1889; Núm 9427 de 13 de maio de 1889;  Núm 9476 de 3 de xullo de 1889; Núm 9502 de 29 de xullo de 1889; Núm 9575 de 10 de outubro de 1889; Núm 9598 de 2 de novembro de 1889; Núm 9755 de 10 de abril de 1890; Núm 9890 de 15 de agosto de 1890; 
  • El Censor. Núm 301 y 302 de 5 e 6 de xaneiro de 1889




venres, 13 de maio de 2022

A historia da telefonía de Galicia nos arquivos i hemerotecas

Un dos atractivos de investigar sobre a historia da telefonía é a propia dificultade de acceder á documentación, porque os principais arquivos apenas conservan a información máis relevante. 

O incendio de Arquivo Xeral Central de Alcalá de Henares en 1939

Sen dubida a principal limitación ven dada polo concentración da documentación, a finais do século XIX no Arquivo Xeral Central de Alcalá de Henares, que ardía no 11 de agosto de 1939, ao final da Guerra Civil.

Entre outros conservaba o arquivo do ministerio de Gobernación, do cal dependía a dirección de Correos e Telégrafos, que se perdería de maneira íntegra, afectando a coñecer a realidade sobre as diferentes concesións de redes urbanas e aprobación de redes privadas, da que quedaría constancia principalmente polas novas recollidas na prensa escrita.

Lámina no libro "Reseña histórica y clasificación de sus fondos. Archivo General Central de Alcalá de Henares. Ano 1926. José Torre Revelló.


Curiosamente o edificio foi preservado durante a Guerra Civil, xa que non foi atacado polos proxectís que lanzaba a aviación franquista. Finalizada a guerra, o bando gañador utilizou o edificio como base de reparación de carros de combate, almacenando no mesmo materiais inflamables e munición. Un vertedoiro no propio edificio provocou un incendio que, xunto á munición almacenada, motivou que se queimaran todos os papeis do arquivo. A xustiza da época eximiu aos militares responsable do lugar, buscando os culpables nun grupo de nenos entre sete e catorce anos da zona, que pasado un tempo quedaron tamén exculpados.

Non existe un inventario detallado das pezas que estaba almacenadas no arquivo, máis alá do documento preparado por Jose Torre Revelló en 1926 que inclúe unha listaxe das temáticas, áreas e departamentos que tiñan aí a súa documentación. Este era o caso dos documentos do corpo de telégrafos, que recollía desde á orixe do corpo ata 1895 neste arquivo. Este reducido documento é a mellor referencia actual sobre os documentos que se perderon na época.





Lámina no libro "Reseña histórica y clasificación de sus fondos. Archivo General Central de Alcalá de Henares. Ano 1926. José Torre Revelló.



A historia da telefonía no resto dos arquivos

Apenas hai referencias noutros arquivos sobre a primeira historia da telefonía. Consultados o arquivo histórico nacional, o novo Arquivo Xeral da Administración en Alcalá de Henares, o arquivo do Museo de Correos e Telégrafos, os históricos provinciais de Galicia, deputacións e algúns dos arquivos locais.

Cumpre salientar pequenas excepcións. No caso de Arquivo Histórico Nacional hai algunha referencia antiga á redes de telefonía urbana en Madrid e Barcelona. No caso de Correos e Telégrafos hai conservados expedientes sobre persoal do propio corpo, aínda que a información máis relevante tamén aparece en revistas gremiais dixitalizadas polo Ministerio de Ciencia ou por Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación. Nos arquivos das deputacións provinciais hai expedientes puntuais relativos a redes privadas creadas polos propios organismos ou axudas a procesos de instalación de redes municipais.

O caso máis singular é o dos arquivos municipais, en liñas xerais apenas dixitalizados, que recollen proxectos de cesión de edificios en favor de Telégrafos, expedientes de reclamacións por ocupar a vía pública e outras información senlleira. Desafortunadamente, require dun proceso de análise relativamente longo, que fai que sexa bastante impracticable.

Unha fonte válida e Gaceta de Madrid, o diario oficial do goberno, que recollía proxectos de rede e poxas de redes urbanas. Existe tamén algunha bibliografía sobre historia da telefonía que pode ser interesante, pero apenas abrangue o caso galego.



Telefonía en Galicia na hemeroteca

Sen dúbida a fonte máis relevante para consolidar unha historia da telefonía en Galicia é a hemeroteca dispoñible. Os portais de Faro de Vigo y La Voz de Galicia teñen un importante valor, que se complementa coas decenas de xornais galegos dixitalizados no portal Galiciana, así como algunha referencia adicional na hemeroteca dixital da Biblioteca Nacional de España e na homóloga do Ministerio de Ciencia.

Os artigos do blog recollen na sección “Para saber mais” todas as referencias utilizadas para elaboración das diferentes publicacións.


sábado, 7 de maio de 2022

O primeiro proxecto de rede interurbana (Coruña-Santiago-Ferrol, 1888)

A rede interurbana para uso cidadán foi unha realidade en 1914-1915, cando a Compañía Peninsular acabou de construír a súa rede que conectaba dez cidades de Galicia, incluído Betanzos, Monforte de Lemos e Vilagarcía de Arousa.

Antes houbo unha serie de iniciativas para conseguir este servizo, xa que as comunicacións estaban limitadas aos telefonemas da liña oficial de telégrafos. A primeira iniciativa foi paralela a construción da rede urbana na Coruña. Fracasou por non triunfar o proxecto ante a autoridade, a Dirección de Correos e Telégrafos.

A Comisión Provincial de A Coruña envía o 24 de Xaneiro de 1888 unha exposición ao Ministerio de Gobernación na que solicita que se modifique o Real Decreto de 12 de Agosto de 1884, que limitaba as iniciativas deste eido a cando xa existira unha comunicación telegráfica (e puidera limitar o negocio para a Dirección de Correos e Telégrafos), para que fose a propia provincia á que tomara a iniciativa da construción desa rede. O Concello de Ferrol tamén aprobaría reclamar esa rede ao Ministerio de Gobernación nun pleno do 1 de febreiro de 1888.

Detalle da acta da comisión provincial de A Coruña onde se aproba o proxecto de establecimento de una rede entre Coruña, Ferrol e Santiago. Libro de actas. 25 de abril de 1888


A argumentación baseábase nas actividades comerciais que tiñan entre si tanto A Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol, onde acostumaban a existir sucursais dependentes da matriz na Coruña, conformando o que a Deputación denominou "barrios extensos dunha mesma poboación". Ademais, ve vantaxes nas comunicacións administrativas, coma é o caso da autoridade militar de Ferrol co capitán xeral do distrito, baseado na Coruña. Ambos colectivos dispoñen do telégrafo, pero ao non poder ser xestionado polos interesados directamente, o cal limita a capacidade do mesmo.

A petición foi asinada por Agustín Valderrama,  Jose María Ballesteros, Alfredo de Andrés Moreno, Carlos Martínez Esparís, Benito Mella Gayoso, Demetrio Pla, Antonio del Río e Vicente Cid Osorio, actuando este último como secretario. O expediente está perdido pero consérvanse na hemeroteca o plan de negocio do proxecto:

MEMORIA

No orzamento adxunto proponse piñeiro do país para postes, xa que a súa bondade está probada pola experiencia, e calcúlase o prezo, incluíndo preparación, trac deportivo e colocación, segundo os adquiridos recentemente por outras corporacións, en 6 pesetas cada unha.

Os postos fíxanse en 2.000, calculándose un por cada 50 metros, ou 20 por cada quilómetro da liña. Os aisators de porcelana branca con soporte de ferro galvanizado e os seus correspondentes parafusos aparecen nos catálogos do 1 ao 1,25. céntimos, a cuxo último tipo os arranxamos.

O fío orzamentado é de bronce silíceo de 1 e 1/4 de milímetro de diámetro, que custa, segundo o catálogo, 7 pesetas por quilogramo.

O aparello das tres estacións tamén está sacado do catálogo.

Custe de instalación da rede:

    • Soporte de micrófono sistema Ader, con bobina de indución, 2 emisoras, timbre, interruptor, pararraios e 8 elementos Leclanche para Coruña...  240
    • idem, idem, idem para Ferrol...................................  240
    • idem, idem, idem para Santiago...............................  240
    • 1100 quilos de fío de bronce de silicio de 1 e 1/4 de milímetro de diámetro con un peso de 11 quilogramos por quilómetro, a 7 pesetas.............   7.700
    • 2.000 poste en 6 pesetas....................................... 12.000
    • illantes de porcelana branca, con soportes de ferro e parafusos, a 1,25 pesetas ................................................................................ 2.500
    • Contingencias, 10 por 100...................................... 2.292
    • Total gastos de instalación....................................25.212 pesetas

Con respecto aos gastos de operación: 

    • Tres xefes de estación, 2.000 pesetas. . 6.000
    • Seis mulleres, a 730. . ......................... 4.380
    • Aluguer de tres accesorios 
      • para os postos de micrófono...... 3.000
    • Tres ordenanzas, a 900. ...................... 2.700
    • Tres gardas para percorrer a liña.......  2.700
    • Gastos de oficina e iluminación ......... 2.500
    • Gastos de reparación e limpeza 900....... 900
    • Total gastos de funcionamento........ 22.180 pesetas


No tocante aos ingresos polo servizo, contemplábase contar con 200 abonados entre A Coruña e Santiago ou Ferrol, e 50 abonados con comunicacións entre as 3 cidades, así como unha recorrencia de ingresos por non abonados. Ingresos anuais previstos:

    • Abonados de Coruña cunha das outras cidades (200 abonados) a 15 pesetas mensuais, 180 pesetas anuais ................................... 36.000
    • Abonados de Coruña coas dúas cidades (50 abonados) a 20 pesetas mensuais, 240 pesetas anuais ................................................ 12.000
    • 100 conferencias diarias desde/con Coruña, a 0,10 pesetas, multiplicado por 365 días ..............................................................3.650
    • 25 conferencias diarias de Santiago con Ferrol (ou viceversa), a 0,20 pesetas, multiplicado por 365 días ................................................1.825
    • Total ingresos de operación.................53.475 pesetas

Para saber máis:

  • Boletín Oficial da Provincia de A Coruña. 3 de abril de 1888; 24 de abril de 1888; 24 de maio de 1888
  • Acta da reunión da comisión provincial de 25 de abril de 1888
  • Gaceta de Galicia  Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela Num. 23 de 28 xaneiro  de 1888
  • Faro de Vigo de 28 de xaneiro de 1888
  • La Voz de Galicia. 29 de xaneiro de 1888




martes, 3 de maio de 2022

O primeiro vendedor de teléfonos de Galicia

Sería un vendedor visitante, Melitón Celis Parra (nado en 1843), da casa "Celis y Teijeiro" da rúa Teresa Gil 9 de  Valladolid o primeiro vendedor de teléfonos do que se ten constancia en Galicia. O seu negocio principal era a óptica e acostumaba visitar varias cidades de Galicia e Castela e León desde aproximadamente 1885, chegando polo menos ata 1905. O seu pasamento sería entre esta data e 1908, onde aparece a "viuva de Celis" como responsable da tenda de Valladolid nun anuario dese ano.

A pouca demanda de teléfonos ata a chegada da telefonía urbana (Coruña 1888, Vigo 1889) estaba adicada a conexión entre pares, mediante liñas privadas das que se pedía autorización á Dirección Xeral de Correos e Telégrafos. Os teléfonos pedíanse por catálogo a empresas de Barcelona ou doutra localidades. Antes de existir unha demanda suficiente que xustificara que empresas de electricidade locais vendera teléfonos, sería Melitón o primeiro en mostrar estes dispositivos. 

Nesas datas visitaría ao menos Santiago na rúa do Vilar número 28 (diante do Casino 'de Cabaleiros'), cambio de dirección máis adiante),  Lugo na rúa San Pedro 46 (diante da farmacia do Sr. Castro Laviña) ou Pontevedra, na rúa Real 28, na casa do Sr. Montero.  Presentábase como óptico, físico, matemático i experto en electricidade. Levaba obxectos como lentes para vista cansada, pararraios, timbres eléctricos e teléfonos.

El regional  diario de Lugo Num. 2365 de 4 de outubro de 1890

Sería así responsable dalgunhas das instalación privadas, como sería o caso de Hotel Mendez Núñez de Lugo, onde consta a instalación de timbres eléctricos. 

As primeiras tendas estables

Desde 1888 aparecen a certas ópticas e tendas de electricidade a vender teléfonos para a instalación de redes privadas, en diferentes cidades de Galicia. Mentres que en Vigo e na Coruña, ao existir redes telefónicas urbanas sería o concesionario o que alugaría e instalación o teléfono, no resto das cidades dependerían de instalacións particulares e autorizacións no caso de ocupar o espazo público.








Para saber máis:

  • Boletín Oficial de la Provincia de Lugo Número 5 de 8 de xaneiro de 1886
  • El Eco de Galicia diario de la tarde Num. 61 14 de xullo de 1886; Núm. 670 de 27 de xullo de 1888
  • El Fomento - Diario de Salamanca. 2 de abril de 1887
  • Gaceta de Galicia  Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela Núm 95 de 27 de abril de 1888; Num. 65 de 24 de marzo de 1890; Núm 152 de 7 de xullo de 1897 de 8 de xullo de 1897
  • Anuario Riera, Barcelona, número 2. 1908
  • La Monarquía : diario político: Año VI Número 1255 - 5 de febreiro de 1891
  • La Voz de Galicia. 29 de setembro de 1892

O telegrafista espía da Coruña na I Guerra Mundial.

No 26 de novembro 1918, apenas quince días despois do fin da guerra, recíbese a queixa do embaixador de Estados Unidos sobre un empleado do ...