Foto anterior a agosto de 1914. Rúa do Príncipe. Autor descoñecido
- Faro de Vigo. 3 de maio de 1914; 2 de xullo de 1914; 29 de agosto de 1914
- Noticiero de Vigo. Número 11621. 19 de xaneiro de 1914
- La idea moderna. Núm. 7103. 4 de xullo de 1914
Foto anterior a agosto de 1914. Rúa do Príncipe. Autor descoñecido
Xullo de 1895 a empresa concesionaria da telefonía urbana de Vigo ten un proxecto para implantarse en Pontevedra. Nunca máis se volve a falar desta iniciativa.
Un segundo intento ocorre en maio de 1896, cando se menciona o interese dunha empresa privada, sen concretar de que empresa se trata. Novamente o proxecto queda parado.
En abril de 1901 Benito Corbal Estévez, político e contratista de Pontevedra, solicita a autorización á Dirección de Correos e Telégrafos para a instalación dunha liña particular entre a súa casa en Pontevedra e o lugar de O Tombo na parroquia de Bora. Sería a terceira liña privada na cidade tras a do Sr. Riestra entre a Magdalena e a finca da Caeira en 1888 e a de Manuel Becerra Armesto en 1899.
Ata 1908 non hai mais proxectos de telefonía urbana despois dos fracasados de 1895 e 1896. Neste momento coexisten tres liñas privadas e unha rede pública que conecta o hospital, balneario, concello e deputación. O fillo de Benito Corbal, D. Manuel Corbal Souto presenta un proxecto ante a Dirección de Correos e Telégrafos xunto ao seu curmán Claudio Corbal Hernández, que sae a poxa pública con publicación na Gaceta de Madrid.
A concesión márcase en 20 anos e o valor do proxecto en 5.000 pesetas, a abonar a Manuel Corbal no caso de non resultar a súa proposta a gañadora. Manuel gaña a concesión xunto a Claudio Corbal pero apenas aparece mencionado na prensa da cidade, coa que tiña diferencias políticas. En La Libertad recolle a final de 1908 un artigo de opinión sobre este silencio.
A dirección técnica da construción da rede correu a cargo de Mariano Martín Villoslada, responsable da rede da Coruña, que incluíu no proxecto non só a rede urbana de Pontevedra, senón que chegar a Marín e Pontecaldelas. Dese xeito cubríase unha poboación de máis de 42.000 persoas.
As tarifas, nos tres primeiros quilómetros en liña recta desde a central, son:
A inauguración do servizo ocorreu o 6 de xaneiro de 1910, as 12 do mediodía. A central estaba situada na rúa San Román número 2, 3º andar, próxima á praza da Constitución (hoxe Praza da Ferraría, tras recuperar o nome histórico). Na inauguración se fixeron chamadas a varios abonados e un banquete no Hotel Progreso. No momento da inauguración contábase con 80 abonados. As telefonistas eran Avelina Vaamonde e Marcelina Carballo.
Para saber máis:
A Gaceta publica en marzo de 1908 a subasta da rede de telefonía urbana de Vilagarcía, conforme ao proxecto que preparara Manuel Sanjurjo Otero, fillo do célebre inventor Sanjurjo Badía. Non foi a primeira experiencia en Vilagarcía co teléfono para servizo urbano. Anos antes, en marzo de 1896 aparece na prensa o interese do Concello en instalar un par de teléfonos para conectar coa estación telegráfica, entendendo que para o uso oficial por parte do Concello.
O periodo de concesión máximo sería de 20 anos (aínda que valoraban as propostas de reducción dese periodo). O adxudicatario debía iniciar as obras en menos de 60 días desde a firma do contrato e ter finalizada a rede en menos de catro meses. No caso de gañar outro proposta que non fose a de Manuel Sanjurjo, este debía ser indemnizado con 1.300 pesetas, en concepto de contraprestación pola elaboración do proxecto.
O estado, igual que ocurría noutras concesións urbanas, reservábase o 10% dos ingresos pola prestación do servizo. A prensa recolle as visitas de Manuel a Vilagarcia durante o periodo de licitación, así como a adxudicación definitiva no 11 de maio de 1908.
En agosto de 1908, segundo recolle a prensa, solicita autorización para colocar os postes e cables nas estradas do Estado. A fianis de mes comentan que empezarán as obras e que deberían estar instaladas e operativas en novembro, entendendo que para satisfacer as condicións marcadas na concesión.
A sede queda no bloque do cruzamento das actuais rúas Alcalde Rey Daviña (rúa Calderón antigamente) e Avenida Juan Carlos I (antiga Duque de Rivas).
A instalación sufre algún aprazamento. O 17 de xaneiro de 1909, aproveitando que xa está en marcha a implantación na rúa Duque de Rivas (a da esquerda nas fotografías) publícanse as condicións do servizo no diario Galicia Nueva de Vilagarcía:
Os primeiros anos da rede
En 1911 exténdese a rede ata Rubiáns, falando tamén da posibilidade de levar o servizo ata Vilanova e Cambados, que polo menos ata o ano 1916 (cando se publica o directorio de abonados) non se producira. En 1911 tamén a prensa recolle a nova da instalación dun teléfono no casino de Vilagarcía. En 1913 sería o turno da estación de tren, aínda que so duraría uns meses, xa que a posteriori aparecen as queixas dos comerciantes de Vilagarcía pola súa supresión. Sería restablecido en xaneiro de 1914. Tamén neste ano o concesionario asumiría o servizo ao concello de Vilaxoán, que fusionouse co de Vilagarcía.
Non habería máis novas relevantes ate abril de 1918 cando aparece un novo nome, D. Ricardo Couto Castro, como representante da rede telefónica urbana, que solicita autorización para cruzar con varios fíos a vía férrea.
De novo pasaría ata 1922 cando o concello reclama o troco de lugar a uns postes de teléfonos, así como deficiencias na prestación do servizo. As deficiencias poderían ser a causa deste curioso anuncio de baixa
Galicia nueva periódico regional, primer diario de Villagarcía Ano XVI Número 5687 - 4 de xullo de 1922
Non sería a única consecuencia, a Cámara de Comercio e Asociación Comercial do porto reclamarían a baixa calidade do servizo e, de non adoptar medidas, invitarían a darse de baixa aos abonados. Estes problemas se incrementarían coa caída de postes por un temporal en febreiro de 1923.
As novas da nova era para a telefonía urbana chegarían en maio de 1923 cando chega a carta da International Telephone Telegraphique ao concello, ao igual que o resto de institucións de Galicia, dando conta dos plans de construir unha rede telefónica en todo o Estado, no que solicitan o apoio moral do Concello, que lle ofrece a súa colaboración.
A guía de 1916
En 1916 sae publicada a lista telefónica da Compañia Peninsular, incluindo o directorio de Vilagarcía. Ten 86 abonados nesta data, con varios de Vilaxoán e Carril (que deixaran de ser concellos independientes en anos previos), así como de Rubiáns.
Para saber mais:
A primeira noticia sobre o interese en establecer unha rede urbana en Ourense foi en abril de 1889, xusto despois das redes de A Coruña e Vigo. A diferencia foi que en Ourense tardaría 25 anos en establecerse. Non constan quen foron as persoas desta primeira iniciativa.
En xullo de 1892 volve a aparecer na prensa esta iniciativa, esta vez cun proxecto estimado en 28.500 pesetas deseñado pola Escola de Artes e Oficios e unha mención na prensa á necesidade de constituir unha sociedade por accións. En paralelo, proxéctase unha rede privada, para conectar os fielatos das entradas de Ourense, por parte do arrendatario do servizo de consumos. Unha nova referencia chega en novembro de 1892 onde a prensa menciona unha empresa de Madrid como interesada no establecimento do servizo.
Este proxecto volve discutirse en marzo de 1894 na Escola de Artes, facultado ao Sr. Jose Lorenzo Gil para solicitar ao concello unha subvención e comezar a movilizar aos posibles clientes que poidan estar interesados. Están presentes figuras senlleiras coma Marcelo Macías, Benito Fernandez Alonso e Valentín Lamas Carvajal.
En novembre deste ano colócase un teléfono na casa de Concello, presumiblemente conectado á oficina de telégrafos para a recepción i envío de notificación.
O terceiro intento será en abril de 1895. Desta volta o contratista do alumeado eléctrico en Ourense, o avogado e industrial alaricano Francisco Conde Balvís anuncia que proxecta instalar o servizo telefónico, xusto cando vai estrearse o alumeado eléctrico. Un ano mais tarde, en 1896, fala que o proxecto se levará a cabo se hai 80 abonados dispostos a pagar durante de 10 anos a ritmo de 20 pesetas trimestrais.
O cuarto intento parece ser en outubro de 1901, onde a prensa comenta que existe unha iniciativa de proxecto, sen aportar máis detalles.
Xa a finais de 1904, a prensa recolle que un industrial traballa nun proxecto e que Adolfo Rodríguez Obaya, que era o alcalde naquel momento e pode que o promotor desa iniciativa, presentara o proxecto e memoria no Goberno Civil para ser aprobado pola Dirección de correos e telégrafos do tudense Augusto González Besada. Esto ocorre o 28 de maio de 1905, segundo se publica a subasta na Gaceta de Madrid.
Sexto intento en decembro de 1906 por parte, nesta volta, da Cámara de Comercio e o seu presidente D. Juan Fuentes, que reclama o apoio do deputado D. Senén Canido para este propósito. A Cámara intenta recabar usuarios interesados mediante boletíns de subscripción, que en setembro de 1907 parecen pasar de 100 segundo La Correspondencia Gallega, pero se limita a 34 no Correo Gallego (dato máis realista), por baixo do umbral de 50 marcado para a publicación da nova subasta pública.
Parece alcanzar o número mínimo en decembro de 1908, cando se anuncia a publicación na Gaceta do anuncio da nova subasta da rede telefónica. O deputado por Trives o Sr. Conde del Moral de Calatrava notifica este feito ao presidente da Cámara. Non está claro se foi declarada deserta o concedida autorización a sociedade Conde Balvís (tras o seu intento de 1895) pero xa con data de outubro de 1909, que parece fracasar novamente.
A prensa recolle novas da publicación dunha nova subasta por parte da Dirección de Correos e Telégrafos en agosto 1911, aínda que non aparece recollido na Gaceta. Este será a sétima iniciativa e a definitiva. Esta subasta basease no proxecto presentado por Antonio Pagoaga, de posible orixe basca, e cun proxecto valorado en 5.000 pesetas. A subasta celébrase o 30 de setembro de 1911, pero non queda constancia do resultado.
Supoñemos que é a definitiva porque en xaneiro de 1913 fálase do concesionario da rede, D. Manuel Corbal Souto, pontevedrés e prestador do servizo de telefonía nesa cidade, que solicita a licencia para comezar as obras. Estas comezan en marzo de 1913, onde se ten constancia da construcción do templete da central e o interese en abrir o servizo ao publico na data do Corpus.
Deben de existir demoras xa que todavía en abril de 1914 está en construcción a rede. O empleado de Corbal en Pontevedra, o Sr. Juan Pérez Araujo, trasládase a Ourense para supervisar o remate das obras e xestionar o servizo. A data de posta en marcha do servizo foi o 21 de abril de 1914, cos primeiros abobados, e a inauguración o 1 de xullo de 1914 (con uns 40 aparatos instalados, incluido o de La Región apenas o día anterior)
Inauguración
O diario La Región do 2 de xullo de 1914 recolle datos da inauguración acontecida na véspera ás 18h, onde foran invitados polo concesionario D. Manuel Corbal Souto. O cuadro central esta atendido polas telefonistas D. Marina de la Torre e Amparo González, usando a que califican como a mellor tecnoloxía, a de L.M. Ericsson.
A lista de abonados publicada inclue 39 teléfonos, pero menciona o artigo 41. Os asistentes a inauguración tomaron champán, pastas e cigarros. Seis abonados correspondían ao barrio da Ponte, que formaba parte doutro concello naquel momento.
Para saber máis:
Antonio López de Neira aparece en artigos como o posuidor da primeira liña telefónica de Galicia en 1886. Non é así. Antes xa Andres A. Comerma en Ferrol, aínda que de xeito experimental, e Fernando Rubine en 1885 na Coruña tiveron as súas propias. Eso si, a de López de Neira foi, con diferencia, a de maior lonxitude ao pasar de 4 quilómetros.
O 13 de xaneiro de 1886 recibiu autorización para establecer un fío de comunicacións entre a súa casa no inicio da rúa do Principe (Príncipe nº 8) e a fábrica de papel da súa propiedade "La Cristina" sita na parroquia de Lavadores (hoxe Severino Covas 159). Tratábase así da primeira liña da provincia (se descontamos a liña de tren de Carral a Santiago, onde se utilizaba a telefonía para a xestión do servizo) e pode (salvo un posible servizo de teléfono que podería ter existido na casa de baños La Iniciadora) que a primeira experiencia de telefonía na cidade de Vigo.
Antonio López de Neira xa era coñecido polo seu carácter innovador na cidade, ao ser o primeiro posuidor da luz eléctrica no seu domicilio, como aparece recollido nas crónicas de 1880, e por ceder esa luz para as procesións do Cristo da Victoria.
Esta iniciativa a López de Neira despertaría o interese doutros industriais, como era o caso de Manuel Bárcena e Franco, que posuía tamén unha fábrica en Lavadores, neste caso de curtidos.
La Cristina aportaría papel para o Faro de Vigo ou para a imprenta de Juan Compañel, que participarían xunto a Antonio Sanjurjo Badía como socios na empresa, polo que da súa fábrica saería a materia prima utilizada na edición de algunha obra de Manuel Murguía e Rosalía de Castro. Utilizaba un salto no río Lagares para mover as turbinas, onde aínda se conservan os edificios i estructura orixinal.
Para saber mail:
O 30 de Maio de 1894 recolle a prensa a iniciativa, do Balneario de La Toja, de construír unha rede telefónica que conecte con Cambados. Cambados era o punto máis próximo da rede telegráfica do Estado nese momento e a vía natural de chegada á Illa, xa que non existía a ponte con O Grove e tiñan que desprazarse en barco. Durante os anos noventa establecéranse preto de vinte redes telefónicas en Galicia para conectar concellos coa rede telegráfica, froito de iniciativas municipais. Esta conexión sería probablemente a primeira de interese privado.
Ese proxecto non prosperou e houbo que agardar ata 1904 para ter unha nova iniciativa. A finais de maio de 1904 a Sociedad General Gallega de Electricidad, por medio de Jose Lorenzo e Lorenzo, tiña solicitado permiso ao Ministerio de Obras Públicas para conectar cunha liña telefónica o balneario, teoricamente para unha central de transformación de enerxía que proxectaban facer, coa estación telegráfica de Cambados. De novo o proxecto non se levou a cabo.
A Toxa é posible que contaran con servizo interno de telefonía, para conectar os andares do edificio coa recepción. Así aparece en publicidade da época en 1903.
O balneario de Ponte Caldelas parece ser o primeiro, xa que era propiedade de Benito Corbal, que xa tiña unha liña telefónica entre as súas propiedades en Pontevedra e O Tomobo (Bora), e que parece extender ao seu balneario, xa que en 1905 menciónase nunha nova na prensa a existencia dunha liña telefónica con Bora e Pontevedra.
En 1906 existiría o proxecto de Enrique Lluria de creación da "Sociedade de Balnearios, Sanatorios, e Turismo de Galicia" que nace coa idea de aportar infraestructuras para promocionar o interese turístico dos balnearios como a construcción de novas estradas e, entre outros cousas, levar liñas telefónicas a todos os balnearios.
Mentres, o seguinte balneario en explorar a posibilidade de contar co servizo de telefonía foi o de Lérez, hoxe desaparecido, moi próximo a Pontevedra. En abril de 1908 menciona a prensa como o mecánico Attilio. Pontanari (unha lenda no deporte na cidade) facía a instalación do servizo, aínda que non queda constancia se foi coa rede urbana da cidade ou coa estación telegráfica pública. Posiblemente se tratara do primeiro balneario galego (se descontamos as casas de baños urbanas) en contar con servizo de telefonía, aproveitando a proximidade á cidade.
Chegaría a quenda de Mondariz, que xa tiña unha fama similar ao de A Toxa, ao final da tempada de baños de 1909. En outubro autorízase a instalación dun fío telefónico entre os mananciais de Gándara e Troncoso. A comunicación xa existiría a través dun cabo telegráfico co resto da rede, como aparece nos mapas da época.
O potencial dos balnearios non é alleo ás primeiras medidas de dinamización turística por parte dos políticos do momento. O deputado Eduardo Vincenti solicitou autorización, en nome da "Asociación para el Fomento del Turismo de Galicia" por medio de seu vicepresidente D. Guillermo de Oya Lastres, para a construción das redes de cables que permitiran dar conexión cos balnearios de A Toxa, Cuntis, Caldas de Reis, Caldelas de Tui, Pontecaldelas, A Cañiza, Lérez e Catoira. Esta asociación reclamaría a colaboración dos concellos para a construcción dos locutorios.
En Setembro de 1910 anunciouse a conexión primeiro de Caldas e Cuntis, posteriormente en A Toxa, e finalmente en Mondariz, Caldelas e A Cañiza nese mesmo mes. No caso de A Toxa compaxinaría o uso telegráfico durante a época de baños co unicamente telefónico no resto do tempo,
En negro estacións telegráficas do Estado, en vermello as municipais. (Tf, telefónica; Bº balneario). Carta telegráfica e telefónica de España. Corpo de Telégrafos. Dirección Xeral de Correos e Telégrafos. 1911Para saber mais:
No 26 de novembro 1918, apenas quince días despois do fin da guerra, recíbese a queixa do embaixador de Estados Unidos sobre un empleado do ...