domingo, 12 de marzo de 2023

O conflito dos timbres no urbano de Ourense (1919)

Os médicos do 'Hospitalillo' de Ourense Francisco Jose Rionegro Díaz, Manuel Bouzo Fernández e Ubaldo Álvarez Ruiz remiten unha carta ao director do xornal La Región. o 30 de xuño de 1919. Nesta carta quéixanse de que dende que se aprobou a Lei do Timbre (publicada o 10 de marzo de 1919 na Gaceta de Madrid), o concesionario Sr. Corbal pon un recargo de 10 céntimos nos recibos telefónicos

Taxas ao comercio. Gaceta de Madrid de 10 de marzo de 1919 (número 69/1919)

Os abonados consideran inxusto este recargo ao considerar que debe ser asumido polo que expide o recibo, polo que só se mostran dispostos a satisfacer o importe do abono. O concesionario aducindo perdas no servizo nos se mostra disposto a reducir esa cantidade, polo que os recibos quedan sen pagar durante uns meses.

O concesionario ameaza con cortar o servizo por falta de pagamento ante o que os tres abonados díscolos pensan levar o provedor do servizo aos tribunais, a pesares da reducida cantidade en discusión. Estes, de profesión médicos, adscritos a servizos de beneficencia e socorro da Cruz Vermella, comentan que este curte do servizo sería daniño para recibir notificacións urxentes. 

Ante a ausencia en Ourense do Señor Corbal desde o 14 de xuño de 1919, xa que era residente en Pontevedra, os tres abonados van á casa e oficina do representante de Corbal en Ourense (que podería tratarse de Pedro García Orejas, mencionado na prensa de 1917), pero non conseguen pagar o recibo sen o recargo, polo que depositan a cantidade en sede xudicial. 

O 1 de xullo de 1919 cumpre a ameaza e corta o servizo aos abonados que nos pagaron o servizo en tempo. Un grupo de abonados visita a redacción de La Región e reúnense co Gobernador Civil, que promove o restablecemento do servizo, ata que o xulgado resolva a contenda.

O 5 de xullo de 1919 chega a resposta na prensa do Sr. Corbal, que argumenta a calidade do servizo e os esforzos por mantelo durante a guerra. Manuel Corbal entende que o regulamento telefónico de 30 de xuño de 1914, no seu artigo 86, indica "Os concesionarios de centros telefónicos e liñas interurbanas estarán exentos de todo gravame no consignado neste regulamento" polo que non ten que asumir ese gravame e asume que dálle potestade a trasladalo aos clientes. 

Tamén argumenta que o código civil indica (artigo 1168) que "os gastos extraxudiciais serán por conta do debedor" e que tamén eles teñen a potestade de "pagar sen pedir recibo". Considera que son só tres dos douscentos dez abonados e que loitan por unha cantidade nimia sen valorar que o concesionario non esixe o pago anticipado por trimestres ou un depósito polos aparatos como está facultado polo regulamento de 1914.

En setembro de 1920 chega a resolución xudicial polo xulgado de primeira instancia de Ourense, que non admite réplica tras pasar previamente polo xulgado municipal, dando a razón aos señores D. Francisco José Rionegro, D. Ubaldo Ruiz e D. Manuel Bouzo contra o concesionario da rede urbana. 


Para saber máis:
  • La Región  diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos Ano VIII Número 2200 - 23 de maio de 1917; Ano X Número 2825 - 1 de xullo de 1919; Ano X Número 2826 - 2 de xullo de 1919; Ano X Número 2828 - 4 de xullo de 1919; Ano X Número 2829 - 5 de xullo de 1919
  • La Integridad diario católico Num. 9119 (06/09/1920)


martes, 7 de marzo de 2023

O incendio da central telefónica de A Coruña (1917)

 26 de maio de 1917. Cinco días despois de ser desestimada unha demanda histórica do concello da Coruña contra o concesionario da telefonía urbana, D. Jose María Rivera, sobre a colocación dos postes na na zona dos cantons.

Ás cinco da maña descargou unha tormenta na cidade, caendo un raio na torre de distribución da central telefónica, na rúa Real 85, nun inmoble propiedade de D. Joaquín Uría, na mesma sede do Sporting Club (que aínda existe na actualidade). A descarga penetra ata a cabina da telefonista Srta. Dolores Souto, que sae ilesa pero se provoca un incendio, que lanzou unha chave pola fiestra para que os abaixo concentrados puideran acceder ao edificio e intentou salvar a maior parte de equipos. Afortunadamente os gardas de seguridade das Aduanas, uns mariñeiros que esperaban o barco "Infanta Isabel de Borbón" e a repartidora do xornal El Ideal Gallego Dª Victoriana Calvo veron o incendio e puideron avisar ao veciños afectados e aos bombeiros.  Estes acudiron ao mando do Sr. Mariño e do capataz Rega.

O incendio afectou aos últimos pisos da sede da central e do Palace Hotel (na esquina co obelisco), onde durmían os propietarios do mesmo. Tivo tamén tempo de escapar a familia de D.  Jose María Rodríguez Pardo que vivía nesa última planta. A rede telefónica quedou destruída, caendo arames sobre o cable eléctrico e provocando chispas. Nos se ocasionaron víctimas mortais mais houbo un herido leve, D. Luis López Perea, danado nunha man por un cristal. Para avisar aos veciños do incendio lanzaron tiros ao aire e pedras aos cristais das galerías. 

O capitán de enxeñeiros, Sr. Pio Martínez Mulero, que acudiu ao lugar, deu orde de cortar o suministro eléctrico, para evitar propagacións. O que non queimou o fogo quedou destruido pola auga dos bombeiros.  Así pasou no terceiro piso que habitaba D. Antonio Jaspe e o baixo, primeiro e segundo do Sporting Club. 

O retardo na recuperación do servizo

O 7 de xuño de 1917 aparece o primeiro malestar na prensa pola demora na recuperación do servizo telefónico. A xustificación é que queimado o cadro de distribución, non era fácil conseguir reemplazos debido a guerra.  A chegada estival, onde familias ían á casa de campo e utilizaban o teléfono para facer encargas ocasiona molestias á alta sociedade coruñesa. 

O concesionario contesta que o locutorio do obelisco está operativo, así como outro na casa do Sr. Pedregal na praza de Ourense, que fan posible comunicar coa estación telefónica de O Burgo, para poder falar coas casas estivais de Culleredo, Oleiros e Sada. 

O gobernador civil esixiu ao concesionario que tivera una central provisional, para poder seguir co servizo de falar con outros centros oficiais. Así, montouse unha central na buhardilla dunha casa da rúa Olmos, nunha casa dunha taberna e pousada de emigrantes. Jose María obrigou as telefonistas a facer turnos nese local pero reducindo a seu xornal. Pídese que non fagan turnos soas, xa que a taberna pode ser unha ameaza á súa seguridade persoal. 

O 25 de agosto aínda non se recuperara o servizo. O presidente da Cámara de Comercio, o Sr, Amenedo, visita ao concesionario Jose María Rivera. Este indica que contratou coa empresa Siemens Halske de Madrid os elementos para permitir a recuperación do servizo. A nova central instalaríase na rúa Juana de Vega 11, no último piso, con cadros múltiples. O cable encargaríase á compañía Pireli e Compañía, de Vilanova i Geltru. Trataríase dun cable polifílico con recubrimento, como os que se comezaron a instalar en Vigo en 1910, co que se eliminaría a necesidade de contar cun templete.

Rua Juana de Vega. Central urbana situada nun dos edificios da marxe esquerda. Anos 20. 


Enderezo de concesionario local na guía telefónica de 1928. Compañía Peninsular de Telefónos.



Para saber máis:

  • Faro de Vigo. 27 de maio de 1917
  • El Noroeste - Ano XXII Número 10051 (27/05/1917); Ano XXII Número 10062 (07/06/1917); Ano XXII Número 10063 (08/06/1917); Ano XXII Número 10084 (29/06/1917); Anno XXII Número 10132 - 25 de agosto de 1917
  • El Ideal gallego  diario católico, regionalista e independiente Num. 56 (27/05/1917)
  • El Correo gallego  diario político de la mañana Ano XL Número 12993 - 27 de maio de 1917
  • La Voz de Galicia - 25 de agosto de 1917

venres, 3 de marzo de 2023

Os problemas de Jose María Rivera na telefonía de Coruña (1910-1924)

Pasados 20 anos da primeira poxa, de 1888, publícase unha nova poxa a Gaceta de Madrid o 18 de marzo de 1908. O prazo queda aberto ata o 18 de abril vía presentación de propostas na sede do goberno civil ou na dirección de Correos e Telégrados para que se poida celabrar a poxa o 23 de abril de 1908. A concesión sería por un prazo máximo de 12 anos neste caso. A prensa recolle como Jose María Fariña presentaría unha proposición a esta poxa e sería gañador da mesma, tendo a concesión o 21 de xullo de 1908.

Francisco Fiol, o anterior director da rede, cesa o 18 de agosto de 1908, xa que o estado fai unha incautación para ceder a rede ao novo adxudicatario.

A prensa recolle varias incidencias no servizo nos primeiros anos con Jose María Fariña como concesionario:

  • 1 de outubro de 1908: declarouse un pequeno incendio na central telefónica. Débese a un cruzamento do cables de electricidad e telefonía, tras unha tronada. O servizo recuperaríase unha semana máis tarde, tras avisar Jose María Fariña aos abonados.
  • 10 de maio de 1909: cables do teléfono na rúa San Andrés despréndense sobre os de electricidade, tendo que movilizar dous empregados para recoller os arames caidos.
  • 18 de maio de 1909: un cable cae na praza de Lugo, enrollandose nas pernas dun asno propiedade de Tomás Pérez Luengo, que cae ao chan e sofre queimaduras.
  • 21 de decembro de 1909: o vento dos temporais de decembro de 1909 interrompe o servizo telefónico por varios días.
Por razones non clara Jose María Fariña cede o 26 de xullo de 1910 a Jose María Rivera os dez anos de concesión restantes mediante escritura notarial do Sr. Pérez Porto.  

Jose María Rivera Corral (1856 - 1936). Sen datar.



O novo concesionario tería que lidiar con algúns problemas semellantes:
  • 29 de novembro de 1910: o temporal provoca a caída de cables do servizo telefonico
  • 12 de decembro de 1911: caída de cable de telefonía i electricidade no Cantón Pequeno
  • 26 de xaneiro de 1915: o desprendimento dun fío telefónico na rúa da Estrella fixo que tocara o cable eléctrico que derribou a unha mula que tiraba dun carro propiedad de Jose Naya Mallo.
  • 28 de febreiro de 1915: un conato de inecncio na torre da central telefónica por un cortocircuito cos cables eléctricos. A avaría tardaría un par de día en arranxarse. 
  • 13 de agosto de 1915: o alcalde impuso unh sanción de 50 pesetas a Jose María Rivera por colocar un poste na rúa Castiñeiras de Abaixo sen autorización
  • 8 de xaneiro de 1916: A comisión provincial de A Coruña decidiu denuncias á empresa explotadora da rede urbana por cortar sen permiso árbores da estrada entre Coruña e Sada ademais de roubar a leña dos mesmos.
  • 5 de novembro de 1916: o temporal leva varios postes de teléfono nos que se desprenderon fíos que tras contactar con cables eléctricos provocaroon chispazos.
  • 7 de novembro de 1920: os traballadores decláranse en folga polo suspensión de emprego e soldo de José Torres Regueira.
  • 18 de marzo de 1921: queixas dos clientes pola baixa calidade do servizo que Jose María Rivera achaca aos troco de centrais telefónicas por un modelo máis moderno e adaptado a soportar máis abonados.
  • 19 de febreiro de 1923: cae un poste de teléfonos en Santa Margarita que provoca a morte dun cabalo.
algúns máis relevantes recollidos como publicacións específicas:
E outros puntos relevantes que recollemos entra publicación.

A caída masiva de postes do 16 de outubro de 1912

Por mor de terse desprendido un fío sobre os cables de alta tensión pola caída dun poste corcomido da rúa Compostela mentres se estaban realizado un traballos por parte de varios operario.  Fundíronse varios fíos e caeron varios postes do recheo, Cantóns e da rúa Compostela ao non ter o contrapeso dos postes contrarios, incluso o poste de ferro próximo ao obelisco. Coa caída dos postes caeron arbores dos xardíns de Méndez Nuñez. Afortunadamente non aconteceron víctimas deste suceso, pero tivo uns danos valorados en máis de 10.000 pesetas. 

O concesionario, Jose María Rivera, tivo que pedir a Madrid cable de cobre.  Jose María comenta ao alcalde, o Sr. Martínez Fontela, que a causa é a falta de protección nos cables eléctrico. O concello ordena retirar un poste da Praza de Lugo e outro da rúa Santa Catalina.

En novembro de 1912  concesionario comeza instalar 14 postes na vía pública en sustitución dos afectados pero o alcalde Lafuente comenta que os novos son totalmnete antiestéticos, e que non están á altura do agardado para os Cantóns. Agardaba que foran de ferro en lugar dos de madeira. Jose María Rivera ten o apoio do concelleiro D. Juan González Rodríguez que indica que os postes de castiñeiro son igual de bos que os de ferro. Jose María recibe a autorización para colocar un poste de madeira para valorar se queda estético nos Cantóns, pero o resulta é negativo, polo que obrigan ao concesario  ausar o modelo de postes que usa a compañía eléctrica.

O 22 de novembro de 1912 a rede seguía ser servizo e comeza a haber voces que reclaman solucións, polo que se autoriza a instalación dos postes provisionais de eucalipto coa base pintaba, que cruzaban os Cantóns diagonalmente e que non gustan a varios concelleiros. O arquitecto municipal comprométese a analizar a mellor colocación dos postes. Nos plenos do 12 de febreiro e 16 de abril de 1913 aínda non estaban pintados os postes, polo que xurden queixas por parte de concelleiros.

Acordado o traslado dos postes, o concesionario solicita ao concello que se lle conceda o 60% do custo dese traslado o 11 de febreiro de 1914.  A rotura dun poste da zona do recheo o 4 de xullo de 1915, leva de novo o tema dos postes ao pleno do 7 de xullo, o concelleiro Sr. Menlle propón que se tiren os postes telefónicos do paseo e xardíns de Méndez Núñez, pola ameaza de que caian. Acórdase que o concesionario cambie os múltiples cables por uns múltiples (un cable con varios fíos), que se explore a posibilidade de que vaian soterrados e que de ser necesarios o postes se instalen de ferro. O alcalde o Sr. Ozores Pedrosa trasladaría o acordo ao concesionario cun prazo de 3 meses para facer a reforma e visitaría o lugar do suceso, decretando que se pechase a zona ao tránsito, polo risco de caída.

O 10 de decembro de 1916 publícase unha carta no xornal El Noroeste, asinada por varios comerciantes. na que se laian do ton provocativo e desafiador de Jose María Rivera e reclaman que cumpla o seus compromisos sobre os cambios de postes para evitar caídas, calidade dos cables, reducción dos cruces de liñas e frecuentes indisponibilidades da rede, etc. Introducen o asunto da calidade dos teléfonos, xa que comentan que só se entende unha sílaba de cada palabra e o custe do servizo. Indican que está cobrando as tarifas máximas do servizo, sen ter en conta a rebaixa que propuso na poxa, e que tras reclamación de usuarios viuse obrigado a devolver diñeiro. Outro abonado publica unha carta animando aos abonados a darse de baixa do servizo.

No pleno do concello do 7 de febreiro de 1917 pídese ao arquitecto municipal a relación de postes que non reunen as condicións regulamentarias. Todo finaliza no xulgado, xa que Jose María Rivera leva a decisión do concello do 7 de xullo de 1915. O Gobernador Civil Jose Boente dicta sentenza o 12 de xuño de 1917 a favor do concesionario, xa que as competencia para decidir a idoneidade da rede urbana estarían delegadas no xefe de telégrafos da poboación. O concello decide recorrer no pleno do 10 de setembro de 1917.

Mentres tanto, no pleno de 14 de marzo de 1918, apróbase o cambio de algúns postes por parte do concesionario na Praza de Pontevedra, estrada de Santa Margarita (agora Av. Fisterra), rúa Paio Gómez e Praza de Galicia. Porén, o preito segue. O concello busca un novo letrado para xestionar o pasamento do D. Ramó Patiño Castro. Tras un veredicto negativo, decídese desistir. O proceso pecha nun pleno de febreiro de 1919 aínda se aproba unha conta económica relativa aos gastos procesais. 

Postes nos Cantóns de Coruña.



A necesidade dunha nova central telefónica

O crecemento no número de abonados motiva a migración da central telefónica en agosto de 1915 á rúa Juana de Vega 11, onde quedaría ata a absorción por parte da Compañía Telefónica Nacional de España e o seu traslado á rúa San Andrés en 1930. O enxeñeiro Alfredo López Álvarez da casa Siemens Halske visita a cidade para planificar o traslado de 1915, onde instalarán unha central nova e cables múltiples, como xa tiña Vigo desde 1910.

As derivadas da grande folga de 1919

A grande folga dos servizos de correos, telegráfos e teléfonos de 1919, tratada nesta publicación: https://telefoniagalicia.blogspot.com/2023/03/a-grande-folga-de-1919.html acabaría por desencadear procesos sindicais, que no caso da Coruña, estarían xestionados polo movemento "Luz y fuerza" que reclamaba dereitos para os traballadores como readmisións (que afectaban principalmente á telefonía interurbana) e melloras salariais.

A extrana prorroga de 1923

Próximo a vencer o servizo en 1923, Jose María Rivera solicita unha prórroga do servizo. Normalmente estas prórrogas tardan tempo en resolverse, pero a Gaceta B.I.C., recollida a través do xornal La Región, fala dunhas prevendas de 50.000 pesetas para conseguir a renovación automática, que reparte o concesionario entre persoas influintes para obter a desexada prórroga. A revista comenta que para pagar a comisión tivo que subir a cota de 104 pesetas anuais a 135 desde o 1 de xuño de 1923, pola falta de 'moralidade' do concesionario. 

Esta suba motivou queixas dos abonados e unha reunión onde acordan darse de baixa no caso de que non se manteñan os prezos anteriores. 

Para saber máis: 

  • El Noroeste Ano XIII Número 4595 - 19 de marzo de 1908; Ano XIII Número 4599 - 24 de marzo de 1908; Ano XIII Número 4723 - 18 de agosto de 1908; Ano XIII Número 4762 - 2 de outubro de 1908; Ano XIV Número 4951 - 11 de maio de 1909; Ano XVII Número 6127 - 6 de xuño de 1912; Ano XVII Número 6281 (07/11/1912); Ano XVII Número 6289 - 15 de novembro de 1912; Ano XVII Número 6291 - 17 de novembro de 1912; Ano XVII Número 6294 - 20 de novembro de 1912; Ano XVII Número 6296 - 22 de novembro de 1912; Ano XVII Número 6323 - 19 de novembro de 1912; Ano XVII Número 6324 - 20 de novembro de 1912; Ano XVIII Número 6378 - 13 de febrero de 1913; Ano XVIII Número 6440 - 17 de abril de 1913; Ano XVIII Número 6454 - 1 de maio de 1913;  Ano XIX Número 9826 - 22 de decembro de 1914; Ano XX Número 9894 - 1 de marzo de 1915; Ano XX Número 9480 - 8 de xullo de 1915: Ano XX Número 9481 - 9 de xullo de 1915; Ano XX Número 9482 - 10 de xullo de 1915; Ano XX Número 9517 - 14 de agosto de 1915;  Ano XXI Número 9986 - 10 de decembro de 1916; Ano XXI Número 9988 - 12 de decembro de 1916; Ano XXI Número 9896 - 21 de decembro de 1916; Ano XXII Número 9944 - 8 de febreiro de 1917; Ano XXII Número 10079 - 24 de xuño de 1917; Año XXII Número 10149 - 11 de setembro de 1917
  • La Voz de Galicia  - 19 de marzo de 1908; 15 de abril de 1908; 18 de agosto de 1908; 22 de decembro de 1909; 24 de decembro de 1909; 30 de novembro de 1910;  7 e 15 de novembro de 1912; 20 e 22 de decembro de 1912; 14 de febreiro de 1914;  8, 9 e 13 de xullo de 1915; 12 de agosto de 1915;  11 de setembro de 1917; 14 de marzo de 1918; 10 de xaneiro de 1919; 15 de outubro de 1919; 6 de decembro de 1919; 18 de marzo de 1921; 16 de maio de 1921;
  • La Correspondencia Gallega diario de Pontevedra Ano XX Número 5438 - 27 marzo 1908
  • Boletín oficial de la provincia de La Coruña Número 74, 31 de marzo de 1908
  • El Eco de Galicia  diario católico é independiente Num. 636 (02/10/1908); Num. 642 (09/10/1908);  Num. 828 (19/05/1909); Num. 1779 (06/06/1912);  Num. 1894 (18/10/1912); Num. 1911 (07/11/1912);  Num. 1923 (21/11/1912); Num. 1947 (19/12/1912); Num. 2050 (17/04/1913); Num. 2336 (12/02/1914); Num. 2898 (08/07/1915); Num. 2980 (28/09/1915)
  • El Eco de Santiago  diario independiente Año XVI Número 9123 - 13 de decembro de 1911
  • Faro de Vigo - 17 de outubro de 1912
  • Gaceta de Galicia  Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela Num. 238 (18/10/1912)
  • El Diario de Pontevedra  periódico liberal Ano XXIX Número 8534 - 19 de outubro de 1912
  • El Correo de Galicia  Diario independiente de avisos y noticias Num. s.n. (27/01/1915)
  • El Progreso semanario independiente Ano X Número 1838 - 18 de xaneiro de 1916
  • Galicia nueva  periódico regional, primer diario de Villagarcía Año X Número 4106 - 6 de novembro de 1916
  • Boletín oficial de la provincia de La Coruña  Número 113 - 20 de maio de 1916
  • El Ideal gallego  diario católico, regionalista e independiente  Num. 84 (24/06/1917) ; Num. 155 (11/09/1917); Num. 338 (14/03/1918); Num. 555 (07/11/1918); Num. 641 (27/02/1919);  Num. 825 (17/10/1919; Num. 826 (18/10/1919; Num. 1845 (28/07/1923); Num. 1846 (29/07/1923)
  • El Orzán  diario independiente Ano I Número 42 - 14 de marzo de 1918; Ano I Número 259 - 7 de novembro de 1918; Ano III Número 823 -  7 de novembro de 1920; Ano VI Número 1637 - 28 de xullo de 1923
  • Acción coruñesa  periódico defensor de los intereses de la capital de Galicia Ano II Número 29 - 16 maio 1921
  •  La Región  diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos Ano XIV Número 4012 - 30 de agosto de 1923
  • Diario de Galicia periódico de la mañana, telegráfico, noticiero y de información general Num. 1565 (14/02/1914)

mércores, 22 de febreiro de 2023

A folga de telégrafos de 1918

Os incumplimentos do goberno á hora de dotar de maior persoal ás oficinas de correos e telégrados, que multiplicaron o seu traballo desde 1914, desencadenou a participación dos membros deste corpo nas Xuntas de Defensa, unha especie de sindicato que velaba por conseguir melloras por parte do goberno. Eso creou certa intranquilidade, recollida na prensa, sobre unha posible folga.  Os funcionarios reclamaban a aprobación dun suposto crédido 

En febreiro de 1918 parece iniciarse unha folga encuberta de Telégrafos que acumulan atrasos e sobrecargan  ao teléfono interurbano e dificultando o traballo de prensa. O 13 de marzo de 1918 a Gaceta de Madrid publica a militarización do servizo por parte do ministro de Guerra, para que se garanta o servizo público, ocupando as estacións o 14 de marzo desde as sete da mañá.

Boletín Oficial de la Provincia de Lugo Número 63 - 15 de marzo de 1918


A prensa local galega recolle como foi o proceso de intervención nas diferentes cidades. No caso de Santiago de Compostela sería a benemérita á que acudiría a estación telegráfica, mentres que a garda de seguridad fariao coa telefonía interurbana, que vese afectada pola censura (sen paralizar o servizo). A idea era parar as comunicacións relativas a esta folga. 

En Santiago móstrase o persoal sorprendido pola medida, xa que non esperaban ir á folga. Chegan a mandar unha comunicación á prensa o 18 de marzo asinada por SerafínMartín Pozuelo, Alberto domínguez Martínez, Ramón TRincado Gil e Alfrezo Bermúdez de Castro Pla.  Queixanse de que se apartara do servizo aos compañeiros sen terse sumado ás Xuntas de Defensa nin ter intención de participar na folga.

No caso de Lugo, onde a telefonía urbana depende de telégrafos tamén, sería a garda Civil a que custodiara o servizo.  En Pontevedra o teléfono interurbano pasa a funcionar toda a noite debido á alta carga de traballo, aínda que aplicando a censura nos telefonemas.

Os empregados de Coruña manteríanse tamén á marxe da folga pero apartados do servizo pola Garda Civil, segundo informou o subsecretario de gobernación, xa que acudirían á autoridade militar para notificalo. Previamente xa acudira o tenente da Garda Civil Sr. Blanco Novo con catro membros do corpo á sede de telégrafos para que os empregados abandonaran a sala. Recibiran ordes de que non tocaran os aparatos porque había a sospeita de que querían inutilizados.


 El Progreso  diario liberal Año XI Número 3163 - 19 de marzo de 1918

Esta militarización apenas duraría 48 horas, pero causo certos danos na operativa de prensa (acostumada a usar os servizo telegráfico) que tamén tivo problemas co teléfono interurbano pola aplicación da censura así como a sobrecarga deste servizo, que motivou este texto satírico recollido na prensa.


El Progreso  semanario independiente Ano XII Número 2605 - 1918 marzo 17


Para saber máis:
  • Boletín Oficial de la Provincia de Lugo Número 63 - 15 de marzo de 1918
  • Diario de Galicia periódico de la mañana, telegráfico, noticiero y de información general Num. 3011 (15/03/1918); Num. 3012 (16/03/1918); Num. 3022 (26/03/1918)
  • El Correo de Galicia  Diario independiente de avisos y noticias Num. 5186 (15/03/1918); Num. 5187 (16/03/1918) 
  • El Eco de Santiago  diario independiente Año XXIII Número 9945 - 15 de marzo de 1918
  • El Ideal gallego  diario católico, regionalista e independiente Num. 339 (15/03/1918)
  • El Orzán  diario independiente Ano I Número 43 - 15 de marzo de 1918; Ano I Número 44 - 16 de marzo de 1918
  • El Progreso  diario liberal Ano XI Número 3160 - 15 de marzo de 1918; Ano XI Número 3163 - 18 de marzo de 1918
  • El Progreso  semanario independiente Ano XII Número 2604 - 16 de marzo de 1918; Ano XII Número 2605 - 17 de marzo de 1918
  • Galicia nueva  periódico regional, primer diario de Villagarcía Ano XII Número 4497 - 24 de  febreiro de 1918; Ano XII Número 4514 - 16 de marzo  de 1918
  • El Correo gallego diario político de la mañana Ano XLI Número 14470 - 19 de marzo de 1918
  • La Región  diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos Ano IX Número 2440 - 19 de marzo de 1918
  • Gaceta de Galicia  Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela Num. 67 (20/03/1918)



venres, 17 de febreiro de 2023

A singular detención na central telefónica de Ourense de 1918

10 de novembro de 1918. A central telefónica urbana da rua Progreso de Ourense viviu un novo capítulo negro tras o suicidio un ano antes director da mesa. Neste caso tivo un final feliz. 

Severino Fernandez e Fernandez foi detido tras sair da central telefónica. Acababa de ter una chamada telefónica coa sua muller, que residía en León. A detención debeuse á creencia de que o citado individuo participara nun asasinato dun viaxeiro, D. Remigio Miranda Alvarez, do tren a Galicia, que fora desuberto na estación de Navalperal o 28 de outubro de 1918.

Remigio Miranda Álvarez. Blog Alma de Herrero. Sen datar.


Severino non puido explicar que quería dicir cando, falando coa súa muller, preguntoulle como marchaban os seus asuntos. Detectouse un resgardo dun recibo de 250 pesetas dun xiro postal que realizara á súa muller. 

Nega toda participación no citado crime, pero unha tenda de Ourense comenta estando Severino dentro da mesma, abandonou a tenda de xeito apurado cando escoitou que se estaba a falar do crime.  Ao detectarse certas incongruencias na sua declaración foi enviado ao cárcere. Severino comentou que o día do crime estaba en Nogueira de Ramuín, pero non foi quen de explicar o obxectivo desa viaxe. 

O xuiz pediu confirmación ao gobernado de León, que confirmou que saira de León cara Galicia o 21 de outubro e se estaba á espera da resposta do alcalde de Nogueira para que confirmase se o 28 estaba nesa vila.

O 9 de novembro, xa fora do cárcere tras varios días, Severino visita a redacción do xornal La Región.  Explica que a súa detención debeuse a que explicando a súa esposa o envío de 250 pesetas para que viñera a Ourense cos seus fillos a coñecer as propiedades que herdara recentemente, o empregado da central telefónica deu notificación á policia. Severino era natural de Nogueira de Ramuín e volvera ao pobo para acompañar ao seu pai nos seus últimos días. 


Para saber máis:

  • Diario de Galicia periódico de la mañana, telegráfico, noticiero y de información general Num. 3318 (06/11/1918)
  • El Orzán  diario independiente Año I Número 259 - 7 de novembro de 1918
  • La Región diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos Ano IX Número 2633 - 1o de novembro de 1918
  • Blog Alma de Herrero: https://almadeherrero.blogspot.com/2022/10/el-crimen-del-correo-de-galicia.html


sábado, 11 de febreiro de 2023

Telefonía en Viveiro (1915-1921)

Verdad y Justicia foi un semanario publicado en Viveiro que comezou a súa andaina o 29 de maio de 1915. Nesa mesma data, no número 1, comezaron por facer unha reclamación do teléfono urbano. O programa do director xeral de Comunicacións, o Sr. Ortuño, que despertara o interese de cidades como Tui, Lugo, Monforte ou Betanzos ou a vila de Ponteareas, non foi alleo a este xornal, que reclama un tratamento similar para Viveiro.  Esta reclamación a repetirían con certa insistencia en outros números.

En xuño de 1915 coñécense os plans de que a Compañía Interurbana Peninsular instale una central en Viveiro nunha liña que atravesaría o norte da mariña cara Xixón, supostamente grazas ás xestións do deputado lucense Sr José Soto Reguera. Este proxecto paralizaríase en favor do corpo de telégrafos.


Retrato de Jose Soto Reguera. Ano descoñecido


Febreiro de 1917: recóllese na prensa a visita do funcionario de telégrafos D. Manuel Ladron de Cegama, encargado da montaxe da rede de telefonía urbana en Viveiro, que quedaría ata finais de marzo de 1917. Pasan de 50 as persoas interesadas neste servizo, que era o requirimento mínimo para a montaxe da rede. 

Ao igual que ocorría en Ribadeo, buscábase unha casa para o servizo telegráfico e telefónico, neste caso en aluguer cun prezo máximo de 550 pesetas anuais. Porén, en agosto de 1917 parece que o proxecto segue parado, argumentando que non se atopou unha casa en condicións para prestar o servizo. 

Hai que agardar ata xaneiro de 1918. Aparece na prensa que se reserva o diñeiro necesario para a montaxe da rede. Dependendo da ideoloxía da prensa agradecen a xestión ou acusan da demora ao deputado Soto Reguera. O 28 de xaneiro de 1918 o xefe de liña Fernando García Abad e o capataz Sr. Antena desprázanse a Viveiro para planificar a instalación, constando a chegada do persoal o 18 de febreiro de 1918. 

O 16 de maio de 1918 publícanse que teñen comezado as obras da torre do teléfono, xunto á igrexa de Santa María do Campo. O Sr. Bolaño, xefe da sección telegráfica de Lugo, informa neste mes dos plans de conectar a estación ao servizo interurbano. O 20 de setembro de 1918 ábrese ao publico a estación telefónica urbana

En decembro de 1919 aparece mencionado que o proxecto de telefonía interurbana se envía á dirección xeral de Telégrafos. 

Hai novas en setembro de 1921, onde aparece a mención ao tendido da rede en curso con Mondoñedo, así como a inclusión na Real Orde de 26 de agosto de 1921 de creación de novas estacións da rede interurbana, xunto a Ortigueira, Ordes, Ribadeo e Guillarei.  Tamén se menciona o adiamento provocado polo roubo de 90 metros de cable en novembro de 1921 á altura de Valadouro, por parte de Jose Ramón Díaz López, da parroquia de Vilacampa.

A estación quedaría aberta para comunicacións interurbanas o 6 de agosto de 1922


Para saber máis: 

  • El Regional: diario de Lugo. Núm 11815 (22/01/1918); Num. 13569 (19/06/1922); Num. 13610 (07/08/1922)
  • Verdad y justicia: semanio imparcial defensor de los intereses generales: Ano I Número 1 - 29 de mario de 1915; Ano II Número 63 -  5 de agosto de 1916; Ano II Número 72 - 7 de outubro de 1916; Ano III Número 91 - 17 de febreiro de 1917; Ano III Número 116 - 11 de agostos de 1917; Ano IV Número 139 - 26 de xaneiro de 1918
  • La idea moderna: diario democrático en Lugo: Num. 7863 (13/02/1917); Num. 7908 (09/04/1917); Num. 8096 (26/11/1917); Num. 8152 (22/01/1918); Núm. 8157 (28/1/1918); Núm. 8175 (18/2/1918); 
  • El Correo de Galicia: Diario independiente de avisos y noticias: Num. 4910 (29/03/1917);  Núm 5171 (26/2/1918)
  • La voz de la verdad : diario católico con censura eclesiástica: Ano VII Número 2335 - 19 de febreiro de 1917; Ano VII Número 2394 - 30 de abril de 1917; Ano VII Número 2463 - 24 de xullo de 1917; Ano VII Número 2570 - 27 de novembro 1917; Ano VIII Número 2701 - 30 de abril de 1918;  Ano XII Número 3943 - 7 de xuño de 1922;  Ano XII Número 3952 - 18 de xuño de 1922; Ano XII Número 3996 - 9 de agosto de 1922 
  • El Eco de Santiago  diario independiente Año XXIII Número 9907 - 30 de xaneiro de 1918; Ano XXIII Número 9930 - 26 de febreiro de 1918
  • El Progreso  diario liberal Ano XI Número 3138 - 19 de febreiro de 1918; Ano XI Número 3209 - 16 de maio de 1918; Ano XIV Número 4279 - 10 de novembro de 1921; Ano XV Número 4452 - 7 de xuño de 1922
  • Diario de Galicia periódico de la mañana, telegráfico, noticiero y de información general Num. 3075 (19/05/1918)
  • La Voz de Galicia. 17 de xuño de 1915; 27 de maio de 1918
  • El Orzán  diario independiente Año II Número 585 - 10 de decembro de 1919
  • El Correo gallego  diario político de la mañana Ano XLIV Número 15634 - 2 de outubro de 1921
  • El norte de Galicia  diario político y de información Num. 6143 (30/09/1921)
  • El regional  diario de Lugo Num. 12996 (30/09/1921)

O telegrafista espía da Coruña na I Guerra Mundial.

No 26 de novembro 1918, apenas quince días despois do fin da guerra, recíbese a queixa do embaixador de Estados Unidos sobre un empleado do ...