martes, 16 de maio de 2023

O proxecto de telefonía provincial en Lugo (1917-1923)

En novembro de 1916 o presidente da Deputación de Lugo, o Sr. Tapia, recibe por correo un esquema da rede provincial de Lugo preparado por Jose Francos Rodríguez, como Director de Comunicacións, na que se mencionan as centrais, subcentrais i estacións telefónicas. Recolle o establecemento do servizo en once centros telefónicos e una estación subcentral  en Vilanova del Lourenzá. As centrais serían en Lugo, Sarria, Becerreá, Ribadeo, Mondoñedo Viveiro, Vilalba, Chantada e Quiroga; que darían servizo a 72 estacións.  O distrito de Lemos, xa cuberto coa estación interurbana da Compañia Peninsular, que presta tamén o servizo urbano, queda exento do proxecto.

Esta nova ten unha boa acollida pola prensa, aínda que é pronto para ter datos sobre se implica custes, se deben ser asumidos polos concellos, se sería suficiente con aportar postes, etc. No proxecto provincial traballou parte do equipo de telégrafos, dirixido polo Sr. Bolaño i estima un coste de 834.000 pesetas para o estrablecementos das liñas (1474 quilómetros) e o arame de cobre de 3 mm. 

En xullo de 1917 o novo director de Comunicacións, o Sr. Ortuño, relanza os proxecto provinciais indicando que se comezaría por Galicia (cabe destacar que foi a última zona de España e chegar a telefonía interurbana) i, en particular, pola provincia de Lugo. 


Extracto do plan de telefonía nacional de Francos Rodríguez. 1917.


Mentres que en Pontevedra a deputación faría forza implicando ós concellos no proxecto, sería o director de Correos e Telegrafos o que tería que contactar, en novembro de 1918, ao presidente da Deputación para recabar o apoio ao proxecto. Esa comunicación non parece ter resposta rápida.

O proxecto parece quedar aparcado ata o 22 de marzo de 1921 onde os señores Julio García, Victor Basanta, Manuel Otero Soto e Antonio Pardo da Deputación provincial presentan no pleno unha proposta para a realización dun proxecto de rede provincial, baseado no proxecto de Francos. Créase a comisión que toma o acordo o 1 de marzo de 1922




Expediente da rede de telefonía provincial de 1921. ADPL sig2723.6

O 9 de decembro de 1922 tese noticia polo deputado D. Luis Rodríguez de Viguri da Real Orde que aproba a construcción da rede provincial, co orzamento actualizado según o proxecto de lei de 22 de xuño de 1921, onde reclama a deputación un 20% do custe. O custe sería 470.875,88 pesetas (máis do dobre do sinalado no proxecto de 1917, que estaba en 166.900,20 pesetas), aínda que se podería reducir un pouco ao existir xa as liñas de Lugo a Mondoñedo, de Mondoñedo a Viveiro e a Ribadeo. 

O subrecuste iniciaría un debate interno en febreiro de 1923 sobre a conveniencia de asumir os novos custes. O deputado Sr- Peñamaría roga que sexa extendida a rede á Fonsagrada (que curiosamente estaba no plan presentado, polo que debe ser un erro do deputado) e Meira. 

ADPL sig2723.6

 
ADPL sig2723.6

A mediados de 1923 e o interlocutor pasa de ser o Estado á sociedade "International Telephone and Telegraph Corporation" de New York, co novo proxecto de telefonía onde se desbota a idea de telefonía provincial en pro dun proxecto nacional que sería o xerme da compañía Telefónica, pese as críticas da prensa local

ADPL sig2723.6

ADPL sig2723.6


Para saber máis:

  • El norte de Galicia  diario político y de información Num. 4530 (02/12/1916); Núm. 6284 (24/02/1922): Num. 1703 (15/10/1922)
  • Verdad y justicia  semanario imparcial defensor de los intereses generales del distrito Ano II Número 81 - 9 de decembro de 1916; Ano II Número 82 - 16 de decembro de 1916
  • La voz de la verdad  diario católico con censura eclesiástica Ano VII Número 2453 - 12 de xullo de 1917; Ano VII Número 2455 - 14 de xullo de 1917; Año XII Número 4051 - 13 de outubro de 1922; Ano XII Número 4094 - 3 de decembro de 1922; Ano XII Número 4101 - 12 de decembro de 1922; Ano XII Número 4104 - 15 de decembro de 1922; Ano XIII Número 4161 - 21 de febreiro de 1923; Ano XIII Número 4163 - 23 de febreiro de 1923
  • El Diario de Pontevedra  periódico liberal Ano XXXIV Número 9976 - 19 de xullo 1917
  • Diario de Galicia periódico de la mañana, telegráfico, noticiero y de información general Num. 2775 (20/07/1917)
  • Boletín Oficial de la Provincia de Lugo Número 261 - 15 de novembro de 1918
  • El Progreso  diario liberal Año XIV Número 4081 - 23 de marzo de 1921; Ano XV Número 4370 - 2 de marzo de 1922; Ano XV Número 4605 - 5 de decembro de 1922; Ano XVI Número 4673 - 23 de febreiro de 1923; Ano XVII Número 4963 - 31 de xaneiro de 1924
  • El regional diario de Lugo Num. 12851 (23/03/1921); Num. 13063 (29/11/1921); Num. 13691 (15/11/1922); Num. 13715 (09/12/1922)
  • La Voz de Mondoñedo  periódico semanal Ano XVIII Número 968 - 28 de marzo de 1921
  • El Progreso  semanario independiente Ano XVI Número 3098 - 13 de decembro de 1922
  • Expediente telefónico. Arquivo Provincial de Deputación de Lugo. ADPL sig2723.6
  •  La Provincia  diario de información y de intereses generales Año II Número 221 - 17 de febreiro de 1924

xoves, 11 de maio de 2023

A folga das telefonistas de Coruña (1921)

30 de maio de 1921. As oito mulleres telefonistas da rede urbana da Coruña decláranse pola tarde en folga contra o concesionario Jose María Rivera.  Quéixanse do despido dunha compañeira e supresión dunha praza, a pesares do incremento do servizo. Desde un primeiro intre, temeuse por que se estendera a folga aos operarios da rede. 

A despedida facía a quenda de noite e compañía doutra telefonista por un soldo de seis reais (peseta e media) de xornal por once horas de traballo (de 21h a 8h), mentres que durante o día as traballadores cobraban 3 pesetas. As folguistas visitan ao inspector de traballo e a prensa da cidade.

Como seis reais non é suficiente para vivir, teñen que traballar noutras labores durante o día, polo que en moitas ocasións quedan durmidas pola noite, deteriorando o servizo. O xornal El Orzán toma partido por elas ao solicitar que o xefe de telégrafos incaute a central se o concesionario non chega a un acordo rápido.

Faro de Vigo. 31 de maio de 1921


Jose María Rivera chama á despedida para que volva ao posto, mentres o resto está en folga, pero ela renuncia. Consegue recuperar o servizo en poucos días coa axuda de novo persoal. A Asociación Patronal ten unha reunión co concesionario, que delega no Sr. Juan Martínez Morás, para axudar a chegar a un acordo. Ao expoñer as telefonistas a súa situación, este delegado decide abandonar a reunión. Elas póñense en contacto co alcalde, para que convoque unha Xunta de Reformas Sociais, na que participan os inspector de sanidade e o inspector de traballo, que deciden visitar a sede da central de teléfonos.

O 3 de xuño de 1921 Jose María Rivera da a súa versión na prensa comentando que o traballo é lixeiro. As empregadas de día Leopolda Barrera, Josefa de Naya, Elena Álvarez, Dolores Souto e María Mañas cobran 3 pesetas por quenda máxima oito horas de día, mentres que as dúas que están pola noite cobran a metade (aínda que refire que acaba de subirlles a 2 pesetas) porque traballan cinco horas e media cada unha, mentres a outra pode durmir nunha cama. Preséntase como un gran bonfeitor, xa que incluso paga os salarios durante as baixas médicas. Afirma que eran coñecedoras tempo atrás de que a partir do 30 de maio se renunciaría a un posto de traballo.

 El Orzán  diario independiente Año IV Número 999 - 3 de xuño de 1921

A comunicación ten resposta o 7 de xuño de 1921 por parte das telefonistas, incluindo a sustituta Joaquina Crespo, e as telefonistas do turno de noite Carmen Sebastián e Pilar García. Comentan que para cobrar cando están de baixa as outras ten que cubrir o seu turno con horas extras, que cando fora o incendio de 1917 non cobraron. Ademais queixanse da actitude do gobernador civil, o Sr. Argüelles, que ofrecer intermediar para recuperar o posto de traballo, pero o único resultado foi a contratación de novo persoal. 
 

Acción coruñesa  periódico defensor de los intereses de la capital de Galicia Ano II Número 33 - 13 xuño 1921

Para saber máis:

  • El Compostelano  diario independiente Ano II Número 390 - 31 de maio de 1921
  • El Diario de Pontevedra  periódico liberal Ano XXXVIII Número 11155 - 31 de maio de 1921
  • El Ideal gallego  diario católico, regionalista e independiente Num. 1273 (31/05/1921); Num. 1274 (01/06/1921); Num. 1275 (02/06/1921); Num. 1276 (03/06/1921); Num. 1277 (04/06/1921); Num. 1279 (07/06/1921);  Num. 1280 (08/06/1921)
  • El Orzán  diario independiente Ano IV Número 996 - 31 de maio de 1921; Ano IV Número 997 - 1 de xuño de 1921; Ano IV Número 999 - 3 de xuño de 1921; Ano IV Número 1003 - 8 de xuño de 1921; Ano IV Número 1039 - 20 de xullo de 1921
  • El norte de Galicia  diario político y de información Num. 6063 (01/06/1921); Num. 6105 (21/07/1921)
  • El Progreso  semanario independiente Ano XV Número 2259 - 1 de xuño de 1921;  Ano XV Número 2261 -3 de xuño de 1921
  • El Correo gallego  diario político de la mañana Ano XLIV Número 15527 - 1de xuño de 1921
  • El Progreso  diario liberal Año XIV Número 4141 - 2 de xuño de 1921
  • Acción coruñesa  periódico defensor de los intereses de la capital de Galicia Ano II Número 32 - 6 xuño 1921; Ano II Número 33 - 13 xuño 1921
  • La Voz de Galicia 31 de maio de 1921; 1 de xuño de 1921; 2 de xuño de 1921; 8 de xuño de 1921; 16 de xullo de 1921
  • Faro de Vigo. 31 de maio de 1921.

sábado, 6 de maio de 2023

Teléfono nos faros. A catástrofe de Sálvora en 1921.

A catástrofe do Santa Isabel é considerado como o Titanic galego, xa que causou a morte a 213 pasaxeiros e tripulantes do buque o 2 de xaneiro de 1921, que desde Coruña dirixíase a Cádiz vía Vilagarcía de Arousa. Perto de Sálvora encaiaron e o barco afundiuse. A historia deixou a tres mulleres da Illa como heroínas ao acudir a axudar e ser capaces de rescatar perto de 30 vidas.  Case todos os homes estaban en festas de Aninova en poboacións da costa.

A historia pasa por o faro de Sálvora e o seu torreiro, que detectou o afundimento pero tivo que camiñar ata a vila por tres quilómetros para dar aviso e, polas condicións do mar, Ribeira non puido ter noticia ata a mañá seguinte.. A prensa empezou a cuestionar se os faros deberían ter medio eléctricos, ben telégrafos ou teléfonos ou radiotelegrafía, para poder notificar con carácter urxente este tipo de sucesos. 

Vivendas de Sálvora. Foto Ksado.

O faro de Fisterra conta cun sistema telegráfico y un sistema radio instalado pola empresa de Marconi en 1913; a Torre de Hércules ten un telégrafo, mentres que Faro Vilán, a pesares da súa importancia, non conta con sistema de comunicación algunha, obligando a facer moitos quilómetros ata Vimianzo para dar avisos. Por iso, presiónase para que progresivamente os faros das illas e zonas críticas vaian tendo mecanismos para a notificación de catástrofes. As únicas illas que contarían con servizo serían o Lazareto de San Simón e A Toxa.

Ademais da notificación de catástrofes, a prensa de 1910 xa recollía a conveniencia de dispor de sistemas de comunicación con Fisterra ou Ortegal para a notificación de temporais e a posibilidade de difundir esta información aos portos de Galicia.

Mapa de comunicacións na costa en 1911. Instituto Geográfico Nacional.


De ter telégrafo ou teléfono (con ou sen arames) o torreiro do faro de Sálvora podería notificar a situación a Ribeira, A Pobra o Vilagarcía. Eso podería ter reducido o número de mortes, especialmente de aqueles que tiñan chaleco salvavidas. Ademais, esto non se trataba dunha necesidade nova, durante a primeira guerra náufragos chegaban a costa de Vilán e o torreiro tiña que merchar seis quilometros ata Camariñas para dar conta do sucedido.

No acto de homenaxe as heroínas de Sálvora aproveitouse para anunciar a vontade de instalar o teléfono en Sálvora e Corrubedo, para evitar catástrofes, así com unha base para un cañonero, pero non consta que esto finalmente se levase a cabo ata 1924, que sae un decreto autorizando as obras de instalación de servizos radiotelegráficos na illa.

Tamén se realizou unha pequena homenaxe aos telegrafistas de Ribeira polo súa dedicación nas datas seguintes á catastrofe.  D. Tomás Ojea, Dª. Maria Bercial Vázquez e D. Julio Pastor apareceron no Vida Gallega do 20 de xaneiro de 1921.


 


Para saber máis:

  • La Integridad diario católico Num. 9286 (22/03/1921)
  • El Orzán  diario independiente Año IV Número 875 - 9 de xaneiro de 1921
  • El Diario de Pontevedra periódico liberal Ano XXXVIII Número 11039 - 11 de xaneiro de 1921
  • El Ideal gallego diario católico, regionalista e independiente Num. 1178 (16/01/1921)
  • Galicia  diario de Vigo Número 139 - 3 xaneiro 1923
  • La voz de Galicia. 19 de marzo de 1910; 22 de febreiro de 1923.


martes, 2 de maio de 2023

O proxecto de rede provincial da Coruña (1917 - 1924)

 Ao igual que o resto das provincias galegas, A Coruña estaba incluida no proxecto de rede de Francos de 1917. Pontevedra, gracias a iniciativa de Prudencio Landón, tomou o seu propio camiño, mentres que Coruña iría máis lenta e próxima ao proxecto inicial. 

En xaneiro de 1917 publícase unha circular no Boletín da provincia dirixida aos concellos preguntando cales estarían dispostos a colaborar nun proxecto de rede provincial. Xa en setembro de 1917 La Voz de Galicia publicaría información sobre o proxecto de Francos, incluido un mapa da rede. 

O proxecto contaría con 81 estacións, 47 de nova factura, cun custe de construcción da rede 760.675 pesetas. Os centros de conmutación estarían en A Coruña, Ortigueira, Ferrol, Pontedeume, Betanzos, Carballo, Ordes, Corcubión, Muros, Noia, Padrón, Santiago, Arzúa e Betanzos. 

Plano de Francos Rodríguez para a provincia de A Coruña. 
Publicado en La Voz de Galicia de 18 de setembro de 1917 e o 16 de xaneiro de 1921

Extracto do plan de telefonía nacional de Francos Rodríguez. 1917


En outubro de 1918 chega unha comunicación do Estado para que a deputación confirmo o interese en suma a o proxecto estatal, pero non parece ter resposta oficial. Non se retomaría o proxecto ata o pleno do 14 de xaneiro de 1921, cando o deputado Sr. Ramón Vilas González, pola presión dos primeiros resultados da provincia de Pontevedra, pide que se recupere o proxecto de 1917 e se contribúa á súa realización.

Ramón Vilas González


No pleno da deputación do 8 de xuño de 1921 solicítase ao ministerio de Gobernación a realización do proxecto, que se comunica tamén aos concellos que poidan estar interesados e se pide a intermediación dos deputados en cortes pola provincia para que axuden na súa consecución. 

La Voz de Galicia. 22 de xuño de 1921

O director de Comununicacións, o conde de Colombí, responde afirmativamente a petición e o 22 de xullo sae publicado a real orde coa aprobación do proxecto. Ramón Vilas, o impulsor do proxecto, pasaría a ser o presidente da Deputación nese ano e decide participar activamente no seu impulso, viaxando a Madrid para ter unha reunión co ministerio de Gobernación, acompañado de deputado a cortes pola Coruña Sr Alonso Gullón.

Lógrase que o xefe de liña de telégrafos, D. Jose Sandoval, ata ese momento adicado á provincia de Pontevedra, pero que fora coautor do proxecto de Francos, pase a ocuparse tamén da implantación na provincia da Coruña desde xaneiro de 1922. Posteriormente Arturo Lago, da central telegráfica de Pontevedra, sería tamén nomeado para ese rol, incluindo tanto Coruña como Pontevedra. O 19 de xuño os deputados provincias Sres Gullón e Vilas visitan o director xeral de Comunicacións en Madrid para intentar desbloquear o proxecto. O propio Vilas e Rof Codina xa se pronunciaran no pleno da deputación sobre a necesidade de replicar o modelo pontevedrés contando con cotas periódicas por parte dos concellos.

A liña seleccionada para comezar, en agosto de 1922, sería a norte, desde Ortigueira, para dar servizo a O Barqueiro, Cariño, Cedeira i Espasante, por ser a situada a maior distancia da capital. O concello de Ortigueira daría un obsequio a Arturo Lago. En 1924 non estaría todavía inaugurada, pese as reclamacións por parte da Unión de Fabricantes de Conservas de Galicia (na voz dos Sres. Santodomingo Hermano e Casariego). Aínda non existiría cando as redes foron confiscadas pola Compañía Telefónica Nacional de España.


Para saber máis:
  • La Voz de Galicia. 18 de setembro de 1917; 15 de xaneiro de 1921; 16 de xaneiro de 1921; 9 de xuño de 1921; 22 de xuño de 1921; 20 de xullo de 1921; 22 de xullo de 1921; 23 de agosto de 1921; 1 de marzo de 1922; 7 de marzo de 1922; 1 de agosto de 1922; 5 de xaneiro de 1923; 17 de outubro de 1924
  • El Correo de Galicia  Diario independiente de avisos y noticias Num. 4849 (15/01/1917)
  • La Región diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos Ano XII Número 3533 - 20 de novembro de 1921
  • El Ideal gallego  diario católico, regionalista e independiente Num. 1177 (15/01/1921)
  • El Diario de Pontevedra  periódico liberal Ano XXXVIII Número 11044 - 17 de xaneiro de 1921; Ano XXXIX Número 11381 - 20 de febreiro de 1922; Ano XL Número 11644 - 2 de xaneiro de 1923; Ano XL Número 11821 - 16 de agosto de 1923
  • Boletín oficial de la provincia de La Coruña  Número 235 - 10 de outubro de 1918; Número 236 - 11 de outubro de 1918; Número 251 - 2 de novembro de 1921
  • El Orzán  diario independiente Ano IV Número 880 - 16 de xaneiro de 1921; Ano IV Número 1050 - 10 de xuño de 1921; Ano IV Número 880 - 16 de xaneiro de 1921; Ano IV Número 1139 - 13 de novembro de 1921; Ano IV Número 1142 - 17 de novembro de 1921; Año IV Número 1156 - 3 de decembro de 1921; Año V Número 1325 - 20 de xuño de 1922
  • El Compostelano  diario independiente Ano II Número 459 - 23 de agosto de 1921
  • Galicia nueva  periódico regional, primer diario de Villagarcía Año XVI Número 5535 - 4 de xaneiro de 1922
  • El Progreso  semanario independiente Ano XVI Número 2817 - 6 de xaneiro de 1922
  • La voz de la verdad diario católico con censura eclesiástica Ano XII Número 3815 - 7 de xaneiro de 1922
  • El Progreso  diario liberal Año XIV Número 4320 - 8 de xaneiro de 1922; Ano XV Número 4387 - 22 de marzo de 1922; Ano XVI Número 4722 - 22 de abril de 1923
  • El Eco de Santiago diario independiente Ano XXVII Número 10806 - 7 de febreiro de 1922; Ano XXVIII Número 11357 - 5 de xaneiro de 1923
  • Boletín oficial de la provincia de La Coruña  Número 219 - 21 de setembro de 1922


xoves, 27 de abril de 2023

Plan de telefonía provincial en Pontevedra (1917-1924)

 O 15 de outubro de 1917, na sesión da Deputación de Pontevedra, o deputado Prudencio Landín presenta unha moción para facer unha rede de telefonía provincial, ao abeiro do Real Decreto de 30 de xuño de 1914 e o proxecto de telefonía nacional de Francos, para poñer en comunicación rápida todos os concellos e aldeas importantes da provincia de Pontevedra. 

Prudencio Landín. Vida Gallega. 1917

O vello sistema de carterías e peóns fai que sexan necesarios ata cinco días para trasladar comunicacións, fora de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía, que estaban conectadas á rede interurbana, a algúns lugares puntuais cubertos polo telégrafo. Puña de exemplo as redes das deputacións de Guipúscoa, Biscaia e Ciudad Real, así como a mancomunidade catalana. 

Fai mención o proxecto de director de Correos e Telégrafos, D. Jose Francos Rodríguez, que presentara unha proposta para Pontevedra de contar con centráis en Pontevedra Vigo Caldas de Reis, A Estrada, Lalín, Ponteareas, Pontecaldelas, Redondela, Tui, A Guarda e A Cañiza, xunto a subcentrais en Carril, Silleda, Sanxenxo, O Grove, Cambados, Mondariz, Porriño e Baiona. Este proxecto consideraba un custe de 467.000 pesetas. 

Extracto do libro de actas da Deputación de Pontevedra de 15 de outubro de 1917



Extracto  do proxecto de telefonía nacional de Francos Rodríguez. 1917.


Existen dúas vías para acometer o proxecto, a vasca ou catalana, que é independiente do apoio do Estado ou a aproximación de Ciudad Real, que participa unto coa axuda dos concellos, na instalación, locutorios, etc coa axuda do Estado que instala e administra a rede xunto ao corpo de telégrafos. 

Na defensa da proposta, Prudencio Landín solicita a creación dunha comisión para estimar o esforzo da obra e a cantidade a satisfacer por cada concello. Varios deputados participan mostrando o seu interese na iniciativa e nómbrase unha comisión formada por:

  • Prudencio Landín, por Pontevedra
  • Fernando Villamarín, por Vigo-Tui
  • Jose Echeverría, por Caldas-Cambados
  • José López Boullosa, por Pontecaldelas-Redondela
  • Antonio Casa, por Ponteareas-A Cañiza
  • Francisco Riestra Calderón, por A Estrada - Lalín
  • Teodosio Domínguez, como facultativo

 A proposta recibe loubanzas do empresario Masso de Bueu, o diario La Integridad de Tui, o Sr. Conde (alcalde de Vigo), Guillermo Oya (presidente da Asociación para o Fomento de Turismo en Galicia), a Cámara de Comercio de Vigo, Jose Oliveira (presidente da sociedades recreo marítimo de Cangas), a reunión de médicos de Cuntis, etc. 

Os primeiros apoios municipais chegan de Tui e A Guarda, que aproveitan os plenos municipais para comprometer o seu apoio. A iniciativa chega incluso a deputación de Salamanca, onde suxiren copiar a proposta de Landín. Provincias como Cuenca, Valencia o Madrid discuten levar a cabo proxectos similares.

Extracto dunha mostra de apoio publicado no xornal Faro de Vigo de 20 de novembro de 1917


A reunión da comisión tardaría ata o 22 de abril de 1918, tras facer consultas con deputacións con intereses similares,  para preparar a proposta cara o pleno do primeiro de maio. Esta pasa por sufragar ao Estado o 20% do custe da rede. Esta porcentaxe será entregado en cinco anualidades de 18800 pesetas, con cotas iguais por parte dos 62 concellos (a razón de 303 pesetas anuais). 

Sería o semanario El Progreso de Pontevedra o máis crítico co proxecto, ao prefirir que sexa a deputación a que acometa o proxecto sen contar co Estado, xa que dubida da capacidade deste para facer a instalación.

A petición formal trasladaríase ao ministro de gobernación, o Marques de Alhucemas, o 28 de xuño de 1918. Prudencio Landín recibe unha carta do ministro de Facenda, González Besada, indicando que intercederá para sacar o proxecto adiante. O 2 de agosto de 1918 recíbese a confirmación do goberno ao proxecto. O 19 de setembro se envían cartas aos concellos pedindo o compromiso de financiación para este proxecto. 

Arbo e Pontecaldelas serían os primeiros en confirmar a disponibilidade desa cantidade, seguidos nesas datas por Vigo, Cotobade, Sanxenxo, Tui, As Neves, A estrada, Fornelos, Rodeiro, Cuntis, Ribadumia, Silleda, Salvaterra, Bueu, Campo Lameiro e Salceda. A Guarda, Mondaríz, Gondomar, Crecente, Redondela, Pazos de Borbén, Barro, Ponteareas, Meaño, Baiona, Marín e Moaña o farían antes de 10 de outubro, chegando xa a 29 dos 62 concellos. O 17 de xa se contaría con O Rosal, Soutomaior, Covelo, Dozón, Valga, Tomiño, A Lama, Meis e Carbia (actual Vila de Cruces). Chegan as notificacións da aprobación por parte de Cerdedo e Porriño a finais de outubro e de O Grove, Cambados, Mos, Nigrán, Pontesampaio e Pontevedra en Novembro de 1918, quedando para decembro Caldas de Reis, Lalín A Golada, forcarei e Poio. Ao peche do ano non se mencionaría a adhesión por parte de Cangas, Catoira, Moraña, Oia, Pontecesures, Portas, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova, pero pode ser que non apareceran mencións na prensa.

O novo ministro de Facenda, Sr. La Cierva, confirma en xullo de 1919 que se dota o orzamento dunha partida para a rede provincial. O goberno reclama o pago da primeira anualidad e a deputación comeza a reclamar os pagos aos concellos en outubro de 1919. O primeiro en pagar sería A Cañiza, pero pasado un mes aínda faltaría algún por pagar, demorando o proxecto. Entre os últimos figurarían Porriño, Fornelos, Rivadumia, Redondela, A Lama, Cambados e Vilaboa en decembro de 1919. Xa en xaneiro de 1920 pagaría Bueu. En febreiro Dozón, Moaña, Pontesampaio, Caldas de Reis, Silleda, Meaño, A Estrada e Tomiño. En marzo de 1920 serían Forcarei e Lalín. A Deputación vese na obriga de anticipar as cotas de tres concellos que non pagaron en tempo, xa que o 24 de marzo o presidente da deputación Sr. Casas viaxa a Madrid para axilizar o proxecto coa axuda do Conde de Bugallal e o director de Comunicacións.

A orde de instalar a rede provincial foi realizada o 15 de xullo de 1920,por parte da dirección de Comunicacións (o Sr. Conde de Colombí), pero non sería ata uns meses máis tarde cando asignaría esa responsabilidade ao xefe de liña D. Julio Herreros, que se despraza a Madrid o 6 de novembro de 1920 para recibir indicacións. 


Faro de Vigo - Edición de VIGO. Fecha 03/11/1920

Julio regresa o 17 de novembro de 1920 volve cunha proposta de reforma do plan provincial de Francos de 1917 e o convencimento de que recibirá material para executar a construcción da rede. Vincenti presiona ao director de Comunicacións para que a rede se comece a construir no Morrazo, atendendo ás relacións comerciais desas vilas coa industria pesqueira. 

Parece ter éxito, asignando primeiro a Julio Herreros, xefe de liña de telégrafos e, posteriormente, a Jose Sandoval, desligándoo das súas responsabilidades para que poida participar nos proxectos de establecemento da rede. José xa participara no proxecto de Francos Rodríguez en 1917. 

Prudencio Landín reclama unha maior celeridade a través dunha carta no Faro de Vigo do 10 abril de 1921.


Faro de Vigo. 10 de abril de 1921


Unha vez terminado o proxecto do Morrazo, pasarían a liña con A Guarda, via Redondela e Tui, así como o ramal de Ponteareas, para conectar Porriño, Salvaterra, Mondaríz coa vila do Tea, aínda que José Sandoval queda asignado ao proxecto provincial de A Coruña, polo que estes proxecto sofren unha parada.

 Tamén se fala, a finais de 1922 de chegar co teléfono a Cuntis, polo presión do deputado Bernardo M. Sagasta e o xefe de telégrafos de Pontevedra Arturo Lago, que pasaría a ser xefe de implantación do proxecto provincial en xaneiro de 1923 (sendo sustituido no posto de 2º xefe de telégrafos de Pontevedra por Francisco Beredo y Penava, procedente de Bilbao). Puntualmente tamén se menciona a posible conexión da Estrada con Santiago.

O presidente da Deputación,  o Sr. De la Sota, viaxaría a Madrid en febreiro de 1924 logrando a aprobación das liñas de Pontevedra a Redondela, Caldas a Cuntis, e a de Tui - Porriño - Ponteareas - Salvaterra, así como o ramal de Ponteareas a Mondariz. Non chegar a todos os concellos crearía certos conflitos con concellos, que se queixaban de ter pagado e non recibir servizo, como sería o caso de A Cañiza que fora o primeiro en efectuar o pagamento.


Para saber máis: 

  • Faro de Vigo de 14 de outubro de 1917; 15 de outubro de 1917; 20 de outubro de 1917; 30 de outubro de 1917; 6 de novembro de 1917; 20 de novembro de 1917; 4 de outubro de 1918; 29 de setembro de 1918; 26 de setembro de 1919; 4 de febreiro de 1920; 15 de xullo de 1920; 24 de marzo de 1920; 30 de outubro de 1920; 3 de novembro de 1920; 10 de abril de 1921; 8 de novembro de 1922; 6 de febreiro de 1924
  • El Diario de Pontevedra  periódico liberal Ano XXXIV Número 10056 - 15 de outubro de 1917; Ano XXXIV Número 10056 - 16 de outubro de 1917; Ano XXXIV Número 10056 - 18 de outubro de 1917; Ano XXXIV Número 10056 - 20 de outubro de 1917; Ano XXXIV Número 10064 - 24 de outubro de 1917; Ano XXXIV Número 10068 - 29 de outubro de 1917; Ano XXXIV Número 10074 - 6 de novembro de 1917; Ano XXXIV Número 10087 - 21 de novembro de 1917;  Ano XXXV Número 10213 - 23 de abril de 1918; Ano XXXV Número 10220 - 1 de maio de 1918; Ano XXXV Número 10221 - 3 de maio de 1918; Ano XXXV Número 10223 - 6 de maio de 1918; Ano XXXV Número 10253 - 12 de xuño de 1918; Ano XXXV Número 10266 - 27 de xuño de 1918; Ano XXXV Número 10270 - 12 de xullo de 1918; Ano XXXV Número 10326 - 18 de setembro de 1918; Ano XXXV Número 10327 - 19 de setembro de 1918; Ano XXXV Número 10333 - 26 de setembro de 1918; Ano XXXV Número 10338 - 2 de outubro de 1918; Ano XXXV Número 10340 - 4 de outubro de 1918; Ano XXXV Número 10345 - 10 de outubro de 1918; Ano XXXV Número 10351 - 17 de outubro de 1918; Ano XXXV Número 10356 - 23 de outubro de 1918; Ano XXXV Número 10359 - 26 de outubro de 1918; Ano XXXVI Número 10593 - 15 de xullo de 1919; Ano XXXVI Número 10678 - 25 de outubro de 1919; Ano XXXVI Número 10680 - 28 de outubro de 1919; Ano XXXVI Número 10690 - 10 de novembro de 1919; Ano XXXVI Número 10695 - 15 de novembro de 1919; Ano XXXVI Número 10701 - 22 de novembro de 1919; Ano XXXVI Número 10706 - 28 de novembro de 1919; Ano XXXVI Número 10710 - 3 de decembro de 1919; Ano XXXVI Número 10713 - 6 de decembro de 1919; Ano XXXVI Número 10714 - 17 de decembro de 1919; Ano XXXVI Número 10744 - 24 de xaneiro de 1920; Ano XXXVI Número 10753 - 4 de febreiro de 1920; Ano XXXVI Número 10793 - 24 de marzo de 1920; Ano XXXVI Número 10887 - 15 de xullo de 1920; Ano XXXVII Número 10979 - 30 de outubro de 1920; Ano XXXVII Número 10980 - 1 de novembro de 1920; Ano XXXVII Número 10983 - 5 de novembro de 1920; Ano XXXVII Número 10984 - 6 de novembro de 1920; Ano XXXVII Número 10994 - 18 de novembro de 1920; Ano XXXVII Número 11002 - 27 de novembro de 1920; Ano XXXVII Número 11009 - 6 de decembro de 1920;  Ano XXXVIII Número 11039 - 11 de xaneiro de 1921; Ano XXXVIII Número 11115 - 12 de abril de 1921; Ano XXXVIII Número 11129 - 28 de abril de 1921; Ano XXXVIII Número 11212 -  5 de agosto de 1921;  Ano XXXIX Número 11343 - 5 de xaneiro de 1922; Ano XL Número 11644 - 2 de xaneiro de 1923; Ano XLI Número 11836 - 5 de xuño de 1924
  • El Correo de Galicia  Diario independiente de avisos y noticias Num. 5077 (31/10/1917); Num. 5227 (04/05/1918); Num. 5327 (22/10/1918); Num. 5349 (18/11/1918)
  • El Eco de Santiago  diario independiente Ano XXII Número 9851 - 22 de novembro de 1917; Ano XXIII Número 9984 - 3 de maio de 1918; Ano XXIII Número 10015 - 11 de xuño de 1918; Ano XXIII Número 10042 - 13 de xullo de 1918; Ano XXIII Número 10018 - 11 de outubro de 1918; Ano XXIV Número 10213 - 29 de outubro de 1919; Ano XXIV Número 10227 - 15 de novembro de 1919; Ano XXV Número 10270 - 6 de novembro de 1920; Ano XXVIII Número 11357 - 5 de xaneiro de 1923
  • Libro de actas da Deputación de Pontevedra de 15 de outubro de 1917
  • La idea moderna  diario democrático en Lugo  Num. 8229 (25/04/1918); Num. 8293 (16/07/1918)
  • El Orzán  diario independiente Ano I Número 90 - 2 de maio de 1918; Ano I Número 97 - 9 de maio de 1918; Ano I Número 132 - 13 de xuño de 1918; Ano I Número 148 - 30 de xuño de 1918; Ano I Número 160 - 14 de xullo de 1918
  • El Progreso  semanario independiente Ano XII Número 2640 - 3 de maio de 1918; Ano XII Número 2642 - 5 de maio de 1918; Ano XII Número 2644 - 8 de maio de 1918; Ano XII Número 2632 - 27 de xuño de 1918; Ano XII Número 2708 - 26 de setembro de 1918; Ano XII Número 2714 - 3 de outubro de 1918; Ano XII Número 2085 - 17 de outubro de 1918; Ano XII Número 2093 - 27 de outubro de 1918; Ano XII Número 2126 - 5 de decembro de 1918; Ano XIII Número 2338 - 26 de setembro de 1919; Ano XIV Número 2627 - 7 de novembro de 1920; Ano XVIII Número 3326 - 22 de xaneiro de 1924
  • El Progreso diario liberal Año XI Número 3200 - 4 de maio de 1918; Ano XII Número 3684 - 5 de decembro de 1919
  • Diario de Galicia periódico de la mañana, telegráfico, noticiero y de información general Num. 3101 (14/06/1918); Num. 3115 (28/06/1918)
  • La Voz de Galicia de 18 de xuño de 1918; 3 de novembro de 1920; 5 de xaneiro de 1923;
  • Galicia nueva  periódico regional, primer diario de Villagarcía Ano XII Número 4663 - 14 de setembro de 1918; Ano XII Número 4670 - 26 de setembro de 1918; Ano XII Número 4676 - 3 de outubro de 1918; Ano XII Número 4683 - 11 de outubro de 1918; Ano XII Número 4688 - 17 de outubro de 1918; Ano XII Número 4721 - 5 de decembro de 1918; Ano XIII Número 4919 -  16 de xullo de 1919;  Ano XIV Número 5096 - 2 de marzo de 1920
  • El Tea  semanario independiente Ano XII Época 2ª Número 235 - 3 de outubro de 1918
  • El Noticiero gallego semanario destinado a fomentar los intereses morales y materiales del Magisterio de primera enseñanza Num. 1233 (18/10/1918)
  • La Integridad diario católico Num. 8934 (26/01/1920); Num. 9076 (16/07/1920); Num. 9170 (06/11/1920); Num. 9315 (28/04/1921); Num. 9318 (29/04/1921); Num. 10141 (02/02/1924);  Num. 10219 (05/05/1924)
  • El Correo de Galicia  órgano de la colectividad gallega en la República Argentina  Num. 715 (01/02/1920); Num. 935 (09/03/1924); Num. 940 (13/04/1924);
  • El regional  diario de Lugo Num. 12631 (19/07/1920)
  • La Región  diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos Ano XI Número 3221 - 10 de novembro de 1920
  • El Ideal gallego  diario católico, regionalista e independiente Num. 1462 (06/01/1922); Num. 1651 (10/12/1922)
  • Galicia  diario de Vigo Número 476 - 10 febreiro 1924; Número 490 - 27 febreiro 1924

venres, 21 de abril de 2023

O atentado cun cable telefónico en Pontevedra (1920)

16 de outubro de 1920

D. Valentín Muiños era un comerciante de Pontevedra que contaba cunha tenda de ultramarinos na praza de abastos de Valentín García, a carón da ponte do Burgo.

    Anuncio publicado en El Progreso : semanario independiente: Ano I Número 1 - 6 de outubro de 1907

Tenda de Valentín Muiños na guía telefónica da Compañía Peninsular de 1916 

Non sería na súa tenda, senón na súa casa onde se cometería o atentado. O sábado á noite, cando regresaba á súa casa na rúa de Borrón (hoxe nas proximidades da rúa Serra), diante da fábrica de curtidos de Echeverría,  alguén atou un cable telefónico á aldraba (chamador da porta) que estaba conectado as cables de electricidade de alta tensión que pasaban por esa zona. 

Ao volver coa súa familia desde o almacén, sobre as dez de noite, a súa empregada doméstica tocou o chamador para abrir a porta e recibiu tal descarga que foi despedida a varios metros de distancia. Despois, o Sr Muiños, que descoñecía a causa do suceso que lle aconteceu á súa empregada, pasaría por un transo similar tras tocar a peza metálica da porta. Noutra fonte apúntase que o Sr. Muiños xa coñecía antes, por un encargado de destribución da súa tenda, que fora pola tarde a súa casa, que alguén atara uns cabos á porta, pero o Sr. Muiños descoñecía que puideran ter electricidade.

Mapa da zona de localización do mercado e do Borrón, onde estaba a casa. Mapa IGN 1910


O xefe nocturno de garda, o señor Gamallo, que pasaba pola zona conseguiu soltar aos afectados, grazas ao calzado de goma que levaba. Tanto a empregada como o Sr. Muiños non sufriron danos graves. Apúntase que saltara un fusible no transformador, que ademais de provocar un apagado masivo, impediu a morte dos afectados. Parte da poboación quedou a escuras por un longo período de tempo. 

O concesionario da rede telefónica urbana, D. Manuel Corbal, visitou o lugar e confirmou que o cable telefónico era dos que utiliza na súa rede, polo que pode deberse a un roubo anterior. Os empregados da compañía eléctrica confirmaron que o modus operandi foi atar unha pedra ao cable e guindalo por riba dos cables de alta tensión para que fixera contacto. 

O xulgado exploraría quen foi o autor do atentado, aproveitando algunhas testemuñas, pero non aparecen referencias na prensa a futuras detencións. O Sr. Muiños declarou que non tiña sospeitas sobre os posibles autores, continuando a ser un comerciante de éxito nas décadas posteriores. 


Para saber máis:

  • La Integridad diario católico Num. 9154 (18/10/1920)
  • El Orzán  diario independiente Año III Número 809 - 22 de outubro de 1920
  • El Progreso  semanario independiente Ano XIV Número 2607 - 17 de outubro de 1920
  • La Región : diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos: Ano XI Número 3202 - 19 de outubro de 1920
  • Galicia nueva : periódico regional, primer diario de Villagarcía: Año XIV Número 5291 - 1920 octubre 19

luns, 17 de abril de 2023

1920: incremento de tarifas e queixas dos usuarios

A folga de telégrafos e teléfonos do 1919, tanto dos funcionarios coma dos traballadores da Compañía Peninsular de Teléfonos; así como o custe dos materiais (motivado pola guerra), as peticións das auxiliares femeninas e a presión das compañías, levaron ao goberno a decretar un aumento das tarifas dun 25% (real orde de 30 de xuño de 1920)

Inicio da Real Orde publicada na Gaceta de Madrid num 184 de 1920 de 2 de xullo

As queixas en Ourense

O caso máis salientable sería en Ourense, onde un grupo crítico (liderado por Francisco José Rionegro) co concesionario de teléfonos, que aplicara unha tasa de xeito irregular un ano antes, vería nesta nova suba o ingrediente necesario para crear un conflito de certo calado. 

O conflito dos timbres en Ourense (1919): https://telefoniagalicia.blogspot.com/2023/03/o-conflito-dos-timbres-no-urbano-de.html

A comisión de abonados visita os xornais da cidade, quedando constancia nas crónicas de La Región, onde trasladan o seu malestar co concesionario por non ter accesibles os locutorios telefónicos, non repartir as listaxes de abonados, non instalar teléfonos fora do nucleo urbano ou non atender peticións de novas altas. Comentan que cursarán a baixa no servizo, sendo o documento firmado por 134 abonados (que era unha maioría, xa que o total sería duns 220), incluindo a Sociedade Artística, Club Orensano, Correos, Hotel Barcelonesa e outras entidades de certa importancial.

O concesionario Manuel Corbal decide marchar da cidade cara Pontevedra, onde tiña o seu domicilio habitual. Ademais, impide que os traballadores recollan queixa algunha. A actitude de Manuel Corbal é calificada en La Ragión como propia de "picapleitos rural ou procurador de silveiras" i estar orientado a explotar aos ourensáns. 

Manuel Corbal contesta á solicitude comentando que a norma sae publicada na Gaceta de Madrid de 2 de xullo e que no resto de España non presentou queixa de ningún tipo e aproveita para mofarse dos firmantes "a súa vida parece fondamente perturbada por pequeñeces". Unha nova carta da comisión abonda na vontade da facer unha baixa masiva ou, no seu defecto, limitarse a pagar os prezos previos. Ten resposta tres semanas maís tarde polo concesionario, que apunta a persecución que está a sofrir e a vontade de botar a súa empresa como o concesionario, nunha sucia manobra.

Nota publicada en La Región, Ano XI Número 3171 - 1 de setembro de 1920

Neste caso, a diferencia do caso dos timbres, resultaría ser obligado cumprimento a suba dos prezos. A cruce de cartas extendeuse durante 3 meses ata chegar a un acordo. O 10 de outubro de 1920 a comisión convoca aos afectados na Camara de Comercio, que néganse a devolver os aparellos telefónicos sen unha petición xudicial e planificar unha reunión co gobernador civil. Tras esta reunión, fan unha con concesionario reclamando a extensión da rede ata 3km, dous locutorios (estación de tren e centro), listaxes de abonados antes de proceder ao incremento das tarifas, que non é aceptada polo concesionario, ao igual que mostrar as contas de servizo. Ante o resultado da reunión, a comisión presenta unha denuncia ao xefe de telégrafos.

O caso da estación de tren xa viña de 1919 cando un pequeno accidente na estación sacaría o debate da necesidade de dispor deste servizo.

La Región  diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos Ano X Número 2859 - 10 de agosto de 1919

O acordo final daríase público o 31 de outubro de 1920, onde a empresa comprométese a crear un locutorio público no centro da poboación (na Praza Maior, de ser posible) e outro na estación do tren; que no prazo  dun ano extenderá a rede ata 3 km; e ao reparto de listas de abonados. De non cumprir estas condicións a empresa devolvería as cotas adicionais cobradas. 

O locutorio na sede da central ábrese o 27 de novembro de 1920, mentres que na estación sería en xullo de 1921. A presión social tamén levaría a recibir unha visita do inspector de traballo, que deixa un resumo na prensa local.

La Región  diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos Ano XII Número 3349 - 16 de abril de 1921

En xaneiro de 1923 Manuel Corbal solicita a instalación dun novo locutorio na propia casa de concello, que recibe autorización.

En menor medida tamén no Ferrol creouse certo conflito xa que a Cámara de Comercio convocou unha reunión cos abonados, pero non trascenderon os resultados da mesma.

Tamén a comunicación do aumento en Santiago deu lugar a que o xornal El Eco de Santiago xulgara como "instalación deplorable, con mal material, postes endebles e distribución de fíos irracional" con problemas de interfonía, cortes, problemas no conexión co interurbano, etc. 


 Para saber máis:

  • La Región diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos Ano X Número 2859 - 10 de agosto de 1919; Ano XI Número 3146 - 3 de agosto de 1920; Ano XI Número 3147 - 4 de agosto de 1920; Ano XI Número 3150 - 7 de agosto de 1920; Ano XI Número 3151 - 8 de agosto de 1920; Ano XI Número 3166 - 26 de agosto de 1920; Ano XI Número 3171 - 1 de setembro de 1920; Ano XI Número 3173 - 3 de setembro de 1920; Ano XI Número 3176 - 7 de setembro de 1920; Ano XI Número 3178 - 8 de setembro de 1920; Ano XI Número 3198 - 3 de outubro de 1920; Ano XI Número 3203 - 9 de outubro de 1920; Ano XI Número 3204 - 10 de outubro de 1920; Ano XI Número 3205 - 12 de outubro de 1920; Ano XI Número 3206 - 13 de outubro de 1920; Ano XI Número 3208 - 15 de outubro de 1920; Ano XI Número 3212 - 30 de outubro de 1920; Ano XI Número 3213 - 31 de outubro de 1920; Ano XI Número 3236 - 28 de novembro de 1920; Ano XII Número 3349 - 16 de abril de 1921; Ano XII Número 3437 - 30 de xullo de 1921; Ano XIV Número 3824 - 10 de xaneiro de 1923
  • El Correo gallego  diario político de la mañana Ano XLIII Número 15329 - 28 de agosto de 1920; Ano XLIII Número 15335 - 5 de setembro de 1920
  • Boletín Oficial de la Provincia de Lugo Número 219 - 20 de setembro de 1920
  • El Progreso  diario liberal Año XIII Número 3954 - 26 de outubro de 1920
  • El Eco de Santiago  diario independiente Ano XXV Número 10163 - 13 de xullo de 1920; Ano XXV Número 10166 - 16 de xullo de 1920
  • La Zarpa diario de los agrarios gallegos Ano I Núm. 4 - 30 Xullo 1921
  • El Diario de Pontevedra  periódico liberal Ano XXXVIII Número 11193 - 14 de xullo de 1921
  • Faro de Vigo. 14 de xullo de 1921

O telegrafista espía da Coruña na I Guerra Mundial.

No 26 de novembro 1918, apenas quince días despois do fin da guerra, recíbese a queixa do embaixador de Estados Unidos sobre un empleado do ...