mércores, 10 de agosto de 2022

O primeiro conflito cos teléfonos: os postes dos Cantóns da Coruña

O primeiro conflito serio motivado pola instalación do servizo telefónico urbano foi en A Coruña, primeira rede urbana instalada en Galicia, entre Mariano Martín Villoslada, responsable do novo servizo telefónico e Nicandro Fariña, concesionario do servizo de subministro eléctrico a particulares desde o 29 de xullo de 1887, sobre a colocación e uso dos postes situados diante dos cantóns que recentemente instalara Nicandro e ao que quería ter acceso Mariano para o servizo telefónico.

Mariano presenta un escrito o 20 de decembro de 1888 no Concello de A Coruña, con selo da Compañía Telefónica del Cantábrico, no que comenta que ten necesidade de levar os fíos telefónicos polos cantóns e que recibira do concello o encargo de utilizar os postes que Nicandro tiña instalados nesa zona, aínda sen utilizar xa que a rede demorou tempo en ser instalada, pola negativa deste pola suposta incompatibilidade dos usos. 

O Arquitecto municipal Juan de Ciórraga prepara un informe para o alcalde o 29 de decembro onde comenta que non ve esa incompatibilidade entre ambas instalacións pero considera que non é un problema do concello ao tratarse de dúas compañías privadas. Recomenda, iso si, convocar unha comisión conxunta de policía e paseos e xardíns cos interesados para intentar reconducir a situación.

Cantóns de A Coruña. Detalle dos postes só para uso eléctrico, pasando o telefónico polos faiados das casas. Ano 1900. Arquivo do Reino de Galicia.



Á convocatoria do 15 de xaneiro de 1889 acude unicamente Mariano onde comenta que de non ter acceso aos postes terá que instalar o servizo con "palomillas" nas fachadas e faiados dos edificios dos cantóns. Explorada esta posibilidade atopou a oposición dos propietarios dos edificios 9-10, 23-24, 14 e 11-10 do Cantón Pequeno e do número 9 do Cantón Grande. A comisión acorda convidar aos propietarios a que acepten o paso dos fíos por baixo das repisas dos balcóns e galerías ou polo faiado dos edificios. Non caso de non aceptar esta proposta serán instalados postes diante das vivendas, por mais que prexudique ao ornato público.    

Adicionalmente, obriga a Nicandro Fariña a dar uso aos postes instalados nos cantóns nun prazo de dous meses ou forzará a súa retirada vía resolución da concesión. Nicandro, consignatario e propietario dunha empresa gasística, tivera a concesión para o servizo eléctrico o ano 1887 baseado nunha máquina de vapor. As oficinas da consignataria foron as primeiras en utilizar o subministro eléctrico.

Cantóns desde Praza de Mina. A Coruña. Detalle dos postes só para uso eléctrico (esquerda) e outros para telefonía (dereita). Ano 1900. Arquivo do Reino de Galicia.



O dítame da comisión lévase, a través do alcalde accidental Juan Antonio García Collazo, ao pleno do 28 de xaneiro, onde un concelleiro indica que tiña novas de que chegaran a un acordo os Sres. Fariña e Villoslada sobre a utilización dos postes. Así, Nicandro cede os postes e Mariano conecta as tres liñas particulares de Nicandro á rede, pagando como se unicamente tivera unha. Nicandro Fariña solicitara, en Outubro de 1887, autorización para establecer unha rede telefónica entre as oficinas da rlaza de Ourense nº5 (sede onde tiña a turbina eléctrica), Sánchez Blécua nº 4, Juana de Vega nº 9 e Rúa Real nº 53. 


Acordo entre os Sres Fariña e Villoslada. La Voz de Galicia. 2 de febreiro de 1889
 

Para saber mais: 

  • Expediente da policia de comodidad do Concello de A Coruña do ano 1888. Arquivo municipal de A Coruña. Exp. 129/1888
  • Diario de Avisos de La Coruña. Número 8864. 19 de outubro de 1887; Ano XIX Número 9942 - 7 de novembro de 1890
  • La Voz de Galicia. 11 e 30 de xaneiro e 2 de febreiro de 1889

    sábado, 6 de agosto de 2022

    A Coruña: o proxecto fallido de rede municipal de 1886

     O pleno do 11 de xaneiro de 1886 os concelleiros Sres. Juan E. Pan e Jose Quiroga, do Concello de A Coruña, presentan unha moción para conseguir o establecemento dunha central telefónica na casa consistorial para poder recibir as notificacións de calquera sinistro na cidade (principalmente incendios) ou outros usos que puideran ser de interese público. A idea sería que desa central saísen dous fíos condutores, un aos arrabaldes de Santa Lucía e outro na cidade vella (chamada Cidade Alta naquel momento).  

    Plano da cidade de 1910. Revisado por Sixto Vizcaíno e o Concello de A Coruña. Instituto Geográfico Nacional

    Jose Quiroga, que debe tratarse do ex-marido de Emilia Pardo Bazán, reclama que se trate con carácter urxente nunha comisión específica pero, tras a contribución do Sr. Mayor Rivas, decídese que a proposta sexa analizada na comisión de fomento coa participación de ambos señores, para analizar o proxecto e conseguir a aceptación do goberno central sobre esa instalación.

    Naquel momento a cidade contaba unicamente co teléfono privado do recentemente falecido Sr. Rubine o, probablemente, a liña privada do Sr. Cervigón, polo que se trataba dunha innovación relevante por parte destes dous concelleiros. O Diario de Avisos do 13 de xaneiro indica que as únicas cidades que contan con teléfonos para notificacións de incendios son Madrid e Barcelona e rogas as concelleiros que apoien esa proposta. 

    La Voz de Galicia do 16 de xaneiro fala de sete estacións (teléfonos) municipais en lugar de dous, tras ter noticias da comisión do fomento. No seguinte pleno municipal, do 18 de xaneiro dáse conta da reunión desa comisión, onde tras analizar o Real Decreto de 11 de Agosto de 1884 e obter a opinión do arquitecto municipal, deciden enviar unha instancia de solicitude ao Director Xeral de Correos e Telégrafos vía o Gobernador da provincia. As sete localización estarían indicadas nun plano que non se conserva actualmente. 

    O Sr. Jose Quiroga reclamaba a urxencia do proxecto para contribuír a sufocar posibles incendios. Pola contra, o Sr. Mesa indicaba que non tiña tanta urxencia e requería unha maior análise. Pasouse a votación e gañou a postura do Sr. Mesa:

    Non urxente:

    • Juan Mesa Rodríguez
    • Segundo Pintado Cervigón
    • Benigno Morodo Gómez
    • Pablo Ibáñez Godó
    • Juan Antonio Garcia Collazo
    • Ricardo Vidal Alonso
    Urxente:
    • Joaquín de la Torre Morales
    • Ramón Carreras Presas
    • Jose Quiroga Pérez
    • Alejandro Brandao Piñeiro
    • Juan E. Pan de Soraluce

    Retrato de José Quiroga Pérez. Fotógrafo L. W. Kurtz. Depósito da Real Academia Galega. Ano 1870 a 1873

    No  seguinte pleno, do 25 de xaneiro de 1886 indícase que debe solicitarse ao Director Xeral de Correos e Telégrafos a exención de todo gravame sobre a explotación desa rede. A estimación económica do custe de instalación é de 840 pesetas, adicionais ás 287,70 pesetas do custe das casiñas de madeira para cada teléfono. 

    O Sr. Mesa indica que o mais rápido o aviso por parte dos gardas municipais e serenos, utilizando os asubíos, do que pode conseguir o sistema telefónico, polo que solicita a retirada da proposta. O Sr. Quiroga rebate que por teléfono pode darse información precisa sobre a tipoloxía do suceso, aportando, por exemplo, información de se está a ocorrer un evento no mar. Unha vez debatido procedeuse á votación:

    En contra do proxecto:

    • Juan Mesa González
    • Segundo Pintado Cervigón
    • Pablo Ibáñez Godó
    • Alejandro Brandao Piñeiro
    • MAnuel Martínez Pérez
    • Canuto Berea Rodríguez
    • Juan Antonio Garcia Collazo
    A favor do proxecto:
    • Jose Quiroga Pérez
    • Juan E. Pan de Soraluce
    • Ricardo Vidal Alonso
    • Juan Arias Taracido
    • Francisco Sevilla García
    • Saturnino Alonso López
    • Juan Aler Rey
    Empatada a votación procederase a repetir a mesma na seguinte sesión. O Diario de Avisos do 28 de xaneiro fai unha crítica mordaz ao Sr. Mesa.

    O 1 de febreiro repítese a votación desaprobando o proxecto por nove votos contra oito, quedando finalmente descartado:

    En contra do proxecto:

    • Juan Mesa González
    • Manuel Lamela Greque
    • Mayor Rivas
    • Segundo Pintado Cervigón
    • Pablo Ibáñez Godó
    • Francisco Leal Campos
    • Alejandro Brandao Piñeiro
    • Canuto Berea Rodríguez
    • Juan Antonio Garcia Collazo
    A favor do proxecto:
    • Jaime Casanova Mirabent
    • Joaquín de la Torre Morales
    • Carreras Presas
    • Jose Quiroga Pérez
    • Juan E. Pan de Soraluce
    • Juan Arias Taracido
    • Saturnino Villelga García
    • Luis Yllá Acosta

    La Voz de Galicia, que se mostraba independente sobre a proposta, ao non darlle especial relevancia, cualifica a actitude dos opositores ao proxecto como "obedecendo a pasións de baixa estofa". Refire que os concelleiros "coa súa ignorancia" aplicaron a sentencia "o que non ten opinión propia contradí aos que si a teñen" e menciona unha circular do Sr. Mesa aos concelleiros para que non asistisen ao pleno para que o proxecto fora desestimado, pechando o artigo co cualificativo de "ineptos" aos opositores ao proxecto.

    Para saber máis: 

    • Diario de sesións do pleno municipal de A Coruña:  11, 18 e 25 de xaneiro e 1 de febreiro de 1886
    • Diario de Avisos númoer 8467, 8482 e 8490 de 13 e 28 de xaneiro e 5 de fereiro de 1886
    • La Voz de Galicia: 16 de xaneiro e 4 de febreiro de 1886
    • Boletín Oficial da Provincia de A Coruña. Número 180. 9 de febreiro de 1886

    Tarefas pendentes:

    - Atopar o plano das sete estacións telefónicas no arquivo municipal de A Coruña

    luns, 1 de agosto de 2022

    A telefonía urbana en Lugo (1900 - 1922)

     A última cidade en ter teléfono urbano en Galicia foi Lugo, xa no ano 1917. Foi a única que non tivo concesionarios privados, dado que foi construída polo corpo de Telégrafos ata o paso á Compañía Nacional de Teléfonos de España en 1924. Repasemos o proceso de creación desta rede urbana.


    O 10 de xaneiro de 1900 publica o diario El Regional un artigo sobre o teléfono, onde falaba de que as dúas sociedades explotadoras da electricidade que existían na cidade debían adicar certos esforzos á construción dunha rede para a prestación do servizo de telefonía, como xa contaban Vigo ou A Coruña desde hai anos. Argumentábao indicando que centros de recreo, hoteis, administracións públicas, etc, xa serían uns trinta abonados fixos e que con oitenta de seguro que sería rendible. Así, bastaría con involucrar a banqueiros e comerciantes para acadar esa cifra.

    Esa proposta sería recollida noutras cabeceiras da cidade, falando do interese suscitado na sociedade lucense. En El Correo de Lugo do 31 de xaneiro de 1900 se comenta que esta idea non é nova, xa que unha persoa xa estaba traballando nela (sen citala).


    Foto Marín. Lugo. Muralla. 1928. Fundación Telefónica.


    Un ano mais tarde, o 15 de xaneiro de 1901, pregunta El Regional polo suposto interese que existía, e intenta axilizar para ser a cuarta cidade de Galicia, xa que Santiago de Compostela xa incorporara ese servizo.

    O 23 de febreiro de 1905 publica El Correo Gallego como varios accionistas da Eléctrica Lucense pensan establecer o servizo telefónico urbano, polo que teñen a intención de circular boletíns de subscrición para analizar a viabilidade do proxecto. Non se volven ter mais noticias deste proxecto.

    Non existen novidades ata 1913, onde El Norte de Galicia publica que ían comezar os traballos do teléfono urbano en breve.  Pode que se tratara do concesionario de Ferrol, xa que La Idea Moderan indica o 27 de Maio de 1914 que tanto un representante dese concesionario como o director técnico estaban a facer os estudos necesarios para a instalación. Este medio da incluso un prezo de referencia para a subscrición mensual por 8 pesetas.  Esta nova iniciativa tamén fracasou.

    A aposta pola Compañía Peninsular de Teléfonos

    En Outubro de 1914 a rede interurbana xa estaba en construción o que levou a Cámara de Comercio de Lugo a falar coa Compañía Peninsular de Teléfonos, adxudicataria desa rede que uniría as principais cidades nun futuro, para que asumisen tamén o servizo urbano, como xa facían noutras zonas do Estado. A Cámara comeza a circular boletíns de subscrición cun custe mensual de 7,50 pesetas, sendo a instalación de balde.

    En Novembro incítase na prensa a inscribirse para alcanzar o número mínimo de subscritores, que a compañía fixaba en 100. A intención da Cámara de Comercio é enviar esa listaxe xunto cun plano das localizacións á compañía para facilitar a posta en marcha da rede. O 4 de decembro de 1914 publica El Regional a primeira lista de 77 subscritores que se publica como anexo. A prensa recolle que se enviaron 110 mostras de interese, pero que a Compañía Peninsular de Teléfonos pedira 20.000 pesetas para acometer a instalación  que non estaban previstos na súa petición orixinal, causando unha gran indignación na Cámara de Comercio

    A implantación por parte de Dirección General de Comunicaciones

    En febreiro de 1915 o deputado D. Emilio Tapia recibe, do director xeral de Comunicacións, o Sr. Emilio Ortuño, a vontade de establecer o servizo telefónico usando o corpo de telégrafos. Esto foi froito dunha proposta para levar a telefonía a vilas de certo tamaño (maiores de 20.000 habitantes) e capitais de provincia que quedaran á marxe das iniciativas privadas, do que tamén se beneficiarían Ponteareas, Tui e outras capitais de distrito en Galicia. O resto das principais cidades xa contaban con ese servizo, nalguns casos (Vigo e Coruña) desde hai mais de 25 anos. 

    Sede de telégrafos diante do Banco de España. Plano de Lugo. 1918. Benito Chías e Sixto Vizcaino. Alberto Martín Editor, Barcelona. Vía Instituto Geográfico Nacional



    O local destinado ao servizo será na oficina de telégrafos, na rúa Castelar (hoxe rúa do Teatro) habilitando un local na parte posterior para oficina e telégrafos.  Aproveitase para limitar a área que cubrirá o servizo, marcando como límites a escola de Piugos, a Tolda, o alto de Garabolos, a fábrica de xabróns do Sr. Pillado, e o campo de tiro. O 8 de xullo chega a aprobación do proxecto por parte do director xeral de comunicacións. Xa en agosto dáse conta da recepción de boa parte do material.

    A existencia previa do servizo interurbano en Lugo levou a ofrecer a posibilidade de subscribirse só para chamadas urbanas ou dar a posibilidade de ter chamadas interurbanas, xa que se faría unha interconexión con este servizo. Neste caso o dispositivo telefónico sería diferente. En xaneiro de 1916 publícanse as tarifas, que son as mesmas para todas as cidades onde o servizo se presta polo corpo de telégrafos, pasando de 4 pesetas ao mes para particulares a 10,40 pesetas no caso de restaurantes ou estacións de trens, mentres o servizo sexa de 7 a 22h. Se pasara a ser permanente podería incrementarse nun 20%.

    A construción da rede vaise adiando en 1916, polo que o alcalde de Lugo, o Sr. López Pérez, visita ao novo director de comunicacións, D. Francos Rodríguez, en xaneiro de 1917. En marzo xa estaban construídas as arteiras norte, a da saída pola rúa da Estación e pola rúa San Marcos, as máis próximas a central telefónica. O xefe de liña, o Sr. Emilio Novoa González, achaca as demoras á resistencia dos veciños en aceptar a colocación de "palomillas" (soportes para os ailladores que permiten tirar o fío telefónico) nas fachadas das súas vivendas, especialmente na zona da praza de Santo Domingo e praza Maior. O 23 de abril de 1917 xa unha parte dos abonados pode utilizar o servizo.

    A inauguración celébrase o 1 de xuño de 1917, de xeito discreto ao estar en obras aínda na central de telégrafos. A prensa agradece ao xefe de liña  e o xefe de telégrafos, o Sr. Enrique Bolaño, a súa adicación.  Publícanse as listaxes con 92 abonados, que se irán sumando mais nas seguintes datas mediante actualizacións na prensa (p.e o 30 de xullo xa figurarían 121 abonados). A mesma prensa recolle a necesidade de que facilitadores de servizos como as empresas de electricidade, policía de vixilancia, garda municipal, balneario, bombeiros, centros eclesiásticos etc. que non aparecen na primeira lista se sumen ao servizo para poder recibir notificacións dos abonados e incrementar o valor do servizo.

    Construíuse unha torre hexagonal de ferro con capacidade para 460 abonados deseñada para soportar o peso ante inclemencias meteorolóxicas. Emilio Novoa, o xefe de liña nese período, publicou informacións na prensa con datos técnicos. Emilio sería un impulsor da profesión de enxeñería de telecomunicacións e un gran referente. Recentemente (2021) conta cunha excelente biografía realizada por Olga Pérez Sanjuán,(ver sección para saber máis).

    Foto Marín. Lugo. Templete da central, hoxe na rúa do Teatro. 1928. Fundación Telefónica.


    Complementando o servizo nos domicilios existía un locutorio público na sede de telégrafos, cun custe de 0,20 pesetas por cada tres minutos ao que tiñan acceso gratuito os abonados. Outro servizo interesante para os abonados era poder ter notificacións da hora de chegadas dos trens ou cotizacións en bolsa por tres pesetas mensuais (limitado a un reporte diario).

    Os problemas no servizo

    A prestación do servizo por parte do persoal do corpo de telégrafos, que tamén se daba en outras localidades como Ponteareas ou Tui, pasou a ser un problema en Lugo pola falta de persoal suficiente. A prensa local fíxose eco desa situación e comezou unha campaña para recabar maiores recursos dando conta dos grandes ingresos que recibían por parte dos abonados. En febreiro de 1918 reclámase persoal feminino, que se estaba formando na escola de Madrid nese momento.

    Enrique Bolaño, xefe de telégrafos, informa o 3 de xaneiro de 1918 que algúns abonados están sufrindo problemas no servizo derivados da negativa do Hotel Oriental a permitir o acceso ao faiado para facer esas reparacións.  O hotel estaba disconforme porque a estructura montada estaba prevista para seis u oito fíos pero levaban conectados máis de sesenta i estaban preocupados por se podía danar a estructura. Esto obriga a cambiar a numeración de certos usuarios.

    Ante as queixas de algúns abonados, que organizan incluso unha reunión o 27 de xuño de 1918, o inspector D. Miguel Vila Barraqué visita Lugo a finais de outubro de 1918 e comprométese a investir en novos equipos e tentar chegar a vilas próximas. Tamén pídese que o servizo sexa permanente. O xefe de telégrados, Enrique Bolaño, envía á prensa un comunicado indicando que precísase que máis da metade do abonados estén interesados nese servizo e que deben notificalo por escrito aceptando a sobrecuste do mesmo. 

    Un novo conflito xurdiría en decembro de 1918 xa que o propietario do inmoble que aluga ao servizo telefónico quere subir as tasas e vense na obriga de sacar un concurso para o aluguer dun novo inmoble, que sae publicado o 11 de febreiro de 1919 polo xefe Enrique Bolaño, aínda que non queda constancia de que este cambio se realizara.

    Os problemas para colocar palomillas obriga a propoñer a instalación de tres postes na praza da Santo Domingo,na esquina da rúa San Marcos; na rúa Manuel Becerra e onde se une a rúa de Armañá coa Praza de Santo Domingo. O concello pide a conformidade  en xullo de 1920 da policía local, que non autoriza o da rúa Becerra e da autorización provisional ao resto. Curiosamente en decembro de 1920 desaparece un poste, o da praza de Santo Domingo, que recibira queixa por non cumprir un mínimo de ornato.

    Novas queixas en decembro de 1919

    O ano 1919 pecharíase con fortes queixas por parte de abonado sobre a calidade do servizo. O 30 de decembro organízase unha reunión no Círculo das Artes onde un grupo confirma que non van a pagar os abonos e deciden enviar unha misiva ao ministro de Gobernación y ao director xeral de Comunicacións, ademáis de manter reunións co alcalde, gobernador civil e presidente da cámara de comercio.

    O 1 de xaneiro de 1920 a maior parte dos abonados presentan a baixa no servizo, fartos dos problemas de calidade (o teléfono do hospital non funciona; é necesario chamar varias veces á central para comunicar, perdendo ata 15 minutos; etc.) relacionados coa falta de persoal do corpo de telégrafos para atender o servizo. A prensa menciona a reducción de dúas auxiliares a só unha para atender o servizo.

    El norte de Galicia diario político y de información Num. 5635 (07/01/1920)

    O inspector D. Enrique Utiniaga, tras chegar as noticias da baixa masiva á Dirección de Comunicacións, visita a cidade i entrevístase coa traballadores, abonados e a prensa. As queixas dan resultado e asignar máis persoal feminino á central que chega no mes de marzo (aparecen mencionadas na prensa Araceli Jiménez Zurbano, Emilia López Saavedra ou Josefina Peláez López, esta en 1922). O xefe de sección, Manuel Ballesteros, comunica que os que notificaron a baixa que non volvan pagar o servizo terán consideración de baixa definitiva.

    A crónica de 1922

    El Progreso recolle esta curiosa crónica dunha visita a central telefónica e que ocorre coa telefonista.


    El Progreso  diario liberal Año XV Número 4583 - 9 de novembro de 1922



    Para saber mais: 
    • El Regional: 10 de xaneiro de 1900; 15 de xaneiro de 1901; 27 de outubro de 1914; 20 e 27 de novembro de 1914; 4 de decembro de 1914; 4 de xaneiro de 1916; 1 de agosto de 1916; 12 de maio de 1917; 5, 9 e 28 de xuño de 1917; 13 de agosto de 1917; Num. 13105 (17/01/1922); Num. 13108 (20/01/1922); Num. 13564 (07/06/1922)
    • La Idea Moderna: 24 de xaneiro de 1900; 27 de maio de 1914; 30 de outubro de 1914; 10, 20 e 27 de novembro de 1914; 8 y 9 de febreiro de 1915; 8 de xullo de 1915; 21 de agosto de 1915; 4 de setembro de 1915; 26 de novembro de 1915; 27 de abril de 1917; 28 de maio de 1917; 1 e 4 de xuño de 1917; 29 de setembro de 1917; 19 de decembro de 1917;  Num. 8136 (03/01/1918); Num. 8148 (17/01/1918); Num. 8384 (13/11/1918); Num. 8438 (23/01/1919) 
    • El Correo de Lugo: 25 e 31 de xaneiro de 1900
    • Gaceta de Galicia: 26 de xaneiro de 1900
    • El Correo Gallego: 23 de febreiro de 1905; Ano XLI Número 14659 - 27 de xuño de 1918
    • El Norte de Galicia: 30 de setembro de 1913; 26,27 e 31 de outubro de 1914: 27 de novembro de 1914; 9 de febreiro de 1915; 18 e 25 de Marzo de 1915; 23 de xullo de 1915; 30 de xaneiro de 1917; 4 de abril de 1917; 31 de maio de 1917; 2 de xuño de 1917; 17 e 19 de xullo de 1917; 13 e 18 de agosto de 1917; 11 de setembro de 1917;  Num. 5029 (11/06/1918); Num. 5161 (12/02/1919); Num. 5185 (17/03/1919); Num. 5635 (07/01/1920); Num. 5645 (19/01/1920); Num. 5538 (09/08/1920)
    • La Voz de la Verdad: 26 de outubro de 1914; 20 de novembro de 1914; 10 de febreiro de 1915; 12 de xuño de 1915; 10 e 30 de marzo de 1917; 10 e 23 de abril de 1917; 11 de maio de 1917; 18 de xullo de 1917; Ano VIII Número 2855 - 13 de novembro de 1918; Ano VIII Número 2883 - 16 de  decembro de 1918; Ano IX Número 3200 - 31 de decembro de 1919;  Ano X Número 3207 - 12 de xaneiro de 1920; Ano X Número 3256 - 10 de marzo de 1920; Ano X Número 3350 - 5 de xullo de 1920; Ano X Número 3374 - 2 de agosto de 1920; Ano XII Número 3942 - 6 de xuño de 1922
    • La Correspondencia Gallega: 30 de outubro de 1914; 5 de maio de 1916; 16 de xullo de 1916
    • La Región: 31 de outubro de 1914
    • El Correo de Galicia: 9 de agosto de 1915; 19 de xaneiro de 1916; 2 de abril de 1917
    • El Progreso: 24 de maio de 1917;  Ano XII Número 2092 - 26 de outubro de 1918
    • Boletín Oficial de Provincia de Lugo: 24 de xuño de 1915; 3 de xullo de 1915; 4 de setembro de 1915; 14 de febreiro de 1919.
    • El Noroeste: Año XX Número 9496. 24 de xullo de 1915; Ano XXIII Número 10272 - 14 de xaneiro de 1918
    • Historia de una profesión. Biografía de Emilio Novoa. Autora: Olga Pérez Sanjuán. COIT. 2021.
    • El Progreso  diario liberal Ano XI Número 3099 - 3 de xaneiro de 1918; Ano XI Número 3100 - 4 de xaneiro de 1918; Ano XI Número 3115 - 22 de xaneiro de 1918; Ano XI Número 3139 - 20 de febreiro de 1918; Ano XI Número 3142 - 23 de febreiro de 1918;  Anno XI Número 3176 - 5 de abril de 1918; Ano XI Número 3339 - 19 de outubro de 1918;  Ano XI Número 3342 - 23 de outubro de 1918;  Ano XI Número 3360 - 14 de  novembro de 1918; Ano XII Número 3461 - 18 de marzo de 1919;Ano XII Número 3704 - 30 de decembro de 1919; Ano XIII Número 3706 - 1 de xaneiro de 1920; Ano XIII Número 3721 - 18 de xaneiro de 1920; Ano XIII Número 3761 - 5 de marzo de 1920; Ano XIII Número 3858 - 4 de xullo de 1920; Ano XIII Número 3879 - 29 de xullo de 1920; Ano XV Número 4331 - 21 de xaneiro de 1922; Ano XV Número 4583 - 9 de novembro de 1922
    • La Voz de Galicia: 18 de decembro de 1918
    • El Ideal gallego  diario católico, regionalista e independiente Num. 888 (31/12/1919)
    • El Diario de Pontevedra : periódico liberal: Ano XXXVII Número 10728 - 5 de xaneiro de 1920
    • El Orzán diario independiente Año III Número 603 - 1 de xaneiro de 1920
    • El Eco de Santiago  diario independiente Año XXV Número 10266 - 3 de xaneiro de 1920

    Tarefas pendentes: 
    • Consultar o arquivo do Concello de Lugo incluido o libro de actas do pleno municipal
    • Localizar listas con abonados ao servizo, xa que a primeira guía conservada é de 1928.


    ANEXO

    Lista de interesados no servizo a 4 de decembro de 1914.
    • Deputación provincial
    • Concello
    • Julio Núñez
    • Eduardo Prieto Rivera
    • Pedro Romero e irmáns
    • Emilio Tapia
    • Hotel Méndez Núñez
    • Sergio Rivera
    • Augusto Pozzi
    • Pujol y Arriaga
    • Cárcere do partido
    • Angel López Pérez
    • La Hispano Belga
    • Gran Clínica Veterinaria
    • Jose Gayoso Castro
    • Colexio "El Progreso"
    • Circulo das Artes
    • Salvador Castro Freire
    • Travadelo e Compañia
    • Banco de España
    • Ramón Saavedra
    • Julio Iglesias Fariña
    • Souto Montenegro y Pedrosa
    • Casino
    • Pedro Irizar
    • Carlos Alonso
    • Germán Alonso
    • Demetrio Alvarez
    • Agustín Pita
    • Hipólito Pliado
    • Lugo Salón
    • Fulgencio Manso
    • Gerardo Castro
    • Jesús Bal
    • Juan Núñez taller de mecánica
    • Germán Pérez Peña
    • Rogelio Nondedeu
    • Cooperativa militar e Civil
    • Goberno militar
    • Ofinas de obras públicas
    • Antonio Fernández
    • Antonio Pardo y Pardo
    • El Norte de Galciia
    • Delegación de Facenda
    • Alejo Madarro
    • Economato Civico Militar
    • Jose Herrero Lobejón
    • Tomás Pérez Carro
    • Manuel PArdo Becerra
    • Goberno Civil
    • José Páramo
    • Honorio Manso
    • Juan Manuel Pardo y Pardo
    • Viuva e fillos de Jose Sánchez
    • El Progreso
    • H Vera
    • Academia de Nosa Señora dos Ollos Grandes
    • El Regional
    • La Voz de la Verdad
    • Ilmo Señor Bispo
    • Destacamento de reximento de Zamora
    • Viuva de Peche
    • Reverendos PP Franciscanos
    • Hotel La Oriental
    • Xefe de suministros da praza
    • Hotel Comercio
    • Empresa de Augas
    • Audiencia Provincial
    • Oficinas do servizo agronómico
    • Campo de experimentación agrícola
    • Instituto de segunda ensinanza
    • Constantino Velarde
    • Estación de Ferrocarril
    • Camara de Comercio
    • Jesús Rodríguez López
    • Empresa arrendataria de consumos
    • La Idea Moderna

    mércores, 27 de xullo de 2022

    Telefonía municipal no mapa telegráfico de 1899


    O primeiro mapa de España que incluía as estacións telefónicas conectada á rede de telegrafía da Dirección General de Correos y Telégrafos foi publicada o 1 de xaneiro de 1899. Ten un foco na rede telegráfica, indicando a tipoloxía dos fíos, se van pola redes de estradas o do ferrocarril, así como a distancia dos enlaces e a numeración de cada un. Cumpre salientar que todos os fíos de telegrafía en España tiñan un código de tres cifras dependendo das características do mesmo.

    Este mapa inclúe tanto estación dependentes da rede pública como outros que foron construídas polos concellos, sendo a maior parte das mesmas estacións telefónicas e non telegráficas. Curiosamente, onde o servizo non era crítico utilizábase o teléfono. Tiña un custe menor, maiores facilidades de uso e sen problemas de repartición dos enlaces, xa que eran dedicados ata unha poboación próxima (conectada á rede de telegrafía). Así, se un concello quería promover este servizo tiña que pedir autorización á Dirección de Correos e Telégrafos, contruír a rede e facilitar dispositivos telefónicos nos dous extremos.  Reducía o esforzo de contar con ordenanzas que se desprazaran grandes distancias para o envío das mensaxes a recibir ou enviar polo telégrado.

    No mapa aparecen 18 estacións municipais, sendo 17 (todas agás Porto do Son) telefónicas (non telegráficas). Houbo outras que pecharon antes da data de publicación do mapa e outras que pasaron a ser parte da rede xeral (como é o caso de Chantada), que case ocupada todos os partidos xudiciais, agás Arzúa (sen servizo), Ribeira e Bande (ambos con estacións municipais). 



    Mapa Telegráfico. 1 de xaneiro de 1899.

    Estas dezasete estacións repártense por todas as provincias, pero cunha maior concentración en Pontevedra, por ser a provincia con maior densidade poboacional. As estacións serían:

    A CORUÑA

    Con Corcubión:
    • Cee: Sen referencias na prensa
    Con A Pobra do Caramiñal:
    • Ribeira: Inaugurado o 1 de setembro de 1893

    LUGO

    Con Viveiro:
    • Celeiro: aprobada pola Dirección Xeral de Correos e Telégrafos do 9 de agosto de 1893, sendo xefe de Correos e Telégrafos nesa vila Esteban Nieto. Abriuse o 11 de outubro de 1893, unha vez se recibiran os equipos telefónicos.
    • O Vicedo: publicado o 19 de setembro de 1894, cun proxecto encargado a Miguel Gatá.

    OURENSE

    Con Celanova:
    • Bande: Tras a publicación do proxecto o 26 de xuño de 1892, o 25 de setembro notifícase a apertura da estación telefónica. Lamentablemente non foi así e o 2 de Outubro coméntase que se está a agardar aínda pola orde da Dirección General de Comunicaciones, xa que os equipos e liña xa estaban instalados.  O 3 de marzo de 1893 denúnciase na prensa o corte do arame. O 11 de setembro de 1897 indícase na prensa que a estación leva máis dun ano sen funcionar.
    Con A Gudiña:
    • Viana do Bolo: En 1892 fálase da construción da rede ata O Barco, aparecendo novas da inauguración o 9 de Outubro. Antes, no mes de xullo aparecera na prensa novas relativas a cortes na liña en construción. En 1895 recóllense na prensa cortes no servizo e parece descartarse esa rede.  En 9 de Xaneiro de 1896 obtense do director de Correos e Telégrafos a aceptación de construír a rede a A Gudiña, que é a única que consta no mapa telegráfico.
    PONTEVEDRA

    Con A Guarda:
    • O Rosal: sen referencias na prensa
    • Pasaxe de Camposancos: sen referencias na prensa
    Con Baiona:
    • Gondomar: Estreado o 11 de Febreiro de 1892, baixo a iniciativa do farmaceutico de Gondomar D. Sergio Espinosa Baladrón, que deberon pasar a titularidade pública antes da publicación do mapa. Volve a aparecer mencións en 1921, cando se suspende o servizo por razóns descoñecidas, que estaba en mans do concello, aínda que ata aquel momento atendido polas "señoritas de Espinosa".
    Con Bueu:
    • Cangas: inaugurado o 1 de Outubro de 1892, sendo alcalde Manuel Sequeiros y grazas á proposta do deputado polo distrito, o señor Vincenti.
    Con Vilagarcía de Arousa:
    • Vilaboa, Vilaxoán, Vilanova de Arousa: conectadas en liña as tres estacións segundo o mapa. Baixo a iniciativa municipal en xaneiro de 1896, aparece un artigo na prensa o 4 de xullo onde se indica que o xefe de telégrafos D. Enrique Romero elaborara o proxecto en nestas datas xa estaría pendente de inaugurar, tendo grande interese para a industria salazoneira.
    Con Caldas de Reis:
    • Cuntis: o concello solicitou a construcción da rede en marzo de 1995, saíndo a concurso e sendo adxudicada a Antonio Rivas, quedando aberta o 28 de xullo de 1995.
    Con Silleda:
    • Bandeira: proxecto publicado o 3 de febreiro de 1995.
    Con Lalín:
    • Carbia (agora Vila de Cruces): O concello de Carbia remitiu ao goberno civil un proxecto para instalación dunha rede telefónica con Lalín, como aparece recollido en prensa no 2 de setembro de 1994. No 6 de novembro xa consta como instalada e coméntase a celebración dunha festa, banquete e discursos. 
    • Agolada: o 6 de novembro de 1994 aparece na prensa a intención de conectar Agolada e outras vilas do partido xudicial a Lalín. O proxecto envíase ao goberno civil en marzo de 1996, quedando aberto ao público o 8 de xuño de 1996. A instalación contara cunha subvención do goberno provincial de 1000 pesetas.



     Mapa Telegráfico. 1 de xaneiro de 1899.


    venres, 22 de xullo de 2022

    O crime da central telefónica de Ourense

    O 28 de Xullo de 1916, Braulio González González, 26 anos, natural de Valderas (León), recibe un telefonema, unha mensaxe anónima desde Vigo que di "Acude conferencia 12:30. Garda absoluta reserva. Abelardo".

    Ao día seguinte preséntase na oficina de teléfonos interurbanos da Compañía Peninsular de Teléfonos, situada na rúa Pereira de Ourense, hoxe na Praza de Bispo Cesáreo 17, servizo que fora inaugurado dous anos antes. O director, Eladio Sanz Bermejo, advírtelle de que por mor dunha avaría técnica nos fíos non pode facer esa chamada ata ás 20h. 

    Fotografía de Mundo Gráfico do 5 de Xullo de 1916

    A esa hora volve e se atopa unicamente con Eladio na oficina. Este pásao a un locutorio, onde volve fallar o teléfono, e logo á oficina do telegrafista. Aí aproveita para darlle un golpe na cabeza cun pico de canteiro para intentar matalo. Braulio queda tan so ferido e, entre gritos de "que me matan", logra escapar e pedir auxilio na rúa. Eladio, acurralado, decide pegarse un tiro na sen dereita cunha pistola que levaba no peto. 

    Braulio salva a vida tras ser levado nun primeiro momento á farmacia de Ramos, na mesma praza onde é atendido polo enfermeiro Manuel Quesada que se atopaba na zona de xeito casual e, con posterioridade, ao hospital. Tiña unha ferida de 5cm no occipital esquerdo. Eladio, pola contra, perdeu a vida dúas horas máis tarde na propia estación telefónica, deixando muller e fillos. Apareceu no chan da propia estación cos brazos en cruz, onde foi atendido por algúns médicos.

    A motivación do intento de asasinato fora o roubo. Eladio, o director, era unha persoa sociable e simpática, habitual de apostas e xogos, en círculos e clubs da cidade, aos que acudira a apostar con diñeiro da propia estación. A necesidade de entregar ese diñeiro á compañía a final de mes motivou que invitara a Braulio, cunha mensaxe ficticia, para asasinalo e roubarlle o diñeiro. Braulio presentouse con 5.475 pesetas da época, xa que era prestamista xestionando ruletas de xogo. Enténdese que Eladio e Braulio eran coñecidos e o diñeiro desas apostas acabar parcialmente nas mans de Braulio.

    Eladio preparara un foso de metro e medio no soto das oficinas. Encargara esa construción a dous novos ordenanzas da estación, aducindo que sería utilizado para unha ampliación dos cables telefónicos. Ese soto estaba alugado a un bar próximo (o Café Moderno) como almacén de bebidas, polo que apenas era utilizado e dificilmente sería atopado Braulio. 


    Buraco construido no soto. Fotografía de Mundo Gráfico do 5 de Xullo de 1916. Foto Salazar

    Eladio deixarase ver pouco antes no club, para mostrar certa normalidade, e mandara facer recados ós ordenanzas, para poder estar só á hora acordada con Braulio. Eladio xa debía coñecer as relacións de Braulio cun Abelardo de Vigo. Nun primeiro momento a policía sospeitou do irmán de Eladio, Ramón, que traballaba como telefonista na estación, e do porteiro Servando Gallego, procedendo á detención de ambos. Finalmente foran liberados sen cargos de ningún tipo.

    A investigación ditaminou que Eladio comprara cloroformo na farmacia Moderna dous días antes e que o utilizara na primeira cabina de teléfono, onde retirara o peche interior para non poder abrir desde dentro, coa idea de que Braulio quedara inconsciente e facilitar o seu asasinato. Así, pechouno nesa primeira cabina con chave pero non conseguiu o seu propósito e tivo que pasar ao plan do golpe co pico. Esta primeira cabina tiña 3 cm de serrín preparados para absorver o sangue no caso de ser asasinado co pico nese lugar.

    Ordenanzas que traballaron na construción do buraco. Fotografía de Mundo Gráfico do 5 de Xullo de 1916

    Casualmente este intento de crime coincidiu no tempo coa desaparición doutra persoa popular en Ourense, un coleccionista de libros chamado Rocafell, que apareceu datas máis tarde na contorna de Ourense vítima dun suicidio. Mentres o xuíz encargado mandou facer unha investigación no soto da estación telefónica por se se encontraba alí o corpo deste señor.

    O titular do servizo da Compañía Peninsular de Teléfonos en Monforte de Lemos, Aurelio Rey, desprazouse a Ourense para atender o servizo, xunto con o seu compañeiro Jose Méndez. Posteriormente sería nomeado Vicente Oloritz, da central telefónica de Donostia, que tería algúns contactos de ourensáns na súa residencia previa en Madrid, e sería o encargado de dar continuidade ao servizo.

    A singularidade do crime motivou que a compañía se vira na obriga de publicar na prensa da época unha nota para eximirse de responsabilidades:




    Para saber máis:
    - El Regional: Diario de Lugo: 30 de xuño e 4 de xullo de 1916
    - El Norte de Galicia: 30 de xuño, 1 e 4 de xullo de 1916
    - El Progreso: 30 de xuño e 4 de xullo de 1916
    - El Diario de Pontevedra: 30 de xuño de 1916
    - Gaceta de Galicia: 1 e 3 de xullo de 1916
    - La Región: 1 e 18 de xullo de 1916
    - Mundo Gráfico: 5 de xullo de 1916
    - Vida Gallega: 1 de agosto de 1916
    - El Noroeste: 1 de agosto de 1916
    - Faro de Vigo: 29 e 30 de xuño de 1916; 4 de xullo de 1916
    - La Voz de Galicia. 29 de xuño de 1916 


     




    domingo, 17 de xullo de 2022

    Primeiro anuncio cun teléfono na prensa

    A rede telefónica urbana de A Coruña tivo bastante éxito desde o seus inicios, sendo a primeira de Galicia, tras a súa inauguración en Outubro de 1888 por D. Mariano Martín Villoslada. Empresas que xa estaban a utilizar o correo postal ou mesmo a rede pública de telegrafía para os seus negocios fora da cidade, observaron as vantaxes de conseguir unha comunicación directa cos seus veciños máis próximos. 

    La Competidora, fábrica de pastas, foi a primeira en poñer un anuncio na prensa local (no de 9 de xullo de  1889) indicando a o seu número de teléfono. Probablemente xa tiveran os posibles interesados un listado dos abonados (o primeiro conservado de A Coruña é de 1890) polo que este anuncio era unha maneira de reforzar a imaxe da compañía. 

    Cumpre salientar a que a pesares de ter un número de teléfono, era utilizado meramente para simplificar as tarefas do operador da central telefónica, xa que a conmutación sería manual ata os anos 1920. 

     

    Diario de avisos de La Coruña Ano XVIII Número 9482, 9 de Xullo de 1889

    A fabrica estaba situada no número 30 da Estrada de Santa Margarita, hoxe Avenida de Finisterre, sendo o seu propietario Manuel Sanjurjo Suárez. Estaba situada diante da praza de touros construida en 1885. O axente comercial de aduanas era Santiago Uceda (co número de teléfono 20 no directorio de 1890), que se traslada da rúa Barreira á Rúa Real e utilizaron a prensa para comunicar o troco de enderezo e volver a mencionar a disponibilidade para recoller pedidos telefónicos.

    Diario de avisos de La Coruña Ano XVIII Número 9597 - 1 de Novembro de1889 


    A fábrica fora inaugurada en 1883 na Fonte de Santo Andrés, trasladándose con posterioridade á ubicación do anuncio, na Estrada de Santa Margarita, tamén a outro lugar con acceso a fontes de auga, necesario para o proceso de fabricación das pastas. 

    Na prensa da época defínese a esta nova empresa como moi avanzada, dotada de máquinas e cilindros e cun obrador con persoas moi competentes, agardando que o investimento na fábrica dera resultados económicos.



     El Anunciador  diario de La Coruña y de Galicia Num. 6739 - 8 de decembro de 1883

    martes, 12 de xullo de 2022

    Autocares La Regional: primeira telefonía móbil

    Manuel Sanjurjo Otero era o segundo fillo de Antonio Sanjurjo Badía, un famoso industrial e inventor vigués cunha fundición e estaleiros de seu. Manuel, enxeñeiro industrial de formación, axudou nos negocios familiares pero deu o salto a negocios fora da cidade de Vigo. Nunha primeira fase como impulsor do proxecto, e posterior concesionario, da rede de telefonía urbana de Vilagarcía, construído en 1908 e inaugurada a primeiros de 1909. 

    Gaceta de Madrid.-Núm. 74 de 14 de marzo de 1908 


    Antonio comezara a comprar autocares de vapor en 1903 a compañías de Ferrol, Verín ou Santiago para posteriormente adaptalos, na súa nave en Vigo da Industriosa,  para que funcionaran con bencina, un tipo de hidrocarburo. En 1906 consigue a aprobación para comezar o servizo entre Coruña e Santiago, aínda con autocares de vapor, nomeando ao seu fillo Manuel o responsable da liña.  Sería a primeira empresa en Galicia en prestar este servizo motorizado, deixando atrás as pesadas dilixencias. A empresa tiña garaxes en Coruña, Ordes e Santiago, con persoal propio. O servizo entre as dúas cidades levaba unhas tres horas, tendo que facer varias paradas para a repoñer auga. 



    A prensa da época recolle en varias ocasións como o carácter innovador da familia levounos a mellorar os vehículos, novos moles, freos adaptados a realidade da orografía e estradas da época, etc. Tamén recolle unha ruta realizada por Manuel en 1912 por Madrid, Barcelona, Lyon e varios puntos de Alemaña para adquirir novos vehículos. 

    Este carácter innovador xunto ao coñecemento dos sistemas telefónicos e a dispoñibilidade dunha rede construída a finais de 1914 pola Compañía Peninsular de Teléfonos, que ía paralela á estrada de Santiago a Coruña levouno a propoñer levar dispositivos telefónicos nos vehículos que puideran ser conectados aos fíos telefónicos nos postes para notificar calquera incidencia nos coches, que permitirá solicitar asistencia técnica. Esta innovación estrouse o 2 de Febreiro de 1916.

    Mondariz  suplemento a La Temporada Ano II Número 8 - 1916 xaneiro 20

    Antes, en 1913, Manuel, en compañía do seu familiar Manuel Otero Bárcena (político e futuro primeiro presidente do Celta de Vigo e director do Faro de Vigo), comprará a a John Trulock a liña telefónica da vía de tren de Carril (nas proximidades de Vilagarcía de Arousa) a Cornes (próximo a Santiago de Compostela). Esta era a primeira liña de tren en Galicia e onde ocorreron das primeiras experiencias de telefonía 35 anos antes. A compañía de tren mantería unha liña para a xestión do seu servizo deixando outro fío, que explotaría Manuel Sanjurjo, para que os empresarios de Santiago puideran chamar a Carril para informarse sobre portes na rede do tren. Cumpre salientar que Carril dependía da rede urbana do propio Manuel.

    Ese concepto que exportara Manuel Sanjurjo de 'telefonía móbil' xa existía nos servizos ferroviarios xa que tiña teléfonos nas estacións, para a xestión do propio servizo, como teléfonos 'móbiles' que podían conectar en diferentes puntos da rede. Algunhas mencións sobre o servizo de autocares falan de dispoñibilidade de postes con acceso aos fíos cada dez quilómetros no tramo Santiago de Compostela - A Coruña.



    Anuncio explicando o servizo de telefonía. Suevia revista semanal de literatura arte y ciencias Año II Número 8 - 1 de xaneiro de 1918

    Manuel, ademais de súas facetas empresariais, foi concelleiro do concello de Santiago de Compostela durante varios anos, así como membro da xunta arcebispal. No ano 1919 viuse obrigado a vender a súa frota e a concesión a o futuro empresario senlleiro galego Evaristo Castromil, xa que Manuel Sanjurjo tivo que volver a atender os negocios familiares froito da avanzada idade do seu pai. 

    Para saber máis:
    - Diario de Galicia. Ano VII Número 1533.  8 de xaneiro de 1914
    - Gaceta de Galicia Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela Num. 1 (01/02/1916)
    Empresarios de Galicia. Vol. 2. Xoan Carmona Badía.  Fundación Caixagalicia. 

    Tarefas pendentes:
    - Arquivo do museo do ferrocarril. Fundación Cela. Iria-Flavia (Padrón). Posibles testemuñas da rede telefónica.



    O telegrafista espía da Coruña na I Guerra Mundial.

    No 26 de novembro 1918, apenas quince días despois do fin da guerra, recíbese a queixa do embaixador de Estados Unidos sobre un empleado do ...