A Gaceta publica en marzo de 1908 a subasta da rede de telefonía urbana de Vilagarcía, conforme ao proxecto que preparara Manuel Sanjurjo Otero, fillo do célebre inventor Sanjurjo Badía. Non foi a primeira experiencia en Vilagarcía co teléfono para servizo urbano. Anos antes, en marzo de 1896 aparece na prensa o interese do Concello en instalar un par de teléfonos para conectar coa estación telegráfica, entendendo que para o uso oficial por parte do Concello.
Vilagarcía. Sede da central telefónica e poste na Av. Duque de Rivas. Postal Thomas. ~1910
O periodo de concesión máximo sería de 20 anos (aínda que valoraban as propostas de reducción dese periodo). O adxudicatario debía iniciar as obras en menos de 60 días desde a firma do contrato e ter finalizada a rede en menos de catro meses. No caso de gañar outro proposta que non fose a de Manuel Sanjurjo, este debía ser indemnizado con 1.300 pesetas, en concepto de contraprestación pola elaboración do proxecto.
Gaceta de Madrid. Núm 74. 14 de marzo de 1908
O estado, igual que ocurría noutras concesións urbanas, reservábase o 10% dos ingresos pola prestación do servizo. A prensa recolle as visitas de Manuel a Vilagarcia durante o periodo de licitación, así como a adxudicación definitiva no 11 de maio de 1908.
En agosto de 1908, segundo recolle a prensa, solicita autorización para colocar os postes e cables nas estradas do Estado. A fianis de mes comentan que empezarán as obras e que deberían estar instaladas e operativas en novembro, entendendo que para satisfacer as condicións marcadas na concesión.
A sede queda no bloque do cruzamento das actuais rúas Alcalde Rey Daviña (rúa Calderón antigamente) e Avenida Juan Carlos I (antiga Duque de Rivas).
A instalación sufre algún aprazamento. O 17 de xaneiro de 1909, aproveitando que xa está en marcha a implantación na rúa Duque de Rivas (a da esquerda nas fotografías) publícanse as condicións do servizo no diario Galicia Nueva de Vilagarcía:
- 25 pesetas trimestrais con pago anticipado no caso de particulares (28 pesetas os comerciantes, 35 pesetas por uso colectivo e 50 pesetas no caso de hoteis, cafés ou estacións)
- Tarifas extra para aqueles que se atopen a máis de 3 km da central
- Compromiso de permanencia de un ano
- Disponibilidade dun aparato telefónico cedido pola compañía
- Reservase o Estado a facultade de interromper o servizo
Outras publicacións de interese:
Os primeiros anos da rede
En 1911 exténdese a rede ata Rubiáns, falando tamén da posibilidade de levar o servizo ata Vilanova e Cambados, que polo menos ata o ano 1916 (cando se publica o directorio de abonados) non se producira. En 1911 tamén a prensa recolle a nova da instalación dun teléfono no casino de Vilagarcía. En 1913 sería o turno da estación de tren, aínda que so duraría uns meses, xa que a posteriori aparecen as queixas dos comerciantes de Vilagarcía pola súa supresión. Sería restablecido en xaneiro de 1914. Tamén neste ano o concesionario asumiría o servizo ao concello de Vilaxoán, que fusionouse co de Vilagarcía.
Non habería máis novas relevantes ate abril de 1918 cando aparece un novo nome, D. Ricardo Couto Castro, como representante da rede telefónica urbana, que solicita autorización para cruzar con varios fíos a vía férrea.
De novo pasaría ata 1922 cando o concello reclama o troco de lugar a uns postes de teléfonos, así como deficiencias na prestación do servizo. As deficiencias poderían ser a causa deste curioso anuncio de baixa
Galicia nueva periódico regional, primer diario de Villagarcía Ano XVI Número 5687 - 4 de xullo de 1922
Non sería a única consecuencia, a Cámara de Comercio e Asociación Comercial do porto reclamarían a baixa calidade do servizo e, de non adoptar medidas, invitarían a darse de baixa aos abonados. Estes problemas se incrementarían coa caída de postes por un temporal en febreiro de 1923.
As novas da nova era para a telefonía urbana chegarían en maio de 1923 cando chega a carta da International Telephone Telegraphique ao concello, ao igual que o resto de institucións de Galicia, dando conta dos plans de construir unha rede telefónica en todo o Estado, no que solicitan o apoio moral do Concello, que lle ofrece a súa colaboración.
A guía de 1916
En 1916 sae publicada a lista telefónica da Compañia Peninsular, incluindo o directorio de Vilagarcía. Ten 86 abonados nesta data, con varios de Vilaxoán e Carril (que deixaran de ser concellos independientes en anos previos), así como de Rubiáns.
Para saber mais:
- La Correspondencia Gallega. Núm 5450 de 10 de abril de 1908; Num. 5474 de 11 de maio de 1908: Núm 5564 de 2 de setembro de 1908; Núm 5685 de 27 de xaneiro de 1909; Ano XXV Número 7150 - 12 decembro 1913
- Galicia Nueva. Núm 429 de 16 de agosto de 1908; Núm 440 de 29 de agosto de 1908; Núm 555 de 17 de xaneiro de 1909; Año V Número 1298 - 4 de agosto de 1911; Ano XII Número 4542 - 19 de abril 1918; Ano XVI Número 5689 - 6 de xullo de 1922; Ano XVI Número 5682 - 28 de xuño de 1922; Ano XVI Número 5802 - 7 de novembro de 1922; Ano XVI Número 5816 - 22 de novembro de 1922; Ano XVII Número 5869 - 25 de xaneiro de 1923; Ano XVII Número 5882 - 9 de febreiro de 1923; Ano XVII Número 5998 - 26 de maio de 1923
- El Eco de Santiago. Núm 3713 de 12 de marzo de 1908; Núm. 3759 de 13 de maio de 1908; Núm 3836 de 17 de agosto de 1908; Num 3849 de 1 de setembro de 1908; Anno XVI Número 8960 - 15 de maio de 1911; Ano XVIII Número 6383 - 12 setembro 1913; Ano XVIII Número 6460 - 13 de decembro de 1913; Anno XXIII Número 9973 - 20 de abril de 1918
- El Correo de Galicia. 23 de xaneiro de 1909; Num. s.n. (15/05/1911); Num. 5215 (20/04/1918)
- Faro de Vigo. 7 de xaneiro de 1914.
- Diario de Galicia. 23 de xaneiro de 1909
- Gaceta de Galicia Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela Num. 310 (30/12/1911)
- El Diario de Pontevedra periódico liberal Ano XXXV Número 10210 - 18 de abril de 1918
- El Progreso semanario independiente Ano XII Número 2629 - 19 de abril de 1918
- Galicia diario de Vigo Número 160 - 27 xaneiro 1923
- La idea moderna diario democrático en Lugo Num. 6945 (08/01/1914)