mércores, 12 de abril de 2023

O choque dun globo aerostático co cable telefónico (1895)

 22 de xullo de 1895, na praza de touros de A Coruña.

Actúa a compañía de circo de Deu Totti, que percorría España durante esa década con espectáculos de acróbatas e similares, sempre en prazas de touros, que semella un bo lugar para controlar os accesos e asegurar que todos o público paga polo espectátulo. 

Neses anos sería o principal reclamo o globo "Ville de Lyon", que se deixaba para o final e permitía garantir que as persoas abandonaban a praza, xa que intentaban seguir a ruta do globo por cada cidade. 200 espectadores suxeitaban con cordas o globo antes de ascender, mentres un forno quentaba o ar do globo no centro da pista. 

Os capitáns Faure e Guillaume non usaba cesta ou barquiña, como bo acróbata subía directamente sobre un trapecio suspendido boca abaixo pola parte traseira dos xeonllos. Isto xeraba algúns incidentes, xa que en ocasións tiña que tirarse cun paracaídas, outras acababa no mar, etc. A compañía recompensaba á embarcación que salvara o piloto e o globo.  Este globo. medía 24 de alto e 52 metros de circunferencia.


Cartel do espectáculo nunha actuación en Cádiz. Sen datar.


Que pasaría na Coruña nesa data?

Guillaume e Faure subirían no globo cheo de fume e ar quente, pero non subirían sós. Pancho, un dos espectadores, non soltaría a corda e subiría con eles. O peso impedía coller altura, polo que baixaría no Campo de Carballo (actualmente na zona da Praza de Galicia) nas proximidades da praza de touros (actualmente na zona da Praza de San Pablo). 

Faure e Pancho baixarían por unha corda antes de tocar o chan, pero liberar ese peso fixo que o globo se elevara rapidamente e o trapecio batera no cable telefónico das inmediacións. Quedou un pouco enredado pero conseguiu liberarse para caer finalmente na baía, detrás do castelo de san Antón, onde Guillaume e o globo foron  recollidos.


Plano da zona de 1910, cando xa se trazaba o ensanche coruñes. Fonte. I.G.N.


Para saber máis: 

  •  La Voz de Galicia. 23 de xullo de 1895

xoves, 6 de abril de 2023

Os primeiros anos do teléfono en Ferrol (1909 - 1923)

Tras a implantación do teléfono en Ferrol, recollido nesta publicación:

https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/08/ferrol-construcion-da-rede-urbana-1897.html

sucedéronse unha serie de proxectos e sucesos adicionais na rede que exploramos nesta nova.


A extensión da rede a Xubia (1909)

Xubia é parte do concello de Narón, ao final da ría.  O concesionario da rede, D. Manuel Fernández, decide estender a rede urbana ata Xubia, xa que era unha zona de estadías de verán para algúns dos abonados do servizo, como ocorrera coa subestación do Burgo na rede urbana de Coruña uns anos antes. 

En xuño de 1909 aparecen mencións na prensa sobre a instalación de postes ata alí, para o tendido da liña, que van pola estrada nacional. Os novos abonados, nun primeiro momento, falarán coa central telefónica auxiliar que se instala na portería da fábrica tecidos de Barcón e compañía (hoxe sede de Galicia Textil, ao carón mesmo da ponte do Xubia), que non contará con locutorio (só se utilizaba para o servizo dos abonados ao servizo). Queda inaugurado o servizo o 25 de xullo de 1909. Cumpre salientas que non aparecen referencias adicionais na prensa e non constan abonados ao servizo na guía telefónica de 1916.

Outra extensión sería levar o teléfono á parroquia da Graña en agosto de 1910, onde si contaría con varios abonados.


A cesión ao Hospital da Caridade

Manuel Fernandez decide conceder unha liña gratuíta ao Hospital da Caridade de Ferrol en xuño de 1909. Cede os aparellos necesarios e instala gratuitamente o servizo, comprometéndose a que teñan servizo como un abonado máis sen ter custe. O concello, nunha sesión da xunta de goberno do 6 de xuño de 1909 acorda mostrarlle o agradecemento e darlle publicidade. 


A caída dun poste da praza de Armas (1915)

En 1910 e 1912 o concesionario D. Manuel Fernández consegue a aprobación do concello para situar postes na praza de Armas.  O 19 de febreiro de 1915 estiveron a piques de causar unha desastre por mor da caída dun dos apoios a carón do lugar que ocupaba un afiador. Esta situación obriga ao Concello a solicitar a revisión da rede. 

Rúa Real. Palomillas con cables nas fachadas. Sen datar



Os incendios de 1916 e 1918

O 20 de novembro de 1916 entre as doce e media e a unha da noite xurdiu un incendio na central da rúa Real 75, ardendo a torre de madeira, polo que se estimaba que tardaría en recuperarse o servizo un par de meses. Nese momento había dúas telefonistas que non notaron nada atípico ao igual que o concesionario Manuel Fernandez, que media hora antes estivo na propia torre.  Unha tormenta ocasionara unha descarga sobre os fíos que se estendeu ata a torre. Esta ardeu por completo e parte do tellado. Ao caer os arames telefónico chocaron cos eléctricos, provocando chispas. O seguro da Union & El Fenix, a través do taxador D. José Guzmán Castro, estima os danos en 1347,77 pesetas.

O incendio máis relevante foi o do 10 de xaneiro de 1918. Ás sete e media da noite declarouse un incendio no baixo do número 77 da rúa Real, onde existía unha camisería chamada La Variedad. No primeiro piso vivía César Vázquez, mentres que no segundo e terceiro o xeral  Julio Moló, que se atopaba fora coa súa familia. Non está claro se o motivo do fogo foi a cociña do baixo ou o contacto duns cables telefónicos.

Isto afectaría ao número 75, onde había un comercio de paquetería, no primeiro un empregado na construtora de Juan Senra e, no segundo andar, a casa de Manuel Fernández, concesionario da rede telefónica situada no terceiro piso. A chegada tardía dos bombeiros, que ademais tiñan pouca auga, fixo que os danos foran relevantes, incluída a central telefónica. Apagar o fogo deixo feridos varios, incluíndo varios militares da mariña do acorazado Alfonso XIII, que se achegaron para axudar cuns bombíns

A situación económica das telefonistas levanta o interese "dun subscritor" de El Correo Gallego que roga axuda para as telefonistas, que son orfas e perderon o seu salario, enxoval e artigos de alimentación no incendio, polo que pide a axuda económica dos abonados. El Correo Gallego axuda a organizar a captación de fondos, que inclúe tamén ao comerciante D. César Vázquez, que perdeu a casa no incendio. O depósito pódese facer na Cámara de Comercio, no Círculo Mercantil o nas casas dos presidentes de ambos organismos (D. Andres López Suevos e D. Antonio Usero Torrente, respectivamente).

O servizo tardaría novamente en recuperarse xa que aparecen queixas de abonados o primeiro de maio, que non recuperaran aínda o servizo.

En maio de 1918 O concesionario decide situar a nova central telefónica na rúa Dolores 40, nas proximidades da central interurbana. Pedro de la Calleja González solicita poñer sendas torres de apoio para o servizo urbano na rúa Fernando Villaamil 15 i en Dolores 45.


O respecto ás telefonistas

A modo de anécdota, o concesionario do servizo telefónico reclama en marzo de 1921 a sociedade unha mellor trato ás telefonistas que atenden o servizo xa que reciben improperios por parte de algúns clientes

El Correo gallego diario político de la mañana Ano XLIV Número 15449 - 2 de marzo de 1921
 

O posible locutorio dos Bonilla

Gonzalo Bonilla Aparicio era un famoso industrial ferrolán dono de quioscos temporais e bares, sendo coñecido polos churros. O seu fillo foi o que creou Bonilla a la Vista, que fabricaría tamén as famosas patacas fritidas. Gonzalo solicitou permiso para instalar un teléfono público, na esquina das rúas Terra e Real, na praza de Armas, que non tivo permiso. Curiosamente o seu fillo conseguiría en 1932 autorización para colocar un quiosco semellante nese lugar que levaría o nome de "Bonilla a la Vista" e sería a orixe das famosas patacas. 

Libro de plenos do Concello de Ferrol de 23 de novembro de 1923.


Ferrol na guía telefónica de 1916

Estas son unhas capturas da guía telefónica da Compañía Peninsular publicadas en 1916.




Para saber máis: 

  • El Correo gallego  diario político de la mañana Ano XXXII Número 10400- 11 de maio de 1909; Ano XXXII Número 10428 - 12 de xuño de 1909;  Ano XXXII Número 10432 - 17 de xuño de 1909; Ano XXXII Número 10455 - 14 de xullo de 1909; Ano XXXII Número 10456 - 15 de xullo de 1909; Ano XXXII Número 10464 - 25 de xullo de 1909; Ano XXXII Número 10566 - 20 de novembro de 1909; Ano XXXIII Número 10807 - 29 de agosto de 1910; Ano XXXV Número 11314 - 20 de abril de 1912; Ano XXXVIII Número 12260 - 20 de febreiro de 1915; Ano XXXVIII Número 12267 - 28 de febreiro de 1915; Ano XXXIX Número 12635 - 16 de marzo de 1916; Ano XXXIX Número 12843 - 21 de novembro de 1916; Ano XXXIX Número 12864 - 15 de decembro de 1916; Ano XLI Número 14474 - 11 de  xaneiro de 1918; Ano XLI Número 14477 - 15 de  xaneiro de 1918;  Ano XLI Número 14479 - 17 de  xaneiro de 1918; Ano XLI Número 14441 - 13 de  febreiro de 1918; Ano XLI Número 14455 - 1 de  maio de 1918; Ano XLI Número 14610 - 11 de maio de 1918; Ano XLI Número 14623 - 16 de maio de 1918; Ano XLI Número 14624 - 17 de maio de 1918; Ano XLI Número 14625 - 18 de maio de 1918; Ano XLI Número 14679 - 20 de xullo de 1918; Ano XLIV Número 15449 - 2 de marzo de 1921; Ano XLVI Número 16298 - 23 de novembro de 1923
  • Gaceta de Galicia  Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela Num. 133 (21/06/1909)
  • El Ideal gallego  diario católico, regionalista e independiente Num. 125 (04/08/1917); Num. 276 (11/01/1918)
  • El Eco de Santiago  diario independiente Ano XIV Número 8583 - 16 de xuño de 1909; Ano XXI Número 9057 - 22 de novembro de 1916
  • El Noroeste Año XXIII Número 10272 - 14 de xaneiro de 1918
  • Libro de plenos do concello de Ferrol de 23 de novembro de 1923.



sábado, 1 de abril de 2023

As primeiras perruquerías con teléfono


Existen tres casos identificados na década de 1910 que deben tratarse das primeiras perruquerías en Galicia que contaban con teléfono para xestionar as reservas. A primeira en Vigo, que adoptaría o teléfono entre 1913 e 1916, e dous en Lugo, coincidindo coa chegada do teléfono a Lugo en 1917.

Na Guía teléfonica da Compañía Peninsular de 1916, que incluían os abonados da telefonía urbana das principais cidades (agás Lugo, que Aínsa non contaba co servizo). Incluía tamén o teléfono de comercios, no que só aparece unha perruquería, a de Rivas, en Vigo.



Cara 1912 móvese a Velázquez Moreno, onde contaría cun teléfono, (estaría a escasos metros da central) aínda que non se menciona o número nas escasas aparicións de publicidade na prensa


Noticiero de Vigo : diario independiente de la mañana: Ano XXVII 11228 - 18 de xuño de 1912

Fotografía de 1912 nunha entreplanta na Porta do Sol, antes de mudarse a Velázquez Moreno.



Cumpre salientar que tería certa sona, xa que tiña unha sucursal no balneario de Mondariz.


A Moderna e a Higiénica de Lugo (1917)

Ambas perruquerías aparecen como alta nas liñas urbanas no 30 de xullo de 1917. Eran prácticamente veciñas colindantes (número 8 e 14 da rúa da Raíña) e debían ser as grandes competidoras da época. 

El norte de Galicia : diario político y de información: Num. 4727 (30/07/1917)

En 1918 aparece na prensa unha mención á inauguración da perruquería Moderna na rúa da Raíña de Lugo, por parte de Jesús García, a pesares da mención anterior duns meses meses. O teléfono acababa de chegar á cidade e tivo unha grande adopción nos meses previos, alcanzando rápidamente un cento de subscritores. Segundo o anuncio na prensa, xa non era preciso mandar os serventes a solicitar cita na perruquería.


Anuncio en El norte de Galicia  diario político y de información Num. 4862 (04/01/1918)

Apenas hai mencións na prensa a esta perruquería con posterioridade a esta data, xa que non facia publicidade na prensa. Algo parecido ocorre coa Perruquería Higiénica, que aparecen novas na data da súa inauguración, a primeiros de 1917, pero apenas hai mencións posteriores á adopción do teléfono ata chegar a un par de referencias do anos 1926 e 1927, onde mantiña o número orixinal (120)

Anuncio previo da chegada do teléfono por parte da Perruquería Higiénica.  No "El norte de Galicia" Num. 4564 (11/01/1917)


Anuncio mencionando o número de teléfono.  La voz de la verdad : diario católico con censura eclesiástica: Año XVII Número 6075 -  2 de outubro de 1927

Anuncio no Libro de Oro de Lugo. P.P.K.O. 1927



Para saber máis:
  • El norte de Galicia : diario político y de información: Num. 4564 (11/01/1917);  Num. 4573 (22/01/1917); Num. 4727 (30/07/1917); Num. 4862 (04/01/1918)
  • La voz de la verdad : diario católico con censura eclesiástica: Ano VIII Número 2603 - 7 de xaneiro de 1918; Ano XVII Número 6075 -  2 de outubro de 1927
  • La idea moderna : diario democrático en Lugo : Num. 7870 (21/02/1917)
  • La Provincia : diario de información y de intereses generales: Ano IV Número 1016 - 17 de setembro de 1926

luns, 27 de marzo de 2023

A grande folga de 1919

A folga de 1919 de teléfonos afectou a todo España. Nesta publicación analizaremos a incidencia en Galicia. 

A primeira referencia na prensa foi o 1 de marzo de 1919, cando dase conta da greve dos repartidores de telefonemas da central interurbana na cidade da Coruña. Estes chegan a agredir a un compañeiro nos Cantóns que regresaba en bicicleta dunha entrega, que tería que ir ao hospital contusionado nunha man. A petición sería marcar turnos de traballo de oito horas, xa a que viñan traballando dende as oito da mañá ás doce e media da noite. O director da central reúnese co Gobernador Civil para darlle conta do sucedido.

Non habería máis novas ata o 17 de abril de 1919 onde a chegada de Juan de la Cierva y Peñafiel ao ministerio crea tensión en Correos e Telégrafos. Desde o 16 ás sete da tarde deixaron de funcionar o telégrafo e teléfono, incluindo a rede da Compañía Peninsular. Así o comentan no xornal El Progreso de Pontevedra, que non conseguen comunicar con Vigo e Coruña, mentras que os empregados comentaban que debía deberse a cruzamentos de fíos. O Diario de Galicia de Santiago tamén ten noticia dunha suposta avaría da liña con Betanzos. La Región de Ourense tamén comenta que os empregados dixeron que se debía a problemas técnicos e que os celadores saíran a revisar as liñas, pero o xornal xa adiantaba que non os creían. Tratábase dunha folga coordinada entre Correos e Telégrados e a Compañía Peninsular que afectaba a toda España.

A primeira mostra de crise na folga aparece publicada no Ideal Gallego, que refire que os empregados de A Coruña non están conformes coa folga da que acusan aos colegas de Madrid. O mesmo xornal critica este folga de costas aos intereses da cidadanía. A Cámara de Comercio de A Coruña publica un comunicado:

Comunicado da Cámara de Comercio de A Coruña publica no: El Ideal gallego  diario católico, regionalista e independiente Num. 680 (19/04/1919)

Veremos como de desenvolveu a folga nas principais cidades.

Pontevedra

O 19 de abril o deputado Bernarno López xunto á Camara de Comercio de Pontevedra organizan unha reunión con empresarios e comerciantes na que deciden trasladar ao Gobernador Civil Queipo de Llano a situación que lles provoca a folga do servizo telefónico. Califican a actitude dos folguistas de inxustificada, ilóxica e absurda. O gobernador tamén recibe á Asociación de Clases Pasivas no mesmo sentido. 

Empregados de Facenda de Pontevedra i ex-traballadores de telégrados de Vigo e Pontevedra ofrécense ao Gobernador Civil de Pontevedra para prestar o servizo.  Este solicitara individuos entre 16 e 40 anos que coñeceran os aparellos Hughes e Morse, seguindo o mandato do ministro de Gobernación que trasladou aos gobernadores civís.

O enxeñeiro xefe de obras públicas da provincia de Pontevedra, o Sr. Trapote, xunto ao enxeñeiro delegado de ministro de Fomento, o Sr. Francisco Godines (que viña de Madrid e estaría ata o 2 de maio de 1919), procederon á incautación da central telefónica da Compañía Peninsular, estando presente o xefe da mesma, o Sr. Casado. Sería o enxeñeiro Antonio Saenz Díez e o  meritorio Sr. Joaquín Temes, xunto co enxeñeiro de obras públicas. D. Joaquín González e o  axudante de obras públicas D. Guillermo Muñoz os que cubrirían o servizo. Outras fontes mencionan tamén ao enxeñeiro D. Antonio Vázquez e o maestro da prisión provincial D. Navarro Zamora.

A prensa indica que o xefe do servizo de Telégrafos de Pontevedra, D. Higinio Blanco, notifica no xulgado cales son os compañeiros que están ausentes no posto de traballo. Datas máis adiante o propio Higinio comunica á prensa que non fixera tal cousa, xa que simplemente informou ao Gobernador Civil que o servizo nos estaba operativo.

Varias estacións telegráficas da provincia non verían alterado o seu funcionamento. Sería o caso de Vilagarcía, Caldas, Cuntis, Cambados, Sanxenxo, Ponteareas, Mondariz, Arbo, Cañiza, Tui, Porriño, Salvaterra e As Neves. Ainda que algunha de certa relevancia sería incautada.

Cara o 8 de maio algúns oficiais reciben a notificación de que poden incorporarse ao posto de traballo. O 15 de xullo de 1919 sería reposto no se seu cargo o director D. Adolfo Casado

Vilagarcía de Arousa

O enxeñeiro delegado de ministro de Fomento, o Sr. Godines, xunto co enxeñeiro xefe o Sr Trapote, procederon á incautación da central telefónica.

Tamén visitou o enxeñeiro o Sr. Esparrago, que vendo as dificultades para restablecer o servizo, decidiu recorrer a liña co automóvil "Michel", un vehículo de aluguer da empresa dos omnibus a Cambados. Visto que non había problema na liña, intentouse restablecer o servizo sen éxito, así que decide prescindir de todo o persoal agás o ordeanza e xestionalo directaemnte el, o Sr. Espárrago, axudado polo sobreestante Sr Lledó e o equipo de exploradores ás ordes do instructor Sr. Urioste. 

No caso de telégrafos foi detido o oficial Jose María Escribano, por orde do Gobernador Civil, quedando en liberdade de xeito rápido.

Vigo

En Vigo sería o xuiz D. Paz Mateos o que iría á oficina de telégrafos, tomando declaración ao xefe da estación (o Señor Sevillano), seis oficiais e dous auxiliares femeninos. Cinco oficiais foron detenidos nun primeiro momento, e tres adicionáis a posteriori, e permanecerían no cárcere por 72 horas.  A Cámara de Comercio de Vigo reuniuse e prepararon un escrito para o xefe de telégrafos:

El Diario de Pontevedra  periódico liberal Ano XXXVI Número 10504 - 21 de abril de 1919

Na central de teléfonos interurbanos non realizaron detencións adicionais, pese a entrevistar ao xefe o Sr. Ardanaz. O servizo foi asumido por enxeñeiros civís. O axudante de camiños Sr. Segura, encargouse de recorrer a liña ata Ourense para verificar o funcionamento, que se atopaba interrumpido.

Traballadores da Compañía Peninsular que non secundaron a folga. Vida gallega  ilustración regional Ano XI Volume VII Número 131 - 20 de agosto de 1919


Tui

Según o xornal La Integridad de Tui, veciños recollen sinaturas contra a postura dos funcionarios de Telégrafos.  Chegan a 280 sinaturas dirixidas ao señor Maura: 

"Como españois e homes que sentimos pola nosa patria o máis vivo amor, protestamos vehementemente contra a actitude antipatriótica na que se colocaron os funcionarios de telégrafos nestes difíciles momentos para a nación" [...]

Extracto da notificación preparada por afectados de Tui.

O presidente do consello de ministros, D. Juan Álvarez Cordero, responde nestes termos:

Recollido en El Diario de Pontevedra  periódico liberal Ano XXXVI Número 10513 - 1 de maio de 1919 

O enxeñeiro de montes D. Rafael Areses incautouse da central e restableceu o servizo con Vigo instalando una oficina pública nunha casa da súa propiedade na Corredera. Xunto a gardas forestais mantén o servizo con normalidade. 

Ourense

Chegou o enxeñeiro civil o Sr. Lloréns, para facerse co servizo da central telefónica interurbana de Ourense. Na estación telefónica traballarían tamén o Sr. Oloriz e dous meritorios, xunto con voluntarios das xuventudes mauristas para o reparto de telefonemas. 

A prensa recolle comunicados dirixidos ao presidente Maura por parte da Cámara de Comercio, do Comité Maurista, do Liceo Recreo  e de funcionarios de Facenda.

Comunicación da Cámara de Comercio de Ourense. 23 de Abril de 1919. Fonte: La Región

O servizo telegráfico non funciona pero o telefónico sí, agás na liña con Vigo, que afecta tamén ás comunicacións con Pontevedra e Santiago, que tardaría días en recuperarse. Os telegrafistas (oito oficiais e dous auxiliares femeninos) reiteran ao gobernador que están dispostos a volver ao servizo tan pronto como este funcione. O gobernador civil, o Sr. Fleta, recibe 34 solicitudes para traballar en Telégrafos.

O encargado da estación telegráfico de Xinzo de Limia (o Sr. Rodolfo Vidal), e Allariz (D. Baldomeo Rodríguez Cobelas) declaran tamén públicamente a súa lealtade ao goberno.

O 15 de maio de 1919 volvería ao traballo os ornananzas e repartidores, pero aínda non o xefe e oficiais do servizo.

Lugo

A prensa de 22 de abril de 1919 recolle que un enxeñeiro industrial chega á cidade para encargase do servizo telefónico. O goberno civil recibiu visitas de persoas dispostas a atender o restablecemento do servizo pero non queda constancia na prensa sobre incorporacións o baixas. O persoal recupera a conectividade coas vilas máis próximas, xa que se detectara unha avaría en Rábade.

Unha caída do servizo de comunicación interurbana en xullo de 1919, entre Monforte e León, por causa dunha descarga eléctrica xeraría algo de confusión sobre unha hipotética nova folga.

Santiago

O alcalde reúnese co xefe da estación telegráfica e oficiais da mesma, que comentan que son contrarios á folga pero que a están facendo por compañeirismo.  Estes envían unha nota á prensa nese senso, asinada por Manuel J. Lema, Ramón Trincado, Román Montesinos, Luis Gallego e Antonio García.

No caso da estación telefónica interurbana o xefe, o Sr. Acero, entrega a central ao alcalde. Toma posesión o sobrestante de obras públicas o Sr. Gómez Cortés, aínda que non foi quen de recuperar o servizo de xeito inmediato polos danos causados polos folguistas. Ningún dos traballadores, agás os nenos repartidores de telefonemas, presentouse no servizo, polo que contan cun par de peóns camineiros e unha parella de gardas municipais de seguridade.

No 9 de maio toma posesión, tras a visita do inspector da Compañía Interurbana, o novo xefe da estación, D. Pedro López Elías, con carácter interino, xunto aos meritorios Joaquín MArtínez, Fernandez Tafall, Sergio López e Paulino Otero Pazos. O 5 de xullo de 1919 volven ao traballo o xefe e oficiais do servizo interurbano.

Ferrol

A estación de telefonía interurbana foi tamén incautada polo enxeñeiro civil D. Jose Togores Rodríguez, que viña en automóvil desde Madrid, encargado polo ministro de fomento de organizar o servizo de teléfonos en toda a provincia. Detecta pequenos desperfectos nos aparellos e nomea as seguintes persoas para xestionar o servizo:

  • Director: o enxeñeiro de camiños D. Jose de la Peña e Gavilán
  • Encargados do cadro: o enxeñeiro de camiños D. Alfonso Jaraiz; o interventtor do estado D. Rodolfo Obregón; os axudante de obras públicas D. Juan González Bernárdez, D Jose María Osset e D. Juan Galán e o xefe de estadísticas da estación ferroviaria D. Emilio Paramés
  • No servizo de admisión de telefonemas: os empregados do ferrocarril Ferrol-Betanzos: D. Celestino Sardiña e D. David Rivas
  • Ordenanzas: os empregados da estación ferroviaria: D. Eduardo Ruiz, Enrique Veiga, José Rodríguez e Jesús López, así como os empregados da xunta de obras do porto Antonio Montero.
O xuiz de instrucción do partido, o Sr. Modesto Poladura, en virtude do informe do señor Togorés, decide tomar declaración a o xefe (Sr Rafael Agulló) e cinco oficiais do servizo (D. Vicente Colmenar, Benito Rey, Salvador Parga, Manuel García e Justo Pérez) e mandalos ao cárcere sendo incomunicados durante 24 horas. Un informe que apunta a desperfectos e sabotaxes na rede é o detonante. 

A visita do inspector da Compañía Peninsular motiva nomeamentos na central telefónica, que a 13 de maio seguía mantendo a suspensión de emprego e soldo do xefe e oficiais que seguiron a folga. Chegarían Eduardo Tobío Mosquera e Francisco Montes da Pena como recaudadores, procedentes de Pontevedra e D. Julio Bragado Misol, como responsable, que viña de Madrid. O delegado da Compañía Peninsular, o Sr Guell, tamén visitaría Ferrol para confirmar as decisión do inspector. Julio Bragado duraría un par de semanas no cargo, sendo reemplazado por Guillermo de Cal.

Cabe pensar que en xullo, tras a amnistía decretada polo goberno, volverían os traballadores orixinais ao seu posto.

Betanzos

Se ben os traballadores non abandonaron o servizo, dase a nova da incautación da estación telefónica (urbana e interurbana, xestionada pola Compañía Peninsular) de Betanzos por parte de dous enxeñeiros civís e os sobreestantes Lago e Prego. Peóns camineiros pasan a ser responsables de repartir os telefonemas.

A Coruña

O enxeñeiro Sr. Togores tamén foi responsable da incautación da central telefónica interurbana de A Coruña, acompañado de persoal da xefatura de obras públicas, como o enxeñeiro da primeira división de ferrocarrís D. Miguel Soto, quedando restablecido o servizo o 22 de abril, á espera de recuperalo co Vigo, Pontevedra e Santiago. Axiña recuperouse a conectividade con Madrid, que quedou únicamente alterado por un corte na liña no Barco de Valdeorras. O xefe da central telefónica de Coruña pasou a ser o enxeñeiro de obras publicas Sr. Luciano Yordi Menchaca.

Luciano estaría acompañado por Manuel López Vázquez e Ricardo Castro nun primeiro turno. Antonio Fernández Zarza, Eduardo Vila, Jose López Álvarez, e Francisco Dono, no segundo turno e un último turno con Enrique Molezún, José Ulloa,  Manuel Dono e Constantino Paz Soto. 

Procédese a incautar tamén o centro telegráfico por parte do enxeñeiro de camiños D. Enrique Molezún,  o xefe do corpo de telégrafos, o Sr. Gallego, o inspector de vixiancia e o axente Sr. López. Estes invitaron aos oito funcionarios presentes a que abandoaran os seus postos. O servizo queda restablecido con toda provincia menos Ferrol, que tardaría un pouco máis debido a unha avaría. A prensa recolle como os telegrafistas, tras unha reunión no Centro Gallego, deciden suspender a folga o 28 de abril de 1919.

A primeiros  de maio chegaría o inspector da Compañía interurbana D. Pascual Fernández de Cuevas para entrevistarse cos xefes e oficiais das diferentes cidades galegas e tomar decisións sobre a súa reincorporación. No caso de Coruña deixa en suspensión de emprego e soldo a nove oficiais e cinco meritorios, que non se reincorporarían ata semanas máis tarde. A reincorporación do directo Juna J. Calmary Serra aparece en prensa o 13 de xuño de 1919.

Para saber máis:

  • El Progreso  diario liberal Año XII Número 3448 - 1 de marzo de 1919; Año XII Número 3488 - 20 de abril de 1919; Ano XII Número 3489 - 22 de abril de 1919;  Ano XII Número 3492 - 25 de abril de 1919;  Ano XII Número 3526 - 5 de xuño de 1919; Ano XII Número 3557 - 11 de xullo de 1919; 
  • La idea moderna diario democrático en Lugo  Num. 8472 (04/03/1919)
  • Galicia nueva  periódico regional, primer diario de Vilagarcía Ano XIII Número 4845 - 17 de baril 1919; Ano XIII Número 4847 - 20 de abril de 1919; Ano XIII Número 4849 - 23 de abril de 1919; Ano XIII Número 4850 - 24 de abril de 1919 ; Ano XIII Número 4851 - 25 de abril de 1919; Ano XIII Número 4852 - 26 de abril de 1919 ; Ano XIII Número 4857 - 3 de maio de 1919
  • La Región  diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos Ano X Número 2765 - 17 de abril de 1919; Ano X Número 2768 - 22 de abril de 1919; Ano X Número 2771 - 25 de abril de 1919; Ano X Número 2773 - 27 de abril de 1919; Ano X Número 2787 - 15 de maio de 1919
  • El Correo gallego  diario político de la mañana Ano XLII Número 14909 - 19 de abril de 1919; Ano XLII Número 14913 - 24 de abril de 1919; Ano XLII Número 14914 - 26 de abril de 1919; Ano XLII Número 14914 - 26 de abril de 1919;  Ano XLII Número 14925 - 13 de maio de 1919; Ano XLII Número 14939 - 29 de maio de 1919
  • El Ideal gallego  diario católico, regionalista e independiente Num. 680 (19/04/1919); Num. 687 (27/04/1919); Num. 700 (13/05/1919)
  • El Progreso  semanario independiente Ano XIII Número 2236 - 20 de abril de 1919; Ano XIII Número 2239 - 24 de abril de 1919
  • El norte de Galicia  diario político y de información Num. 5220 (22/04/1919)
  • La voz de la verdad  diario católico con censura eclesiástica Ano IX Número 2988 - 22 de abril de 1919; Ano IX Número 2990 - 24 de abril de 1919; Ano IX Número 2995 - 30 de abril de 1919
  • El Diario de Pontevedra  periódico liberal Ano XXXVI Número 10504 - 21 de abril de 1919; Ano XXXVI Número 10505 - 22 de abril de 1919; Ano XXXVI Número 10506 - 23 de abril de 1919; Ano XXXVI Número 10507 - 24 de abril de 1919; Ano XXXVI Número 10509 - 26 de abril de 1919; Ano XXXVI Número 10518 - 8 de maio de 1919; Ano XXXVI Número 10520 - 10 de maio de 1919; 
  • Vida gallega  ilustración regional Ano XI Volume VII Número 131 - 20 de agosto de 1919
  • El Correo de Galicia  Diario independiente de avisos y noticias Num. 5470 (22/04/1919); Num. 5471 (23/04/1919)
  • A Nosa Terra - 26 de abril de 1919
  • El Diario de Pontevedra  periódico liberal Ano XXXVI Número 10508 - 25 de abril de 1919; Ano XXXVI Número 10513 - 1 de maio de 1919
  • El noticiero gallego  Diario de Santiago Num. 127 (09/05/1919); Num. 176 (07/07/1919); Num. 199 (02/08/1919)
  • El Correo de Galicia Diario independiente de avisos y noticias Num. 5478 (02/05/1919); Num. 5485 (10/05/1919); Num. 5531 (09/07/1919)
  • El Orzán diario independiente Año II Número 394 - 22 de abril de 1919; Anno II Número 396 - 24 de abril de 1919; Anno II Número 400 - 29 de abril de 1919
  • El Ideal gallego diario católico, regionalista e independiente Num. 683 (23/04/1919);  Num. 684 (24/04/1919); Num. 685 (25/04/1919); Num. 686 (26/04/1919); Num. 691 (02/05/1919); Num. 697 (09/05/1919); Num. 702 (15/05/1919)
  • El regional  diario de Lugo Num. 12262 (09/05/1919)
  • La Voz de Galicia de 16 de abril de 1919; 20 de abril de 1919; 22 de abril de 1919; 24 de abril de 1919; 25 de abril de 1919; 26 de abril de 1919; 27 de abril de 1919; 29 de abril de 1919; 6 de maio de 1919; 10 de maio de 1919; 13 de xuño de 1919; 

xoves, 23 de marzo de 2023

A chegada do teléfono a Mondoñedo (1915 - 1920)

Tras a referencia a liña eléctrica particular supostamente construída en 1893 mencionada na publicación sobre esta tipoloxía de servizos:

https://telefoniagalicia.blogspot.com/2022/12/as-primeiras-linas-privadas-da.html

pero que non aparece no Anuario Telegráfico, hai unha segunda mención na prensa de marzo de 1898 á iniciativa do banqueiro D. Jose María González González que pretendía instalar tamén o servizo eléctrico nesa cidade usando un salto de auga da sua propiedade, que tamén usaría para montar uns muiños fariñeiros de gran potencia. No caso de terse instalado esta liña tampouco hai referencias nos anauarios oficiais.


En xuño de 1915 aparece unha mención na prensa ao interese en que a Compañia Peninsular inclúa a Mondoñedo na liña, finalmente non posta en marcha, que conectaría con Ribadeo. Consistiría nun ramal desde Pozo Mouro, ao final da ría de Foz, que tamén espertaba o interese do alcalde de Vilanova de Lourenzá, segundo unha referencia de xuño de 1916.

Aparcada a iniciativa da Mariña por parte da Compañía Peninsular, sería Avelino Montero Ríos Villegas o que apostaría por dotar a Mondoñedo dunha central telefónica por parte de Correos e Telégrafos, ao igual que Ribadeo, xa en marzo de 1917. Así,  o 3 de maio de 1917, o xefe de sección de liña da cidade de Lugo, D. Enrique Bolaño, publica o concurso para conseguir un local para o servizo de teléfonos. Reciben tres propostas:

  • A mesma casa onde estaba nese momento a oficina de Telégrafos
  • Unha casa na rúa do progreso, propiedade de Sr. Canoura
  • Outra, unha casa na praza da Constitución (hoxe praza da Catedral), que antigamente acollera a Correos e Telégrafos, e que segundo a prensa, é a que presenta mellores condicións.
Praza da Constitución (hoxe da Catedral). Ruth Matilda Anderson. 1925


En setembro de 1917 aparecen as primeiras mencións na prensa ao tendido da liña telefónica. Desafortunadamente, sería a liña que ía ata Ribadeo, pero que nese momento aínda non faría parada en Mondoñedo. A finais de decembro de 1918 a prensa pedía que se seguira adiante co proxecto, ademáis de promover tamén a implantación do servizo en Vilalba, Vilanova de Lourenzá, San Cosme de Barreiros e San Miguel de Reinante. O deputado Sr. Martínez de Velasco presionaría en cortes nese senso.

En febreiro de 1919 anunciase a chegada dos aparatos e materiais para a construción da central interurbana, así como o empalme coa liña que ía a Ribadeo. Tamén se inclúe o interese en crear un servizo urbano, que entraría en fase de estudo. O servizo interurbano quedaría aberto ao público o 4 de marzo de 1919. 

Volvemos ter novas do urbano en xuño de 1920, cando se nomea ao oficial segundo de telégrafos D. Vicente Giménez para o deseño e montaxe da rede urbana. Iría en paralelo ao proxecto de Viveiro, comunicando ambas vilas. En setembro de 1920 dase conta da chegada dos postes que habería que instalar, pasando por Valadouro, pero non habería noticias novas ata setembro de 1921 cando se da conta da construcción da rede cara Viveiro.

En agosto de 1922 recóllese a viaxe do xefe da estación telegráfica de Mondoñedo, Sr. Giménez, a Madrid, para explorar a posibilidade de instalar unha rede urbana. 

Para saber máis:

  • Faro de Vigo. 30 de marzo de 1917
  • El Alcance  diario católico, noticiero, independiente, telegráfico Num. 60 (16/03/1898)
  • La Voz de Galicia. 17 de xuño de 1915: 2 de xaneiro de 1919
  • El Correo gallego diario político de la mañana Ano XXXVIII Número 12357 - 16 de xuño de 1915; Ano XLIV Número 15634 - 2 de outubro de 1921
  • La Correspondencia Gallega  diario de Pontevedra  Ano XXVIII Número 8194 - 14 novembro 1916
  • La voz de la verdad  diario católico con censura eclesiástica Num. 1564 (13/06/1915); Ano IX Número 2944 - 27 de febreiro de 1918
  • Gaceta de Galicia Diario de Santiago. Decano de la prensa de Compostela Num. 72 (30/03/1917)
  • La idea moderna  diario democrático en Lugo  Num. 8047 (26/09/1917)
  • Mondoñedo  Periódico bisemanal independiente Num. 985 (03/07/1917)
  • Boletín Oficial de la Provincia de Lugo Número 125 - 1 de xuño de 1917
  • El norte de Galicia diario político y de información Num. 4680 (01/06/1917); Num. 5186 (12/03/1919); Num. 1905 (22/08/1922)
  • El Progreso  diario liberal Año XI Número 3392 - 24 de decembro de 1918; Ano XII Número 3424 - 1 de febreiro de 1919; Ano XII Número 3445 - 26 de febreriro de 1919; Ano XIII Número 3832 - 3 de xuño de 1920; Ano XIII Número 3844 - 18 de xuño de 1920; Ano XIII Número 3861 - 8 de xullo de 1920; Ano XIII Número 3920 - 15 de setembro de 1920
  • El Orzán  diario independiente Ano I Número 302 - 28 de decembro de 1918; Ano II Número 305 - 1 de xaneiro de 1919; Ano II Número 333 - 2 de febreiro de 1919
  • El Eco de Santiago  diario independiente Ano XXIII Número 10085 - 31 de decembro de 1918; Ano XXIV Número 10012 - 3 de febreiro de 1919; Ano XXIV Número 10018 - 10 de febreiro de 1919; Ano XXIV Número 10033 - 26 de febreiro de 1919
  • El regional  diario de Lugo Num. 12219 (08/03/1919); Num. 12996 (30/09/1921)
  • El Correo de Galicia  Diario independiente de avisos y noticias Num. 5445 (13/03/1919)
  • El norte de Galicia  diario político y de información Num. 5511 (08/07/1920); Num. 6143 (30/09/1921)

venres, 17 de marzo de 2023

A telefonía no primeiro nacionalismo galego (1918)

O 17 e 18 de novembro de 1918 tería lugar a primeira asemblea nacionalista, organizada na cidade de Lugo no teatro Lugo-Salón da Rúa Aguirre (hoxe desaparecido) por parte das Irmandades da Fala. Curiosamente se recolle erróneamente que fora celebrado no Hotel Méndez Núñez.  Nesta asemblea marcaríase o ideario galeguista coa aprobación do Manifesto Nazonalista, considerado hoxe a base da teoría nacionalista ata a Guerra Civil, que deixaba atrás os principios rexionalistas, que non recollía "todal-as aspiraciós" dos presentes.

Teatro Lugo-Salon na marxe esquerda. Ano descoñecido. Arquivo Fernandez Arribes.


Este manifesto, asinado por 67 persoas, incluindo figuras senlleiras como Afonso D. Rodríguez Castelao, Vicente Risco o Anxel Casal, presentaba aspectos modernos na época coma a igualdade de dereitos para as mulleres (' pol-o menos no caso de emigrazón do marido'), así como un réxime fiscal propio, control da educación ou acabar coas deputación provinciais.

No capítulo IV recolle as competencias do Poder Galego, incluido no seu punto sétimo:

Correos e telégrafos: O seu servicio ó carrego do poder Central: a súa creación será cousa do poder autónomo; o servicio dos Teléfonos encarga do Poder Galego. A censura n-estes son poderá ser exercida pol-o Poder Central mais que no caso de guerra.


O teléfono estaba de moda, xa que acababa de chegar a telefonía interurbana a Galicia, e tamén a telefonía urbana á cidade de Lugo.


Fotografía dos asistentes á Asemblea Nacionalista. Autor descoñecido.


 Para saber máis:

  • A nosa terra boletín quincenal  idearium das Irmandades da Fala Número 73 e 74 - 5 de decembro de 1918
  • O Tío Marcos d'a Portela  parrafeos c'o pobo gallego Época Terceira Parrafeo 44 -  7 de decembro de 1918
  • Vida gallega  ilustración regional Ano X Volume VI Número 118 - 10 de decembro de 1918
  • El Diario de Pontevedra  periódico liberal Ano XXXV Número 10381 - 22 de novembro de 1918

 

domingo, 12 de marzo de 2023

O conflito dos timbres no urbano de Ourense (1919)

Os médicos do 'Hospitalillo' de Ourense Francisco Jose Rionegro Díaz, Manuel Bouzo Fernández e Ubaldo Álvarez Ruiz remiten unha carta ao director do xornal La Región. o 30 de xuño de 1919. Nesta carta quéixanse de que dende que se aprobou a Lei do Timbre (publicada o 10 de marzo de 1919 na Gaceta de Madrid), o concesionario Sr. Corbal pon un recargo de 10 céntimos nos recibos telefónicos

Taxas ao comercio. Gaceta de Madrid de 10 de marzo de 1919 (número 69/1919)

Os abonados consideran inxusto este recargo ao considerar que debe ser asumido polo que expide o recibo, polo que só se mostran dispostos a satisfacer o importe do abono. O concesionario aducindo perdas no servizo nos se mostra disposto a reducir esa cantidade, polo que os recibos quedan sen pagar durante uns meses.

O concesionario ameaza con cortar o servizo por falta de pagamento ante o que os tres abonados díscolos pensan levar o provedor do servizo aos tribunais, a pesares da reducida cantidade en discusión. Estes, de profesión médicos, adscritos a servizos de beneficencia e socorro da Cruz Vermella, comentan que este curte do servizo sería daniño para recibir notificacións urxentes. 

Ante a ausencia en Ourense do Señor Corbal desde o 14 de xuño de 1919, xa que era residente en Pontevedra, os tres abonados van á casa e oficina do representante de Corbal en Ourense (que podería tratarse de Pedro García Orejas, mencionado na prensa de 1917), pero non conseguen pagar o recibo sen o recargo, polo que depositan a cantidade en sede xudicial. 

O 1 de xullo de 1919 cumpre a ameaza e corta o servizo aos abonados que nos pagaron o servizo en tempo. Un grupo de abonados visita a redacción de La Región e reúnense co Gobernador Civil, que promove o restablecemento do servizo, ata que o xulgado resolva a contenda.

O 5 de xullo de 1919 chega a resposta na prensa do Sr. Corbal, que argumenta a calidade do servizo e os esforzos por mantelo durante a guerra. Manuel Corbal entende que o regulamento telefónico de 30 de xuño de 1914, no seu artigo 86, indica "Os concesionarios de centros telefónicos e liñas interurbanas estarán exentos de todo gravame no consignado neste regulamento" polo que non ten que asumir ese gravame e asume que dálle potestade a trasladalo aos clientes. 

Tamén argumenta que o código civil indica (artigo 1168) que "os gastos extraxudiciais serán por conta do debedor" e que tamén eles teñen a potestade de "pagar sen pedir recibo". Considera que son só tres dos douscentos dez abonados e que loitan por unha cantidade nimia sen valorar que o concesionario non esixe o pago anticipado por trimestres ou un depósito polos aparatos como está facultado polo regulamento de 1914.

En setembro de 1920 chega a resolución xudicial polo xulgado de primeira instancia de Ourense, que non admite réplica tras pasar previamente polo xulgado municipal, dando a razón aos señores D. Francisco José Rionegro, D. Ubaldo Ruiz e D. Manuel Bouzo contra o concesionario da rede urbana. 


Para saber máis:
  • La Región  diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos Ano VIII Número 2200 - 23 de maio de 1917; Ano X Número 2825 - 1 de xullo de 1919; Ano X Número 2826 - 2 de xullo de 1919; Ano X Número 2828 - 4 de xullo de 1919; Ano X Número 2829 - 5 de xullo de 1919
  • La Integridad diario católico Num. 9119 (06/09/1920)


O telegrafista espía da Coruña na I Guerra Mundial.

No 26 de novembro 1918, apenas quince días despois do fin da guerra, recíbese a queixa do embaixador de Estados Unidos sobre un empleado do ...